Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O NOME DE GALICIA E O GALEGO NO MUNDO
A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra. Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.

NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:






Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e ?ás cuncas" ou "a cachón? Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler o seguinte texto e consultando as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras o que nos quere dicir.


Le agora o seguinte texto:
COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais?

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 26-11-2013 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
QUE CAUSOU O DESCENSO DO GALEGO NO SÉCULO XX?
Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes?

O IDIOMA GALEGO DURANTE O FRANQUISMO (1936-1975)
Observa este cartel que se repartía en Galicia nos primeiros anos da Ditadura de Franco (1942).

- Debemos saber que o noso idioma foi prohibido nas escolas, nos actos públicos, nos xornais, no cine? sendo habitual o castigo físico dos rapaces ou rapazas que o usasen na escola, os despidos de funcionarios ou as multas a xornais e escritores, mesmo a censura que impedía a publicación ou a tradución de libros ao galego. O castelán era o único idioma que se ensinaba e usaba en público, considerando o galego, catalán ou o éuscaro dialectos. Nesa sociedade represora viviron os vosos avós e nela naceron ou esa situación herdaron, en gran parte, os vosos pais/nais.

Todos vós tivestes, grazas á volta da Democracia, unha mellora considerable á hora de poder coñecer e usar o galego nas aulas, pero aínda así, pasados máis de 30 anos, seguimos sendo herdeiros e sufrimos dalgún xeito a presión dunha sociedade condicionada pola imposición que a ditadura exerceu durante os 40 anos que durou. Esa que, en gran medida, fixo que descendese o número de galego-falantes nos últimos anos.

O feito de que os nosos pais/nais non nos falen a nós en galego é logo unha consecuencia das prohibicións e o desprestixio que durante o Franquismo se fixo da lingua galega.

Despois de analizar as prohibicións do Franquismo como unha das principais causas do descenso de galego-falantes nos últimos anos, imos completar esta análise con outra causa non menos importante.

A PERDA DO GALEGO COMO CONSECUENCIA DA DESRURALIZACIÓN.

A lingua galega sufríu un descenso de falantes a partir de mediados do século XX tamén como consecuencia da desruralización.

A desruralización de Galicia é a perda de poboación das aldeas e pobos, mesmo das vilas, especialmente das provincias do interior (Lugo, Ourense, pero tamén de zonas máis afastadas da costa da Coruña e Pontevedra). Esta xente marcha do campo para ir vivir e traballar ás cidades galegas ou fóra de Galicia. Un proceso de emigración que se agudizou nos tempos de Franco e que xunto coa presión e a represión exercida a través das escolas provocou que se fora impoñendo o uso do idioma castelán entre os máis novos. Neste vídeo podedes ver as condicións nas que se escolarizaban aos nenos/as das aldeas do interior de Galicia nos últimos anos do Franquismo:



CUESTIÓNS SOBRE O VÍDEO: As Escolas no Franquismo e a desruralización.

1- A pesares de seren o galego o idioma de Galicia, sabes cando se introducirá por vez primeira nas escolas?

2-Describe en detalle seguindo o que din as mestras cal era a situación dos escolares do rural nos últimos anos do Franquismo.

3- Unha das protagonistas da reportaxe é unha rapaza, en que condición de especial dificultade vive? Por que prefería comer no colexio co resto dos seus compañeiros das aldeas de Friol?

4- Que queren ser de maiores estes nenos/as? Por que cres que ningún quere permanecer no campo? Razoa a resposta.

5-Que fan os rapaces e que fan as rapazas ao rematar a xornada escolar e volver as súas casas? Teñen moito tempo para facer os deberes?

6- A Avoa que aparece ao final da montaxe, en que idioma canta aos seus netiños?

Ademais da escolarización no único idioma oficial da Ditadura,ao chegar ás cidades, os medios de comunicación como a Radio, a TV e os xornais e outros fenómenos de masas como o Cinema, van exercer tamén unha forte presión sobre a poboación galego-falante para que troque de idioma.

Comeza así a asociarse progresar co uso do castelán, e, aínda que o galego sexa o idioma máis usado en Galicia ou maioritario, será un idioma minorizado por non gozar de prestixio e de valor para os seus propios falantes.

Hoxe para o galego, a pesar da desruralización, as cousas foron cambiando un pouco como podemos comprobar na mesma escola en Friol (Lugo):

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 25-10-2012 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA DOS NOSOS AVÓS: ENQUISA (II)

Dentro da campaña que ten que ver co lema do curso "Respectamos a nosa identidade" traballamos en Sociolingüística sobre o USO DA LINGUA DOS NOSOS AVÓS.

O primeiro realizamos unha enquisa básica recollendo datos como o idioma, a data e lugar de nacemento e oficio dos nosos bisavós, avós e pais para logo preguntarmos polo idioma que falaban ou falan e pola lingua máis empregada por nós mesmos hoxe e responder cos datos de toda a clase na man ás seguintes respostas:

1- Por que os nosos bisavós falaban galego maioritariamente? (Dá unha resposta razoada con tres argumentos ben expostos).

2-Por que os nosos avós falan máis galego? Debemos fixarnos que moitos naceron antes da guerra (1936), pero que logo viviron o Franquismo.

3- Por que os nosos pais e nais pola contra e en xeral falan máis castelán segundo os resultados das enquisas? cales cres que son os motivos?

4- Cres que os nosos pais/ nais escolleron libremente o idioma que falan? Argumenta convenientemente a resposta.

5- Por que nós non usamos a lingua dos nosos avós e non falamos máis galego? Procura tres ou catro argumentos ben razoados.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 28-03-2011 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA DOS NOSOS AVÓS: PRESENTACIÓN (I)
Unha mediciña maxicamente vella é a lingua dos nosos avós:



O idioma é a chave coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble o pesar máis profundo.
O idioma é a vida, o coitelo da dor,
o murmurio do vento, a palabra de amor.

O idioma é o tempo e a voz dos avós,
ese leve ronsel que deixaremos nós.
O idioma é un berce, patrimonio do pobo
maxicamente vello, eternamente novo.

O idioma é a patria e a esencia máis nosa
E a creación do mundo meirande e poderosa,
O idioma é a patria e a esencia máis nosa.

O idioma é a forza que nos xungue e sostén
Se perdemos a fala non seremos ninguén
O idioma é o amor , o latexo , a verdade,
a fonte da que agroma a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.



Copia a letra do poema de Manuel María da peza musicada por Roi Casal e indica:
1- Cal é o tema central desta cantiga?
2- Trátase dunha descrición na que abondan as metáforas. Localízaas e comenta o sentido das que creas máis importantes.
3- Intenta explicar con argumentos claros que quere dicir cando se afirma "se perdemos a fala non seremos ninguén".
4- Intenta comentar e explicar coas túas palabras estas outras dúas afirmacións relacionadas co título deste tema: O idioma é o tempo, a voz dos avós... maxicamente vello, eternamente novo" (fíxate na antítese vello-novo)
5- Outro verso que se repite na composición é "O idioma é a forza que nos xungue e sostén" razoa sobre o sentido do mesmo.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 17-03-2011 06:30
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0