Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

EN GALEGO POR QUE NON? (Cap. 3 e 4)

Actividades sobre o Capítulo 3

Actividades sobre o Capítulo 4

ACTIVIADE ESTRELA: Imos propoñer unha actividade para que persoalmente comprobes ata que punto o feito de que ti fales galego pode provocar cambios ao teu redor.
1-Fai uso do galego nun contexto onde non o fales habitualmente para ver se hai alguén da túa entorna que acaba cambiando de idioma.
2-Anota as distintas reaccións que provoca o teu cambio de idioma e detecta se hai algún prexuízo presente nesta experiencia.

Poremos en común os resultados desta actividade lingüística a posteriori. Bo traballo!
Comentarios (1) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 22-03-2021 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
LENDO EN GALEGO, POR QUE NON? (I)


Porque o galego soa mal...

A adolescencia é unha etapa crucial para moitas cousas, tamén para establecer unha relación determinada coa nosa lingua, xa que nesta banda de idade é cando se produce a opción lingüística que logo tenderá a perpetuarse. Por iso este libro parece axeitado afrontalo neste curso.

Trátase dun texto que procura combater as simplificacións e os prexuízos vixentes aínda no século XXI, opinións lingüísticas baseadas en xuízos erróneos de poderosa inercia que malia estaren superadas, demostrada a súa falsidade, seguen tendo un eco notable na opinión pública de hoxe, especialmente entre os sectores máis novos da sociedade, unha das razóns da perda de falantes entre a mocidade. O futuro do galego está na xente nova, sodes os falantes do mañá, a continuidade da lingua está condicionada porque a acollades conservedes e usedes libres de simplificacións e prexuízos.

As ideas e opinións sobre a lingua galega que temos os galegos son moi variadas. Tamén é verdade que moitas veces as opinións que posuímos non son nosas, son prestadas. Adoptamos a que soe ser maioritaria ou que cremos que comparten a maioría das persoas (se todos pensan así, debe ser o correcto).Iso afórranos traballo. Pero coidado, porque iso pódenos enganar moi facilmente, adoptar unha opinión que cremos maioritaria non é garante de que sexa certa e nin tan sequera opinión da maioría (durante cantos séculos se pensou que a terra era plana?).

Este libro repara na importancia de convidar á reflexión, a pensar honradamente sobre o galego, esperando que nestas páxinas descubras elementos que che permitan crear unha opinión propia, túa, sen simplificacións , sen prexuízos sobre a lingua galega.

PREGUNTAS SOBRE O LIMIAR, Capítulo 1 e 2:

1-No primeiro capítulo na procura da verdade que se pretende combater: As _____________
2- Que tipo de exercicios usa o autor para axudar a evitalas?
3- Outro problema que se pretende resolver dende o inicio é a influencia das distorsións, de interpretar de xeito equivocado a realidade, é dicir , os prexuízos. Con que exercicio intenta axudar a superar este problema? Cres que é válido este método?

4- No capítulo segundo debes cubrir un pequeno recadro que aparece na páxina 29 antes de seguir lendo.
5- Despois de ler o capítulo podes ir respondendo en base a ese cadro as seguintes cuestións:
- Que teñen en común as linguas da primeira columna? E que comparten as da segunda?
6- Como se orixinaron as palabras bárbaro e bérbere? Cal é a etimoloxía da palabra algarabia?
7- Lembras algunha película, ademas da que se comenta na lectura, onde existan prexuízos lingüísticos evidentes? Explica polo menos un caso.
8- Existen linguas que soan ben e linguas que soan mal?


Comentarios (1) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 12-02-2021 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
NORMALIZACIÓN e NORMATIVIZACIÓN

NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA consiste nun conxunto de medidas e cambios que deben ter lugar para que o uso da lingua dun territorio xeográfico determinado chegue a todos os ámbitos da sociedade e as funcións habituais de calquera idioma.

Para que se produza un proceso de Normalización tanto deben adoptarse medidas por parte da Administración, como realizar cambios ou hábitos das persoas e da cidadanía no seu conxunto. Ambos, cidadáns e goberno, deben traballar á par para poñer en marcha leis que favorezan e promocionen a lingua, como tamén asentar e manter o compromiso de cada quen á hora de usar
máis a lingua, no noso caso o galego.

Fixémonos na gráfica 3 que axuntamos no que se observan algúns dos progresos logrados despois da morte de Franco e aprobada a oficialidade do galego e da súa introdución nas escolas.

