Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Blake Edwards: The Party

Nunha escena da película de Blake Edwards The Party (en español El guateque) Peter Sellers, o protagonista, dille nun momento determinado a outro personaxe que "a risa é o único que nos diferencia dos animais"

Abofé que si!

Veña un grolo por todos os bos guións de Blake Edwards que tantas risas provocaron!

Comentarios (7) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 17-12-2010 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Edgar Allan Poe: Annabel Lee e O Corvo
Falabamos onte do Poe narrador, do gran construtor de relatos que sempre deixan unha fonda pegada nos lectores.

Poe, por certo, ten tamén grandes detractores.

Pero hoxe decidín volver falar del polos vosos comentarios acerca de Virginia, a súa esposa morta tan nova sen ler nin unha soa palabra dos escritos de seu home, algo que nunca puiden comprender.

A Virginia, de quen só se conserva este retrato que vos achego, unha acuarela pintada tras da súa morte, dedicoulle Poe, aínda que non o dixese, dúas das súas mellores obras: os poemas "Annabel Lee" e "O corvo".

(A tradución que vos achego de "O corvo" é de Fernando Pessoa.)

Pero o noso amor era máis forte có amor
daqueles que eran maiores ca nós?
de moitos máis sabios ca nós?
e nin os anxos do Paraíso de enriba
nin os demos de debaixo do mar
afastarán xamais a miña alma da alma
da fermosa Annabel Lee.
..

Vaia unha muller esta Virginia que tan fonda pegada deixou no escritor.

Veña un grolo por ela, entón!

Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 16-12-2010 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
Do meu tan admirado Edgar Allan Poe
Veño de ler The Gold Bug, O escarabello de ouro de Edgar Allan Poe, ese relato tan ben construído acerca dun home (William Legrand) que descifra o vello manuscrito do Capitán Kidd grazas a un escarabello que atopa nun paseo pola illa de Sullivan, onde vive.

Que ten Poe que é capaz de levar o lector por onde quere coa súa literatura?

Quen nunca teña lido A caída da Casa Usher, ou A máscara da morte vermella, ou O gato negro, ou o magnífico relato Os crimes da Rúa Morgue, ou Manuscrito atopado nunha botella, ou O pozo e o péndulo, ou Ligeia, ou calquera outro, aínda non sabe o que perde.

O bicentenario de Poe celebrouse o ano pasado (naceu en Boston en 1809) e foi o primeiro escritor norteamericano non pertencente á burguesía (seus pais eran actores).

Quedou orfo cando era moi pequeno e foi adoptado pola familia Allan (de aí o seu apelido primeiro, o segundo era de seu pai natural) aínda que non houbo adopción legal.

O seu paso pola universidade durou paenas un semestree, pois foi expulsado pola súa "mala vida" (débedas de xogo, alcohol...).

O seu primeiro intento de abrir un camiño no mundo da literatura foi da man da poesía pero como non tivo éxito ningún entrou no exército (foi enviado precisamente ao Forte Moultrie da illa de Sullivan, onde se desenvolve o argumento de O escarabello de ouro) pero esta época, coma a universitaria, tamén durou pouco e foi de novo expulsado por "mal comportamento".

E así foi a súa vida, entre fracasos literarios e profesionais.

Mesmo casou cunha curmá súa, Virxinia, que nunca leu nin unha palabra do que Edgar escribiu!

Sempre ralacionado co alcohol e o láudano, a súa vida foi un incesante vaivén e apareceu morto nun calexón de Baltimore sen que nunca chegasen a coñecerse os motivos da súa morte.

Tiña corenta anos!

E deixou unha inmensa obra literaria!

Veña entón un bo grolo por el!
Comentarios (6) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 15-12-2010 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
De Pietro Germi: Divorzio all'italiana

Hoxe tiven a oportunidade de volver gozar desta alfaia de Pietro Germi do ano 1961: Divorzio all'italiana

Unha película na que Marcello Mastroianni, un dos meus actores favoritos fai un papel magnífico: Ferdinando Cefalù, un home casado dende hai doce anos cunha muller (con bigote e unha soa cella) á que xa non ama e ao mesmo tempo namorado da súa fermosa curmá Angela.

