Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GALICIA, O TEATRO NO QUE ACTUAMOS

Benvidos ao curso 2023-24 de Lingua e Literatura Galegas.
Un curso máis procuramos un lema para o curso que nos axude a comezar o curso marcando un obxectivo.

Aquel país das marabillas do curso pasado no presente convértese logo nun teatro onde actuamos unha metáfora onde desenvolveremos traballaremos coas semellanzas que nos permiten identificar a Galicia cun teatro.

Muitas veces escoitamos falar do teatro da vida como unha metáfora do vivir, da existencia, pois nela lévase a cabo o noso día a día, os nosos conflitos diarios, coas nosas carencias e cos nosos logros, o espazo concreto de contacto que compartimos cos outros, onde expresamos como verdadeiros personaxes protagonistas portadores de sentimentos de tristura e de ledicia. Ese teatro é un verdadeiro espello do que realmente somos e que se concreta en actos, pois a nosa personalidade depende de como actuamos e nos movemos no mundo.

No teatro a lingua de noso é esencial, dun xeito ou doutro, é un espazo delimitado e cargado de códigos onde o fundamental é a comunicación. Galicia tamén é un teatro que, como toda cultura nos manifestamos ante o mundo xa que somos nosoutros os seus actores e actrices. Neste teatro representamos unha obra que se chama Galicia, que resulta ser unha representación única e irrepetible, como calquera outra representación dramática.

ACTIVIDADES:
1- En que idioma está a ilustración desta entrada, escríbea en galego na túa libreta como cita inicial do curso.
2- O título ou lema da unidade é unha metáfora, tamén hai metáforas na cita. Que é unha metáfora? Na cita de Charles Chaplin ademais se evocan dous tópicos literarios moi interesantes, o do carpe diem/ tempus fugit. Explícaos.
3- Realiza unha redacción na que expliques porque Galicia á unha peza de teatro que nós representamos.



PAULA CARBALLEIRA; PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRAMÁTICA
Quen sabía que o 1 de setembro o Ministerio de Cultura de España concedeu a Paula Carballeira o Premio Nacional de literatura dramática? Dito doutro xeito Paula Carballeira escribiu neste ano pasado unha das mellores obras de teatro escritas en toda a Península. Como pode ser e que ademais estea escrita en galego? Este curso servirá, sen dúbida, para dar resposta a esta curiosa pregunta.

A Lingua e Literatura de 2º da ESO comeza cunha UNIDADE CERO dedicada á historia da lingua. Comezamos logo facendo memoria de algo que aprendemos o ano pasado sobre os que lle pasou a nosa lingua nos últimos 10O anos, desde que a falaban maioritariamente os nosos bisavóas e bisavoas. Lémbradelo?


ACTIVIDADES:
1- Realiza un breve resumo sobre a vida de Olaia, unha das Tanxugueriras, e as distintas relacións coa lingua.
2- Nun momento di que se atopou cuns superpoderes, a que se refire?
3- No Instituto por que lle dicían que era de aldea? Sabes como se chama este tipo de insulto?
4- Que lle pasou co galego na súa vida laboral?
5- Que significan "recolleita" e "aturuxo"?
6- Por que Olaia pode ser considerada un referente?

Despois de ter claro eses 100 últimos anos imos a estudar a grandes trazos o que lle ocorre a nosa lingua milenaria.

Imos usar un referente da música tradicional como Faustino Santalices para poder viaxar no tempo ata a dolescencia do Galego:

ACTIVIDADES:
1- Quen era Faustino Santalices? Recolle algúns datos sobre a súa vida.

2- Que tipo de recolleita realizou? A que colectivo entrevistou para poder recuperar o seu repertorio?

3- Faustino Santalices recuperou un repertorio e un instrumento medieval, como se chamaba?

4- Unha das pezas máis coñecidas do seu traballo de recuperación que el mesmo gravou e un Romance medieval, sabes cal era o seu título?






UN ROMANCE QUE NOS TRASLADA Á ADOLESCENCIA DA NOSA LINGUA
Continuará...
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 10-09-2023 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA, O PAÍS DAS MARABILLAS (II) AS RAÍCES DA HISTORIA DA LINGUA

Galicia entrou na historia grazas aos Romanos que viñeron á conquista deste territorio ao que denominaron GALLAECIA.

Pero Gallaecia é un nome de orixe céltica
imos saber que significa.

Cuestións: Despois de ver o seguinte vídeo responde:

1- Como sería orixinalmente a raíz do nome que logo dará o topónimo de Gallaecia?
Fíxate que significa a raíz kal- á que se suma o sufixo - aic-/ -aec:

2- Ademais procura saber por que o galego forma parte dun privilexiado 5% entre as linguas do mundo?



AS RAÍCES DA LINGUA

Gallaecia puído ser o primeiro nome co que se denominaron a si mesmos os habitantes desta Terra dos Castros. Fose este nome ou non o certo é que antes da chegada dos romanos aquí había unha cultura, a primeira civilización desta terra na que atopamos restos de distintas linguas.

Imos estudar brevemente os conceptos das Linguas de Substrato e das de Superestrato do galego, é dicir, as que se falaron antes do latín e as que se falaron despois do latín, pero antes de nacer o galego.

AS ORIXES

I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.

Para podelo sintetizar mellor bótalle un ollo ao seguinte esquema sobre as raíces da lingua galega.

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 19-09-2022 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA, O PAÍS DAS MARABILLAS

Coñeces un relato que se titula: Alicia no país das marabillas?

