Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

REPASO OS VERBOS REGULARES

NON TE ESQUEZAS:
Para estudar os verbos hai que seguir dous pasos:
- aprender ben os nomes dos tempos
- asociar a eses nomes as características modais-temporais.

Que é unha característica modal temporal?
Un exemplo:
anda-RA- mos / come-RA-s / parti-RA-des
-RA-(é a característica do tempo de antepretérito ou pluscuamperfecto para todos os verbos en galego)

A seguir fíxate nos nomes dos tempos e as características que debes memorizar para cada tempo; con isto aprenderás a conxugar rapidamente:

Aprender o nome dos 10 tempos verbais que ten o galego:

6 do INDICATIVO
Presente (sen característica, raíz e desinencias)
Pretérito-perfecto ou pasado (desinencias especiais)
Futuro (antigo suma de infinitivo + hei/has...)
Copretérito ou Imperfecto -BA- (1ª) -ÍA- (2ªe 3ª)
Antepretérito ou Pluscuamperfecto -RA-
Pospretérito ou Condiciona l-RÍA-

3 do SUBXUNTIVO
Presente E (1ª) / A (2ª)
Pretérito ou perfecto ou pasado -SE-
Futuro (nos verbos regulares é tamén Infinitivo conxugado) -R-

1 do IMPERATIVO
Presente


Podes atopalos no seguinte enlace:
VERBOS REGULARES EN GALEGO

Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 10-01-2022 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Rematamos o mes de maio co himno

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.

Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas 5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros 10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono 15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son, 20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados 25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa 30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

UN HIMNO CON PREGUNTAS:
Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

3- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.

4- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste?

5- Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

6- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos" unha árbore que co seu son anuncia unha revelación na que hai un pasado (coas raíces na terra), un presente (que podemos asociar a seu tronco, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta, tocando o ceo). Son _____________.

7- A revelación ou o anuncio será escoitado por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante).

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


8- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?



Para o próximo curso seguiremos afondando no autor no tempo e nos por qués que rodean a este himno. Pondal pode esperar.
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 27-05-2020 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
A TOPONIMIA DE MARÍN
Imos traballar sobre a Toponimia de Marín.

Dúas cuestións previas:

Sabías que...
A toponimia en Galicia é a máis rica da Península. En Galicia conservamos a metade dos topónimos do conxunto do Estado?
Sabías que...
A toponimia de Marín foi a primeira en contar cun estudo propio feito por Elixio Rivas dende o Colexio San Narciso ?

Imos logo fachendear de topónimos!

Traballo en grupo ou individual.
A) Preparamos os contidos para realizar unha gravación explicando 10 topónimos de Marín.
Os lugares nos que ti vives, os espazos nos que te moves a diario teñen nome, imos saber por que se chaman así.

Procurar a orixe de 1O topónimos e coñecer a súa orixe:
- Preromana, latina, xermánica, árabe, lingua romance...

Procurar o seu significado:
- Que quere dicir o topónimo se é un orónimo (describe a forma do terreo) ou antrotopónimo (deriva do nome dunha persoa), ou un zootopónimo (ten relación con algún animal), ou fitotopónimo (aluden ás árbores ou as plantas), ou hidrotopónimos(fan referencia á auga, ríos), haxiotopónimos (levan o nome dun santo ou construcións relixiosas), etc...

Se eles o fixeron por que non o intentamos nós tamén?



Presentación do traballo: Unha vez preparado o texto cos des topónimos escollidos, estudados e documentados, poderíamos rodar
un vídeo cun móbil para podelo proxectar na aula, pero á volta ás aulas, mellor.

Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 02-03-2020 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
Linguaxe e publicidade


Que é un can de palleiro?


Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 09-12-2019 06:36
# Ligazón permanente a este artigo
NO PAÍS DOS MORTOS CELEBRAMOS DEFUNTOS


GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".

Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.

Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?

5- Pregunta ao tesu maiores que costumes arredor do Día de Defuntos se facían non só nos cemiterios, indaga o que se facía tamén nas casas.
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 29-10-2019 07:10
# Ligazón permanente a este artigo
Algunhas isoglosas do galego.

O galego presenta a día de hoxe tres grandes bloques dialectais ou variedades xeográficas ou diatópicas. Son as denominadas:
- Occidental ou atlántica
- Central ou interior
- Oriental (que inclúen os territorios galego falantes de Asturias e Castela e León). Caso aparte é a variante do galego do Val do Ellas ou de Estremadura.

