Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Léopold Sédar Senghor: Muller negra
Xa trouxen a Léopold Sédar Senghor ao Tiñádelo que ver aló por xaneiro do ano 2009.

Convídovos a lerdes un fermoso poema no que identifica África cunha muller negra... ou ao revés... quen sabe?
En parte nisto reside a fermosura do poema.

Pechade os ollos e sentídevos nas sabanas do Senegal...

É o xeito de entender un poema tan pegado á terra.

Muller espida, muller negra,
vestida coa túa cor que é vida, coa túa forma que é beleza.
Medrei á túa sombra; a dozura das túas mans era coma unha fita polos meus ollos
e resulta que agora,
no medio do verán, no corazón do mediodía, te descubro, dende o alto dun outeiro calcinado,
Terra prometida.
A túa beleza sacúdeme en pleno corazón, coma un lóstrego de aguia.

Muller espida, muller escura.
Froito maduro da carne preta, escuros éxtases do viño tinto, boca que troca en lírica a miña boca,
sabana de horizontes purísimos, sabana estremecida nas caricias ferventes do vento de levante,
tam-tam esculpido que retumba golpeado polos dedos vencedores;
a túa voz grave de contralto é o canto espiritual da ben amada.

(...)

Muller espida, muller negra,
eu canto a túa beleza que pasa, forma que fixo no eterno,
antes de que o destino envexoso te transforme en cinzas que alimentan as raíces da terra.
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 31-03-2011 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
Unha reunión en Catoira
Velaquí vai unha foto tomada onte por un personaxe anónimo nun restaurante de Catoira.

O reparto:
Por orde de aparición na imaxe, de esquerda a dereita: eu mesmo, Xesús Constela, Xosé Monteagudo, ?un tipo listo? e con moitas palabras aínda por dicir, Anxos Sumai, amiga sempre de garda, que viña de plantar patacas con súa nai (a escritora na terra), Antón Riveiro Coello, o autor coas mans máis suaves no noso sistema literario (segundo puidemos descubrir e mesmo fotografar), e Adolfo Caamaño, grande e soberano, cos petos da alma sempre ateigados de historias.

Os vasos da mesa aínda estaban baleiros e as cartas co menú seguían sen abrir?

Era apenas o comezo dunha tarde (moi longa e moi fermosa, desas que se lembran por moito tempo) na que a conversa e as risas aboiaron por riba, por baixo e polas beiras todas de nós. A Sumai mesmo chanceou sobre moderar un diálogo que nunca se deixaría moderar. (Como tentar canalizar a forza dun río embravecido)

Pode que fose o licor café, pode que o tempo que levabamos sen nos xuntar todos. Que sei eu? Cantas cousas se poden falar!

A chuvia teimuda mantívonos encerrados debaixo dun velador de plástico branco macerados en humidade e palabras. Nada de pasear polas Torres do Oeste. Imposíbel! A meteoroloxía obrigounos a falar sentados arredor dunhas mesas de terraza ateigadas de cuncas e vasos de continuo baleiros e de continuo cheos (reloxos que marcaron o paso do tempo, que se evaporou sen nos decatar)

Só faltou que o Riveiro Coello collese unha guitarra que había no bar e se puxese a tocar.

Sabíao dende antes de coller o tren con Adolfo na estación de Pontevedra: Non foi a literatura quen nos convocou (que podería ter sido).

Foi a amizade.

Veña un grolo, entón!
Comentarios (7) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-03-2011 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
D'As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift
Se non tedes lido As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift (Dublín 1667?1745) é unha lectura que vos recomendo de verdade.

Prodúceme mágoa pensar que por mor das diferentes adaptacións infantís e xuvenís desa 1ª parte na que se fala da viaxe de Gulliver a Lilliput o libro de Swift, mestre da ironía, poida ás veces pasar por un libro para nenos.

Nada máis lonxe da realidade.

Jonathan Swift pretendía, e conseguiuno, facer un retrato irónico da sociedade da súa época (non moi diferente da nosa, non vaiades pensar) cos seus defectos, as súas taras e as súas lacras.

Por iso creou ese fantástico personaxe do capitán Lemuel Gulliver, que cada vez que se bota ao mar se atopa en situacións singulares que xiran arredor dun paradoxo: Na terra de Lilliput é un xigante entre ananos, en Brobdingnag un anano entre xigantes, e un ser humano avergoñdo da súa condición nunha terra poboada por cabalos sabios que son máis humanos cós propios homes.

Eu gosto especialmente da segunda parte e recoméndovos a súa lectura. É grandiosa unha escena na que o capitán Gulliver está enriba dunha mesa na que un grupo de xigantes da terra de Brobdingnag celebran un banquete. O protagonista comenta aterrado o feos que son con eses repugnantes poros abertos na súa pel. (Son os ricos e os seus defectos vistos polos que se atopan por debaicxo deles) Gulliver non é para eles nada máis ca un pequeno xoguete.

Unha boa lectura para estes tempos de crise!
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-03-2011 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Xaime Toxo
Mañá xoves 24 de marzo ás oito do serán, nun acto organizado polo Ateneo de Pontevedra, o gran amigo Xaime Toxo presenta no Café Moderno de Novacaixagalicia o seu primeiro libro de relatos AS PALABRAS QUE MOVE O MAR editado por Xerais.

