Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

A praza de Jemaa el Fna 2

Velaquí tedes un dos carros onde se cociñan eses pratos exóticios dos que vos falaba.
Comentarios (0) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 02-09-2009 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
Praza de Jemaa el Fna (Marrakech)
A praza de Jemaa el Fna é o centro da vida da cidade de Marrakech.´

Trátase dunha praza realmente viva ateigada día e noite de xente do máis variopinta, dende encantadores de serpes até contacontos rodeados de persoas a escoitar e que paga a pena ver aínda que non se entenda a linguaxe na que dramatizan as súas historias.

Un home encanta serpes coa súa frauta debaixo dun parasol á beira doutro que vende dentaduras postizas de segunda man!

Unhas mulleres fan tatuaxes de henna aos turistas mentrs outro vende caracois cocidos, ou zume de laranxa, ou carne á brasa, ou calquera cousa susceptíbel de ser vedida neste recuncho do mundo único e imposíbel de comparar con ningún outro lugar que nunca teña visitado.

É ramadán este mes no mundo musulmán e a praza pola noite logo do último rezo da xornada é un fervedoiro de actividade que ninguén na cidade parece querer perderse.

Jemaa el Fna, declarada patrimonio da humanidade, é o pórtico de entrada aos zocos, dos que falaremos un destes días, ese laberinto de rúas que se entrecruzan para conformar o corazón da Medina, onde os latexos da vida presiden o día a día da cidade.

Jemaa el Fna é moito maís ca unha simple esplanada, é a praza maís famosa do Magreb, coñecida tamén entre os marroquinos co nome de "Praza da Nada" ou "Asemblea dos Mortos", porque no pasdo era o lugar onde se exhibían as cabezas e os corpos dos executados.

O mellor é contemplala mentrtes se saborea un té de menta na terraza dun dos varios cafés que a rodean para facerse unha idea das súas enormes dimensións.

Cada solpor a loucura invade o centro da praza, que se converte en escenario dunha longa variedade de actividades. Son bailaríns e músicos que enchen o ambiente de sons, son adivinos que din poder ver o futuro e prometen todo canto poden, son sacamoas, son amestradores de monos, son escribáns públicos que redactan escritos para a xente...

Dende o amencer até ben entarda a noite instálanse no centro da praza unha infinidade de vendedores que cociñan nos seus carros toda caste de mercadorías que sirven aos comensais en bancos de madeira que farían lembrar ás nosas pulpeiras se non fose polo exotisnmo dos pratos que cociñan.

A praza é, de verdade, un balbordo, unha catarata de xente a entrecruzarse, un espectáculo digno de contemplar.

A fotografía que vos achego está sacada dende a terraza do Café de la Place. Se a examinades con atención quizais sintades o balbordo que reinaba no lugar nese momento.

Estou seguro.

Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 02-09-2009 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Biblioteca de Celso. Éfeso (Turquía)

O primeiro que me vén á cabeza cando penso nas ruínas de Éfeso é a tremenda calor que ía cando as visitei, tan abafante que a policía turca pasaba de cando en vez por xunta de nós e nos ofrecía uns panos húmidos que sacaban e dentro dunha neveira desas que se levan á praia.

Éfeso a grande.
A magna Éfeso.

Éfeso fundada por Lisímaco, sucesor de Alexandre para rendir culto a Cibeles, deusa nai dos anatolios.

No interior da cidade atópase a gran Biblioteca de Celso, reconstruída grazas a un grupo de arqueólogos alemáns que pasaron o enorme traballo de recompoñer un crebacabezas de pedra xigante.

Canto saber deberon de almacenar as súas paredes.
Cantos eruditos deberon de botar horas e horas a estudar os seus pergameos.
Contas conversas agachadas entre as pedras.
Cantos segredos ocultos entre as areas do chan.

Éfeso grande.
Magna Éfeso.
Comentarios (5) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 12-06-2009 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Kekova (Turquía)

Propóñovos unha viaxe, aínda que sexa virtual, á illa de Kekova, no sul de Turquía, na costa mediterránea, un lugar marabilloso por moitos motivos:

-Porque só se pode chegar en barco, motivo polo que aínda se poden atopar moitas caliñas baleiras onde un pose darse un baño espectacular.

- Pola claridade das súas augas, que permiten ver dende o barco as ruínas da antiga cidade licia de Simena, que quedou asolagada hai mitos séculos.

- Polo ben que sabe a comida en calquera das dúas cantinas da vila de Kaleköy, chantadas a pé do mar e envoltas no arrecendo da leña queimada e o peixe grellado.

- Porque un pode revivir en soños as loitas dos piratas turcos que se agachaban nas súas costas.

- Porque dar un paseo entre tumbas licias (algunhas dentro da auga) é unha experiencia imposíbel de esquecer.
Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 30-05-2009 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
La Scala dei Turchi (Sicilia)

Vai achegándose o verán con esa calma que adoita tomar sempre o bo tempo por chegar ás nosas casas.

Propóñovos unha viaxe a unha praia única no mundo e por fortuna afastada (por canto tempo?) dos percorridos turísticos polo sul da illa de Sicilia.

Está preto da cidade de Agrigento e chámase Scala dei Turchi ("escaleira dos turcos").

Trátase dunha praia fermosísima a pé dun acantilado completamente branco de cal e pedra calcárea onde a erosión debuxou (ou esculpiu?) unha sorte de escaleira pola que se pode camiñar. De aí o nome. (Ninguén soubo explicarme por que se chama "dos turcos")

Paga a pena a visita porque é un deses lugares onde ademais dun bo baño tamén se lle pode dar liberdade á imaxinación.
Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 22-05-2009 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Catacombe dei Cappuccini. Palermo (Sicilia)
A orixe das catacumbas dos Capuchinos, na cidade de Palermo, en Sicilia, remóntase a finais do século XVI (O primeiro enterro producíuse no ano 1599)

As catacumbas son un lugar verdadeiramente sobrecolledor. Acollen milleiros de cadáveres de frades e de persoeiros da cidade que tiñan cartos abondo para facerse momificar.

