Como o signo lingüístico os textos literarios tamén teñen SIGNIFICADO e SIGNIFICANTE, dito doutro xeito teñen CONTIDO E FORMA como calquera outra unidade gramatical. Por iso á hora de analizar textos é importante identificar neles os recursos referidos a unha e outra cara da moeda para procurar un comantario o máis completo posible.
Comecemos por identificar recursos atendendo á seguinte clasificación (lembra que a maioría están explicados nas páxinas 88,89,90 e 91 do libro).
RECURSOS DE FORMA:
a) Morfosintácticos:
Epíteto:
Enumeración:
Asíndeto:
Polisindeto:
Hipérbato (desorde)
Anáfora:
Paralelismo:
b) Fonéticos:
Aliteración ou fonosimbiolismo:
Onomatopea:
Paronomasia:
RECURSOS DE CONTIDO:
Simil ou comparación:
Metáfora ou identificación:
Metonimia (parte polo todo):
Símbolo:
Ironía:
Hipérbole ou esaxeración:
Antítese ou contraposición:
Personificación:
Sinestesia:(O mundo dos sentidos)
Silepse ou Diloxia ou dobre sentido:
TÓPICOS
Carpe diem
Tempus fugit
Furor amoris
Locus amoenus
Probamos a descubrir recursos no himno Galego?
Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.
OS PINOS
Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
-os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- luar:nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla en forma de arpa do pino.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes
RECURSOS (exercicio de clase)
Cales son os seus principais recursos:
SEMÁNTICOS (do contido e significado das palabras)
No epíteto "rumorosos" hai unha metonimia, como a explicas?
O símbolo dos pinos, que pode significar?
A personificación, en que versos a podes atopar?
Onde ves algunha antítese?
Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora, sabes cal?
MORFOSINTÁCTICOS (da forma e o ritmo)
O Hiperbato neste poema é frecuente no estilo de Pondal, sinala un exemplo?
Despois de visitar a exposición Rosalía e o Carril imos comezar a analizar algúns dos seus textos. Primeiro resume coas túas palabras o que aprendiches sobre a autora na exposición antedita. Podes axudarte do vídeo e dos textos seguintes:
Rosalía, unha roseira sempre viva Libre é o meu corazón, libre a miña alma
Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.
Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas, como los árboles en el desierto y el pirata en la mar. Libre es mi corazón, libre mi alma, y libre mi pensamiento...
Lieders, 1857
OS COMPROMISOS DE ROSALÍA nos seus textos:
Coa terra
Todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme, todo esto me atrevín a cantar pra desir unha vez siquera, ós que sin razón nin conocemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias. Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza.
Prólogo Cantares Gallegos
Cos seus
Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas.
Prólogo Follas Novas
Coas mulleres
Mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as inumerables coitas das nosas mulleres.
A emigrazón i o Rei arrebátanlles de contino o amante, o irmán, o seu home . Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter ós seus fillos parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.
Heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser cantadas por mellores poetas do que eu son, e cuias santas harmonías deberan ser espresadas cunha soia nota e nunha soia corda, na corda do subrime, e na nota da delor. Anque sin forzas pra tanto, tentei algo deso, sobre todo no libro titulado As viudas dos vivos e as viudas dos mortos.
Prólogo Follas Novas
Coa lingua
Crerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas. Aceptárono i, o que é máis, aceptárono contentos, e eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma levantara.
Prólogo Follas Novas
A seguir traballaremos cos textos do panel 9 titulado: Rosalía e o mar. Analizamos na aula as distintas simboloxía sou significados do mar na obra de Rosalía.
Aproveitando a proximidade do Día das Letras Galegas imos escoller un poema do autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, para aprender a comentar un texto literario.
QUE É UN COMENTARIO DE TEXTO LITERARIO?
Un comentario dun texto literario é unha interpretación que se fai sobre unha obra en prosa ou en verso dun autor/a. Esa interpretación parte do tema ou idea central que o que comenta debe argumentar tras da lectura do mesmo seguindo unha análise das distintas características ou trazos que presenta ese texto.
ESQUEMA PARA A REALIZACIÓN DUN COMENTARIO
Para facer un comentario de texto debemos ir seguindo os seguintes pasos:
LECTURA E COMPRENSIÓN (consulta do léxico)
LOCALIZACIÓN: No caso de coñecer o nome do autor/a, realizamos o que se denomina unha localización do texto asociándoo a un autor/a e a un libro e/ou etapa creativa do mesmo. Ademais adoitase incorporar unha breve descrición do contexto literarario e histórico no que se sitúa a obra.
