|
|
|
DAS PALABRAS ÁS FRASES |
|
 1-Escribe no teu caderno un par de frases simples seguindo os modelos de análise da estrutura da mesma en árbore como aparece na ilustración.
2- Le no enlace Tipos de frases que son as frases simples, complexas e compostas e escribe un exemplo de cada analizándoas e tamén desenvolvendo a súa estrutura en árbore.
3- Analiza as frases seguintes:
A casa de Pedro.
O coche de portas amarelas.
Arroz con polo e lombo embuchado. |
|
|
|
UNHA FÁBRICA ETERNA DE PALABRAS |
|
 Un idioma é a chave coa que abrimos o mundo, como o poeta Manuel María deixou dito. Tamén dixo que era maxicamente vello, eternamente novo porque a lingua esta constantemente en evolución e creae recrea novas palabras con mecanismos como os que imos describir a continuación que ti xa coñeces e imos lembrar:
A estrutura das palabras variables.
PALABRAS CULTAS E PATRIMONIAIS
O galego é fillo do latín polo tanto a meirande parte do seu léxico ten esa orixe. Pero dende que na Gallaecia comezamos a falar latín ata hoxe, aquelas palabras do latín vulgar foron evolucionando de xeito natural ata se convertiren en palabras patrimoniais, é dicir, sufriron evolucións fonéticas e morfolóxicas propias do paso do latín ao galego. Por exemplo: Gallaecia> Galiza/ Galicia.
Tamén hai palabras no noso idioma que se incorporaron máis tarde directamente do latín ou do grego e manteñen a súa forma orixinal. Son os cultismos: latín Olfactu > galego Olfacto.
Ás veces esa palabra latina ou grega deu lugar a unha palabra patrimonial (con evolucións) e outra culta (sen evolucionar) que se coñecen como pares léxicos: madeira/ materia (ambas do latín "materia").
Hai casos nos que mesmo atopamos tres palabras unha patrimonial, outra culta e unha terceira semiculta (porque non evolucionou por completo)
Por exemplo: do Latín "regulam" temos a patrimonial rella, a culta regular e formas como regra.
EXERCICIOS COAS PALABRAS
1- Identifica a palabra simple de cada serie:
A) cariña, casiña, mesiña, cociña.
B) homazo, golpazo, balonazo, cabazo.
C) prezar, predispoñer, previr, predicir.
D) armamento, pemento, casamento, pasamento.
2- Sinala os constituíntes das seguintes palabras e que tipo de palabras forman (derivadas, compostas...):
ombreiro, pasamáns, centrocampista, desvantaxe, surafricano, vacaloura, vagalume, inmortal, fermosura, humidade, xordomudez.
3- Escribe dúas palabras derivadas a partir destas simples: pan, flor, mesa, pé, campo, terra, árbore, cor, morte.
4- Escribe palabras compostas unindo dous grupos dos lexemas seguintes:
garda- saca- para
raios- augas- montes- rollas- meta- moas -costas-brisas.
Para facer máis exercicios:En galego.eu
|
|
|
|
É DE XUSTIZA |
|
O GALEGO, UN EXERCICIO DE LIBERDADE.
Unha comunidade que vive nun territorio concreto ao longo dun tempo en condicións favorables é quen de crear unha lingua como consecuencia dun conxunto complexo de accións e reaccións seculares do home coa natureza.
Cando nace unha lingua nace como un ser que vai desenvolver con capacidade propia a súa singular maneira de ver o mundo. Todas as linguas pasan por etapas infantís e xuvenís nas que non son aínda unha lingua plenamente autónoma, pero cando chega á maioría de idade, convértese na peculiar forma de percibir o universo que os seus falantes van incorporando como un gran legado a gardar con agarimo. Porque ese conxunto de palabras conforman a identidade, o carácter a forma de pensar, un patrimonio que nos fai humanos. Do contrario serían seres incapaces de entender o seu entorno, sen as voces que esa lingua lles foi dando como ferramenta de expresión e comunicación cos demais, de comprensión e interpretación do mundo, sen a súa fala, non serían ninguén.
O galego é pois un exercicio de liberdade porque nos permite saber quen somos. Sempre somos no presente porque fomos un antes, porque houbo un pasado que nos deu sentido e tamén deunos paso á vida na terra que pisamos e recoñecemos como nosa. Un exercicio de liberdade, un dereito que se renova cada xeración, pero tamén un compromiso de lealdade e responsabilidade, un deber con aqueles que nos ofreceron este xeito de seren orixinais, auténticos e diversos no universo enriquecendo coa nosa lingua a variedade de idiomas que define ao ser humano.
Cuestións:
Como nace unha lingua?
Por que o galego é como un ser vivo? Cal sería a etapa da súa adolescencia?
