Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Quixera ser...
Quixera ser anguía para achegarme aos recunchos máis fondos do mar.

Quixera ser xurelo para poder navegar polos segredos da terra, para poñer as miñas palabras no silencio escuro das foxas abisais.

Quixera ser peixe eléctrico para alumear coas luces miñas a noite perpetua das profundidades do mar, e tamén para me facer amigo das medusas, que bailan esa coreografía perfecta que todos os bailaríns queren copiar.

Quixera ser medusa para aprender a bailar!

E que había de pasar cando cansase de nadar?

Faríame entón paxaro.

Quixera ser andoriña para nunca deixar de voar!
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 03-11-2009 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Outono

Unha amiga miña, Adela Rodríguez, enviome dende Hannover esta fermosa foto do outono nesa cidade.

Que ten o outono que enche de cores castañas os corazóns?
Comentarios (9) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 01-11-2009 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
Do home que disparou leite á policía

Hoxe pola mañá un rapaz do meu instituto agardaba por min na clase coa fotografía que vos achego.

Trátase dunha manifestación de gandeiros na cidade de Bruxelas para protestar polos baixos e inxustos prezos do leite en orixe, que nada teñen que ver co que pagamos nas tendas logo do paso polas centrais leiteiras.

O home da imaxe aproveitou o teto da súa vaca para "disparar" leite aos antidisturbios.

Grandioso!

O meu alumno preguntoume: A quen lle dispararías ti o leite, Xesús?

Déixovos a pregunta aí no ar para que a contestedes, se o tedes a ben.

A quen lle dispararíades o leite?
Comentarios (8) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 06-10-2009 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Ladaíña do tren parado
Ai do camiño do tren, que nunca se desanda.
Pero que triste o tren, que triste está!
Ai do camiño do tren, que nunca se atopa consigo mesmo.
Pero que triste o tren, que triste está!
Ai do camiño do tren que non ten comezo nin final...
Pero que triste o tren, que triste está!
O tren que ollamos ao lonxe, baixo a chuvia, non está inmóbil, non, que nunca deixa de andar.
Pero que triste o tren, que triste está!
Somos nós quen estamos parados, chantados indecisos na terra, incapaces de camiñar.
Pero que triste o tren, que triste está!
Nunca culpedes ao tren das vosas tristuras. Non o fagades, que o seu é avanzar e avanzar!
Avanzar e avanzar sen parar...
Pero que triste o tren, que triste está!

Comentarios (7) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 25-09-2009 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
De musgo e madeira e pólas
E se a madeira que temos pola casa adiante revivise?

E se agromasen pólas nas patas das mesas, dos mobles, das camas, das cadeiras...?

E se as táboas todas do chan decidisen transformarse en musgos?

E se nas paredes todas nacesen os musgos, as carrizas, os brións?

E se o teito se abrise e o ceo penetrase con forza en todas e cada unha das habitacións?

E se un ulido de frescor enchese todos os recunchos da nosa vida?

Colleriamos cartos dun peto e entre as moedas atopariamos unha folliña preguiceira.

A natureza saudarianos, entón, cunha cordialiade que xa tiñamos esquecida.

Si. Así mesmo.

Sería así.
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 11-09-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Leña
Hoxe trouxéronnos á casa a leña que imos utilizar para acender a lareira coa que imos quentarnos ao longo do inverno.

Chegou a leña co seu sabor de natureza, con ese arrecendo a monte que trae sempre consigo.

Veu a leña cun estrondo que parecía querer tomar a casa toda para si. Quen dixo que a leña non fala?

Arrastrou a leña onda nós as súas saudades de monte, de cantos de paxaros, de grilos, de ventiscas e sarabias, de longas noites de lúa, de paroladas de árbores, inxectos e aves...

Benvida sexa a leña á nosa casa!
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 10-09-2009 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
A intimidade das árbores

As raíces reproducen a forma da árbore debaixo da terra, din os xaponeses cando comezan a deseñar un bonsai.

As raíces son tamén o seu xeito de se aferrar ao chan para non voar nos días de vendaval.

As raíces son a intimidade da árbore, o lugar que escolle para se reunir polas noites consigo mesma e dese xeito poder pensar, afastada completamente das olladas dos demais.

Por iso están agachadas debaixo da herba, no lugar onde a árbore comparte confidencias coas toupeiras, as formigas e as miñocas.

Nada hai mellor no mundo ca unha pouca de intimidade para poder parolar!
Comentarios (3) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 03-07-2009 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
As roupaxes da rosa espida

A rosa está espida porque non quere nin quixo saber nunca de roupas, que ama a frescura da xeada a lle acariñar a pel.

A rosa está espida para que a poidan bicar ben as abellas e para deixar que lle rouben a virxindade sen ningunha caste de vergoña nin rubor.

A rosa estará sempre espida porque así se sentirá feliz, moi feliz.

Pero chegará nalgún momento a vellez e a rosa vestirase de óxidos porque sentirá a friaxe da noite e anhelará que chegue axiña a mañá para deixarse quentar por unhas raiolas de sol que pasarán pola súa beira, altivas, case sen reparar nela.

Xa non será, entón, fermosa...

E xa non quererá estar espida...

Vestirá unhas roupaxes tan pesadas que caerá da roseira, miña pobre, completamente murcha...

E calará para sempre, a rosa.

Calará...
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 27-06-2009 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Das miñas uvas primeiras
Dixádeme compartir convosco a ledicia de ver como agroman as primeiras uvas que dá unha das miñas viñas, que só contan con tres anos de idade.

Teño o sono de poder algun día chegar a facer algo de viño con elas. Pero polo de agora aínda son uviñas cativiñas e tenras. Fáltalles pasar a nenez e logo a adolescencia.

A natureza nunca vai deixar de me sorprender.

As plantas... esa sorte de literatura que escribe a terra.
Comentarios (3) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 25-06-2009 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
Da terra
A petición de Anxo Cabada, o fotógrafo, que me pediu un texto para un proxecto que desexo que lle saia moi ben, púxenme a pensar na terra.

Nesa terra que ule e nos hipnotiza con variadas fragancias.

Nesa terra que se enchoupa de auga cando chove e parece recoller moita máis humidade cá que podemos imaxinar.

Nesa terra que dá vida no seu seo a unha inmensidade de criaturas que a furan sen parar.

Nesa terra que nos acolle cando morremos e nos vai consumindo pouco a pouco, de vagar.

Nesa terra que sepultou as civilizacións todas e vai facer o mesmo co mundo que coñecemos.

Nesa terra que fai agromar o que comemos e o que admiramos, ese verde que enche os nosos ollos por completo, coma naquel poema de Méndez Ferrín, "Lento veleno que pon nos ollos unha cousa verde!", que aparecía na Poesía enteira de Heriberto Bens.

Nesa terra que parece saudarme cada mañá cando me asomo ao balcón do meu cuarto...

Cantas cousas dá para pensar a terra!
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 09-03-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0