Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Outro non ao maldito decreto
O Consello Escolar de Galicia vén de dicir NON ao maldito decreto acerca da lingua que fixeron o conselleiriño de educación e os seus amigos.

A que espera este señor para dimitir logo de tanto rexeitamento social?
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 07-04-2010 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
De 55 mentiras sobre a lingua galega
Asistín onte en Poio á presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega a cargo do coordinador do traballo, Xosé-Henrique Costas, e de Ana Mª Outón Barral, unha das colaboradoras en tan interesante proxecto impulsado polo colectivo Prolingua.

Se aínda non tedes lido o libro recoméndovolo dende aquí, do mesmo xeito que vos convido a asinar o manifesto do colectivo.

O libro é un manual que desmonta unha por unha as 55 mentiras máis frecuentes que se din acerca desta amada lingua de nós, 55 mentiras que poderían ser 55.000...

Mentiras sobre a historia das linguas, sobre sociedade e identidade, sobre ensino e dereitos, sobre os medios de comunicación, sobre a utilidade do galego...

Un manual moi ben estruturado e moi necesario nestes tempos escuros que nos toca vivir.

Os meus parabéns a todos cantos colaboraron na súa edición!
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 18-03-2010 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Modelo Burela de Planificación Lingüística
Apoiandose no Proxecto de Innovación Educativa do IES Perdouro, un equipo de seis persoas elaborou o Modelo Burela de Planificación Lingüística, aprobado por unanimidade polo Concello de Burela (PSOE/BNG/PP) o día 26 de Abril de 2008.

Burela é a única localidade do país que conta cun modelo de convivencia lingüística destas características.

Veña un grolo polos burelenses!

A seguir tedes un extracto da película Modelo Burela onde se pode comprobar o bo estado da lingua de nós nese concello.

Se queredes ver a película completa podedes facelo aquí.

Comentarios (6) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 08-02-2010 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
De Galicia trilingüe
Recoméndovos a lectura dun artigo de J. L. Martín-Palacín acerca do Decretazo publicado o pasado día 22 de xaneiro no Xornal de Galicia.

Podédelo ler aquí.

Claro, conciso e moi atinado.
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 29-01-2010 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
Festival pola lingua en Pontevedra
Mañá martes 26 ás 20:30 no Teatro Principal de Pontevedra a plataforma Queremos Galego organiza un Festival pola Lingua.

O programa reúne entre outros a:

Adrián Silva, Jorge Alberte, Carlos Fontes, Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, Aíd, Quico Dasilva, TNT, Quempallou ou Marcelo.
Comentarios (2) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 25-01-2010 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
The amablingua
Acabo de recibir este escrito que vexo interesante compartir para que todos coñezades o novo castrapo impulsado polas autoridades galegas:

Xa viña sendo time de que el new president descubrise the magic solution to the cosa de la lengua no Galician Country.

The solution é o chamado ?castrapo enriquecido?, al que también chaman ?eurocastrapo?, ?triglosia feijooooana?, amablingua , ?galcasinglish? ou, na Galicia Sur, simplemente ?feixoada?.

Basically consiste en ser amables. You are moi amable, in such a way que no ofendas a nobody arround. Because the cosa es no imponer, e se ti escolles one language ?only one, ollo!- ti andas imponiéndote que nin a milk! So, first asunto: amabilidade, gentleness e, especially, never, never, never, mesmo nunca, fales only in the regional idioma.

The second cosa vén sendo a closing down das galescolas, que finally serán substituídas by ?trilingüelas? (not ?bi?, but ?tri?), to properly enseñar the new lengua.

This is, efectivamente, the solution to the cuadratura of the circle: combinar a ?soberanía lingüística? dos pais, with the deber of promoting e facer normal o galego, sin ofender a la lengua de Rosa Díaz, and also co obxectivo de trilingüizar aos nenos and little girls.
So, a nai escolle, e choose o que choose, sempre ficará happy, ya que a súa escolla is included in the eurocastrapo. In fact, this feixoada is the ?tres in one?, very inclusive and amabilismo.

At the same time, the Xunta resolverá o ?problem? educativo, sen que such a thing lle supoña un quebranto presupuestario. Efectivamente, as a matter of fact, o novo language non ten a very precise normas, and predomina a única and conocida only norma do ?tanto ten, ti vai disimulando?, que se complementa coa de ?never rained que non escampara?. Así, the teachers training is going to ser very barrato, barrato, cal carpet of magrebí.

And, by the way, if non caíches na conta, este artículo is the first one written in the new idioma. Buena luck and remember o que di the song: non te warrees, be happy, tra,la,la,la,la,la,la,la?.
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 21-01-2010 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Do gran éxito da manifestación de hoxe

Hoxe asistimos á manifestación de Santiago unha cantidade de persoas moitísimo máis grande có que ninguén agardaba, polo que a manifestación foi un éxito sen precedentes.

Unha alegría que se vía nas caras dos asistentes.

Que tome nota o goberno da Xunta.

Non van poder connosco!

Fixádevos na unanimidade nos medios:

El País
La Voz de Galicia
Faro de Vigo
Xornal de Galicia
A Nosa Terra
Vieiros

Todo un éxito.

Non.
A forza do noso amor non pode ser inútil!
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 21-01-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Da folga pola lingua de mañá 21 de xaneiro
Quixera facer unhas consideracións acerca dos motivos que me conducen a secundar a convocatoria de folga xeral no ensino para a xornada de mañá:

1º) O idioma castelán nunca estivo en perigo en Galicia, e quen diga o contrario minte a sabendas de que o fai.

2º) Esta cuestión da imposición lingüística do galego é unha falacia inventada pola fundación FAES o polo PP, que se encargaron de constituír plataformas a prol do castelán por todo España enteira e a darlles publicidade a través das súas emisoras e medios de comunicación afíns.

3º) O Goberno do PP, por moito que o repitan, non representa nin de lonxe á metade dos galegos, pois a suma dos votos obtidos polos partidos de esquerda nas pasadas eleccións de hai case un ano é superior aos obtidos polo seu partido. Logo é mentira que a sociedade galega "se volcase neles" pola imposición lingüística.

4º) Hai temas que non se deben tocar nunca goberne quen goberne, e un deles é o tema da lingua. Non pode ser que o actual goberno da Xunta pretenda que se pase do 50% do ensino en galego aun 33% en "igualdade" co castelán... e co inglés!

5º) Nunca chegou a cumprirse na realidade o actual decreto do galego no ensino. Nunca. E quen diga que se cumpriu minte, polo que a tal "imposición" non existiu nunca.

6º) É lamentábel que unha persoa da traxectoria de Anxo Lorenzo, actual responsábel de política lingüística e home de recoñecida traxectoria a prol da lingua se sumase a esta terríbel farsa montada dende unha oficina de Madrid.

7º) Nunca a lingua servira para abrir fendas nin discusióins nos claustros dos centros educativos coma as que se están a producir dende a irrupción deste tema da imposición dende os medios de comunicación afíns ao PP, entre eles a Voz de Galicia, que día si e día tamén combate calquera avance da lingua de nós por moi pequeno que este sexa (será polos cartos que recibe de xeito constante dende os despachos de San Caetano)

8º) Hoxe escoitei na radio a Rafael Louzán, presidente do PP e da Deputación de Pontevedra, que, aínda que non lle preguntaron polo tema da lingua, levaba aprendidas unhas declaracións que soltou e aínda me convenceron máis de que debía secundar a folga. Que un tipo da ignorancia dese señor, sen ningunha caste de estudos e coa pouca cultura da que fai alarde, sentencie acerca do/s idioma/s paréceme o mundo ao revés!

9º) Aínda me deu máis ganas de participar na manifestación de Santiago o feito de que o propio Conselleiro de Educación nos enviase un email a todos os docentes de Galicia para nos expor as "marabillas" do seu proxecto lingüístico. Levo vinte e catro anos a traballar no ensino e pasei por problemáticas varias de carácter colectivo sen que nunca, absolutamente nunca, os diferentes conselleiros de educación do PP se preocupasen por elas o máis mínimo!

