Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Christo Javacheff e as súas embalaxes
Agora que estamos en tempo de agasallos e de embalaxes feitas con fermosos papeis non podo menos que evocar o artista que se dedica a "embalar" grandes monumentos e mesmo paisaxes completas.

Falo de Christo Javacheff, normalmente coñecido como Christo, a secas, que normalmente traballa na compaña de Jean Claude, a súa esposa.

Se queredes visitar unha boa colección da súa obra podedes facelo dende aquí ou dende aquí.

Destaco o "empaquetado" da Pont Neuf de París ou do Reichstag de Berlín.

Prodúceme verdadeira admiración que alguén poida realizar un traballo tan singular e tan efémero, un traballo que só vai durar un tempo e do que para a posteridade apenas van quedar unhas fotografías.

Para cando o "empaquetado" da Catedral de Santiago?

Encantaríame vela!
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 20-12-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Impresionistas na Fundación Mapfre
A Fundación Mapfre ten colgada na rede unha exposición moi boa acerca do impresionismo. (Trátase da guía dunha exposición real aberta ao público na súa sede de Madrid.)

Se queredes facer unha visita a esa exposición virtual podedes facelo dende aquí.

A verdade é que resulta moi grato "viaxar" por todos eses cadros.

Clicade en "planta baixa", "planta alta", movédevos co cursor... Hai cadros co "i" de información. Podedes amplialos?

Un luxo. A visita é case real.

Boa viaxe!
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 05-12-2010 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Do legado de Manfred Gnadinger en Camelle
Tiven hai pouco a oportunidade de pasar uns días na Costa da Morte e unha mañá achegueime á vila de Camelle.

Xa visitara Camelle con anterioridade.

Pero fora antes do desastre do Prestige, o que quere dicir que foi antes na morte de Man.

Podería gustar o non a montaxe artística levanatada ao longo de moitos anos por Manfred Gnadinger na costa da vila (sobre gustos píntanse cores), pero non hai dereito ningún a que as institucións TODAS deixasen que a súa obra esmorecese do xeito en que o fixo.

O legado de Man na costa de Camelle converteuse nun vertedoiro de lixos variados.

A súa vivenda está en ruínas!
As pedras perderon as fermosas cores coas que o artista as pintara!
Ninguén volveu podar as prantas!
E así un longo etcétera que fixo que me caese a alma aos pés.

Sempre contemplara o lugar co orgullo de saber que estaba perante unha singularidade digna de preservar.

Lástima que as autoridades competentes non pensasen o mesmo!

Se queredes saber máis da cronoloxía desta vergoña podedes facelo aquí.

Quixera dende aquí render unha homenaxe a Man e denunciar o estado no que se atopa o seu legado na costa de Camelle.

Achégovos uin fermoso vídeo que atopei na rede acerca do tema.

A canción que soa é de Joan Isaac e a letra di:

Novembre abría os seus brazos
e ti espido, coma cada mañá,
procurabas polas rochas
o rastro do teu paraíso.

Onde están os paxaros de ás brancas,
onde está o salvaxe rumor,
onde está a memoria mariña
da escuma e do nordés?.

E mudo mentres contemplabas a traxedia
lembrabas cando fuxiras
daquela Alemania neboenta
onde nada tiña sentido.

Pero Manfred, que lle fixeron ao mar?
que a auga se tinguiu de morte,
que chegan á praia ondas de vergoña
que o emporcan todo.

Pero Manfred, que lle fixeron ao mar?
que che arrincaron do corazón
con lanzas de miseria
a atlantica beleza que o asolagaba todo.

Novembre abría os seus brazos
e ti espido, coma cada mañá,
procurabas polas rochas
o rastro do teu paraíso.

Pero quen foi capaz de che roubar
o soño do mar infindo,
a vida a bañarse na praia
e o berro abisal dos golfiños.

E din as meigas mariñas
que te ven camiñar polos cantís ,
unha sombra entre tebras, vestido de nuez,
e un mar de tristura nos ollos.




Comentarios (8) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 01-12-2010 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
O Gudea de Lagash
O Gudea, ensi ou patesi era algo así como un rei-sacerdote da cidade de Lagash, un cargo que polo visto exerceu ao longo duns vinte anos (2144 a.C.-2.124 a.C.) no periodo que na arte se coñece como neosumerio.

Durante o seu reinado amosou máis interese pola cultura (especialmente a literatura) que pola guerra, algo nada habitual na época que lle tocou vivir.

Só tiña un defecto: era un ególatra de tal calibre que se conservan coma vinte e tres estatuas súas en diferentes posturas.

Grazas a iso o seu rostro chegou a nós a pesares do paso do tempo.

A imaxe que vos achego pertence a unha desas estatuas, por suposto de autor anónimo, que se atopa no Museo do Louvre.

Por que a achego?

Pois porque cando enviei o meu Libro das alquimias ao premio Torrente Ballester o pseudónimo que utilicei na plica foi precisamente o de "Gudea, príncipe de Lagash".

E deume sorte.

Fóra do anecdótico é unha estatua que sempre espertou a miña admiración (quizais por iso de que está sentado coma a miña avoa Manola, sempre coas pernas tapadas cunha manta...)

Ególatra ou non, admiro esa parte cultural do reinado deste Gudea. Moitos políticos actuais deberían de tomar boa nota.

A cultura sempre é máis importante cá guerra.

É máis: a cultura pode evitar moitas guerras!


Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 30-11-2010 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Cabeza de home con pequenas figuras
Fixádevos que xoia de debuxo atopei hoxe na web de The Frick Collection de Nova York.

Deixoume abraiado!

Trátase dun debuxo de José de Ribera pintado nalgún momento do século dezasete (Ribera naceu en 1591 e morreu en 1652)

Non vos parece un tema fascinante para o tempo do que data?

Aínda faltaban tres séculos para que Salvador Dalí andase por aí a fachendear de surrealismo!

Non dá para moito pensar a temática do debuxo?

Cantas veces sentín na miña propia cabeza o peso dos personaxes das cousas que escribo todos a se mover dun lado para outro sen parar, noite e día e día e noite!

Veña un grolo por Ribera, Lo Spagnoleto ("o españoliño". Non digades que non ten graza o alcume!)



Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 03-10-2010 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
A cadeira xigante de Moaña
Esta semana apareceu unha cadeira xigante (catro metros de alto) no cumio dun monte de Meira, no Concello de Moaña.

Trátase dunha cadeira de grandes dimensións que alguén instalou no lugar como experimento artístico para ver como era a reacción da xente.

A idea era que os autores da instalación quedasen no anonimato.

A reacción da xente foi moitísimo máis aló do que calquera puidese ter imaxinado.

Iniciouse unha auténtica peregrinación de veciños até o cumio do monte para ver a cadeira. Hai incluso quen bromeou cun "novo xacobeo laico".

Pero sabedes que pasou?

Pois pasou que o dono dunha inmobiliaria local (Campos y Celay) dixo que fora el quen instalara a cadeira no cumio do monte como xeito de publicidade!

E xornais, radios e televisións (non só galegos) fixérono pasar por autor da instalación artística.

Iso trastocou os plans iniciais dos promotores da obra, que querían manterse noa anonimato, e moi enfadados decidiron desmentir ao dono da inmobiliaria.

Os autores da xenial idea son Xulio Lago e Roberto Brañas, do grupo cultural Labra.

O seu obxectivo, segundo as súas palabras, era "pór no monte unha antena de arte que transmitise optimismo á xente".

O malo foi que se lles colou "unha interferencia inmobiliaria con moita cara e moi dura".

Benvida sexa a boa iniciativa dos artistas!
Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 24-09-2010 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
Roy Lichtenstein: O bico
Logo de canto nos deu que comentar o cadro dos amantes de René Magritte nestes días pasados, propóñovos outro bico.

(Trátase do bico pintado por Roy Lichtenstein no ano 1962).

Aquí non hai caras tapadas coma en Magritte.

Todo o contrario.

Hai beizos moi vermellos.

E hai unllas pintadas.

E hai guedella loira.

E hai uniforme de aviador.

E hai ollos pechados...

E hai un avión...
Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 20-09-2010 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
René Magritte: Os amantes
Achégovos un cadro de René Magritte que sempre me fascinou: Os amantes.

Que tipo de bico están a darse?

Doce?

Amargo?

Acéptanse opinións.





Comentarios (8) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 17-09-2010 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Das Cartas a Théo
O 29 de xullo de 1890, nun campo de trigo de Auvers sur Oise, Van Gogh disparouse un tiro no peito.

Nun dos petos do cadáver estaba, incompleta, a derradeira carta a seu irmán Théo.

Esas oitocentas cartas, case nada, de Vincent a Théo, escritas con ao longo de vinte años (dende 1872 até a morte do pintor en 1890), constitúen ao mesmo tempo unha autobiografía e unha exposición de principios estéticos.

Vincent abre os segredos da súa alma e exponlle a Théo as súas ilusións e os seus proxectos.

Achégovos tres parágrafos desas cartas:

"Estou sempre atrapado entre dúas correntes de pensamento, a primeira son as dificultades materiais, sempre á procura do camiño correcto que teño que tomar para sobrevivir, e despois está o estudo das cores. Algún dia espero atopar algo..."

"Non é moito máis doado facer unha boa pintura que atopar un diamante ou unha perla. Pintar significa problemas e cómpree arriscar a vida por eles"

"Non son quen de evitar que as miñas pinturas non se vendan. Chegará un tempo no que a xente poderá comprobar que son moito maís có prezo que paga por elas"

Polo menos interesantes, non credes?

Non dan moito que pensar?
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 14-09-2010 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
De Vincent Van Gogh
A propósito inserín no meu escrito de onte un cadro de Vincent Van Gogh.

Inauguro categoría con este verán que remata.

En Casa Van Gogh falaremos de artes plásticas.

Achegarei todo canto en min poidan producir un cadro ou unha escultura, ou unha performance que teña visto, ou o que sexa, para poder compartir con todo o mundo esas sensacións moitas veces tan gratas e tan reconfortantes e non deixalas agachadas dentro de min.

E agradecerei, como non, as vosas suxestións. Cando vexades algo que vos guste de verdade facédemo saber e falaremos. (Unha das grandes cousas da web son os museos virtuais!)

E por que lle poño de nome Casa Van Gogh?

En primeiro lugar, como non, porque Vincent Van Gogh é un dos meus artistas favoritos tanto dende o punto de vista estético cama dende o humano.

Só de pensar que morreu pobre coma unha rata para que hoxe os seus cadros se vendan por cantidades que raian na obscenidade danme verdadeiros arrepíos.

O da casa vén por un libriño despregábel que merquei hai moitos anos en Londres que reproduce a casa onde o pintor vivía en Arles.

Veña un grolo por Vincent Van Gogh!
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 09-09-2010 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0