Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Esperta do teu sono, fogar de Breogán...
A unidade cero deste curso, como vén sendo habitual, é unha adaptación do lema do curso á materia de galego. Con esta Unidade pretendemos establecer un fío condutor para a actividade didáctica que parte dos versos de Pondal, parte da mitoloxía e da literatura, pero que procura espertar esaoutra mirada sobre a nosa terra, ir ao encontro da sensibilidade dos alumnos/as de 2º da ESO cara a Galicia. Ímonos deixar guiar nos preliminares do curso polos versos dos poetas do XIX e polos poetas e escritores do XX que sensibles coa nosa cultura, utilizaron a palabra para provocar a outra mirada necesaria nos seus compatriotas, intentaron espertar en nós a sensibilidade, novos sentires cos seus versos, coas súas verbas escritas. A Unidade Cero é unha invitación disposta a contaxiarmos coa esperanza posta nunha Galicia soñada e cantada e onde o seu idioma é un baluarte esencial garante da súa identidade.

IMOS LOGO CO BREOGÁN E COA HISTORIA DO SEU FILLO ITH.

"É unha tarde fría e clara de inverno. Os ventos do norte que sopran estes días non teñen auga para formaren nubes. Son aires duros que cuartean a pel e queiman os campos. Son aires de xeadas e lobos famentos ouleando na noite. Non é o tempo máis amante, pero Ith vai coma cada tarde á illa e sobe ata o campo da torre. Hoxe vai só. No fondo, é como prefire ir.

Os demais quedaban arredor dunha boa larada, sentados xerarquicamente de vellos a mozos, pois ese era o costume que se seguía de vello, polo respecto e o cariño que se sentía polos maiores.
A caída da tarde nos días de inverno é a hora da fantasía, das palabras graves e das algareiras ó ao agarimo lume. Nesas horas tamén se aprenden as historias que manteñen viva a memoria colectiva do pobo. E así pasan xeración tras xeración formando parte do orgullo de todos e cada un.

A illa da torre está case pegada á aldea, de feito, só é illa a medias, dependendo da marea. Co devalo, ábrese unha lingua clara de area que une a illa á terra; coa chea, vese unha illa ben formada. Desta vez, a marea está baixa e Ith fai a pé o camiño da illa. Ama ese camiño e gústalle sentilo directamente baixo os pés. Coñéceo tan ben que anda treitos cos ollos pechado e sabe, polas sensacións do tacto e do olfacto, o lugar xusto en que está en cada momento.

Para Ith, o campo da torre abre todos os mundos, porque el sabe ben que o mar é o grande camiño que sempre se pisa por primeira vez e que leva a todas partes, ás coñecidas e ás que están por coñecer. Por algo é fillo do sabio e valoroso Breogán, que chegou polo mar a estas terras para darlles nome e fillos que as poboasen. Quizais o seu destino sexa ese: botarse ao mar e atopar novas terras para poboalas e darlles nome.

Ith é un soñador. A aldea e as súas terras forman un mundo importante, pero pequeno de máis para os seus soños. El precisa mirar alto e lonxe para respirar fondo e atopar aire abondo que encha o seu peito afouto e baril.

Os ollos de Ith pérdense outra volta na auga seguindo trazado dos seus soños e avanzan cara o norte, antes de que se consuma totalmente a luz do sol. O seu corazón bate coa forza do presentimento. E CANDO SE ATOPA DE FRONTE Ó NORTE, NON PODE ACREDITAR NO QUE VEN OS SEUS OLLOS. Aló nos confíns, perdida no horizonte, onde só alcanzan os ollos máis agudos e ilusos, porque non é doado diferenciar entre o que se ve e o que se desexa ver, está a luz da terra tanto tempo presentida. Na hora do luscofusco xorde un resplandor que se espella nas augas do océano. Ith refrega os ollos e contén o ánimo. Volve mirar. Aquela é a terra que o chama, que dende rapaz o estivo levando cada tarde ao alto do campo da torre. Permaneceu mirándoa ata que aquela luz se sumiu apagada pola forza da lúa chea. Unha terra que el sabía fermosa e farturenta, a onde levaría a súa estirpe a vivir en paz e prosperidade. A vida dun home, aínda a dun soñador, contida en poucas palabras: torre, terra, mar, soño.?


Texto adaptado do libro Ith do autor marinense: Silvestre Gómez Xurxo.


Repara no léxico se non as coñeces busca estas palabras: larada,algareiras, xerarquicamente, devalo,afouto, baril, iluso, luscofusco, doado,...



COMPRENSIÓN: Quen era Breogán? Nacera naquelas terras nas que vivía? Que decidira construír?

En que tempo cres que viven os personaxes deste relato?

Quen era Ith? Que facía cada tarde? que lle ocorre?

Cal era o seu soño?

A sensibilidade de Ith como aparece expresada no texto?

Xogando coas palabras:
-?onde di o trazado dos seus soños? podería dicirse "o ronsel dos seus soños"?

- Onde di na hora do luscofusco, podería dicirse: na hora do .......


Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 16-09-2013 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0