Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Sidra con sabor de amizade
Hoxe tivemos a honra de probarmos as primeiras botellas da sidra do Lagar de Ribela, unha sidra que dende hai xa varios anos cada mes de outubro nos convoca en Trabadela entre o ulido de mazás, o sabor de mosto e a sempre agradecida calor da boa amizade.

Sidra atlántica co bo sabor dos produtos artesáns, ese sabor que cada vez resulta máis difícil atopar.

Achégovos a foto de tres botellas aínda sen abrir no xardín da miña casa.

Vaian dende aquí os meus parabéns a Quetu Armenteros e os meus desexos de que siga a elaborar unha sidra así de boa ao longo de moito tempo.

Veña un grolo!
Comentarios (7) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 10-03-2011 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Do quiosco solitario da Alameda de Pontevedra
Hoxe pasei en coche baixo a choiva pala beira da Alameda de Pontevedra e, parado nun semáforo, chamou a miña atención o vello quiosco da música entre árbores sen follas. Milleiros de pensamentos viñéronme á mente até que o coche que estaba detrás miña pitou para que me puxese en marcha. Foi como escoitar o espertador pola mañá. Maldito!

Que solitario ficaches
sen músicos
nin instrumentos
sen notas que dean calor á alma arrefriada
sen os aplausos que coroan a verbena
sen os xiros danzaríns das parellas a bailar
sen as lámpadas que parecen encher o aire de ilusións?
Que solitario ficaches
mollado
baixo esta pranto que non cesa?
Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 18-02-2011 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Das cores do mundo
Imaxinades por un momento que as cores das cousas puidesen cambiarse por uns momentos?

Imaxinades un mundo no que o ceo fose alaranxado e se volvese azul polo amencer e polo solpor?

E o mar?

Por que non vermello?

Comeriades carne de cor violeta?

Mercariades ovos verdes?

Dei en pensar todo isto cando pensei que as criaturas todas que pisamos a terra vemos as cousas de diferentes cores porque os nosos ollos así as perciben.

Os nosos cans non ven o mesmo que vemos nós (e non falo de perspectiva).

As flores que tanto nos gustan teñen as máis das veces tonalidades opostas ás percibidas polos ollos das abellas que nelas se alimentan.

As abellas mesmas son realmente distintas de como as vemos nós e de como as ven outros insectos...

Canto me agradaría poder ver o mundo dende a óptica do meu can!

Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 16-02-2011 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Do Purgatorio
A imaxe que vos achego está de actualidade por unhas recentes declaracións do papa Bieito XVI perante 9000 seguidores no Vaticano.

Trátase dunha ilustración da Divina Comedia de Dante Aligheri, onde se describe o Purgatorio como unha montaña de cumio plano e caeiras escalonadas e redondas. En cada chanzo redímese un pecado e quen o redime está contento porque posúe esperanza.

Como conto é moi interesante e mesmo fermoso. Unha obra de arte con todas as da lei.

Pero que a estas alturas do século XXI veña alguén facer as declaracións que fixo Bieito XVI paréceme unha tomadura de pelo.

Tanto ten que a igrexa católica colleite casos de abusos sexuais polo mundo enteiro e que nunca vaia pedir perdón por eles (e moito menos levar os culpábeis perante a xustiza).

Tanto ten que a sida se espalle por África e a igrexa repita unha vez e outra máis que non se usen preservativos.

O importante é que o purgatorio, coma xa dixera Catalina de Xénova, non é un elemento da paisaxe das vísceras da Terra. É un lume interior, non exterior.

Isto é ficción e o demais son contos!

Un lume interior!

Xa podemos estar máis tranquilos.
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 14-01-2011 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
Deste mar que abraia
deixádeme baixar coa marea
aínda
que decida
non subir
endexamais

quizais

oíde cando chamo
gaivota
e
grande
responde
o corazón do mar

cantade frío vento

botade a rede

pescade
trebóns
e temporais

berrade
altas pedras

poñede gumes

furade rochas

cantade mar

mar

(no cumio das ondas quero bailar
e durmir
arrolado
na lentitude da resaca)
Comentarios (8) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 10-10-2010 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Perigo: personaxes soltos
Aínda lle din voltas ao debuxo de José Ribera de onte, o do home con personaxes na cabeza.

Cantas veces pensei neses personaxes que incluín nas cousas que levo escrito.

Mesmo un día me gustaría escribir un relato no que me xulgasen entre eles, no que se vengasen de min.

Cando vou por aí a falar d'As humanas proporcións sempre cito algo que é tan verdade como que estou a escribir isto agora mesmo.

Un día soñei con Lily, a muller que morre nese relato no que falo dunha cea na que os comensais falan da morte.

Lily sentou á miña beira na cama e quixo saber que dereito tiña eu de matala!

E eu non souben que dicirlle. Fiquei calado coma un peto.

Publicamente declárome inocente de ter creado estes personaxes que creei. (Quizais nin sequera fun eu quen lles deu vida e eles xa estaban aí nalgures dentro do meu corpo a se mover para intentar saír.)

