Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CARBALLO DE SARMIENTO
Un achegamento á figura de Martín Sarmiento como fundador dos estudos sobre a filoloxía galega, pois el viría sendo o primeiro filólogo da nosa lingua.
Lembra a etimoloxía de filólogo que filos = amante + logos = palabra.

A continuación colocamos o texto base:

O CARBALLO DE SARMIENTO: Amor á lingua, amor á Terra

Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695 e alí escoitou por vez primeira falar o galego da boca da súa nai Clara, natural de Samos e mesmo do seu pai Alonso que nacera nas terras de Cercedo en Pontevedra. Seus pais levaban xa trece anos naquela vila na que tamén se falaba galego por pertencer ao Antigo Reino medieval de Galicia. Alí casaran e xa tiñan tres fillos cando lles naceu este o seu cuarto fillo ao que lle puxeron o nome de Pedro Joseph. Mais aos poucos meses decidiron virse cara Pontevedra para desenvolver, seu pai Alonso, un novo oficio. En Pontevedra medrou escoitando e falando sempre a lingua que aprenderá dos seus pais: o galego.
?Na Boa Vila ocupamos unha casa asoportalada na rúa da Palma?

Un dos primeiros recordos que gardaba Sarmiento da súa nenez era o da procesión do Corpus de 1698 e dos seus xigantes e cabezudos. Tamén lembraba o momento en que coñecera ao seu avó paterno en 1700 na casa da Raposeiras en Cerdedo.

?Algún tempo despois pasamos a residir en Mourente no pazo de Santa Margarida construído polo meu pai? á sombra do famoso carballo que diante da ermida había e hai hoxe
grazas á oposición a que fose cortado (do Padre Rábago) ? e xoguei moitas veces cos meus amigos?.

Sendo un neno Sarmiento seguro que se deu de conta de cómo dunha landra das de aquel carballo nacían en primavera pequenos e futuros grandes carballos, porque a súa curiosidade innata axiña aprendería a fixarse no mundo natural para aprender del cantas leccións precisen os homes. ?Este carballo será un símbolo dunha vida e unha obra fondamente enraizadas na súa terra e, xa que logo, potente representación do compromiso de Sarmiento con Galiza? dirían os organizadores do ano no que se lle homenaxeou con motivo do Día das Letras Galegas no 2002.
A tradición (que tampouco pasaría desapercibida a Sarmiento) di que debaixo desta árbore seica se xura o amor eterno, entre outras cousas. Dende logo o carballo é curioso xa que está torto e ten hoxe unha parte seca, pero a outra é a primeira que bota follas e a última que as perde. Este carballo menciónao Frei Martín Sarmiento no ano 1735, xa naqueles anos falaba da súa lonxevidade polo tanto debe ter moitos, moitísimos anos.
Xa de maior lembrará, en máis dunha ocasión, os castigos que recibían aqueles que na Escola dos Xesuítas usasen o galego e non o castelán ou máis ben o latín que estaban empeñados en facerllo aprender á forza as letras que a pesar de todo amaba.

Do seu temperán amor polas letras e as palabras conta que observaba na igrexa as inscricións en latín cando acompañaba a súa nai á misa? se cadra desa devoción e polo feito de que os seus irmáns maiores fosen para curas, el tamén decidiu ingresar na orde dos Bieitos. E así, aos quince anos, parte cara Madrid ao convento de San Martín polo que Pedro Joseph García Balboa pasará a chamarse Martín, polo nome do Padrón do mosteiro no que ía residir, e Sarmiento, polo segundo apelido da súa nai, xa que o primeiro xa o tiñan outros frades, e de seguro que tamén por amor a ela.

