No Día Europeo Das Linguas imos comprobar que o uso do galego vén acompañado dun sentimento de liberdade. Nesta viñeta de Luis Davila, o debuxante faise eco dos versos de C. E. Ferreiro:
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962)
O IDIOMA É A CHAVE COA QUE ABRIMOS O MUNDO
Analiza o contido deste poema convertido en canción:
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.
O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer.
Manuel María. As rúas do vento ceibe (1979)
Cuestións sobre o poema:
- Que recursos literarios destacarías?
- Atendendo ao seu contido procura argumentos para explicar se corresponde a un momento de liberdade ou de escravitude para a lingua?
REMATAMOS OPINANDO
O galego ten unha historia moi especial que lle outorga un carácter de idioma de resistencia, que esixe dos seus usuarios un compromiso. O galego é unha lingua amiga da liberdade.
TI OPINAS:
NA SITUACIÓN DO GALEGO HOXE: PODE COMPETIR EN LIBERDADE?
COMPITE EN IGUALDADE OU POLA IGUALDADE?
Que é a diglosia? (Podes consultar para responder nos teus apuntamentos ou na páx. 19 do libro)
Pensas que o galego compite en pé de igualdade co castelán ou hai unha carreira de fondo con corredores que teñen ás súas costas distinta experiencia, recursos e prestixio?
" O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.
...Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? "
Antón Vilar Ponte, Pensamento e sementeira.
CUESTIÓNS:
1-Que relación ten a liberdade coa nosa lingua?
Para o autor falar galego representa un compromiso, por que?
2- Explica as metáforas contrapostas no texto a da liberdade e a da escravitude.
3- Como podes traducir coas túas palabras ?redimirse da servidume do mimetismo?.
4- Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
Comezamos o curso traballando nesta Unidade CERO sobre a Liberdade... xa o dicía a nosa Rosalía nun momento no que era difícil erguer a voz para falar da liberdade. Imos analizar a relación da liberdade coa lingua galega tomando como punto de partida este texto:
"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.
Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza.
Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu ríome coma eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande cá súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne.
Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino?.
Preguntamos sobre este texto:
1- Rosalía quere explicar o sentir da súa poesía, fala de cantos de independencia e liberdade...Indica e explica a contraposición (tamén chamada antítese)que introduce no primeiro parágrafo do texto.
2-A seguir usa unha serie de comparacións. Enuméraas e explica a súa relación coa liberdade. Non esquezas de comentar tamén: soberbio como Luzbel e doce coma a esperanza.
3- Procura o significado das seguintes palabras : oprobio e iniquidade para redactar coas túas palabras o contido do terceiro parágrafo.
4- Despois de ler o texto e, en especial o último parágrafo, por que cres que é tan importante para Rosalía sentirse libre?
Para seguir coa reflexión sobre o ser humano e a lingua deixamos OUTROS TEXTOS A TER EN CONTA ANTES DE CONTINUAR: