Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Uxío Novoneyra e o Día das Letras 2
Tal como apoiei dende este blog no pasado mes de maio a RAG acaba de propor a Uxío Nononeyra para o Día das Letras de 2010.

Veña un grolo por Uxío!
Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 05-07-2009 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
De por que escribo

Hoxe pola tarde vou gravar o vídeo para a páxina web da AELG. Teño que explicar por que escribo e logo ler dous textos, un meu e outro doutro autor.

Como texto alleo escollín un de Cousas, de Castelao. É o primeiro libro que lin en galego e deixoume unha pegada ben fonda! Vou ler o texto derradeiro, Vou contarvos un conto triste, ese que fala de Doña Micaela, que garda en tarriños de cristal "o froito merado dos seus amores"... Non sei moi ben por que pero identifico moito co ese conto algunha faceta da miña propia literatura. En fin, sería algo para discutir.

Como texto meu escollín o conto "Son unha raia" do meu libro As humanas proporcións.

E para explicar por que escribo vou ler este texto que vos achego:

Escribo dende que teño uso de razón.
E sempre o fixen en galego. Por que había de facelo noutra lingua?
Cando un é moi amigo da lectura, como é o meu caso, non é difícil que acabe intentando emular os que escribiron as cousas que le.
Co paso do tempo cheguei a crer que me nacera un manancial no interior e que tiña que abrir unha billa para deixar que a auga puidese alcanzar o exterior. Así foi como descubrín a vocación de escribir. Así mesmo, e non doutro xeito. E non sei que podería acontecer dentro de min se non abrise de vez en cando a billa para deixala manar o que ás veces son verdadeiras enxurradas de ideas. Quizais acabaría tolo. E, a dicir verdade, non me gusta moito a idea.
Non sabería dicir con moita exactitude cando escribín algo consciente de que podía ser lido por outras persoas. Quizais fose con ?Tiñádelo que ver?, un relato incluído n?As humanas proporcións. Podería dicir que logo de escribilo tiven a sensación de que ía botar unha mensaxe pola fiestra da miña casa e a saber quen podería recollela cando chegase abaixo, caso de que alguén a recollese.
Imaxinei varias opcións:
A primeira era que esa persoa que descubrise a mensaxe correría a botala na primeira papeleira que atopase maldicindo a xente que emporcaba as rúas.
A segunda posibilidade era un neno que paseaba da man de seu pai: Mira, papá, unha mensaxe no chan. Diría o cativo. Pois non a toques que a saber quen a escribiu, non vaias coller unha enfermidade. Contestaríalle o pai.
A terceira consistía nun ser romántico a camiñar entre nubes de algodón. Que beleza! Diría cando vise o meu escrito na beirarrúa, Que romanticismo! Unha mensaxe na rúa nestes tempos condenados que nos tocou vivir!
E a derradeira posibilidade chegaba da man da crítica. Fíxate que ousadía, escribiría alguén nunha crónica, escribir unha mensaxe con faltas de ortografía! Isto non vai a ningún lado!
E entón pasou algo de tempo.
Até que un día, case como por accidente, descubrín entre as miñas mans un libro escrito por min editado coma todos aqueles que adoitaba ler.
Foi un dos mellores momentos da miña vida. Dígovolo en serio.
Fíxenme unha foto e todo, rodeado dos vinte e cinco libros que me enviou a editorial... Deiteime no chan estirado e púxenos todos por riba de min. Pero logo pensei que parecía unha tumba e levanteime, así que á final fixen a foto coa lingua de fóra por iso do cansazo e cos vinte e cinco libros na man coma se fosen meniños a seren arrolados.
Así foi como empecei a escribir. Así mesmo, e non doutro xeito.
O único que agardo do futuro é que o manancial interior nunca seque e que sempre teña a posibilidade de abrir a billa.