NORMATIVIZACIÓN: O ESQUELETO DA FALA
Para que aumente o dominio do uso do galego non só debe darse un proceso de Normalización, cómpre que xogue o seu papel a Normativización da nosa fala.

Normativización é o asentamento ou fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos que se poidan aprender e difundir (nas escolas, na TV, etc...). Unhas regras ou normas que a lingua precisa para que a fala non se vaia diluíndo e diversificando, tendencia que de non freala podería acabar facendo que desapareza. A norma é o esqueleto da lingua, as regras que indican que é correcto e que non o é á hora de usala. Que haxa unhas regras ou normas, non implica nin nega a posibilidade da existencia de diferentes variantes á hora de utilizar a lingua.

Actividades

- Completa o esquema das distintas normativas que se deron no galego dende o século XIX (na época de Rosalía) ata chegar á actual do galego estándar no 2003. Podes consultar o libro de texto na páxina 115 no poderás coñecer añgunah das características de cada un dos catro modelos:

Galego popularizante (época de Rosalía de Castro, Curros, Pondal)
Galego enxebrizante (na época das Irmandades da Fala e de Castelao).
Galego protoestándar (na época de Celso Emilio Ferreiro, ata 1970)
Galego estándar (de 1982 a 2003 os autores actuais: Manuel Rivas, Elena Gallego Abad, Lara Dopazo)
Comentarios (5) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 26-01-2021 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
A SITUACIÓN DO GALEGO HOXE

O ano pasado estudamos o decenso do uso do galego no século XX, como a lingua dos nosos bisavós e bisavoas, tamé a dos nosos avós e avoas sufriu un retroceso debido fundamentalmente ao Franquismo. A represión exercida durante os 40 anos da Ditadura de Franco coincidiu cunha forte desruralización e unha pegada moi importante de medios de comunicación como a radio e a TV que contribuíron a pretixias ao castelán e asentar prexuízos sobre o galego.

A volta da Democracia permitiu que se comezase a traballar nun proceso de Normalización tanto a nivel social que defende o seu uso en todos os ámbitos da sociedade, como a administraciónque legaliza o galego como idioma oficial en Galicia e o seu estudo nos centros escolares. A pesar dos esforzos o proceso de Normalización non está concluído.

ANALIZAR A SITUACIÓN ACTUAL A TRAVÉS DE GRÁFICAS

Observa o gráfico de máis arriba podemos indicar varais cuestións importantes que sucederon a finais do séculos XX, tras da volta da Democracia.

Sobre a lingua inicial:
1ª Non se frea a tendencia a perder o galego como lingua inicial ou primeira lingua entre as familias galegas (no ano 1992 falábase máis galego que no ano 2003)
2ª Pola contra o castelán medra en número de falantes neste período entre a xente máis nova.
3ª Aumenta tamén o número de falantes bilingües.

Sobre a lingua e o lugar de residencia no ano 2003:
1ª o galego é o idioma máis falado, pero só nos lugares ccon menos poboación, é dicir en territorios do rural.
2ª Nos núcleos urnamos con máis de 50.000 habitantes o castelán avantaxa ao galego como idioma de uso.
3ª Nas vilas de máis de 10.000 habitantes ou núcleos de poboación de menos de 50.000 o galego segue sendo a lingua maioritaria, pero cunha forte presenza xa do castelán.

ACTIVIDADES;
Máis datos noutros gráficos

- Na entrada sobre os conceptos Normalización Normativización poderás atopar outro gráfico sobre o dominio do galego entre 1992 e 2003. Procura facer un comentario semellante ao anterior contrastando os datos que se ofrecen nese gráfico.

Comentarios (16) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 26-01-2021 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
REMATANDO A LECTURA
Imos rematar a lectura do libro de Núñez Singala e as actividades de sociolingüística deste curso para combater os prexuízos sobre a nosa lingua cun triptico (tres lecturas acompañadas ou complementadas):

Capítulo 7: Porque é unha lingua minoritaria (un vídeo).

Capítulo 8: Porque non o fala ninguén (un xogo).

Capítulo 9: Porque non (unha tremenda historia por resolver).

Actividades a realizar, responder e enviar ao correo da materia tras da lectura:




1- En que lugar da estrada das linguas colocarías ao galego?

2- O coñecemento doutras linguas debe levarnos a abandonar a nosa lingua? Por que ? Argumenta ben a resposta.

3- Falar español e chinés permitiríanos falar con cincocentos millóns de persoas, por que esta posibilidade é realmente imposible? Por que ten tan pouco valor a cantidade á hora de falar dunha lingua?


