Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Os marinheiros tamén xojan ao tenis
Achégovos esta fotografía que fixen onte no porto d'A Illa de Arousa.

Descoñezo o contexto no que esta pintada puido facerse na parede dunha vella conserveira abandonada en pleno centro da vila pero pareceume fantástico o seu poder de evocación.

Os marinheiros tamén xojan ao tenis, di.

Paréceme magnífica a mensaxe!

Non dá acaso para moito pensar se se lle bota imaxinación?

Acéptanse propostas!
Comentarios (15) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 24-10-2010 14:50
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus á praia de Laño
Hoxe por primeira vez sentín algo de fresco e tiven que poñer un xersei.

Quero convidarvos a ver esta derradeira foto que fixen este verán xusto a semana pasada na miña querida Praia de Laño en Samieira, a moi poucos quilómetros da miña casa e que con tan gratos momentos me agasalla: auga, sol, lectura... e a soidade máis grande que pode proporcionar unha praia! Un luxo nestas Rías baixas tan ateigadas de xente.

Agora que o verán xa rematou poderei visitala cos meus cans para botar unhas boas camiñadas a rentes da area.

Que vos parece se quedamos con esta imaxe tan fermosa do verán?
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 30-09-2010 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Unha vaca á beira do mar
Fotografieina a semana pasada nun estremo da longuísima praia de Zahara de los Atunes.

Que facía esta vaca á beira do mar?

Que estaría a pensar de min mentres lle facía a fotografía e me fitaba con eses ollos que parecían dicir "que fai este home metido na auga a mirar para min"?

Xusto á beira da praia e antes de entrar nunha extensísima zona militar hai unha devesa onde as vacas e as súas crías pastan ao seu antollo.

Achegeuime á devesa logo dun longo paseo de hora e media até ese estremo da praia e non puiden evitar facer esta fotografía para compartila con vós?

Que fai unha vaca á beira do mar?

Que facían todas aquelas vacas que alí había, máis de cen?

No outro estremo da praia, por certo, a outra hora e media máis ou menos de onde eu deixara a miña toalla (xa vos dixen que é longa de verdade) o que había era unha multitude de persoas a tomar o sol.

Estarían por unha vez de acordo persoas e animais?

Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 05-04-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
O mono de Xibraltar
Isto vén a conto do artigo anterior (O neno predicador).

Fixen a foto deste moniño co meu móbil (coma todas as que achego nesta categoría) no cumio do "Peñón" de Xibraltar.

Non vos parece que ten unha cara moi afábel este animaliño?

Non esperta toda a tenrura que lle falta ao neno predicador?
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 04-04-2010 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Cerebro e corazón
Na cidade de Gante, en Bélxica, atopei este graffiti de xeito case casual pintado nun muro da estación de tren a pé dun aparcadoiro de bicicletas.

Pareceume tan interesante o seu contido que decidín fotografialo pra compartilo con todas as miñas visitas.

Gustaríame que o meu cerebro tivese un mapa que me dixese por onde ten que ir o meu corazón

Fermoso, non si?

Daría o que fose por estar en posesión dese valioso mapa...
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 27-03-2010 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Un lavadoiro en San Adrián de Cobres
Dende ben cativo gústanme os lavadoiros, dende que me achegaba aos bordes para ver aquela auga branca coma leite de tanto xabrón como levaba disolto de tantas e tantas mulleres que pasaran por alí a lavar...

Que ulido marabilloso!

Entón sempre aparecía algún adulto: coidado neno, non vaias caer que podes afogar.

O lavadoiro, polo visto, agachaba os mesmos perigos ca un pozo!

Agora, por fortuna pois nas casas hai lavadoras automáticas, ninguén se achega aos lavadoiros para facer a colada e a auga sae limpa polo desaugadoiro de pedra...

Fixádevos nos musgos que enchen de verde as paredes deste lavadoiro que fotografiei hoxe pola tarde no fondeadoiro de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa.

Falaban e falaban as mulleres cando baixaban ao lavadoiro para lavar...

Cantas conversas de mulleres contarían estes musgos se puidesen falar, cantas faladorías intercambiadas entre elas, cantas confidencias, cantas queixas, cantos chismes, cantas risas, cantos contos...

Cantas historias ficaron para sempre gravadas nas paredes dos lavadoiros!
Comentarios (11) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 17-02-2010 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Unha onda en Areas
Inauguro categoría.

Vouvos presentar fotografías feitas co meu móbil en momentos que quixen atesourar para nunca esquecelos.

Non agardedes obras de arte porque nin sequera intentan selo.

Son iso: momentos para atesourar na memoria.

Non pretenden máis nada.

Hoxe agasállovos cunha ondiña na beiramar na praia de Areas en Sanxenxo, onde fun pasar a tarde na compaña dos meus cans até mesmo hai uns momentos.

E paseamos praia arriba e praia abaixo. Unha vez e outra máis

E atopamos outros cans.

E varios paus deixados pola marea.

E unha nai a lle dar un iogur a un neno.

E unha necoriña morta deitada patas arriba, un cadáver esquecido.

E atopamos tamén esta onda a lamber a area que lle dá nome á praia cun agarimo verdadeiramente grande.

Hai algo máis fermoso ca este amor do mar pola praia?

Por certo, que a banda sonora do momento púxoa outra vez Nirvana directamente ao corazón a través dos auriculares do meu MP3.

Veña un grolo pola ondiña!
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 02-02-2010 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0