10º) A situación absolutamente marxinal do galego na sociedade actual non permite que ninguén se permita o luxo de mentir acerca da realidade do país nin que se ande a xogar co que, dende sempre, nos deu cohexión como pobo.

Mañá vou facer folga e vou participar na manifestación de Santiago (a terceira que se fai polo mesmo tema) e vouno facer con toda a seguridade de que o galego, a lingua de nós, e quen o defendemos, vai ser unha nova marea negra que vai levar por diante a toda esta caterva de ignorantes mentireiros que están a nos gobernar.

Non.

A forza do noso amor non pode ser inútil!
Comentarios (7) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 20-01-2010 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
De Pilar García Negro e a lingua de nós
Unha amiga vén de me enviar o seguinte texto extraído do libro De fala a lingua: un proceso inacabado de Pilar García Negro.

Paréceme interesante para o debate:

Na década dos cincuenta do século XX, dous acontecementos en aparencia moi distintos e distantes teñen lugar: nos USA, en 1955, Rosa Parks, muller negra, costureira e activista do Movemento polos Dereitos Civís, en Montgomery, Alabama, négase a ceder o asento do autobús en que viaxaba, reservado aos brancos: rompe unha lei escrita -e moitas normas non escritas- e prosegue o camiño da inclusión dos pretos na sociedade norteamericana. Un ano antes, en 1954, a UNESCO receberá escrito de protesta, apoiado por centros galegos en América, pola discriminación sofrida pola lingua galega, en pleno franquismo. Deamos triplo salto mortal e reinstalémonos no presente: a exclusión do galego véstese hoxe de traxe bilingüe. Ao igual que no caso do racismo clásico, non é que non se admita a existencia do galego (como os negros naqueles anos, só pode viaxar na traseira do vehículo...): mesmamente, é imprescindíbel para marcar diferenzas de superioridade; por tanto, ao igual que os negros, cóntase con el en tanto en canto non ouse endexamais ocupar o asento do amo, isto é, se conforme coa súa existencia afastada e invisibilizada no mundo social e público. Negros? Si: nos traballos pior pagos, no baloncesto, no jazz ou no soul... Lingua galega? Si, por suposto: na cada vez máis deshabitada aldea, nos vellos, no coloquial, nalgunha canción, no Día das Letras Galegas, na literatura, nalgunha homenaxe limitada... Nunca no uso ubicuo que non se discute en absoluto para o español. En ambos casos, ¿inclusión é sinónimo de normalización? Coidamos que non.

Os vellos resaibos (endo)racistas reaparecen a nada que o negro se fai ver, isto é, a nada que penetre minimamente en espazos onde, lentamente, poda mudar a fotografía cualitativa da lingua galega e dotala (ensino, administración, sanidade...) dalgún efeito multiplicador... Rosa Parks (1913-2005) impuxo o seu direito a viaxar sentada no autobús dos brancos. Toda a nosa historia autónoma, desde hai cento e cincuenta anos, é a historia por poñer o galegos nos lugares visíbeis socialmente, por lle dar estatuto público (literatura, prensa, política, Xustiza, Igrexa...). E este esforzo pacífico, democrático, superador de barreiras artificiais, debelador do clasismo... é chamado imposición! Daquela, todos os avanzos históricos en termos de igualación e de superación de vellas inxustizas supuxeron imposicións da vítima: os pretos impuxeron a súa presenza, ao igual que a impuxeron as mulleres loitadoras pola súa liberación ou os escravos pola súa emancipación. ¡Avelloucada e resesa arma de quen practica a cotío a imposición real, refutar co mesmo que eles practican a cotío!: a imposición de verdade, dada por natural e inmutábel, sexa a prevalencia do branco dominante, do varón, do machismo, do amo ou do idioma hexemónico.
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 18-01-2010 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Da entrevista a Carlos Callón
Logo da enorme manifestación do domingo pasado en Santiago no programa "Foro aberto" da TVG fíxoselle unha pseudoentrevista/interrogatorio ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón que debería supoñer o inminente cese do presentador do programa por falla de ética profesional e por manipulador.

Podedes ver a entrevista aquí.

Queremos galego!

Veña un grolo por Carlos Callón!

Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 23-10-2009 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0