Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do Premio Blanco Amor 2010
Xunto de Teresa Bermúdez, Mª Xesús Nogueira, Carlos Figueiras e Bieito Iglesias, tiven a honra de ser membro do xurado na XVIII edición do premio de novela longa Blanco Amor convocado este ano polo Concello de Poio.

Na xuntanza que mantivemos hoxe pola mañá acordamos concederlle o premio á novela O imposible de desatar, escrita dende unha óptica vangardista, por supor unha aposta innovadora e arriscada para reflectir as sombras existentes nas relacions humanas.

Unha vez aberta a plica o autor resultou ser Iván García Campos, un coruñés sen obra coñecida polo momento.

Vaia a miña máis grande noraboa para o premiado!

Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-04-2010 20:48
# Ligazón permanente a este artigo
D'A Illa do Tesouro de Stevenson
Espertaron onte en min os rapaces do Clube de lectura do IES de Meaño unha morea de lembranzas cando un deles me dixo que o libro que leran antes do meu fora A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson.

Canto gocei de neno con aquela lectura fantástica, como me deixei levar polas reviravoltas da historia da man Jim Hawkins, de John Silver o Longo e dos piratas aqueles que cantaban "Ron, ron, ron, a botella do ron!"

Viaxou a miña mente aos meus once ou doce anos, e estaba na praia de Ares deitado nunha toalla co libro na man...

E chegaba a noite e eu seguía a ler, pero desta volta na liteira de abaixo no cuarto que compartín toda a vida con meu irmán Xurxo, que prefería a lectura dos cómics do "Capitán Trueno" e o "Jabato".

De novo Stevenson me fixo viaxar, desta volta cara aos recunchos máis afastados da miña nenez!

Veña un bo grolo por ti, Robert Louis!

Un grolo de agradecemento!
Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 08-04-2010 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
De Rafael Alberti
A semana pasada pasei polo Puerto de Santa María, na provincia de Cádiz, e non puiden evitar unha visita á Fundación Rafael Alberti.

Gustoume a exposición permanente acerca da vida e a obra dun poeta que sempre admirei, especialmente as vitrinas que contiñan algúns manuscritos deses poemas que tantas veces me fixeron soñar. Poder velos escritos da propia man do seu creador, cunha escrita por certo moi fermosa, foi unha delicia.

Vaia unha vida terríbel a da Xeración española do 27, marcada pola traxedia terríbel da guerra, a morte, a ditadura e o exilio.

Rafael Alberti tivo polo menos a sorte de poder volver ao seu Puerto de Santa María! No camiño, na lonxanía do tempo, moitas veces soterrados nas foxas comúns, quedaron os cadáveres de moitos dos seus amigos e compañeiros de xeración.

Eran fermosas as fotografías do poeta a falar cos milicianos na guerra e aquela tan famosa da súa entrada no Pazo do Congreso da man de Dolores Ibárruri, Pasionaria.

Que grande a poesía de Alberti!

Si mi voz muriera en tierra,
llevadla al nivel del mar
y nombradla capitana
de un blanco bajel de guerra.
¡Oh mi voz condecorada
con la insignia marinera:
sobre el corazón un ancla
y sobre el ancla una estrella
y sobre la estrella el viento
y sobre el viento la vela!


Veña un grolo por Rafael Alberti!


Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 06-04-2010 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de Miguel Delibes

Veño de saber da morte de Miguel Delibes.

Fica detrás súa un fermoso ronsel de boa literatura.

Que gozada poder ler Las ratas, Los santos inocentes, Cinco horas con Mario ou El príncipe destronado.

Cantos bos momentos de grata lectura.

Achégovos esta escena da película de Mario Camus Los santos inocentes, onde se pode ver o magnífico retrato que fixo Delibes das inxustizas sociais no campo e na sociedade española.

Vaia un papelón por certo o de Francisco Rabal interpretando a Azarías!

Veña un grolo por Delibes.

Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-03-2010 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
Da Terra
A Terra está moi enfadada!

Ou polo menos iso parece...

Hai moi pouco foi Haití e agora tocoulle a Chile.

Que sensación horríbel debe de ser sentir que vives enriba dunha placa tectónica que un día, sen aviso previo, decide espertar e moverse, decide chocar contra outra e facer que todo treme!

Que medo sentir que estás subido a un carrusel macabro que xira sen que nada poida paralo!

E houbo recentemente inundacións en moitos lugares do planeta, e ondas de frío, e secas eternas, e ventos e furacáns...

A terra debe de estar ben enfadada.

Cando penso en Chile venme sempre á cabeza ese magnífico Canto General de Pablo Neruda que arranca con estes versos:

ANTES de la peluca y la casaca
fueron los ríos, ríos arteriales:
fueron las cordilleras, en cuya onda raída
el cóndor o la nieve parecían inmóviles:
fue la humedad y la espesura, el trueno
sin nombre todavía, las pampas planetarias.

