Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Lourizán: do que xa non é
A foto que achego hoxe, que non é moi boa, está feita nun bar de Pontevedra onde hai pouco ceei cuns amigos cos que sempre comparto viños e cea os venres.

Trátase da foto dunha fotografía que está colgada na parede do mesón A Lareira, na rúa Princesa, preto da Praza do Teucro.

Por que fotografei unha fotografía pendurada na parede dun bar de tapas?

Pois porque era xuño e os meus amigos e máis eu volviamos dunha manifestación en contra da presencia da fábrica de celulosas de ENCE na Ría de Pontevedra (convocada pola APDR) e xusto cando por fin sentamos para pedir unha botella de viño demos con esta imaxe do que foi e xa non é, do que foi e nunca máis será.

A imaxe retratou para xempre o que era Lourizán, na costa sur da Ría antes da construción dese monstruo supercontaminante e cheirento: unha sucesión de pequenas praias ddesaparecidas para sempre debaixo dun demencial recheo.

Ollades esa liña que cruza o mar cara ao edificio do colexio de Placeres? Entre esa liña (unha autoestrada) e a costa agora hai, literalmente, merda. Moreas de merda que soltan un vapor cheirento, os resultados do proceso de fabricación da celulosa.

O que vos dixen: a foto reflicte o que xa non é...

Agora só queda berrar unha vez máis en voz alta e clara:

ENCE FÓRA DA RÍA!!!!
Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 13-01-2012 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Á merda a disciplina, teño corazón
Este banco que vedes na foto está nun paseo marítimo na praia de Fedorento, no concello de A Guarda.

Á merda a disciplina, teño corazón, escribiu alguén sobre el.

A que se referiría?

Por que o corazón e a disciplina han estar necesariamente reñidos?

Non se pode ser disciplinado e ter ao mesmo tempo un corazón do tamaño dunha balea?

Quizais faltaba no banco unha persoa deitada a durmir...

Sexa como sexa a enigmática mensaxe deume moito que pensar...

Comentarios (3) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 10-01-2012 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Na praia de Lourido
Fixen esta fotografía onte pola tarde na praia de Lourido, no Concello de Poio, onde vivo.

A marea baixa deixou aberto este longo camiño de area que se introduce no interior do mar, coma se quixese chegar até a illa de Tambo, o corazón da Ría de Pontevedra.

Era o momento en que o sol decidira empezar a baixar para agocharse detrás do horizonte, nos confíns do mar, ese momento en que deixa a súa pegada efémera na superficie da auga.

Foi unha ledicia camiñar por esa lingua de area rodeados de mar...

Chíos de gaivotas...

Arrecendos de algas...

Un momento que non ten prezo nin se deixa apreixar nas cotizacións das bolsas flutuantes nestes intres que estamos a vivir.

Hai cousas que non admiten prezo...

porque nunca se poderán pagar con diñeiro.

(Os paraísos ás veces están moito menos lonxe do que pensamos)



Comentarios (3) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 11-10-2011 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
A praia de Laño
Velaquí a praia no verán:

unha cadeiriña para sentar a ler comodamente

un libro deitado enriba do xornal do día, ambos os dous sobre a area quentiña

unha bolsa coas cousas todas que necesitamos

unhas gafas de sol deitadas na area (sinal de que algún de nós estaba a se bañar)

e ao fondo ese canaval agarimoso que tantas confidencias escoita...

Iso

e non outra cousa

é o verán

(que remata)
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 04-10-2011 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
As paredes escoitan
Hai paredes que escoitan.

Hai paredes que saben dos nosos segredos

e das nosas conversas.

Hai paredes que saben de nós moito máis que o que nós sabemos,

quizais.

Hai paredes que escoitan a nosa respiración mentres durmimos

alleos a todos

alleos ao mundo

somerxidos en nós mesmos...

Hai paredes que oen os nosos movementos...