Sexa como sexa tamén publicamente declaro que non me deron máis que satisfaccións.

Grazas ao nemo anónimo e ao vello tamén sen nome do Libro das alquimias, que compartiron comigo días e máis días de varios invernos sempre a se mover pola miña cabeza dun lado para outro.

Grazas a Giovanni e Giovanna Arnolfini, a Celia e ao seu Príncipe (como non grazas a Oscar Wilde)...

Grazas, por fin, ao meu benquerido Willy.

Se non fose por eles todos que quixeron baixar da miña cabeza logo de andar de rolda por ela eu nin sequera tería chegado a crear este blog no que nos encontramos día tras día.

Remato, entón, cunha advertencia:
Perigo! Teño moitos máis personaxes subidos na cabeza!

Por todo isto colguei onte na Casa Van Gogh o retrato que pintou José de Ribera.
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 04-10-2010 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Outono n'A Coruxa

tes o misterio
das cousas
que se desfondan

e marchan
e rompen
e caen
e se estragan
e se lixan
e podrecen

do que aparece
e logo desaparece

e xordes coma un soño
e enches os días de gris
e choves coma os ollos dunha viúva

viúvo
do sol
ti

cando
unha folla
vai caendo
paseniño
e anuncia
que
chegou o tempo
de saltar pucharcas
para andar

(Por certo, que A Coruxa é o nome do lugar onde vivo)
Comentarios (6) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 23-09-2010 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Camiño somos
Porque somos camiño, camiño que avanza e nunca se detén, sempre a agasallarnos con milleiros de arrecendos agarimosa a terra.
Caladas testemuñas do eterno peregrinar das xentes, somos laxe, somos seixo, somos pedra?
Somos carballo, castiñeira, toxo, xesta, herba, vida somos a medrar orgullosa por corredoiras e cunetas?
Somos a herdanza da terra!
Cravada a vista no horizonte, somos manancial, regato, río, corrente? Auga somos a nos mover de vagar entre penedos e pedras.
Estrelas silandeiras somos, a debuxar na negrume mesta do firmamento unha senda que convida a camiñar sen présa?
E somos alento, son, sílaba, palabra, somos conversa de cansos camiñantes a falaren as linguas máis diversas?
Somos ferradura de cabalo, pegada de bota, roda de carro e de bicicleta?
Somos distancia, somos paso, somos pegada, somos esforzo e suor, pero tamén somos sono, albergue, descanso. Somos folgar e somos sesta.
Viaxeiros nas entrañas dos soños, somos cerna da historia, somos contos, cancións e poemas, somos relato e somos lenda.
E tamén somos festa, frauta, zanfona guitarra, gaita, pandeiro? Somos xuntanza arredor da lumieira?
Somos afán e desexo. Somos degoiro e somos arela.
Camiño somos a percorrer paseniño a senda que trazaron as estrelas?
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 08-09-2010 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
D'O Xirimbao no Día das Letras
O cadoiro do Xirimbao, anda que non ten un nome fermoso, estaba cheo de luz na tarde de onte.
Luz de primavera.

A auga era unha festa.

Movemento, son, cor...

Unha tarde perfecta.

A xente paseaba pola beira do río completamente allea ao significado do Día das Letras. Que maís lles tiña Uxío Novoneyra?

Para que ten que ser festivo?

Debería de ser un día de librarías abertas para vender libros en galego, o día de sacar os libros nosos á rúa.

Iso debería de ser o Día das Letras.

En realidade, que utilidade ten celebar un Día das Letras?

Reflexionemos.

Entrementres deixemos a auga correr polo Xirimbao, que anda que non é un nome fermoso!
Comentarios (11) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 18-05-2010 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
A maxia das cousas pequenas
Teñen maxia as cousas pequenas.

Fixádevos neses momentos en que coincidimos no pensamento coma se dunha telepatía de andar por casa se tratase.

Fixádevos nese amor nese pranto, nesa paixón, nesa dor, nese desacougo, nesa saudade, nesa felicidade... que esperta en nós un pequeno verso agachado nun poema, apenas unhas palabras rapidamente escritas, rapidamente pronunciadas.

Iso mesmo acontece coas cousas pequenas, con esas décimas de segundo dunha canción que nos evoca de súpeto a vida enteira, nese sobre que unha vez contivo unha carta agora perdida para sempre, nese anaco de fotografía antiga que descobrimos un día que andabamos a ordenar cousas pola casa e leva impresa a faciana dun amigo de quen nos afastamos hai moito tempo, ou a dun familiar morto hai anos, quen sabe!

Fixádevos nese aroma que chega ao noso nariz cando imos pola rúa camiñando, que dura apenas uns segundos pero ten o poder evocativo dunha tonelada de botellas de perfumes carísimos fabricados polos mellores perfumistas de París.

Que máxicas son as cousas máis pequenas e que pouco interese espertan en moita xente!

Non hai dereito.
Comentarios (7) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 08-04-2010 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0