Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TANXUGUEIRAS GAÑADORAS


No mes de outubro, no comezo do curso, falamos de música en galego e comezamos por unha serie de pezas e grupos de música tradicional entre as que estaban Tanxugueiras, antes de que fosen nominadas para participar por unha plataforma nas redes sociais e de que finalmente aceptasen tomar parte do Benidorm Fest.

Despedímonos no mes de decembro coa peza TERRA que empezaba a soar, e despois da semifinal, traballamos sobre a letra e mesmo descubrimos que en Marín había unhasTeixugueiras, que vén sendo o mesmo microtopónimo que Tanxugueiras, nome do grupo.

Finalmente nas casas asistimos ao decepcionante e impresentable desenlace da final. O pasado luns, pensando sobre todo na cantidade de rapaces e rapazas que viron o espectáculo televisivo e que son conscientes das irregularidades que se cometeron ante millóns de persoas, falamos do tema e sacamos estas conclusións:
- As Tanxugueiras deberían ser as gañadoras.
- RTVE debería aclarar, como canle pública que é, as circunstanciasvergonantes que rodean as votacións de dita final.
Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 01-02-2022 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
TERRA- TANXUGUEIRAS. Non hai fronteiras


O grupo galego Tanxugueiras está na final de 8 grupos de entre os que sairá un para representar ao Estado Español en Eurovisión.

Con ese motivo imos facer unha serie de actividades sobre o contido da peza e este grupo de pandereteiras galegas.

AS TANXUGUEIRAS: O nome deste grupo de pandereteiras procede da denominación dun animal, o teixugo e do seu hábitat, un microtopónimo que pertence aos denominados zootopónimos (nomes de lugar relacionados con animais).

Un grupo que parte da música tradicional galega e evoluciona cara a introdución e fusión das cantigas de raíz con ritmos actuais. Muiñeiras, Xotas,cantigas de berce, maneos, que teñen coplas e retrousios que nos lembran a unha peza tradicional, mesmo na posta en escena úsanse recursos do folclore como o baile ou adobíos típicos. A estética provoca un fondo simbolismo que se asocia coa terra ao que se suma o uso da lingua, dos intrumentos tradicionais pandeira, pandeiros e sobre todo a voz. Cantareiras que procuran no seu tema Terra (onde non aparece para nada a palabra do título) no que é un digno canto á identidade posto en boca da muller (evócase no tema ás nais e ás mulleres como portadoras da tradición) Lémbranos a esperanza propia de canteres como a Alborada de Rosalía, ou ao de Has de cantar que responde logo a meniña gaiteira dicindo: "Cantarte hei, Galicia, na lingua galega". Tanxugueiras recollen pois unha fonda e antiga fórmula tradicional coa que triunfan máis aló das nosas fronteiras, como o fixeron na Idade Media as Cantigas de amigo, como logo ocorreu con Rosalía, poeta inspirada nas coplas populares para dignificar a nosa cultura e recoñecida universalmente. O seu canto conta ademais cunha reivindicación relacionada coa diversidade lingüística ao usar distintos idiomas da Península.
Comentarios (13) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 27-01-2022 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
De cara ao segundo avance:
OS NOMES DAS COUSAS
- Publicidade páx.80... Unha triste historia acerca dun can de palleiro e unha gaivota chorona.

- Hiponimia e hiperonimia páx. 81

GRAMÁTICA:
Os VERBOS REGULARES (REPASO)

LINGUA E SOCIEDADE:
- Ecoloxismo lingüístico e concepto de diglosia páxina 62-63
- Situación sociolingüística do galego actual páx. 82-83.


LITERATURA:
- Recursos estilísticos páx.86-87 e 88

ORTOGRAFÍA:

- Acentuación gráfica diacrítica. Se queres practicar aquí tes exercicios
- Maiúsculas

COMPRENSIÓN-EXPRESIÓN
- Práctica cos nexos e conectores textuais (I) páx. 84-85

PLAN LECTOR:
Capítulos 0,1 e 2 DE GALEGO, POR QUE NON?
Categoría: Xeral - Publicado o 17-01-2022 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
REPASO OS VERBOS REGULARES

NON TE ESQUEZAS:
Para estudar os verbos hai que seguir dous pasos:
- aprender ben os nomes dos tempos
- asociar a eses nomes as características modais-temporais.

Que é unha característica modal temporal?
Un exemplo:
anda-RA- mos / come-RA-s / parti-RA-des
-RA-(é a característica do tempo de antepretérito ou pluscuamperfecto para todos os verbos en galego)

A seguir fíxate nos nomes dos tempos e as características que debes memorizar para cada tempo; con isto aprenderás a conxugar rapidamente:

Aprender o nome dos 10 tempos verbais que ten o galego:

6 do INDICATIVO
Presente (sen característica, raíz e desinencias)
Pretérito-perfecto ou pasado (desinencias especiais)
Futuro (antigo suma de infinitivo + hei/has...)
Copretérito ou Imperfecto -BA- (1ª) -ÍA- (2ªe 3ª)
Antepretérito ou Pluscuamperfecto -RA-
Pospretérito ou Condiciona l-RÍA-

3 do SUBXUNTIVO
Presente E (1ª) / A (2ª)
Pretérito ou perfecto ou pasado -SE-
Futuro (nos verbos regulares é tamén Infinitivo conxugado) -R-

1 do IMPERATIVO
Presente


Podes atopalos no seguinte enlace:
VERBOS REGULARES EN GALEGO

Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 10-01-2022 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
NADAL E IDENTIDADE



Despois de traballar na aula coa lectura do tema 4 do libro... Cal é o anuncio deste ano?



