Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

O Platanomístico
Acabo de rematar un Obradoiro de Creación Lireraria organizado pola AELG co alumnado de 6º de primaria no CEIP "Alexandre Bóveda" de Chapela, Redondela.

De máis está dicir que o pasei verdadeiramente ben porque os rapaces son esponxas peparadas para enchouparse de novidades e coñecemento.

Foron grandiosas as súas creacións tanto en poesía como en narrativa.

Non sen antes dar as grazas á súa mestra LAURA GOLDAR, quérovos achegar un miniconto escrito por Diego Lago para que vexades o gran poder da imaxinación infantil.

Titúlase O PLATANOMÍSTICO:

Había unha vez un plátano que lle dixo un día a un dragón.
- Mátame. Son pobre. Teño trinta irmáns e morréronme vinte e tres. E todos viviamos nunha mesma palmeira. Todos os días teño que estar de loito. Aínda que teña fillos que alimentar debo morrer.
Entón o dragón dixo:
- Anda, pero se é un plátano que fala.
E comeuno.
E colorín colorado o dragón segue esfameado.


Grandioso. Non si?
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 09-05-2009 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Nera, a ferreira, de Imelda Barrio
Xa está á venda en todas as librerías de Galicia e na página web de Baía edicións o conto Nera, a ferreira da miña amiga Imelda Barrio:

Trátase dun conto de fadas que tenta rachar estereotipos e fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, polo que é un bo agasallo para todas as nenas e nenos que coñezades.

Veña un grolo por Imelda e pola súa ferreira!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 23-04-2009 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
De Jimmy Liao: A pedra azul
Falamos hai tempo de Jimmy Liao a raíz de que eu colgase no blog unha micro película, O home e o peixe, que suscitou bastantes comentarios.

Dixen naquel momento que volveriamos falar de Jimmy Liao, unha vez que tivese no meu poder algúns dos seus libros.

Por fin teño A pedra azul.

Deliciosa lectura. Deliciosos debuxos. Unha verdadeira alfaia.

Lédea por favor, que de verdade que paga a pena.

"A pedra azul xacía inmutábel no fondo da fraga a gozar do canto das aves, do arrecendo das flores ao vento, do xogo da luz entre as pólas das árbores..."

E o bosque ardeu.

"A pedra azul xacía inmutábel na profundidade da fraga estéril, coma unha balea que perdeu o seu océano..."

Unha historia que debería ser de lectura obrigada nos colexios. Un canto á saudade, á amizade e á natureza.

Poesía en estado puro cunhas ilustracións verdadeiramente fermosas.

Veña un grolo por Jimmy Liao!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 05-04-2009 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
De Roberto Saviano

Veño de rematar Gomorra de Roberto Saviano.

Supoño que dados os contidos do libro no momento de publicalo o autor valorou as posibilidades dunha vinganza por parte da Camorra, aínda que (polo que lin nalgunha entrevista) nin remotamente sospeitase que a súa via ía acabar convertida no inferno no que trocou.

A derradeira frase do libro é ben orientativa de que tiña calculado as posibilidades desa vinganza:
"-Malditos bastardos, aínda estou vivo!"

Grazas a Saviano:
- tiven coñecemento das atrocidades nas que se moven as mafias xa non só de Nápoles senón do sul de Italia enteiro: Cosa Nostra, Camorra, etc...
- souben das ramificacións desas organizacións por toda Europa adiante (Mediterráneo español, sobre todo) para branquexar diñeiro, por América Latina, para tráfico de drogas, por China para tráfico de persoas en réxime de escravitude, por Europa do Este para tráfico de armas...
- souben que cada ano morren asasinadas centos de persoas nun mundo (ese sur de Italia) no que as únicas leis que as mafias recoñecen parecen ser a do silencio e a do Kalashnikov.
- souben dos milleiros de menores que se moven por Italia adiante para vender toda caste de drogas e son cambiados de cidade en cidade para evitar a identificación policial.
- souben de como se cortan as drogas con toda sorte de sustancias e de como por mor diso morren cada ano centos de mozos e mozas nas rúas de Nápoles e arredores.
- souben de como o sul de Italia se converteu por mor das mafias no vertedoiro de sustancias tóxicas de toda a Europa máis desenvolvida.

Souben, en fin, de tantas e tantas atrocidades que convido a todo o mundo á lectura do libro, aínda que só sexa coma testemuño de solidariedade co seu autor.

Veña un grolo por Roberto Saviano!
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 24-03-2009 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
D'O peto da risa

Veño de saber que a visitante número un deste blog acaba de publicar en Galaxia O peto da risa. Falaremos del! Queda prometido.

Veña un grolo por Eva!
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 19-03-2009 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Da promoción exterior da literatura galega

Quixera achegar para o debate algunhas eivas da promoción exterior da nosa literatura:

1.- Os editores xogaron un máis que importante e sobranceiro papel na historia da literatura en tempos moi difíciles nos que publicar en galego era máis ca un acto de fe (ou militancia, se se pefire a palabra) Pero non poden quedar aí. Se unha conserveira non actualiza os seus sistemas de mercado e publicidade está condenada a desaparecer por moi bo que sexa o produto que comercializa.

