Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Artur Barrio: Livro de carne
O artista portugués nacionalizado brasileiro Artur Barrio vén de ser distinguido co Premio Velázquez.

Artur barrio, un home moi comprometido con cuestións de carácter político, utiliza nas súas obras lixo, ouriños, ósos de matadoiros, teas, carne... en referencia, entre outros, ao concepto de ditadura.

Achégovos o Livro de carne, unha das súas obras máis famosas.
Comentarios (1) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 11-05-2011 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición online de fotografías

Non sen un gran orgullo pola miña parte convídovos a visitardes a exposición virtual de fotografías de Madrid feitas polo meu fillo Raúl e recomendada por Viviendo Madrid no seu último boletín.

Gozade delas.
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 18-03-2011 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
De Jacques-Louis David: A morte de Sócrates

No ano 1787 Jacques-Louis David (París, 1748-Bruxelas, 1825) reflectiu neste cadro, que está no Metropolitan Museum of Art de Nova York, a súa visión da morte de Sócrates, condenado a morrer bebendo cicuta por terse manifestado en contra da crenza nos deuses ancestrais dos atenienses e por "corromper a mocidade".

Critón é o discípulo que pon a súa man na perna do mestre coma xe quixese facelo desistir.

Á esquerda aparece Platón, sentado e abatido.

Un carceleiro dálle a copa de cicuta cun aceno de tristura ou vergoña.

O propio Sócrates, que se ergue con xesto decidido está disposto a tomar o veleno tras pronunciar un discurso sobre a inmortalidade da alma.
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 16-03-2011 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
De Álvaro Bahamondes

Álvaro Bahamondes é un artista do Uruguai residente en Ilha Bela, no Brasil, dende hai máis de trinta anos.

Bahamondes desenvolve un traballo artístico usando chatarras que encontra en talleres automobilísticos e que xa non serven para máis nada.

Solda peza por peza e dá vida ás súas esculturas, que representan animais mariños en perigo de extinción.

Todos os animais que constrúe teñen unha bágoa nun lado da faciana a xeito de chamada de socorro.

Non podía ser doutro xeito.

Vaia un grolo por Alvaro Bahamondes!
Comentarios (6) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 10-03-2011 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
De Raúl Constela: Na sociedade dos porcos

Ouso inserir na Casa Van Gogh un debuxo de meu fillo Raúl feito o día vinte e dous de febreiro de 2004 na servilleta dun restaurante da vila portuguesa de Sintra.

Era o entroido.

Non sei o que puido pasarlle pola cabeza (tiña uns once anos) para reflectir en poucos minutos esta sociedade na que o porco ocupa o lugar dos homes.

Como se celebraría o carnaval?

De quen serían as orellas que se comerían?

De quen os lacóns e as cacheiras?

De quen?
Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 08-03-2011 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Girolamo Genga: Martirio de San Sebastián
Este cadro vén a conto do artigo anterior, no que falabamos de The Cranberries.

Este é o cadro no que está inspirada esa escena na que a Dolores O'Riordan aparece rodeada de nenos con frechas.

O cadro de Girolamo Genga (1476-1551) exhíbese na Galleria degli Uffizi de Florencia.
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 02-03-2011 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
De Richard Hamilton: Exactamente que é que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan atraíntes?
Richard Hamilton foi o autor deste cadro que se considera a primeira obra do que logo se coñecería co nome de pop art.

Trátase dunha arte absolutamente urbana que recolle imaxes que nos resultan familiares porque os autores consideran que pode haber beleza en cualquera obxecto que nos rodea.

O suxestivo título do cadro que vos achego, feito coa técnica do collage, é Exactamente, que é o que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan atraíntes? (Just What Is It that Makes Today's Homes So Different, So Appealing?)

Dá para moito comentar, non si?
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 17-02-2011 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Claude Lagoutte: Journal Indien
Trouxen de Burdeos na cabeza a imaxe dun cadro moi fermoso pintado polo pintor Claude Lagoutte (1935-1990), nado precisamente nesa cidade.

Vin eses cadro no Museo de Belas Artes, unha pinacoteca pequena pero moi interesante.

Titúlase Journal Indien, Diario indio.

Claude Lagoutte era un gran viaxeiro e ao longo dunha das súas viaxes pola India no ano 1970 decidiu plasmar nesta obra todas as cores que ía descubrindo cada día.

Pintou fitas e máis fitas de cores rechamantes e despois coseunas todas até formar esta marabillosa pintura.

Dende logo o Journal Indien plasma á perfección a súa percepción as cores todas da India.
Comentarios (3) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 02-02-2011 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Agnolo Bronzino: Retrato alegórico de Dante
Velaí vai un cadro de Agnolo Bronzino no que aparece Dante Alighieri a contemplar a montaña do Purgatorio cuns loureiros na cabeza e un exemplar da súa Divina Comedia na man.

Adoro eses cadros alegóricos, esas paisaxes imposíbeis construídas con aparencia de posíbeis.

Non dan ganas de facer unha excursión a esa montaña un día que faga sol?

Quen se apunta?
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 14-01-2011 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
De Banksy e o museo da rúa
Ninguén sabe quen é Banksy, pero se trata dun dos artistas máis internacionais deste noso mundo para ben ou para mal tan globalizado.

En realidade tamén se di que Banksy non é unha única persoa senón un grupo de artistas, pero non sei até que punto isto pode ser certo, xa que hai testemuñas que din que ten o cabelo louro e é inglés, de preto da cidade de Bristol.

O máis interesante de Banksy, de todos xeitos, e ademais da enorme calidade da súa obra ás veces efémera, é precisamente este anonimato que lle permite moverse dun país a outro sen levantar sospeitas nin arremuiñar ao seu redor unha nube de críticos de arte e fotógrafos de prensa.

A súa obra (a súa pegada) vai ficando por todos os lugares polos que pasa, polo que non necesita de galerías nin museos.

O museo é a rúa.

E iso é o que a fai grande.

Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 29-12-2010 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0