Cal é o punto de partida deste último anuncio de Vivamos como Galegos? Quen o protagoniza este ano?
Que quere dicir a expresión "ser un toxo"?
Que quere dicir "enchenta"?
Que invitan a facer a toda Galicia?
Enumera todos os amuletos que se citan no anuncio.
Este ano ten un epílogo cal é o seu contido? A quen vai dirixido?

Cal é a tradición maís popular do noso Nadal?


O canto de panxoliñas é unha das manifestacións tradicionais máis común en todo o territorio de Galicia.

Panxoliñas, vilancicos, manueles, aguinaldos, cantar os reis son algunhas das denominacións tradicionais que nos indican a diversidade de cantos que teñen unha temática tam´ne moi semellante. Despois de escoitar o exemplo que puxemos. Cal cres que será?

UN APUNTAMENTO SOBRE O IDIOMA NAS CANTIGAS DE NADAL
O idioma galego era usado nos vilancicos do Renacemento e do Barroco nas catedrais de Lisboa, Zaragoza ou Toledo e o idioma dalgúns cantos de Nadal tradicionais en Galicia pola contra se conservan en castelán.
Por que?

Por influencia dunha liturxia que os curas exercían en castelán aínda sendo galegos porque eran os cantos relixiosos eran textos sacados dos evanxeos e estes estaban escritos en castelán.

Por último, que sabes ti sobre o Apalpador?
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 17-12-2021 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
PARA A PROBA DA 1ªAVALIACIÓN
Tras os resultados do 1º Avance e como comentamo sna aula imos volver a estudar para esta proba da 1ª Avaliación:

ETAPAS DA HISTORIA DO GALEGO
As raíces ( substrato/estrato e superestrato)
O Nacemento, Esplendor medieval e decadencia
Séculos Escuros e Rexurdimento
Séculos XX e XXI

AS FRASES, TIPOS E ANÁLISE

Contidos novos son:

UNIDADE 1

Definir e saber analizar nacen os Estereotipos e Prexuízos páx, 22-23
Exercicios de identificar prexuízos lingüísticos.

UNIDADE 2

Os nomes das cousas: A música páx. 40
Denotación e connotación, páx. 41

Lingua e sociedade: Interferencias lingüísticas. O conflito lingüístico e clasificación de interferencias: fonñeticas, morfolóxicas, sintácticas, ortogrñaficas, léxicas (identificar exemplos) páx, 42-43

Gramática:
Estrutura do substantivo. páx. 44. Xénero e número de substantivos e adxectivos.

Literatura:
A Lírica: Popular e Culta. Características, tipos de composicións populares e cultas páx. 46 -47

UNIDADE 3
Gramática
As 7 vogais Galegas

Literatura: Ritmo e rima. páx. 66-67.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2021 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
REPASO DA ESTRUTURA DO VERBO/ VERBOS REGULARES

Neste repaso imos lembrar o que hai que aprender do verbo en galego.

As 3 conxugacións, os 3 modos, os 10 tempos (6 de indicativo, 3 de subxuntivo e o Imperativo). Lembrar tamén as formas non persoais do verbo e o noso infinitivo conxugado.



O 80% dos verbos son verbos regulares polo que é moi doado aprender a estrutura de modos e tempos para poder conxugalos con soltura. Podes consultar o enlace seguinte coa conxugación de distintos modelos de verbos regulares
Comentarios (0) - Categoría: GRAMÁTICA - Publicado o 18-11-2021 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
AS 7 VOGAIS DO GALEGO


Podes comprobalo en AS VOGAIS EN GALEGO

Estas vogais diferéncianse na pronuncia, pero non na escritura, xa que o galego só ten cinco letras para representar as vogais (i, e, a, o, u); deste xeito a letra e representa tanto ao e aberto /ɛ/ coma ao e pechado /e/, e o mesmo ocorre co o, que pode ser aberto /ɔ/ ou pechado /o/.

Algunhas diferenzas que debes ter en conta para comezar a diferencialas:

Teñen vogal media aberta as palabras que levan acento diacrítico. Exs.: bóla, cómpre, dó, é, fóra, nó, nós, óso, pé, póla, présa, sé, só, vén, vés, vós.

A única excepción é o verbo pór (poñer) con o fechado.

