O grupo galego Tanxugueiras está na final de 8 grupos de entre os que sairá un para representar ao Estado Español en Eurovisión.
Con ese motivo imos facer unha serie de actividades sobre o contido da peza e este grupo de pandereteiras galegas.
AS TANXUGUEIRAS: O nome deste grupo de pandereteiras procede da denominación dun animal, o teixugo e do seu hábitat, un microtopónimo que pertence aos denominados zootopónimos (nomes de lugar relacionados con animais).
Un grupo que parte da música tradicional galega e evoluciona cara a introdución e fusión das cantigas de raíz con ritmos actuais. Muiñeiras, Xotas,cantigas de berce, maneos, que teñen coplas e retrousios que nos lembran a unha peza tradicional, mesmo na posta en escena úsanse recursos do folclore como o baile ou adobíos típicos. A estética provoca un fondo simbolismo que se asocia coa terra ao que se suma o uso da lingua, dos intrumentos tradicionais pandeira, pandeiros e sobre todo a voz. Cantareiras que procuran no seu tema Terra (onde non aparece para nada a palabra do título) no que é un digno canto á identidade posto en boca da muller (evócase no tema ás nais e ás mulleres como portadoras da tradición) Lémbranos a esperanza propia de canteres como a Alborada de Rosalía, ou ao de Has de cantar que responde logo a meniña gaiteira dicindo: "Cantarte hei, Galicia, na lingua galega". Tanxugueiras recollen pois unha fonda e antiga fórmula tradicional coa que triunfan máis aló das nosas fronteiras, como o fixeron na Idade Media as Cantigas de amigo, como logo ocorreu con Rosalía, poeta inspirada nas coplas populares para dignificar a nosa cultura e recoñecida universalmente. O seu canto conta ademais cunha reivindicación relacionada coa diversidade lingüística ao usar distintos idiomas da Península.
NON TE ESQUEZAS:
Para estudar os verbos hai que seguir dous pasos:
- aprender ben os nomes dos tempos
- asociar a eses nomes as características modais-temporais.
Que é unha característica modal temporal?
Un exemplo:
anda-RA- mos / come-RA-s / parti-RA-des -RA-(é a característica do tempo de antepretérito ou pluscuamperfecto para todos os verbos en galego)
A seguir fíxate nos nomes dos tempos e as características que debes memorizar para cada tempo; con isto aprenderás a conxugar rapidamente:
Aprender o nome dos 10 tempos verbais que ten o galego:
6 do INDICATIVO
Presente (sen característica, raíz e desinencias)
Pretérito-perfecto ou pasado (desinencias especiais)
Futuro (antigo suma de infinitivo + hei/has...)
Copretérito ou Imperfecto -BA- (1ª) -ÍA- (2ªe 3ª)
Antepretérito ou Pluscuamperfecto -RA-
Pospretérito ou Condiciona l-RÍA-
3 do SUBXUNTIVO
Presente E (1ª) / A (2ª)
Pretérito ou perfecto ou pasado -SE-
Futuro (nos verbos regulares é tamén Infinitivo conxugado) -R-