Nos corredores os mortos están colocados en cadaleitos destapados ou pendurados das paredes de xeito que o visitante camiña entre eles.

Hai seccións para os nenos, para as virxes, para as mulleres, para os varóns, para os sacerdotes, para os profesores e para os artistas.

Especialmente impactante é a capela dos nenos, que, en medio de outros dous ataudes con nenas, acolle o cadaleito da pequena Rosalia Lombardo,(a da fotografía) que morreu de pneumonía no ano 1920 e semella estar durmida. Foi a derradeira incorporación a esta especie de museo da morte. Seus pais pasaben cada certo tempo polas catacumbas para peitear o cadáver e para vestilo con roupas novas. Por iso a pequena loce ese lazo no cabelo.

As momias, en diferentes estados de conservación, están todas vestidas coas súas mellores galas: uniformes militares, vestidos de seda...

Unha máis que interesante visita se se viaxa a Sicilia.

Non apto para sensibilidades febles.
Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 19-05-2009 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
The Burren (Irlanda)

Son un namorado de Irlanda. Hei recoñecelo. Teño viaxado alí moitas veces e sempe que vou descubro algo que antes non vira.

Propóñovos unha viaxe virtual a una zona chamada The Burren, no condado de Clare, a metade de camiño entre as cidades de Galway e Limerick.

O nome procede da palabra gaélica bhoireann, que é algo así como "terra chea de rochas", porque diso se trata, dun territorio rochoso e árido.

Tan árido que arredor do ano 1640 Oliver Cromwell o describiu coma "un territorio salvaxe (aínda conserva algo dese encanto) onde non se pode atopar auga abondo para afogar un home, nin unha árbore onde aforcalo, e nin sequera terra onde logo enterralo".

E é certo!

Trátase dun terreo onde non existe vexetación ningunha (algo insólito en Irlanda) porque non hai terra, senón unha inmensidade de rocha calcárea rota por millóns de fendas.

En medio e medio da deserta meseta de pedra aínda resiste o paso do tempo o vello dolmen de Poulnabrone a desafiar o implacábel transcorrer os séculos.

Se tedes a oportunidade non deixedes de visitalo.

Habedes ficar abraiados.



Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 17-03-2009 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
A calzada do xigante (Irlanda)
O xigante Fionn mac Cumhail constuíu na costa do condado de Antrim na rexión do Ulster, en Irlanda,
unha calzada para abrirse paso a través do mar e chegar canda a súa amada, que vivía na illa de Staffa, en Escocia.

Non conta a lenda se os amantes chegaron a reunirse, pero o que podo asegurar é que as obras do xigante deron lugar á costa máis singular que vin na miña vida, un lugar ideal para liberar a mente e deixala voar polos roteiros da imaxinación mentres se escoita o ruído do mar a bater co forza contra a costa.

Un lugar para soñar!

Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 15-03-2009 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
As mulleres de Parvati

Hai xa case tres anos, cando unha miña amiga regresou dunha viaxe (coido que a primeira) á India, envioume unha carta que contiña a fotografía que vos achego.
No reverso escribiu:

"Esta foto que che envio é a gran pregunta que me naceu da viaxe."

E non había máis texto.

Mirei e mirei a fotografía ao longo de moitas horas. Dinlle voltas e máis voltas. Mesmo espertei pola noite para mirala. Gardeina nun peto do abrigo e leveina comigo ao traballo.

Que andaban a facer aquelas mulleriñas todas na lameira, enfouzadas até as orellas?

Envieille entón unha carta de resposta que tamén contiña un só comentario:

"Que lonxe desas trastornadas que loitan espidas na lama para que a un grupo de tarados lles pingue a baba nos países da opulencia. Ouh bendito Centro Comercial que habitamos!"

Aos poucos días recibín unha nova carta:
Son a mulleres de Parvati.

Metinme eu no google e atopeino:
Parvati, "Ela a das montañas", (esposa de Shiva e nai de Ganesh e Murugan) simboliza por si mesma as boas virtudes.

Miña amiga explicoumo noutra carta:

Esas mulleres buscan o pendente que perdeu Parvati na Terra. Esa pirámide escalonada e invertida que fura a terra cara a dentro é o lugar onde concentran a busca. Buscan aí o pendente perdido da deusa todos os días de todos os meses e de todos os anos.

Cal é o sentido da vida?
Era polo visto a pregunta que miña amiga se fixera á volta da viaxe (coido que a primeira) á India.

Para as mulleres da fotografía que miña amiga me enviara o sentido da vida consistía en atopar un pendente perdido na lama!
Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 05-03-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Mont de Saint Michel (Normandía - Francia)
De cartón son as ovellas
de mentira,
todas elas
de cartón pedra,
rodeado de mar por todas partes
agás no aparcadoiro
o monte é unha illa,
turistas a gabear polos muros da abadía
O monte é unha illa,
unha illa de cartón
a aboiar polas augas
dos mares de Normandía,
unha illa con ovellas
de mentira.


Rodeada de mar por todas partes
menos por unha que se chama
aparcadoiro
a aboiar suave
polas augas de Normandía
o monte é unha illa
de cartón pedra,
de mentira,
decorado para xaponeses
famentos de fotografías.
De cartón pedra son as ovellas
e de cartón pedra as xentes
que gabean polos muros da abadía.
Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 25-02-2009 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0