Veña un grolo pola AELG!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-06-2009 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
De José Avello en Mariñán
Autor de dúas novelas magníficas (La subversión de Beti García e Jugadores de billar) José Avello (Cangas de Narcea, Asturias, 1943) falounos en Mariñán entre outras cousas:

- do que el denominou comportamento de evitación do ser humano, unha actitude que o leva a tentar sortear os obstáculos que vai atopando ao longo da tarxectoria da vida, e de como eses obstáculos foron precisamente os que o levaron a escribir por primeira vez.

- de que entende a literatura como algo que pode dar orde ao caos no que vive inmersa a sociedade, algo que pode dotar de sentido á realidade (Non vos parece magnífica a idea?)

- da necesidade de distanciarse dos personaxes unha vez creados para poder involucrarse neles.

- do doloroso que resulta rachar páxinas escritas (eu permitinme comparalo cunha amputación)

- das dúas cousas que máis interesan no intre da creación literaria: a espontaneidade e unha boa dose de autoengano.

- da necesidade de meditar acerca do que un escribe. (Será iso aquilo que os románticos chamaban inspiración?)

Unhas ideas moi interesante para unha longa conversa.

Veña un grolo por Avello.

Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-06-2009 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Dos diálogos de Mariñán
Xa estou de volta de Mariñán!

E aínda teño na boca o bo sabor que me deixou a estadía nos diálogos da Fundación Carlos Casares, a quen volvo agradecer que me convidasen.

En Mariñán houbo momentos para todo, pero quixera resaltar algunhas cousas que nunca vou esquecer:

- a poesía recitada por ela mesma da poeta catalana Laia Noguera, que tamén me agasallou coa súa amizade (Per molts anys!). Recoméndovos o seu libro No et puc dir res.

- A poesía portuguesa de Nuno Judice (especuialmente un poema no que di que o porco vive na caverna de Platón.

- O poema acerca dos paxaros de Kirmen Uribe, que fixo un recital en éuscaro e castelán realmente abraiante, cheo de sorrisos e amizade.

- O xantar compartido, entre outros, con Yolanda Castaño, con quen tiven unha longa e grata parolada.

- A mesa redonda que tiven a honra de moderar
entre José Avello e o meu amigo Antón Riveiro Coello, que estiveron estratosféricos. Foi tan interesante que non houbo tempo para máis intervencións por parte dos asistentes. Saímonos do tempo establecido! (Xa vos contarei)

- A voz de José Saramago, tan velliño como lúcido.

- A boa conversa de María Xosé Queizán, Xavier Rodríguez Baixeras, Gonzalo Navaza, Xurxo Borrazás e Manuel Forcadela entre outros.

- Os paseos polos xardíns do Pazo no tempo de lecer.

- As longas paroladas destiladas até as tantas da mañá.

- A cea na Praza de María Pita d'A Coruña....

Volveremos falar de Mariñán. Por suposto. Queda moito por contar.

Veña un grolo pola Fundación Carlos Casares, en especial por Gustavo e por Kristina!
Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 08-06-2009 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
Diálogos literarios de Mariñán
Despídome de todos vós até o vindeiro venres día 5 de xuño.

Non vou actualizar o blog nestes días porque marcho ao Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña) convidado pola Fundación Carlos Casares para participar nos seus VI Diálogos Literarios, onde, entre outras cousas, terei a honra de moderar un coloquio entre o meu amigo Antón Riveiro Coello e o escrito asturiano José Avello baixo o título "As historias da vida".

Podedes consultar o programa aquí.

Xa vos contarei.

Deica logo!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 01-06-2009 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
De Yolanda Castaño no Xornal de Galicia
Baixo o título "A lingua do máis débil" publica hoxe Yolanda Castaño un máis que fermoso artigo no Xornal de Galicia.