INTERPRETACIÓN: É o núcleo do comentario. Para desenvolver con éxito esta parte máis complexa e importante é aconsellable seguir esta orde:
a) Asunto ou resumo, tema central e punto de vista (lírico ou narrativo). A concreción do tema resulta esencial, unha frase de poucas palabras (cinco ou seis como máximo) como síntese do texto a comentar. Non é un título, é a idea central sobre a que teremos que construír o comentario, é dicir, argumentar que esta idea funciona como a columna vertebral do texto.
b) Estrutura: Son as partes, relacións e elementos que conforman o texto. (Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)
c) Linguaxe: Unha análise por niveis: o semántico: para establecer o ton do contido léxico do texto, o morfosintáctico: para determinar o ritmo atendendo á forma e, no caso de ser poesía, o fónico: comentando a musicalidade da composición rima e outros recursos de corte sonoro.
VALORACIÓN: Unha conclusión, reunindo todos os argumentos que confirman o acerto do tema escollido para definir o texto, a idea central do texto ou punto de partida co que elaboramos o comentario.
ACTIVIDADES PARA ENVIAR POR CORREO AO PROFESOR
Imos ir lendo e facendo xuntos un comentario. Ti debes ir respondendo e completando as preguntas 1,2,3,4,5,6,7,8,9, 10, 11 e 12 que logo enviarás por correo. Comezamos:
MODELO de COMENTARIO:Poema do libro Futuro Condicional de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990)
Onde está o verso? ¿Onde está a prosa?
¿Onde está o home? ¿Onde a muller?
¿Onde está a arte? ¿Onde a política?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben ?
¿Onde está o novo? ¿Onde está o vello?
¿Onde está a injúria? ¿Onde está a lei?
¿Onde está o amor? ¿Onde o desejo?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
¿Onde está a direita? ¿Onde a esquerda?
¿Onde o fastío? ¿Onde o pracer ?
¿Onde a verdade? ¿Onde a mentira?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
¿Onde está a paz? ¿Onde está a guerra?
¿Onde está o demo? ¿Onde está o deus ?
¿Onde está o ceibe? ¿Onde está o escravo?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
¿Onde está o negro? ¿Onde está o branco?
¿Onde o traballo? ¿Onde o lecer?
¿Onde está a morte? ¿Onde está a vida?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
A) LECTURA e COMPRENSIÓN (Tras da lectura busca no dicionario as palabras que non coñezas. Neste texto e noutros deste poeta imos atopar palabars con grafía reintegracionista, é dicir, seguindo as regras ortigráficas do idioma irmán do galego, o portugués: Por exemplo:injúria: no galego normativo é inxuria (se non sabes o que clica no Dicionario da ACADEMIA GALEGA)
1-Procura información sobre as tres palabras seguintes antes de proseguir co comentario:
- desejo:
- fastío:
- ceibe:
B)-LOCALIZACIÓN
Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). Poema da primeira parte titulada Excalibur do libro Futuro condicional un conxunto de poemas que se publican en 1982, pero reúne poemas anteriores con tres temáticas recorrentes a existencial, a erótica e a culturalista. Un autor que comezou a súa traxectoria como poeta de vangarda antes da guerra do 1936 e vai evolucionando cara ao existencialismo ata atopar un estilo de corte culturalista dando cabida ao erotismo. Neste autor dunha inmensa obra poética atopamos unha boa panorámica da poesía do XX ao cultivar as distintas tendencias da poesía galega actual.
C. INTERPRETACIÓN:O NÚCLEO DO COMENTARIO 2- Completa esta especie de resumo do que se di no poema coas túas palabras:
ASUNTO: Unha voz poética imprecisa interrógase sobre .....
De xeito insistente reitera onde está o ben e onde está o mal do que se pode concluír como resposta certa a dúbida.
TEMA: 3-Cal cres que será o tema deste poema (escolle a opción correcta):
A) As interrogantes constantes da vida.
B) A nostalxia por un amor perdido.
C) A defensa da lingua galega.
PUNTO DE VISTA: Como xa dixemos a voz poética imprecisa (pode ser un eu, pode ser unha terceira persoa ) resulta totalmente coherente coa atmosfera de incerteza do poema.