CAP 8. 4-O xogo dos cen falantes (para poder ver este xogo debes ter a aplicación Adobe Flasch Player, trátase do segundo dos xogos que aparece na páxina onde se abre o enlace, o primeiro dos xogos que aparece tan que ver co cuarto capítulo do libro tamén). En que consiste este xogo? Atreveríaste a comezar a xogalo? Que cres que pasaría ao facer uso deste xogo?


CAP 9- 5- Unha tremenda historia por resolver... sabemos por que e como temos que defender a nosa lingua de centos de anos de discriminación e prexuízos? Razoa a resposta a modo de conclusión tras da lectura.


Epílogo

Rematamos co libro, se non fose polo confinamento teríamos a oportunidade de coñecer e e compartir co autor a lectura do mesmo. Como non podemos estar co autor e como complemento virtual ímolo coñecer escoitando un último consello nesta batalla contra os prexuízos lingüísticos:



Comentarios (1) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 25-05-2020 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
SERÁ O GALEGO UNHA IMPOSICIÓN?
Imos ler o CAP 6 de EN GALEGO POR QUE NON? para poder responder con criterio a esta pregunta.
Consulta o seguinte enlace para ler e desenvolver as actividades. Lembra: Despois da lectura do capítulo, envía as tres actividades propostas ao correo da materia.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 19-05-2020 05:09
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS LENDO EN GALEGO, POR QUE NON?
Cuestionario sobre o Capítulo 4

Supoñamos que hai catro persoas galegas e das catro persoas hai unha que non fala galego...


1- Por que falar en galego cando hai alguén que non o fala non é de mala educación?

Argumenta con alomenos tres razoamentos ben expostos unha resposta afirmativa, é dicir, non é de mala educación falar galego cando hai alguén que non o fala.

Preguntas sobre a lectura do cap 5 de EN GALEGO, POR QUE NON?

Despois de ler o capítulo titulado: Porque non damos falado ben, responde ao seguinte cuestionario seguindo os criterios que se verteron na lectura:
1- É normal que a unha persoa que aprende o galego de segunda lingua lle resulte difícil? Se a dificultade é natural, cal é o problema de fondo para que realmente a aprendamos ben?
2- Para falar ben unha lingua que hai que é ineludible facer antes?
3- Por que a un polaco lle pode sreultar máis doado aprender galego en catro meses que a un asturiano?
4- Seica a franceses, británicos , españois e estadounidenses lle resulta máis complicado aprender outros idiomas? Como se explica?
5- Unha cousa curiosa, por que cres que os galegos cando se lles pregunta se falan ben o galego din que na súa comarca non, que é noutro punto de Galicia onde se fala ben o noso idioma? Cales son as razóns obxectivas que contribúen a este tipo de crenzas?
6- O autor do libro fai referencia a unha gaivota chorona, que quere dicir con isto? Explícao razoadamente.
7- Que quere dicir Núñez Singala cando di que ? usa un castelán tinguido de galego??
8- Seguindo o reto que nos plantea o autor imos poñer en castelán correcto o seguinte texto dun home que fala sobre a situación que estamos pasando:
Érache boa! Madia leva, namentras non haxa unha vacina eu espétome na casiña, canda a lareira, con sentidiño, e se hai que deixar a poula as terras, e pasar todo o día esperrechado no sofá en cirolas, faise, e se petan na porta, que peten por máis riquiño ou o máis langrán ou galopin que sexa. Vaites, vaites, presta ver como poalla e ti sen te mollar. Non che sei, que vou dicir, coma o colo dunha nai non che hai, só vou saír botar o cosco.
9- E como se fai no capítulo imos tamén conxugar catro verbos en presente de indicativo con alternancia vocálica, a ver que tal o fas (lembra que para falar unha lingua ben, hai que realizar un esforzo, sobre todo se non é a túa lingua habitual, e en principio vas cometer loxicamente erros):

- Durmir, subir, seguir e divertir.

--------------------------------------------
COMO RECOMENDAR UN LIBRO?
O primeiro que debes facer para recomendar un libro é redactar o texto que logo gravarás procurando seguir unha estrutura como a seguinte:

1- Indicar título, autor ou autora e a editorial.

2- Unha introdución sobre o tema ou temas principais que relata o libro.

3- Argumentos ou razóns polas que se recomenda o libro.

4- Despedida cun texto ou anécdota do mesmo ou simplemente recordando algo do máis relevante do seu contido para invitar a lelo.