No acto, ademais do propio Xaime, estarán Ramón Rozas (xornalista e crítico de arte), Antón Sobral (artista), Manuel Bragado (director de Xerais), e Marta Quintana (intérprete de harpa celta e cantante)

De seguro que vai ser todo un éxito.

Deséxolle a Xaime moita sorte nesta súa andaina literaria.

Nunca esquecerei o fermoso escrito que Xaime leu na presentación do meu Shakespeare destilado en Pontevedra.

Un grolo por el!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 23-03-2011 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura de Rosalía en Pontevedra

Hoxe, 24 de febreiro, ás oito do serán na Libraría Michelena de Pontevedra (Alameda, 8) acudiremos un grupo de escritores para lermos poemas de Rosalía de Castro.

O acto está organizado pola AELG e consistirá na lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa se fixo o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

Eu lerei o poema 22 de Cantares gallegos:

Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corazón.

Aló nas tardes serenas,
aló nas tardes caladas
fainse maís duras as penas
que nas brandas alboradas.

Aló nas tardes sombrisas
aló nas tardes escuras
fainse maís cortas as risas
máis negras as desventuras.

Que non hai sera tranquila
para quen remorsos garda,
e máis presto se aniquila
canto máis a noite agarda.
Comentarios (9) - Categoría: De literatura - Publicado o 24-02-2011 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
De Luis de Góngora e nós, sucios e viles
Ollade este poema de Luis de Góngora que me fixo chegar hoxe meu irmán Xurxo.

Oh, montañas de Galicia
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedais haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo.


Polo visto escribiuno no ano 1906 no decurso dunha viaxe que fixo a Pontevedra.

Vaia unha visión de nós que presenta o poema, non?

Que se pode agardar dun home que ten esa ollada perversa e revirada que se amosa no retrato que vos achego?
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 23-02-2011 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
De Naguib Surur
Con todos os meus parabéns para os exipcios logo do éxito da súa revolta e cos meus desexos de que o futuro se presente tal coma o pobo merece achégovos un poema de Naguib Surur:

Antes do diluvio,
Haberá ira.
E imos estar entre os afogados.
Pero imos levar o diaño connosco
Até o lugar máis fondo:
O noso fin será o seu ...
Pero pouco a pouco ... Que se vai dicir
De nós cando se lembre todo isto?
Que se vai dicir
De nós despois do diluvio,
Despois do afogamento que vén, despois da ira que vén,
Que se vai dicir de nós, os poetas e escritores?
Fomos homes de verdade,
Medios homes-
Ou meras sombras?
O medo,
O temor á espada,
Fixo de nós algo indescriptíbel -
Salvo en lingua vulgar.


O pobo do Exipto está a escribir unha nova páxina da súa historia.

Que ninguén lle roube o éxito!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-02-2011 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Unha foto n'A Estrada
Aínda que a cámara de fotos era Manolo Forcadela, que foi quen se encargou de disparar ao longo de toda a noite primeiro na cea e despois na longuísima sobremesa, esta foto sacouna algunha outra persoa que agora non podo lembrar, síntoo.

Velaquí un grupo de literatos (sempre me fixo graza esta palabra) nunha escaleira na que nin subimos nin baixamos. Só agardo que non sexa un símbolo de nada.

Bromas fóra ese mencer entre amigos n'A Estrada foi unha ledicia.

De esquerda a dereita: Antón Lopo á miña beira e detrás de nós Forcadela. e detrás de Forcadela Adolfo caamaño, e díante del Carlos Lema e Anxos Sumai, a única muller do grupo. E detras de anxos Antón Riveiro Coello e Xosé Monteagudo.

Pode que fose Chus Pato a autora da foto.

Quizais.

A foto estará de hoxe en diante no álbum do Tiñádelo que ver.



Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 17-12-2010 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Da cea do García Barros
Un ano máis a entrega do premio de novela García Barros, que nesta ocasión para o meu querido Antón Lopo (na foto coa portada da súa novela), reuniu un bo número de críticos e escritores arredor dunha cea na fermosa Casa do Palomar da parroquia estradense de Codeseda.

Antón Lopo, Carlos Lema, Xosé Monteagudo, Anxos Sumai, Adolfo Caamaño, Antón Riveiro Coello, Chus Pato, Xerardo AgraFoxo, Iván García Campos, Xosé M. Eyré, Inma Otero, Manuel Forcadela...

Unha noite magnífica chea de conversa. literatura e risas...

Vaia o meu agradecemento para o Concello da Estrada e vaian os meus parabéns para Antón Lopo e para asúa novela Obediencia, que de seguro nos vai facer pasar momentos moi gratos.

Vaña un grolo por el!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-12-2010 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
De Paulo Lins

Veño de ler unha entrevista feita por internautas co escritor, guionista e director de cine brasileiro Paulo Lins, (Cidade de Deus) na web do xornal El País acerca da situación política, económica e social que se vive no Brasil.

A entrevista achega tamén unha visión moi interesante acerca de Latinoamérica.

Podedes lela dende aquí.

Recoméndovola porque me parece moi interesante, sobre todo porque unha das visitas diarias deste blog, Solange, fala dende o Brasil.

Achégovos tamén o trailer da película Cidade de Deus:



Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 02-12-2010 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0