Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.
Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
A Raiña Lupa pasa por ser a moura máis coñecida e misteriosa da nosa mitoloxía.
Trátase dun mito precristiá que logo se foi cristianizando ata aparecer integrado nas lendas da chegada do corpo de Santiago Apóstolo. Vaiamos logo na procura do noso dragón, as fontes de inspiración da novela de Dragal.
Le atentamente este texto en latín e a súa tradución:
Ophiussa... primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.
"Ofiusa... foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."
Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.
"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves".
Ora Maritima, Avieno
Avieno neste texto do século IV d.C. conta que os habitantes máis antigos de Galicia chamados Oestrimnios foron atacados o pobo dos Saefes (serpes ou dragóns) que algúns historiadores identifican coas tribos celtas que conforman a Cultura dos Castros. Poucos vestixios deixaron debido a posterior Romanización que trouxo outros costumes, crenzas e formas de vivir e organizarense a sociedade. Pero nas lendas como a do Santo Hadrián atopamos a un dos primeiros santos nestas terras acabando coas serpes das Illas Sisargas.
Non esquezamos que Ofiusa é o nome que recibe este territorio e que significa "pobo de serpes", os ofidios son a especie destes réptis, "ofis" é a palabra grega da que provén este nome.
Tamén os arqueólogos e especialistas na Cultura Castrexa chaman a nosa atención sobre a aparición de serpes esculpidas en pedra en distintos castros como o de Troña (Ponteareas) acompañados de lendas que se conservaron por tradición oral. Na ilustración a famosa Pedra da Serpe de Gondomil (Ponteceso), unha das máis coñecidas representacións de serpes-dragóns de orixe incerta e que posteriormente foi cristianizado como pode apreciarse pola cruz.
Imos comezar unha panorámica que irá dende o éculo IX a. C. ata o IX D. C. eses 1000 anos que consolidaron e fixeron posible a nosa identidade.
Toda cultura precisa dun esazo dunha Terra para asentar as súas raíces a través de séculos desa interacción entre o home e a natureza que se fai peculiar, única e diversa grazas á capacidade que os seres humanos temos de seren iguais, pero diferentes. Imos logo presenciar e coñecer algúns dos elementos que deron lugar ao nacemento do pobo galego.
Nesta viaxe e para facela máis creativa faremos uso tanto da mitoloxía como da arquoeloxía, da historia e da literatura, procuraremos datos e detalles moi distintos que a memoria da nosa terra garda, unhas veces máis agochada que outras. Tentaremos saber máis do noso patrimonio e curiosear sobre aspectos do noso pasado ata o de agora descoñecidos para nós.
A idea é que vaiamos construíndo un relato propio do que nos fagamos donos, unha especie de libro cos aportes que cada quen poida ir achegando a partir da proposta inicial que fagamos. Trátase de realizar ese pequeno libro, (pode ser libro dixital) persoal que cada quen irá compoñendo cos datos de partida que aquí colocamos e que cobrará forma e vida particular nas mans de cada un de vós.
A primeira das viaxes ímola realizar á prehistoria da man de arqueólogos e da mitoloxía. Imos logo á Illa dos Mortos:
CUESTIÓNS:
Que é un dolmen? Como se chaman as distintas pedras que o conforman? Que función realizaban?
Por que se introduce neste documental a mitoloxía artúrica? Imos procurar unha resposta ben argumentada.
Lembra os relatos tradicionais sobre os camiños a Santo André, ou a Fisterra tras facer o Camiño de Santiago, cal era o seu sentido? Procura unha relación entre as lendas da illa do Alén que coñecemos que buscaran Trezenzonio e o Santo Amaro, que contamos o curso pasado.