É certo que cada lingua é quen de amosar e/ou entender o mundo dun xeito diferente?. Razóa a resposta lembrándote do que dicía Castelao: Todos os cans do mundo ouvean do mesmo xeito.
Sabemos que é de xustiza garantir a pervivencia da variedade de linguas no mundo, sustentadoras das culturas da humanidade. Falar galego é logo, un exercicio de liberdade e de resposabilidade á vez? Razoa a resposta.
Por que motivos pensas ti que non falas galego, se es galego/a?
|
|
|
|
A paisaxe, a historia e a lingua dun pobo con identidade |
|
 Estamos a falar da paisaxe a historia e a lingua de Galicia ou Galiza, que das dúas formas nos podemos chamar oficialmente. O nome Gallaecia, que etimoloxicamente significa "terra de montes" aínda que é de orixe céltica, puxéronnolo os romanos ao emprender a conquista e administración deste territorio.
Imos viaxar a 12 lugares, a través deste mapa da xeografía e da historia de Galicia para entender e incorporar espazos e palabras de interese para a nosa historia e a nosa lingua.
Serra do Courel.
Santa Trega
Ribeira Sacra
Murallas de Lugo
Torre de Hércules
Serra da Capelada
Ferrol da Ilustración
Compostela
Pontevedra
Illas Cíes e Ons
Fisterra
As Médulas
CUESTIÓNS:
1- Localiza nun mapa de Galicia que debuxes na libreta os lugares aos que facemos referencia.
2- Investiga e relaciona despois estes lugares con algún destes conceptos que enunciamos a continuación e, logo, xustifica esa relación: Coa Cultura Castrexa, coa Romanización, coa cultura do Camiño Xacobeo,co Padre Sarmiento, coa figura de Castelao, coa paisaxe de interior e de montaña, coa paisaxe mariñeira e/ou os cantís, coa fin do mundo.
3- Investiga cales destes lugares foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco?
4- Realiza dúas listas: unha de palabras relacionadas coa diversidade da paisaxe galega e a outra cos bens patrimoniais, atractivos turísticos asociados aos lugares citados.
|
|
|
|
ALGO DE GRAMÁTICA PARA EMPEZAR |
|
De palabras, das frases e das oracións
A palabra, a frase e a oración son unidades da lingua que están xerarquizadas do seguinte xeito: unha oración está composta por frases e unha frase por palabras. E aínda que existen unidades maiores como o parágrafo e o texto, ou menores como os lexemas e morfemas, imos comezar por estas tres.
A palabra é a unidade mínima da lingua do discurso, é dicir, con sentido completo. Debemos lembrar as distintas clases de palabras que podemos atopármonos na nosa lingua.
A frase está formada por unha ou varias palabras e desenvolve unha función dentro da oración. Distinguimos tamén varios tipos de frases segundo a clase de palabra que constitúe o seu núcleo.
A oración é unha unidade con independencia sintáctica e sentido completo que contén como mínimo un verbo e remata en pausa. Podemos clasificar as oracións seguindo distintos criterios:
-A estrutura:simples, compostas...
-A natureza do predicado: predicativas, atributivas...
-A actitude do falante:enunciativas,interrogativas...
As oracións están formadas habitualmente por dous grupos de palabras con funcións distintas: suxeito e predicado. o suxeito responde a que fai? ou que é? O verbo é o núcleo do predicado e concorda co suxeito en número e persoa.
Dentro do predicado poden aparecer as seguintes funcións sintácticas: Obxecto directo(OD), Obxecto indirecto(OI), complemento de réxime(CR), atributo(ATRIB), predicativo(PVO) e complemento circunstancial(CC).
Saberías...
1. Que 5 categorías de palabras son variables? Pon tres exemplos de cadansúa clase.
2.Que 3 categorías de palabras son invariables? Por que se denominan así? Pon tres exemplos de cadansúa clase.
3.Escribe un exemplo dos seguintes tipos de frases:
Frase nominal: (Determinante + Nominal)
Frase preposicional:(Director + Termo)
Frase substantiva: (Núcleo + modificador)
Frase adxectiva:(Núcleo + modificador)
Frase adverbial:(Núcleo + modificador)
4.Identifica nas seguintes oracións as funcións sintácticas que se indican:
- Lugo posúe un importante patrimonio (SUX,PRED, OD).
-O bater do mar é todo un espectáculo ( SUX, PRED, ATRIB).
-A ruta comeza en Roncenvalles. (SUX, PRED, CC)
-Durante o período románico exerceu unha influencia decisiva. (SUX, PRED, OD, CC).
-Galicia é un atractivo turístico para os mesmos españois. (SUX, PRED, ATRIB, OI).
5.Escribe unha oración simple e unha composta. Logo unha oración enunciativa e outra interrogativa. |
|
|
|
|