Cando a vogal media procede dun Ĕ ou dun Ŏ latino, polo xeral temos en galego unha vogal media aberta e en castelán, un ditongo: certo, dez, deserto, destra, fel, ferro, festa, herba, hedra, inverno, lebre, mel, neto, neve, néboa, pel, pedra, sempre, sete, servo, terra, corno, logo, morte, nove, porco, proba, rogo, roda, escola, sogra, sorte.

Pero hai palabras que ditongan en castelán como: fonte, conto co -o medio pechado.

Se tes curiosidade, podes saber máis consultando os seguintes vídeos:




Comentarios (1) - Categoría: GRAMÁTICA - Publicado o 17-11-2021 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
REPASO DE GRAMÁTICA; XÉNERO E NÚMERO

Debemos repasar o xénero e o número tanto para substantivos como para adxectivos porque con frecuencia galego e castelán non coinciden e hhai qu evitar as interferencias para lograr un grao de competencia lingüística axeitado. Podes ler no seguinte enlace a teoría ademais de observar numerosos exemplos O XÉNERO E NÚMERO DOS SUBSTANTIVOS

SUBSTANTIVOS MASCULINOS E FEMININOS EN GALEGO
Sonmasculinos en galego:
- Os nomes das letras ( o a, o eme...)
- Os substantivos acabados en -ote (o pote, o dote) e os acabados en -me (o arame, o costume...)
- Os nomes dos ríos, montes, cabos, océanos, mares e puntos cardinais (O Courel, O Atlántico...)

Son femininos en galego:
- Os substantivos acabados en -xe agás o traxe, o paxe e o garaxe (a paisaxe, a viaxe...).
- os acabados en -se (a analise, a parentese, a crise...)
Os acabados en -ite (a hepatite, a larinxite...)
- Tamén case todas as árbores froiteiras ( a pereira, a laranxeira, a cerdeira...) aínda que existen excepcións (o castiñeiro, o limoeiro, o pexegueiro...)

AS REGRAS DE CONSTRUCIÓN DO FEMININO:
- A regra máis frecuente na formación do xénero feminino é substituír a vogal do masculino por -a (lobo/ loba, xefe, xefa...).
- Os subtantivos acabados en vogal tónica ou -r engaden -a (avó/ avoa, doutor/doutora).
- Os substantivos rematados en -n
poden conservar o -n e engadir -a (bailarín/bailarina).
poden perdelo (irmán/irmá, alemán/alemá)
- Os susbtantivos rematados en -ano fan feminino en - ana (humano/ humana, romano/romana).
- Algúns substantivos forman o feminino mediante sufixos - esa, -iña (abade/abadesa, galo/galiña)
-Algúns substantivos teñen unha palabra distinta para o masculino e para o feminino (home/muller/ cabalo/égoa).
- Hai substantivos que se distinguen ao engadir macho-femia ( formiga macho/formiga femia)
- Algúns substantivos forman o xénero antepoñendo os artigos o/a (o pianista/a pianista, o atleta/a atleta).


O NÚMERO DOS SUBSTANTIVOS

- Os susbtantivos rematados en vogal ou en -n engaden un -s (casa/casas, can/cans)

- Os susbtantivos rematados en - ou en -z ou en -s engaden -es (mar/mares, cruz/ cruces, país/ países)

Ollo cos rematados en -L

- Os substantivos monosílabos ou polisílabos graves engaden -s (sol/soles, túnel/túneles)
- Os susbtantivos agudos rematados en -l substitúen o -l por un -is (anel/aneis)
-Os susbtantivos agudos renatados en -il substitúen o -l por -s (fusil/fusís)

Existen substantivos invariables como Luns, martes, mércores, xoves, venres, choromicas, lapis, oasis, tórax, climax...

Para indicar unha pluralidade usaremos nestes casos os artigos ou determinantes, adxectivos ou verbos (Os luns son duros, bonitos oasis...)

- Os estranxeirismos angaden un -s (club/clubs, pub/pubs)
Comentarios (0) - Categoría: GRAMÁTICA - Publicado o 15-11-2021 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
A MÚSICA GALEGA: MÚSICA TRADICIONAL (I)


QUE É A MÚSICA GALEGA?
Evidentemente a música que usa a lingua galega á que poderíamos engadir aquela música que feita por galegos/as parte ou ten moi presente a terra e a cultura propias. Pois ben que temas, grupos, autores ou intérpretes coñeces dos seguintes estilos musicais?

INSTRUMENTOS POPULARES GALEGOS
Comezamos a nosa andaina pola música galega sabendo algo máis de instrumentos populares propios de Galicia. Son os que usou o pobo para realizar as súas manifestaciois festivas, transmitidos por tradición ao longo do tempo, usados desde fai séculos na nosa terra.



A VOZ E O CANTO TRADICIONAL EN GALEGO
Investiga quen é Dorothe Schubarth despois de ver este documento:


Hoxe de todos os cantos con pandeiras herdados dunha antiga tradición que chega ata a Idade Media, segue a nosa música producindo cantigas que chegan lonxe como, por exemplo, as que cantan as Tanxugueiras, escollidas polas redes para representar ao Estado Español en Eurovisión en 2022.


Continuará
Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 10-11-2021 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0