El hombre tierra fue, vasija, párpado
del barro trémulo, forma de la arcilla,
fue cántaro caribe, piedra chibcha,
copa imperial o sílice araucana.
Tierno y sangriento fue, pero en la empuñadura
de su arma de cristal humedecido,
las iniciales de la tierra estaban
escritas.
Nadie pudo
recordarlas después: el viento
las olvidó, el idioma del agua
fue enterrado, las claves se perdieron
o se inundaron de silencio o sangre
.

Vaia o meu agarimo inmenso por todo Chile e polos chilenos!

Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 01-03-2010 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
De Gerald Durrell e os animais
Falabamos onte de animais.

Quérovos hoxe convidar a ler unha novela marabillosa do escritor inglés Gerald Durrell titulada A miña familia e outros animais.

Trátase da primeira entrega dunha triloxía que se completa con Bechos e demais parentes e O xardín dos deuses aínda que se pode ler independente.

Gerald Durrell (irmán de Lawrence Durrell, o d'O cuarteto de Alexandría), naturalista e gran amante dos animais, naceu na India colonial, pasou a súa nenez e parte da súa adolescencia na illa grega de Corfú.

É precisamente alí onde se desenvolve a trama en parte autobiográfica de A miña familia e outros animais.

Durrell no foi ao colexio durante a súa estadía en Corfú, senón que recibiu ensinanzas de varios amigos da familia, a maioría deles amigos precisamente de seu irmán maior Lawrence.

Un deles en especial, o grego Teodoro Stephanides, doutor, científico, poeta e filósofo, personaxe do libro, deixou unha fonda pegada en Gerald.

Entrambos os dous capturaron, investigaron e examinaron as especies existentes entre a fauna de Corfú e as súas peripecias aparecen narradas no libro en clave de humor cunha prosa que fai que o lector non poida rematar a lectura até tela rematada.

Se decidides ler anovela só agardo que o pasedes tan ben coma min e que compartades a paixón de Durrell polos animais da illa de Corfú.

Unha boa lectura.

Si señor.
Comentarios (6) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-02-2010 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
De Curros Enríquez
Deixou onte alguén un comentario que remataba cunha frase de Curros Enríquez:

"Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve"

Adoro este Curros anticlerical d'O divino sainete.

E tamén o de Nocturnio, que me parece un poema cunha sonoridade sen parangón:

Da aldea lonxana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas eiras o céspede mol
.

E tamén o d'O Gueiteiro de Penalta, que cando o les en voz alta parece que esteas a cantar, ou esa marabilla de Aí vén o maio, ou a elegante melancolía de Unha noite na eira do trigo...

Que grande Curros!

Veña un grolo por el!

Comentarios (6) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-02-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Da Itaca de Kavafis
Falabamos estes días de viaxes a conto das nubes que me enviara Solange dende Sao Paulo.

E veu á miña mente este grandioso poema de Konstantinos Kavafis, que fala da importancia de atesourar coñecementos e experiencias no proceso da viaxe.

Cando emprendas a túa viaxe cara a Itaca
debes pregar que a viaxe sexa longa,
chea de peripecias, chea de experiencias
...

Onde está a Itaca particular de cada un de nós?

É a viaxe a Itaca o símbolo da nosa existencia, do noso pequeno paso polo mundo?

É curioso que fale de "pequeno" paso polo mundo cando en realidade ese paso é a nosa vida enteira e verdadeira.

A vida é a viaxe máis grande que emprendemos dende o intre mesmo de nacermos.
(Unha viaxe sen destino coñecido.
Velaí a súa importancia!)

Debes pregar que a viaxe sexa longa,
que sexan moitos os días de verán;
que te vexan arribar con gozo, alegremente,
a portos que ti antes ignorabas
...

Cantos portos fican aínda por visitar?
Cantas cidades por coñecer?
Cantos son os lugares aínda ignorados?

Conserva sempre na túa alma a idea de Itaca:
chegar alí, velaí o teu destino.
Mais non fagas con présas o camiño;
mellor será que dure moitos anos,
y que chegues, xa viejo, á pequena illa,
rico de canto terás gañado no camiño
...

A viaxe é precisamente o importante, non o destino final.
A viaxe é o que nos vai deixar sorprendidos, polo simple (que non sinxelo) pracer de vaiuaxar e de movernos.

Xa haberá tempo de chegar!

E que sexamos moi vellos cando o consigamos!

Só me queda desexarvos a todos unha moi boa viaxe chea de bos momentos (chea de verán) e ateigada de praceres.

Quizais nos vexamos ao remate do camiño.

Quen sabe?

Boa viaxe!

Que grande era Kavafis!





Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 09-02-2010 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de J. D. Salinger
Veño de saber da morte de J. D. Salinger, que tan gratos momentos me fixo pasar con O gardián entre o centeo.

Veña un grolo por el, un grolo enorme de admiración!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 29-01-2010 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Da recomendación de A praia dos afogados
Eva Carpente, visitante diaria deste meu blog, vén de publicar no blog de Galaxia unha recomendación do libro A praia dos afogados, o best-seller de Domingo Villar. Recoméndovos dende aquí a lectura das súas palabras.
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 28-01-2010 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [13]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0