Tras da lectura veu o Encontro coa autora do Dragal, Elena Gallego Abad. Foi toda unha experiencia de aproximación á raíz da creación dunha obra. Os motivos escollidos para crear a trama, as intencións da autora. Unha oportunidade para comprender mellor o proceso de creación e compartir impresións entre autora e lectores neste Encontro da Biblioteca de Secundaria do San Narciso que tiveron a fortuna de vivir hoxe os alumnos e alumnas de 2º da ESO.
Houbo tamén un momento para asinar libros e agasallar á Elena coas creacións que na procura do dragón galego se realizaron na aula.
Despois de ler en Nadal o libro de Dragal IA herdanza do dragón de Elena Gallego Abad. Hoxe 18 de marzo teremos un Encontro coa autora organizado pola Bilioteca de Secundaria San Narciso e o Departamento de Galego coa intención de que os alumnos/as de 2º da ESO teñan unha experiencia lectora completa ao compartir as dúbidas, emocións e sentimentos que a lectura deste libro provocou coa súa escritora, ademais de escoitar da súa propia voz as vicisitudes da creación literaria e o seu complexo proceso.
Ao se tratar dun libro e dunha saga que está gozando dunha calorosa acollida, que conta xa con traducións a diversas linguas, esoutra faceta do mundo editorial tamén enriquecerá o coñecemento dos alumnos/as sobre o mundo do libro e contribuirá a que segan lendo máis e medrando en cultura.
A antiga bandeira do primeiro reino medieval de Europa, que foi Gallaecia, é dicir, un reino que os romanos venderon aos Suevos (que ocupaba ademais da actual Galicia, o Norte de Portugal e unha boa parte de Asturias e León) tiña unha bandeira que como consta nun documento do 1669 tiña un dragón e un león enfrontados. Aínda hoxe no escudo da cidade portuguesa de Coimbra podemos ver aquel vello dragón.
Ademais desta proba evidente da presenza do dragón galego na nosa Terra de vello, hai unha bo achea de escudos da nobreza galega que incorporan un dragón na heráldica particular:
Na fotografía que acompaña esta entrada vemos este da casa Balboa en Vilafranca do Bierzo, e non é o único que podemos apreciar, tamén aparece un dragón de distinta maneira en escudos de diversas familias.
A Raiña Lupa pasa por ser a moura máis coñecida e misteriosa da nosa mitoloxía.
Trátase dun mito precristiá que logo se foi cristianizando ata aparecer integrado nas lendas da chegada do corpo de Santiago Apóstolo. Vaiamos logo na procura do noso dragón, as fontes de inspiración da novela de Dragal.
Le atentamente este texto en latín e a súa tradución:
Ophiussa... primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.
"Ofiusa... foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."
Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.
"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves".
Ora Maritima, Avieno
Avieno neste texto do século IV d.C. conta que os habitantes máis antigos de Galicia chamados Oestrimnios foron atacados o pobo dos Saefes (serpes ou dragóns) que algúns historiadores identifican coas tribos celtas que conforman a Cultura dos Castros. Poucos vestixios deixaron debido a posterior Romanización que trouxo outros costumes, crenzas e formas de vivir e organizarense a sociedade. Pero nas lendas como a do Santo Hadrián atopamos a un dos primeiros santos nestas terras acabando coas serpes das Illas Sisargas.
Non esquezamos que Ofiusa é o nome que recibe este territorio e que significa "pobo de serpes", os ofidios son a especie destes réptis, "ofis" é a palabra grega da que provén este nome.
Tamén os arqueólogos e especialistas na Cultura Castrexa chaman a nosa atención sobre a aparición de serpes esculpidas en pedra en distintos castros como o de Troña (Ponteareas) acompañados de lendas que se conservaron por tradición oral. Na ilustración a famosa Pedra da Serpe de Gondomil (Ponteceso), unha das máis coñecidas representacións de serpes-dragóns de orixe incerta e que posteriormente foi cristianizado como pode apreciarse pola cruz.