Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do caso que se nos fai aos escritores galegos
O meu amigo Xosé Monteagudo di que comparte comigo a diagnose en cinco puntos que fixen da literaura galega como resposta á pregunta

Cre vostede que se lle fai o suficiente caso aos escritores de Galicia?

que me fixeron no blog de Galaxia.

Repito, entón, o que dixen naquel momento:

1.- Librarías: Cando un entra na meirande parte das librarías case ten que bucear (sen tubo nin gafas nin bombona, chámase apnea?)para atopar o lugar onde está agachada a literatura en galego, se é que a hai (xa non só a literatura galega: dáse o caso das traducións de Paul Auster, por exemplo, que tampouco adoitan estar á vista do cliente á beira das versións en castelán).

2.- Prensa: A literatura galega nos xornais de meirande tirada aparece (se é o caso) cara ao final, no lugar que deixan libre as esquelas (máis mortos menos libros e vice versa). Iso son as páxinas de cultura. Para a prensa do país é máis importante o nacemento dunha tenreira de cinco patas e tetos dobres que a edición dunha novela de gran calidade literaria.

3.-Televisión: Os programas de libros divúlganse a horas intempestivas (O programa dedicado ao meu Libro das alquimias en marzo de 2008 emitiuse un luns á unha e media da mañá. Audiencia potencial: sonámbulos varios e zapeadores desesperados).

4.-Público (non concienciado nin militante da causa): Cando sae o libro en castelán?

5.-Proxección internacional: 0 (cero) (menos que o viño albariño e os mexilóns)

6.-Profesonalidade: Os libros galegos (fóra de dous ou tres afortunados) están escritos no tempo de lecer dos seus autores. A profesionalidade do autor é unha entelequia imposíbel de acadar no noso sistema literario.
Que sorte tivo a J.K.Rowling de escribir os Harry Potter en inglés!
Por certo, que veña un grolo pola Rowling!
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-02-2009 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Eva Lozano
Publica Eva Lozano un artigo (2 x 1) no blog de Galaxia.
Lédeo, por favor!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 04-02-2009 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
De blogs, Anxos Sumai e Sonia Díaz
Hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro dos actos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil tiven o pracer de asistir a un "encontro" con Sonia Díaz e Anxos Sumai titulado "Soñan as androides con peixes eléctricos?".

E agora, xa na casa, ando a facer a dixestión das cousas que comentaron:

- Sabíades que hai máis de sete mil blogs en galego? Por suposto non todos son literarios. Os contidos son tan variopintos coma os seus autores. A rede está tan viva coma a sociedade que a sustenta. A lingua na rede está máis viva que o que desexarían moitos políticos do tres ao cuarto.

- Da man de Anxos viaxamos a través de marabillosas experiencias tanto súas (Anxos de garda) como de Camilo Franco (Por conto alleo) ou doutros que foron dándolle á rede interesantes e máis que dignos contidos literarios. Anxos abandonou a rede por vontade propia e deixounos un pouco orfos do seu traballo diario. Menos mal que dese traballo saíron froitos tan fermosos coma a súa Melodía de días usados, que tiven a honra de presentar en Santiago hai xa varios anos, nunha das máis fermosas presentacións ás que nunca teña asistido. Tamén grazas ao seu abandono da rede tivo a oportunidade de nos agasallar aos lectores con Así nacen as baleas.

- Visto dende o punto de vista literario, hai algo mellor que a inmediatez dun blog para poñerse en contacto cos lectores de xeito case automático? A escrita (tradicional, en papel impreso) non pode ofrecer esa posibilidade de comunicación.

- O blog é unha botella botada ao mar, dixo Sonia. Estou de acordo plenamente. Non se coñece o seu destino, pero estamos convencidos do contido da mensaxe que puxemos no interior.

- A pantalla do computador é un acuario (de aí o dos peixes eléctricos): déixanos pasmar, abráianos, incluso ás veces dános un pouco de arrepío. (Entre os peixes paiaso e a danza das medusas pasa ás veces algún animal que dá algo de medo)

- A rede ofrece mil posibilidades aínda non exploradas. Como será a literatura "on line" dentro dalgúns anos?

Seguirei a facer a dixestión...

Dicíao Miquel Martí i Pol:
"tot està per fer i tot és possible"

Aínda quedan moitas cousas por descubrir!
Mergullémonos, logo, no interior do acuario!



Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 04-02-2009 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Interesantes preguntas
Na súa bitácora Ferradura en tránsito formula X.M. Eyré varias interesantes preguntas:
Que é a literatura galega?
Que é a literatura?
Esta última arranca dun parágrafo do meu Shakespaare destilado:

"Todo apunta a que as letras, meu, as palabras, non están escritas senón vomitadas. Vomitadas?, pregunteille eu ao Willy. Como que vomitadas? Si señor. Vomitadas, devoltas, trousadas. Chámalle como queiras." (páx 113)

É a literatura unha vomitona?
Poderá ser a literatura unha borracheira?





Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 28-01-2009 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de John Updike
Acabo de saber da morte de John Updike.
Marcha un dos grandes.
Veña un grolo por el!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-01-2009 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
Poemario de Carlos Fontes
?UTOPÍA e poesía
riman máis alá
do significante
.?


O amigo Carlos Fontes presenta este vindeiro venres 30 de xaneiro ás 20:30 horas o seu poemario Quero colo, editado por Espiral Maior, na cafetería da Fundación Caixa Galicia (antigo Café Moderno) de Pontevedra.
Organiza o acto o Ateneo de pontevedra e participarán, ademais de Carlos, Miguel Anxo Fernán-Vello, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo e o amigo Francisco Castro. E como remate da presentación terá lugar unha actuación do grupo de música tradicional Tanxedoras.

Deséxolles a Carlos e aos seus poemas a mellor das singladuras!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-01-2009 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
Textos e gramática en MURIEL BARBERY

Na "Idea Profunda nº 10" do libro A elegancia do ourizo de Muriel Barbery aparecen dúas reflexións que comparto ao cen por cen.
A protagonista fala da súa profesora de lingua:
"Con ela, parece que un texto se escribise para que se poidan identificar os personaxes, o narrador, os lugares, as peripecias, os tempos da narración, etc. Coido que non lle pasou nunca pola cabeza que, ante todo, un texto escríbese para ser lido e para provocar emocións no lector. Para que vos fagades unha idea, nunca nos preguntou: ?Gustouvos este texto/ este libro?"
Un alumno da clase pregúntalle máis adiante á profesora para que serve a gramática. Ela contéstalle que ?para falar e escribir ben?.
A protagonista reflexiona: ?Dicir a uns adolescentes que xa saben ler e escribir que a gramática serve para iso é como dicirlle a alguén que ten que ler unha historia dos cuartos de baño a través dos séculos para facer pis e caca.?
Non son dúas reflexións magníficas?
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-01-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Xurxo Borrazás

Recoméndovos a lectura dun artigo que colgou o amigo Xurxo Borrazás na sección Entreculturas da revista Tempos Dixital (podédelo ler aquí).
Con esa súa admirábel facilidade para a crítica do sistema literario (tamén recomendo, como non, a lectura do seu Arte e parte, publicado por Galaxia) fai unhas interesantes reflexións acerca de escritores vivos e escritores mortos (o artigo comeza cunha lembranza a Camilo Gonsar, Ramiro Fonte e Anxo Rei Ballesteros), a "xeracións e falsas etiquetas" e ao que el denomina "Xornalismo necrolóxico". Moi bo!
Quixera destacar dúas afirmacións que especialmente comparto:
1.- "Non se pode valorar o artista como axente social porque o artista é decote antisocial, o seu é mexar nas fontes e rebentar os discursos"
2.- "A cultura entendida como herdanza é o folclore. O artista non pode pelexar nesa partilla, debe arruinar a herdanza"
Ademais é grandiosa a comparanza que establece entre as xeracións literarias e as constelacións:
"As xeracións (...) son coma as constelacións. Un selecciona seis puntiños no ceo, ignorando os puntos que os rodean, e úneos cunha liña imaxinaria ata conseguir que formen unha cabra. Dunha estrela a outra hai anos luz, se cadra algunha xa está morta, pero a partir dese momento xa todos vemos que a cabra e as estrelas móvense unitariamente, coma as mozas da natación sincronizada."
É brillante o Xurxo. Non si?
Veña un grolo por el!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-01-2009 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
REVISTA DAS LETRAS
A Revista das letras do pasado día 15 de xaneiro titúlase Novidades literarias. Quince libros para unha temporada. Unha das novelas recomendadas é o meu Shakespeare destilado.
Non podo menos que agradecer os comentarios que se fan acerca da miña obra.
Grazas mil!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 17-01-2009 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0