Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Para o Día Internacional do Teatro:
Imos ver como funciona o teatro: Ese xénero literario que xera polo seu contido: un conflito que se traslada ao público sobre un escenario baixo a forma dun diálogo de personaxes:

Vexamos un exemplo:



Cuestións:
1- Cales son os personaxes que interveñen nesta trama?
2-Describe brevemente como son.
3- En que lugar e en que tempo se atopan?
4- Cal é o conflito que xorde entre eles?
5- Ao se tratar dun resumo dunha representación o final queda aberto, cal cres que será o final da historia? Sera comedia ou traxedia?
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 27-03-2014 06:34
# Ligazón permanente a este artigo
Da Alborada de Rosalía ao Albor de Celso Emilio
Tras coñecer o poema da Alborada de Rosalía imos establecer semellanzas e diferenzas con estoutro poema escrito 100 anos despois por Celso Emilio Ferreiro:




Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.

Non importa, agardarei
polo albor do novo día.

Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.

Non importa, agardarei
polo albor do novo día.

Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.

Non importa, agardarei
polo albor do novo día.

Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía?

Ela fía i eu confío
no albor do novo día.


Cuestións:

1- Que recursos literarios atopas no poema? Localízaos e intenta explicar o seu sentido.

2- Que semellanzas e diferenzas atopas entre este poema e a Alborada de Rosalía?
Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 25-03-2014 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
No día da poesía
"Excítanme eses días
de flores sen alcance...
e marzo que aínda insiste
en debuxar con xiz as ameixeiras..."

Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa

Unha mirada persoal que nos atrapa é un poema...maxicamente vello

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)

E un achegamento a Rosalía rapeando:



E finalmente Chove en Santiago poema ecrito en galego de Federíco García Lorca:


Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 21-03-2014 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
Alborada de Rosalía
Rosalía de Castro naceu un 24 de febreiro de 1837. Hoxe celebramos ese día lendo e traballando o seu poema ALBORADA co que Rosalía incorpora esoutra mirada sobre Galicia.

Este é o poema co que pecha simbólicamente o seu libro Cantares Gallegos:

Vaite, noi-
te,?vai fuxin-
do.?Vente auro-
ra,?vente abrin-
do,?co teu ros-
tro,?que, sorrin-
do,?¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta,
paxariño, can-
ta?de ponliña en pon-
la,?que o sol se levan-
ta?polo monte ver-
de,?polo verde mon-
te,?alegrando as her-
bas,?alegrando as fon-
tes!...

¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal...!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

¡Sal...!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

II

Branca auro- ra
ven chegan- do
i ás porti- ñas
vai chaman- do
dos que dor- men
esperan- do
¡o teu folgor!...
Cor...
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños cariñosa,
donde o sol tamén suspende,
cando aló no mar se tende
de fogax larada viva,
dempois leve, fuxitiva,
triste, vago resprandor.
Noite escura
logo ven,
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal,
¡sal!...
¡Sal!
Señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal,
que a luz
do día
viste a terra de alegría,
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.
¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar!,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar.
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad!,
que atru-
xaremos-cantaremos o ¡¡¡ala...lá!!!...









Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 25-02-2014 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
NADAL: TEMPO DAS TRECE LÚAS
Lembrade... comezabamos o curso preguntándonos se vivíamos como galegos. Por iso decidimos tomarnos tempo e, ao longo do curso, día a día, ir sabendo máis e máis de como somos os galegos, que significa ser galego. Agora chega o Nadal e xa empezan a bombardeanos coa publicidade como todos os anos:




E entre anuncios que reclaman a nosa atención debemos saber achegarmos de verdade ao significado deste ciclo de Trece noites coas trece lúas,.
Comecemos polo que celebramos no día 24 de Nadal, é dicir, o nacemento e utilicemos este vídeo e unha fermosa cantiga tradicional adaptada recentemente polo grupo Berroguetto:



Este é o texto do nadal tradicional:

