Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

REPASANDO DATOS SOBRE VALENTÍN PAZ ANDRADE
Repasemos datos despois de ver a Exposición na galipedia

Logo, escoitemos logo un dos seus poemas máis coñecidos:



NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hercules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare,
cando ti chegues polo mare...

Valentín Paz Andrade. Pranto Matricial,1955
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 16-05-2012 06:29
# Ligazón permanente a este artigo
O HIMNO GALEGO DE EDUARDO PONDAL

Neira Vilas (Gres, 1928) no seu libro 100 anos do himno galego (Edicións Embora) aclara que a súa achega non pretende ser unha «historia completa», senón o froito das súas investigacións en Cuba -onde viviu 31 anos- sobre as circunstancias que rodearon o nacemento e estrea da composición, así como a súa difusión ata chegar ao centenario celebrado no 2007.
Neira Vilas remarca o papel fundamental do emigrante ferrolán Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías»-, quen primeiro pensou en Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían Eduardo Pondal e Pascual Veiga os autores. A súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade. No seu libro, Neira Vilas di que «non hai constancia de que a peza fose premiada nin interpretada» no certame de 1890, pero que Fontenla contactou con Pondal e Veiga ante a imposibilidade de contar con Curros e Chané.

Pondal escribiría logo o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.
Pero que se pregunta o noso himno?, quen fala?

Eduardo Pondal compuxo un logo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Imos logo descubrir que é o que nos di o noso himno:



OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
-os rumorosos: ruidoso, adxectivo substantivado referido aos pinos.
- luar:nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla en forma de arpa do pino.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

RECURSOS (exercicio de clase)

Cales son os seus principais recursos:

SEMÁNTICOS (do contido e significado das palabras)

No épiteto "rumorosos" hai unha metonimia, como a explicas?

O símbolo dos pinos, que pode significar?

A personificación, en que versos a podes atopar?

Onde ves algunha antítese?

Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora, sabes cal?

MORFOSINTÁCTICOS (da forma e o ritmo)

O Hiperbato neste poema é frecuente no estilo de Pondal, sinala un exemplo?

Viches algunha anáfora? Dinos onde.

FONÉTICOS (da musicalidade e dos sons)

Localiza un exemplo de aliteración

Nos versos 18 e 19 hai unha paronomasia, cal é?



Unha versión distinta do Himno:

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 13-05-2012 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0