Despois de varios anos de estudos e cando, pola súas boas capacidades, xa era impartía clases a outros monxes, foi destacado axudante do que antes fora mestre seu, o Padre Feixóo, tamén galego e co que seguro falaba na súa lingua nai?outra cousa eran os escritos que este redactaba e que o noso avantaxado alumno corrixía. Estaban en castelán porque ían destinados a unha España que daquela era moi centralista e a igrexa incluso en Galicia era castelanizante, desprezando o uso da lingua vulgar, aínda que o galego é o que falaban todas as xentes humildes: labregos e mariñeiros. Daquela Sarmiento non repara no valor que ía ir cobrando para el co tempo o seu idioma. En galego foron as últimas palabras que lembra da súa nai, xa moi maior que foi visitar en 1725:
?Adeus, Perucho, que nunca me deches que sentir. ?

Os seus estudos vanse ampliando e traballando sobre a poesía e a literatura española, no medio das súas pescudas no arquivo da catedral de Toledo a un home curioso ao que de todo lle gustaba ler e saber, atopou as Cantigas de sta. María escritas en galego en plena Idade Media. Daquela, era o 1727 non tirou ningunha conclusión especial, pero logo lembraría e traería esta descuberta á súa memoria como veremos. Non era polo tanto dogmático e todas as linguas lle interesaban era un políglota pois lía e entendía latín, hebreo, grego, árabe, francés?

De todos os xeitos, o seu entusiasta amor polo galego e pola súa terra nacerá no momento en que se lle pasa pola cabeza iniciar unha nova viaxe a Galicia con motivo do ano santo compostelán. Era 1745, e esta viaxe vai cambiar de xeito definitivo o seu centro de interese nos pregos e pregos e nas cartas e investigacións que levaba a cabo desde a súa cela madrileña. Foi seguramente o home que na súa época máis escribiu, pero negábase a publicar máis libros da súa autoría despois da tremenda polémica que produciron os libros do seu mestre o P. Feixóo e da súa defensa editada co longo nome de Demostración Crítico Apologética que asinou o P. Sarmiento.

Mais volvamos á viaxe e a gran influencia que exercerán no seu futuro aqueles nove meses de estancia en Galicia. Vai redescubrir un dos seus amores da súa vida, o amor a súa lingua nai, o galego e consolidará á vez o seu gran cariño a súa terra. Recollerá palabras que el chamaba ?voces? porque as anotaba tras conversas con rapaces e vellos que eran as súas fontes de información máis valiosas, pero tamén na viaxe consultou con detemento códices e documentos antigos que se conservaban nas bibliotecas e escritorios dos mosteiros nos que facía pousada onde comprobou algo que por casualidade atopara en 1727. O cancioneiro do Rei Afonso X, o Sabio, escrito en galego.

A volta desta viaxe comporá o ?Coloquio en 1200 coplas? seguindo o estilo rústico (ou rural) que recollendo o estilo e gustos, pero tamén e sobre todo as palabras dos paisanos seus entrevistados. Este traballo realizado en 1746 serviríalle para ir deseñando de cara o futuro novos traballos nos que o galego e Galicia, os seus grandes namoros, estarán moi presentes, e cada vez máis. Os seus deberes na capital, coa corte do rei que o consulta con frecuencia e o reclama para a elaboración de informes réstalle moito do seu tempo, ao igual que os seus amigos ilustres que lle visitan na súa cela, na que, ademais dos máis de 6000 libros, ten un microscopio e unha especie de telescopio. A súa cela é como unha pequena Galicia (ten testos con plantas, sementes que trouxo da súa terra e unha boa colección cunchas das súas praias e outras mostras da fauna e da flora do seu país coa que traballaba día si e día tamén).