Cara Belén camiña unha Niña ocupada
fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén e pediron pousada,
responderon desde dentro con voz alborotada
-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?
-Somos Xosé e María que pedimos pousada
- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.
- Cartos non traerei máis que real de prata
-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

San Xosé se apenaba, María o consolaba.
Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,
que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


Outra das particularidades do noso Nadal é a figura do Apalpador:












Un ciclo, o de Nadal, que remata o 6 de xaneiro coas danzas de Reis coma estas:


Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 15-12-2013 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
A HORA DA LECTURA
As lecturas que imos realizar na primeira parte do curso son, coma sempre, as que propoñen dende a Coordinadora dos EDLG das Escolas Católicas de Galicia, para o Premio Martín Sarmiento. Un premio que outorgan os lectores aos autores en función do seu criterio tras ler os libros propostos polos convocantes.

Este curso os libros para 2º da ESO son:

Misterio resolto, de Concha Blanco (Editorial Everest)e que propoñemos ter lido despois do Nadal, logo, podedes pedilo como agasallo ou se queredes podedes intentar conseguir un dos exemplares da Biblioteca de Secundaria que xa ten a túa disposición (lamentablemente non hai libros de préstamo para todos).

O segundo libro que será para o mes de Marzo titúlase O elefante branco, de Xesús Fraga (editorial Tambre).
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-12-2013 04:50
# Ligazón permanente a este artigo
O NOME DE GALICIA E O GALEGO NO MUNDO
A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra. Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.

NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:






Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e ?ás cuncas" ou "a cachón? Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler o seguinte texto e consultando as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras o que nos quere dicir.


Le agora o seguinte texto:
COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais?

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 26-11-2013 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia celebra o mes dos mortos
GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propias do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 29-10-2013 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
Como chove miudiño!
As 100 maneiras de chover

Imos descubrir como chove en Galicia, pero imos facelo a través das palabras.



No que vai de mes, rexistráronse máis 100 l/m² en moitos puntos de Galicia, pero esta chuvia por momentos foi persistente, noutros caeu de xeito intermitente, e ademais as precipitacións nuns momentos tiveron un carácter débil e noutros forte. Debido a estas diferentes formas de caer a chuvia, en galego existen ata 100 maneiras de referirse a ela.

Móllate!

PREGUNTA NA TÚA CASA ( ao teu pai ou a túa nai os aos teus avós)

Cando a chuvia é fina, pero non desagradable como se chama na miña casa?

E cando as néboas chegan a mollar, como se chama?

Se vemos o sol mentres cae unha chuvia moi fina, como a nomeamos?

Cando a chuvia é fina pero intensa, chamámola..............

Cando a chuvia é feble, pero as gotas xa non son tan finas, entón chámaselle ..................

Cando as chuvias son fortes e persistentes coma estes días como podemos chamalas?

Pero se as chuvias son intermitentes aínda que fortes, como se nomean?

Se a chuvia vén acompañada de raios é ............

A maiores tamén temos expresións formadas con chuvia xunto cun elemento que fala de moita cantidade como:.........


E tamén outras expresións para falar de pouca chuvia: ..............

E tras das chuvias poderemos dicir: .........
Comentarios (0) - Categoría: LÉXICO - Publicado o 28-10-2013 09:56
# Ligazón permanente a este artigo
O corpo: a casa dos sentidos
Lembrando o que estudamos o ano pasado sobre o corpo imos dar un repaso a esas 50 palabras que debemos coñecer sobre o léxico do noso corpo, a casa dos sentidos. Probemos a facer unha descrición do noso corpo dos pés á cabeza poñéndolle nome a cadansúa parte ata chegar a usar esas 50 palabras no texto.



Podemos ademais xogar e aprender máis, varias propostas esperan por nós no portal das palabras. Outros espazos para xogar aprendendo na rede e dun xeito interactivo coas distintas partes do corpo en educaplay
Comentarios (0) - Categoría: LÉXICO - Publicado o 06-10-2013 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0