Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Bali 3: Pura Luhur Uluwatu
A terra sempre remata e dá lugar ao mar. Sempre. E adoita de xeito abrupto.

Por iso en cada lugar a onde se viaxe hai un punto en que a inmensidade dos océanos impón a súa bravura contra as rochas da costa. Por iso hai unha Fisterra e tamén un Land's End, e quen sabe cantos lugares máis con nomes semellantes.

En Bali ese lugar está na península de Bukit Badung, no extremo sul da illa, onde o sacerdote xavanés Danghyang Nirartha, o renovador do hinduismo balinés, mandou renovar un templo construido no século XI, que é un dos maís abraiantes de cantos se construiron na illa, precisamente polo lugar onde se atopa, á beira mesma dos acantilados onde para os balineses a terra remata (a súa Fisterra).

Cando alguén morre, di o hiduismo, a súa alma vai atopando diversas reencarnacións até que hai un momento en que se evapora, e ese momento chámase moksa.

Pois ben, a alma de Danghyang Nirartha evaporouse precisamente en Uluwatu. Sóuboo por unha revelación dos deuses: "Obterás a túa liberación en Uluwatu".

No templo de Uluwatu e nos seus inmensos xardíns (un anaco de monte moi fermoso á beira dun altísimo acantilado calcáreo contra o que bate o mar cunha forza desmesurada) os monos corren, saltan, xogan e acicálanse ao seu antollo sen que ninguén ouse molestalos e cómpre andar con nmoito coidado de que non che rouben algo que poidas levar na cabeza ou nos petos, ou mesmo unha cámara de fotos ou un bolso. Todo ten o seu atractivo, non?

Poderei dar creto ou non á historia de Danghyang Nirartha.

Pero nunca esquecerei as cores do solpor en Uluwatu.

Nunca.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 17-08-2010 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 2: A danza legong
Só para que entredes en situación un pouco de danza legong, que con música dunha orquestra gamelán (básicamente percusión) narra historias extraídas do libro de Ramajana que falan de criaturas bondadosas raptadas por monstros para despois seren liberadas por deuses e heroes)

Principalmente na cidade de Ubud, no interior, pódense presenciar magníficas representacións desta mestura de danza e teatro.

Descoñezo onde remata a arte da danza e comeza a relixión (ou vice versa). Todo o corpo baila, dedos das mans e dos pés e ollos incluidos. Hai milleiros de rapazas que soñan con chegaren a ser balilarinas de legong, unha arte case ximnástica que require longas horas de duro adestramento.

Nós, os occidentais, só podemos deixarnos levar pola música e a estudada estética do baile.

Comentarios (6) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 16-08-2010 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 1: A illa
Bali é unha illa pequeniña que navega orgullosa de si mesma e sen ningunha caste de complexos en medio de illas xigantes e fachendosas da súa enormidade no arquipélago que constitúe a Indonesia, un estado aínda moi novo logo da independencia de Holanda hai nada: no ano 1949.

Bali é unha illa de maioría hinduísta (única na Indonesia) en medio do maior estado musulmán do planeta. Custa traballo concibir como pode ser que os trescentos millóns de musulmáns que poboan Indonesia non engoliron o hinduismo de bali dunha soa atacada. (Os balineses son apenas unha minoría de tres millóns de persoas nun país de trescentos!)

Precisamente neste hinduismo, nesta relixión que dun xeito bastante primitivo (non se cuestiona nada nunca) invade todos os minutos e todos os segundos da vida dos balineses reside o seu principal sinal de identidade e o da súa terra, nunha relixión animista que permite que a illa estea chea de divindades por todsa parte, porque todo é merecedor dunha ofrenda a calquera momento do día: o mar, as árbores centenarias, o ceo, os inmensos arrozais, as almas dos mortos que agardan para ser liberadas, as pedras, os morcegos, as serpes... Os deuses están por todas partes e a súa presenza non escapa nunca da mente dos visitantes, porque todo fai lembrar que están aí: os templos, as árbores vestidas, os altares en medio dos campos de arroz, os cestiños con ofrendas mesmo nas oficinas do aeroporto de Dempasar, as variñas de incienso a arder non lugares máis inesperados (no interior dun taxi, por exemplo), nas fervenzas de auga que se fan omnipresentes nas paisaxes húmidas da illa, nos monos que campan a libre albredrío polos montes e polos templos...

Os balineses viven felices (quizais "dopados" por ese fenómeno relixioso) neste paraíso que nunca perderon (só coa presenza dos holandeses), nesta terra fértil coma ningunha outra, onde a vexetación viste as tonalidades todas da cor verde: coqueiros, plataneiras, cafetais, arrozais, as especias todas... A imaxinación nunca concibira tal espectro de tons.

Bali é terra de ulidos e de sabores, de comidas exquisitas e de mar. Mar por todas partes (non podía ser doutro xeito nunha illa, claro). Ao sul o Océano Índico, poderoso e cunha ondas espectaculares. Ao norte o Mar de Bali, calmo e cheo de corais, un verdadeiro acuario cheo das máis pintortescas criaturas, especialmente peixes de cores rechamantes.

Isto é a illa de Bali.

E "isto" é moito.

Benvidos sexades.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 16-08-2010 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0