Para que che resulte máis doada esta actividade, podes ver esta recomendación que che pode servir de modelo:



Varias propostas no facebook do Colexio:

Manuel Filgueira

Pablo Fariña

Marcos Alfonso

Matías Moldes

Mario García

Antía Docampo

Adrián González

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 19-04-2020 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDER GALEGO É UNHA PERDA DE TEMPO SE TODOS FALÁSEMOS INGLÉS NON HABERÍA PROBLEMAS PARA ENTENDERSE.

COMBATENDO OS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Un insulto á intelixencia!

Hai razoamentos como o que aparece no título que non deixar de ser o que popularmente se di: Un insulto á intelixencia! Imos seguir co lectura do noso libro EN GALEGO, POR QUE NON? de Manuel Núñez Singala para procurar desmontar este tremendo prexuízo que agocha semellante afirmación.

"Escóitase con frecuencia, ata puidese parecer algo sensato: O desexo de que houbese unha única lingua para que toda a humanidade poida comunicarse sen problemas, sería algo moi práctico, non che parece?

En realidade tratase dunha frase moi velenosa. Para que o comprendas ben vouche contar unha historia coa que pretendo engañarte. Estate moi atento porque cando menos o esperes, zas! Intentarei tomarche o pelo!

Tres amigos deciden un día celebrar algo indo cear xuntos. De xeito que van a un bo restaurante e piden de comer e de beber o que lles apetece. Cando rematan solicitan a conta. O camareiro, moi amable, dilles que en toral son 250 euros. Cada un deles saca da súa carteira un billete de 100 euros. De modo que entre os tres xuntan un total de 300 euros.

Todo correcto ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Unha vez que pagan sóbranlles 50 euros. O gasto foi de 250 euros, pero como xuntaron 300 entre os tres, sóbranlles 50 euros. Dado que o camareiro se mostrara moi amable, deciden darlle unha propina de 20 euros. Neste momento sóbranlles aínda 30 euros, e como son tres amigos resolven que cada un deles recuperará 10 euros. De modo que cada un garda na súa carteira un billete de 10 euros. O custo da celebración foi, pois, para cada amigo, de 90 euros: 100 que cada quen puxo, menos 10 que recuperou.

Todo claro ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Ben, imos entón facer contas para que vexas que ata as cousas que parecen moi claras e moi correctas ás veces poden engañarnos. Porque, meu amigo, xa che tomei o pelo.

Partimos de 300 euros
Se cada un dos amigos puxo 100 euros e recuperou 10, cada un deles gastou 90 euros.
E como son tres a conta é moi fácil: 3X 90= 270 ou se se quere: 90+90+90= 270
270 euros aos que cómpre sumarlle os 20 euros de propina ao camareiro:
270 + 20= 290 euros.

A cuestión é, se gastaron 290, pero xuntaron 300, onde van os 10 euros que faltan?

Sorprendido?

Podes repasar as contas.

Confeso que cando mo contaron por primeira vez non só conseguiron enganarme, senón que me custou moito traballo comprender onde estaba a trampa.

Quizais a ti non conseguín engañarte e foses quen de descubrir o truco á primeira. Pero a miña experiencia dime que a maioría da xente non sabe moi ben onde van eses dez euros que faltan.

É igual, porque independentemente de se caíches na engano ou non, eu asegúroche que somos moitos os que "picamos", e entón a pregunta neste caso debería ser por que funciona este truco?

Funciona polo mesmo que tendemos a considerar a frase "Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse". É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia, formular mal o problema. E non só o problema está mal formulado, senón que se xuntan verdades, moi, moi evidentes, cunha mentira de xeito que o conxunto parece correcto..."

CUESTIÓNS
1- Indica onde está o problema dos 300 euros mal enunciado.
2- Agora repara na afirmación do título:"Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse" Redacta unhas 20 ou 25 liñas para responder por que é un insulto á intelixencia tal afirmación ou cal é mentira que presenta este prexuízo. Razoa a resposta con varios argumentos.

Dámosche dúas pistas ou puntos de apoio para elaborar esa resposta:
- Un refrán: "O saber non ocupa lugar".
- Un dito de Castelao, que seguro lembras, sobre as linguas e o ser humano.

3-A posteriori, ou se non sabes por onde saír, podes seguir lendo e rematar o CAPÍTULO 3, páxina 42-49 do libro En Galego, por que non? de Núñez Singala. Cando remates sinala as semellanzas e diferenzas entre o que ti deches como resposta na pregunta anterior e as que aporta Nuñez Singala. Boa lectura!

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 02-04-2020 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Estereotipos e prexuízos


A modo de introdución: Sobre os estereotipos e práctica para identificar prexuízos lingüísticos.