Comeza con estas palabras:

"QUERO APRENDER a lingua do máis débil. A outra xa ma chantarán na carne con agullas, xa ma inocularán coma vacina obrigatoria, xa ma meterán na boca sen facer preguntas, xa ma enquistarán entre as febras dos músculos sen apenas darme conta. Irá nunha pílula imperiosa que fará niño nos estómagos, revestida de placebo. Química ilusoria, tragaráse con auga e fará sentir a todos ben."

Lédeo aquí, porque de verdade paga a pena.

Veña un grolo por Yolanda!

Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 29-05-2009 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
De Uxío Novoneyra e o Día das Letras
Aínda que nunca cansarei de dicir que no me gusta o xeito de celebrar as Letras Galegas nos dezasetes de maio, por iso de que no entendo que haxa que homenaxear a un escritor que leve morto polo menos dez anos*, quero dende aquí apoiar que o vindeiro homenaxeado sexa Uxío Novoneyra, tal como está a pedir o colectivo Amigos de Uxío Novoneyra, que acaba de entregar á Real Academia Galega un documento no que pide que se lle dedique o dezasete de maio do vindeiro ano 2010.

Veña un grolo por Uxío!

Flores de maio
nevando nos mazairos
pre que ún quede inda máis quedo
que ollandovos no alto


* Un autor ten que cumprir tres requerimentos para ser candidato: ter obra relevante en galego (obviamente), levar falecido dez anos (?) e ter o apoio de polo menos tres membros da Academia.
Comentarios (7) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-05-2009 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
De Umberto Eco e os libros

Achego unha fermosa frase de Umberto Eco en defensa dos libros en papel fronte aos dixitais:

"Se tivese que deixar unha mensaxe de futuro para a humanidade, faríao nun libro de papel e non nun disquete electrónico"

E por que di isto?

Acaba de presentar un novo libro que se titula Non esperedes librarvos dos libros no que di o seguinte:

"os disquetes de computador non existirán dentro de trinta anos mentres que os libros de mil anos de antigüidade consérvanse incunábeis"

E ten toda a razón do mundo!

Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-05-2009 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
De Mario Benedetti
Grazas, Mario, polas túas palabras.
Grazas mil.
De todo corazón!

"No existe esponja para lavar el cielo
pero aunque pudieras enjabonarlo
y luego echarle baldes y baldes de mar
y colgarlo al sol para que se seque
siempre faltaría el pájaro en silencio

no existen métodos para tocar el cielo
pero aunque te estiraras como una palma
y lograras rozarlo en tus delirios
y supieras al fin como es al tacto
siempre te faltaría la nube de algodón

no existe un puente para cruzar el cielo
pero aunque consiguieras llegar a la otra orilla
a fuerza de memoria y pronósticos
y comprobaras que no es tan dificil
siempre te faltaría el pino del crepusculo

eso es por que se trata de un cielo que no es tuyo
aunque sea impetuoso y desgarrado
en cambio cuando llegue al que te pertenece
no lo querrás lavar ni tocar ni cruzar
pero estarán el pájaro y la nube y el pino."
Comentarios (7) - Categoría: De literatura - Publicado o 23-05-2009 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
Da presentación d'O peto da risa de Eva Lozano

O venres pasado tiven o pracer de asistir á presentación d'O peto da risa de Eva Lozano na Biblioteca Pública de Ponteareas. A autora, que staba acompañada polo amigo Francisco Castro, pola ilustradora do conto, a uruguaia María Noel, que fixo unha verdadeira obra de arte, e polo alcalde e o concelleiro de cultura de Ponteareas, explicounos aos presentes como xurdira a idea de escribir o texto e como mentres escribía visualizara en todo momento a actitude dos meniños máis pequenos ao longo do seu primeiro encontro coas letras.

O libro é verdadeiramente fermoso e dende aquí quero desexarlle moitos éxitos á autora.

Non quero rematar sen agardecer a fermosa lectura pública que fixo Bernardo Carpente de diversas pasaxes do libro.

Veña un grolo por todos eles!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-05-2009 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0