Como se establecen estas tres variantes dialectais?
Os lingüistas trazan estes tres bloques usando marcas ou dialectalismos que diferenzan unha zona das outras. Seseo, Gheada, o uso de Ti ou Tu, etc... é dicir, botan man das isoglosas.

Que é unha isoglosa? Unha isoglosa é unha liña imaxinaria que, nun mapa, une os puntos en que se produce un mesmo fenómeno lingüístico. Bótalle un ollo aos exemplos que adxuntamos.

Exemplos das isoglosas do galego dialectal en Galipedia
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 21-05-2019 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Os seres máxicos da nosa tradición oral

xa sabemos moitos, porque o curso pasado falamos longo e tendido sobre a famosa Compaña e outros seres asociados aos anuncios da morte, sobre os mouros e mouras e sobre lobishomes e peeiras.Perro debemos saber que ademais destes seres máxicos da nosa mitoloxía existen outros moitos que aínda podemos coñecer
Comezamos coas sereas...
Localiza un par de relatos de tradición oral onde se fale das sereas:Galicia encantada
A serea de Vilaxoán
OLLO: Serea é o ser máxico,pero sirena a bucina
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 18-04-2017 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
Na procura do significado do noso Nadal
Como xa temos apuntado é un bo momento para presumir como galegos:




E entre anuncios que reclaman a nosa atención debemos saber achegarmos de verdade ao significado deste ciclo de Trece noites coas trece lúas.

Comecemos polo que celebramos no día 24 de Nadal, é dicir, o nacemento e utilicemos este vídeo e unha fermosa cantiga tradicional adaptada recentemente polo grupo Berroguetto:



Este é o texto do nadal tradicional:

Cara Belén camiña unha Niña ocupada
fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén e pediron pousada,
responderon desde dentro con voz alborotada
-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?
-Somos Xosé e María que pedimos pousada
- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.
- Cartos non traerei máis que real de prata
-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

San Xosé se apenaba, María o consolaba.
Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,
que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


Unha figura tradicional das nosas montañas é o Apalpador:



Un ciclo, o de Nadal, que remata o 6 de xaneiro coas danzas de Reis coma estas:








Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 15-12-2015 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Un pobo con futuro, un pobo con pasado
Se partimos da palabra, compañeira da nosa identidade, realizando un exercicio de creación, haberá que saber mirar atrás, ás orixes do noso idioma para emprender un camiño con futuro, saber quen somos precisa desa memoria do noso pasado.

Imos pois comezar ese camiño no pasado máis remoto, unha viaxe aos 1000 anos que nos fixeron galegos.E se o curso pasado falamos de mitoloxía, este curso engadiremos concetos de arqueoloxía e historia a esta fórmula literaria de relato oral dese tempo remoto que é o mito.

A prehistoria nas pedras:

Toda cultura precisa dun espazo, dunha Terra para asentar as súas raíces a través de séculos desa interacción entre o home e a natureza que se fai peculiar, única e diversa grazas á capacidade que os seres humanos temos de seren iguais, pero diferentes. Imos logo presenciar e coñecer algúns dos elementos que deron lugar ao nacemento do pobo galego.

Nesta viaxe e para facela máis creativa faremos uso tanto da mitoloxía como da arquoeloxía, da historia e da literatura, procuraremos datos e detalles moi distintos que a memoria da nosa terra garda, unhas veces máis agochada que outras. Tentaremos saber máis do noso patrimonio e curiosear sobre aspectos do noso pasado ata o de agora descoñecidos para nós.

A idea é que vaiamos construíndo un relato propio do que nos fagamos donos, unha especie de libro cos aportes que cada quen poida ir achegando a partir da proposta inicial que fagamos. Trátase de realizar ese pequeno libro, (pode ser libro dixital) persoal que cada quen irá compoñendo cos datos de partida que aquí colocamos e que cobrará forma e vida particular nas mans de cada un de vós.

A primeira das viaxes ímola realizar á prehistoria da man de arqueólogos e da mitoloxía. Imos logo á Illa dos Mortos.

CUESTIÓNS:

Que é un dolmen? Como se chaman as distintas pedras que o conforman? Que función realizaban?
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 16-10-2015 07:28
# Ligazón permanente a este artigo
O CORPUS CHRISTI en GALICIA

Podemos asomarmos na FESTA do CORPUS CHRISTI e ao seu dragón ou Coca de Redondela:
A aparición de elementos representativos do Mal ( xigantes e dragóns) fronte ao Ben que está simbolizado polo Corpus Christi que sae en procesión polas rúas tal día como hoxe.
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 04-06-2015 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0