Non tardará en preparar para 1754 unha nova viaxe a Galicia quizás coa intención de permanecer xa para sempre a carón do seu irmán, o máis pequeno, Xabier co que xa tivera unha moi poderosa relación fraternal na anterior viaxe. Na casa familiar que teñen en Pontevedra, a carón do carballo, despois dunha excitante viaxe ata Pontevedra, atoparase outra sorpresa a presenza dun seu sobriño, Alonsiño, que vai provocar un coidadoso estudo sobre a Educación da xuventude na que defende que os nenos galegos aprendan primeiro o galego. Dicíao en plenos Séculos Escuros nos que ninguén escribía nin se preocupaba do noso idioma. Por iso os seus traballos foron como as sementes do carballo que agromarían e se farían máis grandes co tempo e serían un dos referentes para os autores do Rexurdimento ( X. M. Pintos, A. Fdez. Morales ou Rosalía de Castro).

Como o rei reclámao desde Madrid Sarmiento, moi a seu pesar polo que significaba deixar Galicia, volve á corte ao seu convento, pero rexeita de plano seguir calquera cargo como o de ser abade. Con sesenta anos entrégase de corpo e alma a unha tarefa: a de seguir investigando acerca das voces do galego e da botánica ( as landras que recollera en Galicia pensaba sementalas para o futuro, mesmo para Alonsiño ou outros centos de Alonsos ou galegos calquera que Sarmiento soñaba (foran os ?aletóphilos?, é dicir, os ?estudosos e amigos da verdade? sobre Galicia en cada unha das súas parroquias.

Sarmiento sabía, pois era un home adiantado á súa época, que prepararía desde a súa cela un proxecto de futuro para esa terra á que amaba, sementaría landras para crear futuros carballos, ata a fin dos seus días. Os seus escritos manifestaron ás claras cal era o amor que lle profesaba ao seu idioma e mais a súa terra. Como dixeron na súa oración fúnebre no ano da súa morte en 1772, un dos seus frades amigos:

Semper docuit, semper legit, semper scripsit:"sempre ensinou, sempre leu, sempre escribiu"

e deixounos unha fermosa e intelixente máxima? aude sapere: atrévete a saber?
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 07-03-2012 06:13
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa, poema de Rosalía


Escoitemos este texto e tiremos algunhas conclusións sobre a tradición oral e Rosalía.

Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 28-02-2012 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
Traballar coa poesía para saber quen somos

Imos comezar a traballar máis a fondo co xénero lírico, coa poesía un 24 de febreiro aproveitando esta data na que nacía Rosalía de Castro en Compostela. Teremos como referente certos poemas que son pezas claves consideradas parte da nosa identidade desde o texto co que comezamos: Adiós ríos, adiós fontes... ata co que máis adiante cara o mes de maio remataremos: Que din os rumorosos... Rosalía e Pondal que con dous estilos diferentes representan dalgún xeito o sentir da terra, o sentir de Galicia. Pero non serán os únicos autores dos que falemos, non serán estes os únicos poemas cos que traballemos, mesmo crearemos nós mesmos os nosos poemas para expresar tamén as nosas emocións e sentires a través da escrita e dos versos. Bótalle unha ollada a este vídeo e comprobarás que todo o dito é posible.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 25-02-2012 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO CON 2º A e B FALANDO DE DRAGAL
Por fin chegou o día en que compartimos a lectura de DRAGAL, A herdanza do dragón coa súa autora. Descubrimos que está afincada en Marín e que o seu fillo ten moito que ver coa motivación para poñerse a escribir sobre dragóns. Soubemos que lonxe de imitar lugares comúns doutras novelas fantásticas e sagas de ficción máxica, Elena quixo facer posible unha novela partindo da mitoloxía e da historia de Galicia. Tamén soubemos que a terceira entrega está a piques de editarse e que iremos descubrindo na segunda e na terceira novos personaxes que xunto con Hadrián e Mónica ou Don Xurxo, irán poñendo ante o lector ávido de aventuras e maxia a Irmandade do Dragal.
Puidemos preguntarlle aspectos relacionados coa novela que nos intrigaban, aíndfa que algúns non foron de todo clarificados porque teñen que ver coa trama da segunda ou da terceira entrega, e claro se nos fixo unha constante invitación a lelas. Falounos ademais de cal era o seu método de traballo de como procuraba información e como dunha lenda ou un documento ela construía a ficción adaptándoa aos personaxes e ao fío condutor da saga que ela creou a priori. Dixo que era como un proceso á inversa de visualizar unha película e escribir o guión. Ela primeiro visualiza o que quere escribir na súa imaxinación e logo vai escribindo para darlle saída aos problemas que con anterioridade tiña en mente. ás veces isto resulta complicado ou complexo. Hai están os detalles como o dos morcegos e a relevancia dos seus excrementos na investigación policial que aparece na recta final da primeira parte de DRAGAL. Rematou asinando libros q a quen quixo nun contacto directo e próximo cos seus lectores a quen preguntaba que era o que máis lle gustara da súa novela.
No blog da Biblioteca de Secundaria podedes ver unha reportaxe fotográfica máis completa. Para coñecer mellor a autora podedes ver no seguinte enlace da editorial xerais varias entrevistas e críticas do seu libro.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 16-01-2012 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
INFORMACIÓN SOBRE DRAGAL