Na Italia da época (coma tamén en España) o divorcio non existía, de aí o título , pero o grande éxito do filme, cheo de premios e galardóns fixo que o goberno italiano replantexase a situación. Unha desas escasas ocasións nas que a arte move a política!

Divorzio all'italiana é ademais, un retrato magnífico da sociedade siciliana que paga a pena ver.

Déixovos co trailer:


Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 08-12-2010 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Distraxion
Distraxion é un divertimento do ano 2008 feito polo realizador americano Mike Stern.

Pero un divertimento con mensaxe.

Cantas veces voamos da man da música que estamos a escoitar mentres traballamos!

Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 04-12-2010 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Tomasz Bagiński: Fallen Art
Achégovos unha alfaia do director polaco Tomasz Bagiński.

Trátase da película de animación Sztuka spadania, Fallen Art na súa versión internacional.

Nunha base militar do Pacífico conviven oficiais e soldados coa mente ferida por accións do pasado.

O Xeneral A, afeccionado á arte, utiliza para as súas creacións unha técnica de estampado moi persoal.

Coma ben poderedes ver trátase dunha película cargada de simbolismos.



Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 22-11-2010 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Os Americanos de Berlanga

Non podo evitar achegar hoxe ao Tiñádelo que ver a nunca esquecíbel canción Americanos da película Bienvenido Míster Marshall de Luís García Berlanga a xeito de homenaxe o día que soubemos da súa morte.

Un día destes achegarei tamén algunha parte d'O Verdugo, unha das miñas películas favoritas en toda a historia do cinema, un luxo de guión cheo de sarcasmo e de crítica.

Vaia un grolo polo director e por unhas películas boas onde as haxa!

Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 13-11-2010 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Tim Burton: Pesadelo antes do nadal
Hei recoñecer que tiven esta peli de animación coma obxecto de culto ao longo de moitos anos.

O Pesadelo antes do nadal de Tim Burton foi en principio un encargo da casa Disney: querían unha película con música atractiva e cunha historia que se puidese estrear arredor das vacacións de nadal dos colexios.

E Tim Burton apareceulles con isto, unha historia que se desenvolve na Terra de Halloween, co seu máis ca curioso alcalde e cos seus habitantes todos tan singulares.

E todo funciona corectamente até o día en que deciden celebrar o nadal!

E aínda por riba de todo o director propón unha banda sonora que inclúe cancións de Marylin Manson coma esta que hoxe vos achego, que é a miña favorita: This is Halloween!

Boys and girls of every age
Wouldn't you like to see something strange?

Come with us and you will see
This, our town of Halloween

This is Halloween, this is Halloween
Pumpkins scream in the dead of night


Con todos vós Tim Burton e Marylin Manson:

Comentarios (6) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 30-10-2010 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
En homenaxe a Tony Curtis

Morreu estes días Tony Curtis, calificado de lenda polos xornais.

Nunca deixarei de gozar con aquela marabilla de Billy Wilder, Some Like It Hot, traducida ao español como "Con faldas y a lo loco" (?), interpretada por Tony Curtis, Jack Lemmon e Marilyn Monroe.

Vaia un trío e vaia un director!

E vaia unha película, claro.

Non podía ser doutro xeito.



Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 02-10-2010 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de Arthur Penn

Hoxe faleceu Arthur Penn, que nos fixo pasar momentos inesquecíbeis con aquela xoia cinematográfica do ano 1967 titulada Bonnie and Clyde, unha película desas que se deixan ver unha e outra vez sen perder un ápice de xenialidade, unha cinta desas polas que nunca parece pasar o tempo.

Pero esa non foi a súa única xoia, tamén dirixiu monumentos como A manda humana ou Pequeno gran home.

Déixovos co trailer de Bonnie and Clyde a xeito de homenaxe.

Veña un grolo por Arthur Penn!

Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 29-09-2010 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0