*A fotografía fíxena na cidade de Senglea, na illa de Malta, o pasado mes de xullo
Comentarios (8) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 19-09-2011 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Os museos morreron: Longa vida ás rúas!
De máis está dicir que son un verdadeiro fan dos grafitis ben feitos.

Son auténticas e xeniais obras de arte!

Hai alfaias dignas de pasar á posteridade.

Nun paseo pola cidade de Lisboa, pegada no escaparate dun local abandonado, atopei esta imaxe que fotografei co móbil. Coido que foi nalgunha rúa perpendicular á Avenida da Liberdade.

Trátase do anxo dos grafiteiros.

A fita que ten nas mans di:
MUSEUMS ARE DEAD: LONG LIVE THE STREETS

Por certo, que a obra é de Tinta Crúa.

Os museos morreron...

Longa vida ás rúas!

Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 29-04-2011 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Das conversas agachadas nas pedras
Estas tardes calorosas de comezos de primavera dan pé a descubrir lugares que semellan sacados sunha vella historia desas que chegan a nós de boca en boca...

Esta ponte de pedra sobre o río Almofrei no Concello de Cotabade é coma unha desas historias.

Cantas xeracións non terán pasado por riba dela!

Dende cando sodes ponte, pedras queridas, camiño sobre o río que nunca cesa, hora tras hora, día tras día, ano tras ano, século tras século...

Camiño de traballo e de muíño es calada testemuña de moitas conversas.

Quen puidera oír as palabras todas agachadas na cerna das pedras, cubertas polo tempo e pola hedra!

O único son é o río teimudo en se mover, en avanzar pese canto pese.

O río que lava as palabras...

O río que molla as conversas...

Quen puidera descifralas...

Quen puifdera...
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 07-04-2011 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Un labirinto para me perder
Hoxe pola tarde levei a grata sorpresa de atopar o labirinto no que con moito gusto me perdería.

A luz mesmo tiña serias dificultades para penetrar entre as agullas dos piñeiros.

Nunha tarde de sol pletórico que traía unha boa nova de calor o meu labirinto agachaba no seu interior unha humidade que portaba arrecendos case imposíbeis.

Fiquei abraiado antes de comezar a miña furtiva incursión entre os troncos das árbores que parecían transmitir unha mensaxe de quietude que de ningún xeito quería rachar.

Entón escoitei o ruido dos meus pasos a triscar milleiros de agullas resecas que pintaban o chan con moitas tonalidades de castaño.

Pechei os ollos.

Ao lonxe o chío dunha gaivota...

Entón o ladrido dun can...

Case puiden chegar aescoitar os latexos do corazón das árbores!

O labirinto estaba tan vivo coma eu mesmno alí parado na súa cerna máis segreda.

Non tiven máis remedio que gardalo no lugar onde se atopan as miñas sensacións favoritas.



Comentarios (6) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 05-04-2011 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
Un agasallo de aniversario
Quixera achegar un agasallo para Eva Lozano, que hoxe, vinte e tres de febreiro está de aniversario, seica.

Trátase dunha fotografía de meu fillo Raúl feita na praia de Santa Comba, na parroquia de Covas, en Ferrol.
(É unha mágoa que non se poida meter o mar dentro dun sobre coma quen mete unha carta)

Para Eva as escumas do mar
e tamén a bravura das ondas
e o arrecendo salgado do ar

Para Eva o chío lonxano dunha gaivota
e a brisa que acariña a face
e as embestidas da auga contra as rochas

O mar todo, enteiro, pleno,
para Eva


Parabéns, Eva. (Que fagas moitos máis)
Comentarios (6) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 23-02-2011 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
Unha casa en Angoulême
Ollade que casa fotografei na cidade de Angoulême, a onde viaxei a semana pasada con motivo do Salón Internacional da Banda Deseñada.

Unha idea magnífica, non credes?

Un xeito fantástico de decorar as rúas (non era a única casa pintada con personaxes de banda deseñada) e de identificar a cidade con ese gran certame que organiza.

Veña un grolo pola boa iniciativa de Angoulême!
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 03-02-2011 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0