Traballando sobre os prexuízos:
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 17-10-2019 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
ECOLOXISMO LINGÜÍSTICO
Na actualidade está moi de moda o plurilingüismo,que case todo o mundo entende como a capacidade dunha persoa ou sociedade de dominar varias linguas. Iso, sen lugar a dúbidas, é un dos potenciais do ser humano, ter e poder usar varios idiomas, enriquecer os seus coñecementos e aumentar a súa capacidade de comunicación con outras culturas a través do uso de outra/s lingua/s distintas das maternas ou propias.

Pero hai outra faceta menos divulgada que é a de coidar que o mundo non perda linguas que están en perigo de desaparición. Ese é logo o interese do Ecoloxismo Lingüístico, loitar pola defensa da diversidade lingüística do mundo, por non perder linguas en vías de extinción poñendo en práctica medidas de protección das linguas ameazadas.

Sabías que hai 10 millóns de anos debía haber na terra unhas 20.000 linguas? Hoxe só quedan 6900 formas de descubrir o mundo.
Como comenta o libro de texto, un dos idiomas da illa Andamán quedouse recentemente sen falantes.
Grazas á páxina www.survival.es podemos coñecer este caso e algún máis.

O derradeiro falande de dálmata Tuone Udaina

A derradeira falante da lingua tasmaniana Fanny Cachrane Smith.

A derradeira falante de córnico, un idioma céltico:Dolly Pentreath. O córnico é unha lingua revivida no século XX e hoxe crése que hai máis de 2000 falantes deste idioma recuperado.

O idioma da Illa de Man, o derradeiro falante de manx: Ned Maddrell

O derradeiro falante de ubijé: Tevfik Esenç

O da derradeira falante da lingua eyak: Marie Smith Jones

Así aparecía a noticia da súa morte na Voz de Galicia en 2008:

Morre a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua ?eyak?.

Efe VOZ DE GALICIA 24-I- 2008
WASHINGTON. A cacique Marie Smith Jones, a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua ?eyak?, morreu esta semana aos 89 anos de idade, segundo informou onte o diario The Anchorage Daily News. En Alaska e as illas Aleutianas viven uns 66.390 nativos, dos que aproximadamente 14.800 falan aínda algún dos idiomas orixinais que pertencen a catro grupos lingüísticos. Segundo Leonard Smith, neto da cacique Marie, a muller foi achada morta na súa cama e a familia cre que faleceu mentres durmía. ? Todos din ?así xa non sofre máis? comentou ao diario a neta Sherry Smith, ? porque sufrirá moitas dores durante anos?.

Marie Smith Jones, que nacera no 1918 en Cordoba e viviu os seus últimos anos en Anchorage era a derradeira ?eyak? de puro sangue e xefa da súa minguante tribo, á que conducirá nunha batalla legal contra as grandes empresas madereiras que cortaban bosques en terra ancestrais. Michael Krauss, da Universidade de Alaska en Fairbanks, un experto en linguas indíxenas, calculou que dez mil anos atrás, cando había na Terra uns 10 millóns de humanos, falábanse máis de 20.000 linguas, e foron a integración social e económica, o desenvolvemento das comunicación globais e a extinción ou asimilación das culturas autóctonas o que levou á desaparición de milleiros de idiomas.




Cuestións para saber máis:
1-Cantos idiomas hai hoxe no mundo?
A ver se dás coa resposta axeitada. A metade dos idiomas do mundo teñen menos de:

1000 falantes
2000 falantes
10.000 falantes

A cada canto desaparece unha lingua?

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.
A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".

Por iso o noso traballo durante este curso cremos que debe encamiñarse na procura de preservar o espazo do galego, ese que debe ocupar Galicia no mundo.


2- CALES PODEN SER AS CAUSAS DA DESAPARICIÓN DAS LINGUAS E DA EXPANSIÓN DOUTRAS?

Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa que seguramente facía uso de diversas linguas non escritas. Os romanos someten á poboación tras diversas guerras con galaicos, cántabros e ástures e establecen unha división provincial na Península dentro do gran Imperio creado por eles. Gallaecia será unha provincia romana (maior do territorio actual de Galicia, pois chegaba polo sur ao río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores que desapareceron,pero sobre o latín créase a base da que nacerá máis adiante o galego cara o século IX d. C.


3- SE NO MUNDO HAI 200 ESTADOS E SE FALAN MÁIS DE 6.000 LINGUAS, QUE PODEMOS DEDUCIR DESTES DATOS?
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 28-05-2019 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0