2.- Non pode o sistema vivir eternamente da artesanía e da boa vontade dos autores. Cómpre procurar xeitos para poder acadar unha mínima profesionalización (hoxe unha entelequia). Que acontecería coa obra de Picasso se cada mañá tivese que ir ao colexio a dar as súas clases de plástica?

3.- Loubo moito a tradución de obras estranxeiras ao galego. Por fin podemos acceder a grandes pezas da literatura contemporánea sen termos necesidade de pasar polo español. Pero non hai xeitos de asinar contratos/convenios (chámese como se queira) que permitan o acceso dos escritores galegos a axencias literarias ou editoriais que permitan o salto ao exterior?

4.- O futuro da literatura de nós pasa pola tradución e por facernos un lugar, aínda que sexa mínimo, no exterior, por abrirnos paso para facernos ver. Ou iso ou acabar coma os troveiros occitanos.

5.- Se non hai axuda das institucións políticas (e menos agora co que nos vén enriba) cómpre atopar outros xeitos de financiamento.

6.- Ou ampliamos a pucharca onde nadamos ou a auga desaparece.

7.- Quen diga que non escribe para acadar cantos máis lectores mellor minte. (Que llelo digan a Auster ou a Murakami, mesmo a Rivas)
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 13-03-2009 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
De Haruki Murakami
Onte fun ao Casino de Santiago, realmente ateigado de xente, á presentación do último libro de Haruki Murakami (村上 春樹), Do que estou a falar cando falo de correr, que está editado por Galaxia e aparece en galego antes ca en ningunha outra lingua peninsular (todo un logro por parte dos editores, veña un grolo por eles!)

Levaba na mente cando ía no coche pola autoestrada os gratos momentos pasados coa lectura de Tokyo Blues. Norwegian Wood e Kafka na beiramar.
Nunca esquecerei os tan ben conseguidos diálogos do vello Nakata cos gatos do seu vecindario.

Pero para a miña sorpresa Murakami non contou nada interesante!
Din os xornais que "non é amigo de aparecer en público nin de recoller galardóns" pero penso que iso non lle impedía dicir aos seus devotos lectores (que alí eramos moitos) algo máis que obviedades como que lle gustan o polbo e os calamares, que dende neno ama a soidade e por iso corre maratóns, que vive en Tokyo, onde rexentaba un clube de jazz antes de poñerse a escribir, e que para facer unha boa novela fai falla talento e unha boa capacidade de concentración!

Para iso puiden ter quedado na casa.

En parte caeume un pequeno mito!

Escribirá moi ben o Murakami. Certo.
Pero falar fala de verdadeira pena!

Déixovos coa entrevista que lle fixo Camilo Franco, con quen logo da presentación compartín unha cervexa e moitas opinións.
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-03-2009 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
O verdadeiro rostro de Shakespeare
O amigo Francisco Castro envioume hoxe este link para que entrase no blog de Galaxia. Unha sorpresa. Cantas cousas dá para falar o Shakespeare!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-03-2009 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
De Jimmy Liao
Hoxe pensaba falar do entroido.
Deixareino para mañá.
A culpa tena o amigo Séchu Sende, quen onte, coma quen deixa á porta da casa unha folla caída tras o penúltimo temporal, me deu o nome de Jimmy Liao.

E abriu unha fiestra...

E boteime á procura.

E atopei A pedra azul, que fala dunha pedra azul deitada inerte nun bosque destruído polo lume. Fragméntase en dúas metades. Unha fica no seu lugar mentres a outra é levada á cidade e ten morriña da súa outra metade. Unha metáfora sobre o desarraigo e a saudade.

E atopei tamén Fermosa Soidade.

Falaremos deles...

Grazas Séchu!


Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 21-02-2009 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Da aventura de lermos
Que ten a boa literatura que sempre nos convida a ler?

Por que lemos?

Lemos para comezarmos unha viaxe que non sabemos onde vai rematar.

Lemos para deixarnos acariñar polas palabras que alguén escribiu na meirande das soidades.

Lemos para que as palabras nos leven, nos fagan voar, nos dean voltas e reviravoltas no ar.

Lemos para permitirmos que ocupe a nosa mente unha historia inventada por outro, quizais nun espazo e nun tempo moi afastados de nós, quizais xusto o contrario, escrita por alguén que habita á nosa beira nese silenzo que precisan as cousas boas para madurar.

Lemos para sentirmos vida/as a correr polos nervios nosos todos, para sentirmos pulos alleos a impulsar o noso sangue, para vermos polos ollos doutros, para escoitarmos por ouvidos que non nos pertencen.

Lemos porque estamos ávidos de sorpresa, ansiosos de aventura, sedentos de coñecementos, famentos de explicacións.

Lemos porque os libros explican o mundo que nos rodea, porque conteñen claves para podermos identificar o noso entorno.

Lemos, en fin, porque amamos viaxar!

Que ten a boa literatura que nos provoca calafríos, que nos provoca verdadeiros estoupidos de emocións?

Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 19-02-2009 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0