ESTRUTURA: 4- Indica en cantas partes dividirías o poema explicando as razóns da división que realizas:
ANÁLISE DA LINGUAXE
O CONTIDO : O nivel semántico é o que confire o contido a este texto. Resulta moi cómodo establecer unha especie de cadeas léxicas procurando ver un fío condutor ao longo do poema.
5-Neste poema vemos unha serie de palabras asociadas a elementos positivos que serían:
Do mesmo xeito que outros están situados no terreo negativo:
Pero, coidado, en ambos casos chega un momento en que dubidamos porque cada quen colocaría o seguinte elemento da posible enumeración en apartados diferentes.
Por outro lado, en cada verso se presentan dúas interrogantes retóricas.
6- Que é unha interrogante retórica?
Mais, en gran medida, as respostas resultan un certo paradoxo. Fanse preguntas para saír da incertidume, pero estas interrogantes lonxe da certeza, levan consigo unha resposta dubidosa e incerta. Son ademais claramente contrapostas, abrindo así unha dobre e posible contestación.
7- Como se chama un dos recursos máis importantes deste poema baseado na contraposición de ideas?:
a)metáfora
b)antítese
c)hipérbole
Hai en cada verso unha _____________, escollida pola voz poética que pon a proba liña a liña, verso a verso, a súa obxectividade e complicidade co lector, é dicir, a nosa coincidencia con ela.
Convértese así cada verso nun xogo entre o subxectivo e o obxectivo, ao quedar aberta a posibilidade de coincidir con esa voz poética ou non. Unha constante constante contraposición e unha pregunta sobre a certeza das cousas. Unha interrogante reiterada sobre o auténtico e o falso que hai en cada un de nós ante as diversas circunstancias en que vivimos.
8)No fondo de cada pregunta latexa un tópico moi antigo que, por selo, se enuncia en latín. ?Ubi sunt? que significa esta expresión?
Como podemos aplicar este tópico a este poema?
As letras e a arte ou a política e as armas, a paz ou a guerra, o demo ou o deus, a vida ou a morte , a esquerda ou a direita son finalmente a dúbida ou incerteza constante que permanece no transcorrer fugaz da vida, preguntas que esta non é quen de responder, de resolver pero que nós seguimos facendo. Deducimos que o adxectivo que define mellor este texto será logo o seu ton existencial, reflexivo ao xirar sobre as interrogantes e as dúbidas do ser.
b) FORMA: O nivel morfosintáctico cos seus recursos estilísticos expresan un ritmo ou dinamismo do texto que se complementa co seu contido. 9) Como se chama o recurso cuxa reiteración permanente provoca un ritmo lento favorable a recrearse na dúbida que comeza e remata en cada verso para repetirse unha e outra vez?
a) anáfora
b) paralelismo
c) polisindetón
Este recurso formal crea un ritmo machacón que recorda a un rezo, acorde coa tensión non resolta que a dúbida insatisfeita da nosa existencia provoca.
c) MUSICALIDADE: Analizamos neste apartado por ser do xénero poético os efectos sonoros que acompañan ao ton dubitativo e ao ritmo lento do poema. Ante a falta de rima aínda que si certas cadencias asonantadas en determinadas estrofas, a musicalidade imprecisa tamén recae na forma paralelística das interrogantes constantes e nese rematar de cada estrofa coa mesma pregunta a modo de retrouso ou refrán. 10- En que consiste este recurso? Copia o verso ao que nos referimos:
VALORACIÓN:
Neste último apartado debemos sintetizar o que fomos vendo nas partes anteriores do comentario para ratificar a coherencia co tema o idea central que cremos é o soporte do poema.
11. Vai enchendo coas palabras axeitadas o texto coa valoración final: O ton________________ acerca da existencia humana creado tanto polas constantes _________________ como pola __________________ existentes en cada verso, acompañadas por un ritmo___________, intensivo e reiterativo non carente de musicalidade a pesar da __________ de rima, certifica que o poema xira arredor da dúbida permanente do ser que pode ser un resumo da súa vida.
Esta temática________________ é unha das temáticas frecuentes nos poemas do autor, cuase relixiosa, como chegou a catalogala ao comentar precisamente o contido deste libro. Este tipo de preocupacións están presentes nunha boa parte das creacións poéticas desta época que arrinca a mediados do século XX, pero que se estende até os nosos días co que podemos concluír que estamos ante un poema claramente contemporáneo.
12- Na fotografía que encabeza esta entrada quen dos tres é o autor deste texto comentado?