A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro co autor e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Para saber máis aquí tes un enlace co blog creado pola autora sobre o seu libro Dragal, a herdanza do dragónTamén é moi recomendable estoutro enlace onde hai información complementaria de gran interese á hora de ler DRAGAL. A herdanza do Dragón.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-12-2011 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
DRAGAL, LECTURA E NADAL
A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro coa autora e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.
Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte do centro do ensino o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora que estivera preocupada polo rapaz que veu trasladado despois da morte do seu pai dille ao final da clase anímao a que siga así apa atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes (Hadrián ou Ermidas.

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe( se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón? secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas a profesora de matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): ( Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado ( canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo e que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza , se é que se usa calquera dos outros dous).
No 1º capítulo Dragal domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas aos alumnos os exames e unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 20-12-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
Lendas Vivas
Podemos ir coñecendo lendas vivas da nosa tradiión oral a través desta serie de TV:
lendas vivas.
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 02-12-2011 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
Rexeita as copias...pero que imos celebrar Samaín ou Defuntos?
Para resolver este debete debemos primeiramente botar man da información para poder logo opinar en consecuencia. Para dar resposta a esta cuestión debemos mirar para atrás para as nosas tradicións. Imos logo comezar polas máis próximas as que celebramos nestes días.

Despois de informarnos sobre o denominado Samaín veremos qué ten de tradicional ou de importado ou imposto pola cultura global. Sabemos que o interesante é ser orixinais, auténticos e non copias doutras culturas. Analicemos o Samaín, descartando de cheo o que claramente é alleo, o tan mediático e comercial Halloween.

Para chegar a definir a denominación máis axeitada para estas manifestacións culturais que se realizaban e que se están de novo impulsando nestes primeiros días de novembro, para preparar o debate aquí deixamos uns enlaces a vieiros da escola,e estoutro a cultura galega .

Na rede hai abertos debates semellantes, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que na procura da verdade debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outra sdenominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciá que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores que as apañaban rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representavba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida( comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas. Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?.
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 02-11-2011 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
OS BLOQUES DIALECTAIS DO GALEGO

Para escoitar as variantes xeográficas que presenta o galego en diversas zonas que non pertencen á Comunidade Autónoma de Galicia traemos aquí varios vídeos. O galego quie vas a escoitar serían dous exemplos do galego do denominado bloque oriental:
Para a zona de Asturias do Eo-Navia:


Para a zona do Bierzo e as Portelas en León e Zamora:




Pola contra podemos ver outro dos fenómenos dilectais máis característicos: a gheada



Outro dos fenómenos do galego occidental é o seseo:



Comentarios (0) - Categoría: VARIEDADES XEOGRÁFICAS DA LINGUA - Publicado o 20-10-2011 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Panorama da historia da lingua

Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 16-10-2011 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0