É un relato de Lewis Carroll, un pseudónimo, dun autor galés no que unha nena chamada Alicia vive unha serie de aventuras nun mundo descoñecido tras quedarse trasposta. Logo de espertar percibe que dalgún xeito dita experiencia no mundo dos soños con cantidade de interrogantes e situacións novas e marabillosas servíllonlle para medrar como persoa.

Como verás ao longo do curso imos tentar que sexas como Alicia e que dalgún xeito coñezas mellor ese mundo marabilloso que se chama Galicia. Para iso deberás atreverte a liberar os soños da gaiola. Deberás desprenderte algo da túa inocencia infantil e entender mellor os dobres sentidos, os xogos de palabras e as metáforas da vida. Terás que saber saír do tobo, o que pode significar un sombreiro, coñecer a pedantería do croquet e algunha que outra palabra nova e máis dun personaxe mitolóxico do qu enon tiñas nin idea, tentarás xogar aos naipes por aburrimento e nunca esquecer o que é un sorriso. Daquela aprenderás a ousadía de colocarte ante o espello.

Consultas: No seguinte enlace podes consultar e curiosear sobre algunhas palabras que aparecen no relato de LeWis Carroll: Alicia no país das marabillas

A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA FAINOS HUMANOS

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade e idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.

CASTELAO, Sempre en Galiza

1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas?. Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas?
2- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?

Outros dous textos coas súas cuestións:

COMO SEREN ORIXINAL NO UNIVERSO

O DEREITO A DEFENDER A NOSA CULTURA

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 08-09-2022 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre o nacemento da nosa lingua

Imos traballar sobre o nacemento da nosa lingua e trasladarnos a aquel tempo a través da música. Trátase de saber algo máis da historia da lingua galega.

AS RAÍCES DA NOSA LINGUA

O NACEMENTO E ESPLENDOR DO GALEGO

UN ROMANCE DAQUELA ÉPOCA: O Romance de Don Gaiferos de Mormaltán.
Trátase dun romance de tradición oral anónimo que nos remonta a aquela época das peregrinacións cando o galego estaba dando pasos para convertese nunha lingua literaria.

Cuestións:
1- Como se logrou recuperar este romance?
2- Quen o cantaba este tipo de pezas acompañadop da zanfona e para que?
3- Que tipo de composición lírica é un romance?
4- Resume a historia que narra o Romance.
5- Infórmate: Está baseado en feitos reais?

Comentarios (1) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 22-09-2021 15:40
# Ligazón permanente a este artigo
NO CAMIÑO DA IDENTIDADE

Cara a onde vas?...De onde vés?... Por que vas alí?... Que buscas aquí?... Que é o que fas dando tantas voltas?...

Comezamos un novo curso e as preguntas asáltannos a cada paso que damos, interrogándonos de seguido. Neste curso seremos quen de despexar algunha das dúbidas aínda pendentes de resolver? A que vén a conto agora falar da lingua que usamos? Por certo cando, canto e como usamos a nosa lingua? Ten iso importancia?

UNHA ACTIVIDADE
Le o seguinte texto e responde logo as seguintes preguntas:

NO CAMIÑO DA IDENTIDADE
Unha comunidade que vive nun territorio concreto ao longo dun tempo en condicións favorables é quen de crear unha lingua como consecuencia dun conxunto complexo de accións e reaccións seculares do home coa natureza.

Cando nace unha lingua nace como un ser que vai desenvolver con capacidade propia a súa singular maneira de ver o mundo. Todas as linguas pasan por etapas infantís e xuvenís nas que non son aínda unha lingua plenamente autónoma, pero cando chega á maioría de idade, convértese na peculiar forma de percibir o universo que os seus falantes van incorporando como un gran legado a gardar con agarimo. Porque ese conxunto de palabras conforman a identidade, o carácter a forma de pensar, un patrimonio que nos fai humanos. Do contrario serían seres incapaces de entender o seu entorno, sen as voces que esa lingua lles foi dando como ferramenta de expresión e comunicación cos demais, de comprensión e interpretación do mundo, sen a súa fala, non serían ninguén.

O galego é pois un exercicio de liberdade porque nos permite saber quen somos. Sempre somos no presente porque fomos un antes, porque houbo un pasado que nos deu sentido e tamén deunos paso á vida na terra que pisamos e recoñecemos como nosa. Un exercicio de liberdade, un dereito que se renova cada xeración, pero tamén un compromiso de lealdade e responsabilidade, un deber con aqueles que nos ofreceron este xeito de seren orixinais, auténticos e diversos no universo enriquecendo coa nosa lingua a variedade de idiomas que define ao ser humano.


Cuestións:
1-Como nace unha lingua?

2- Por que o galego é como un ser vivo? Cal sería a etapa da súa adolescencia?

3-É certo que cada lingua é quen de amosar e/ou entender o mundo dun xeito diferente?. Razoa a resposta lembrándote do que dicía Castelao: Todos os cans do mundo ouvean do mesmo xeito.

4- Sabemos que é de xustiza garantir a pervivencia da variedade de linguas no mundo, sustentadoras das culturas da humanidade. Falar galego é logo, un exercicio de liberdade e de responsabilidade á vez? Razoa a resposta.

5- Por que motivos pensas ti, sendo galego/a, non falas máis galego?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 14-09-2021 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
UN EXERCICIO DE RESPONSABILIDADE E DE LIBERDADE

Unha comunidade que vive nun territorio concreto ao longo dun tempo en condicións favorables é quen de crear unha lingua como consecuencia dun conxunto complexo de accións e reaccións seculares do home coa natureza.

Cando nace unha lingua nace como un ser que vai desenvolver con capacidade propia a súa singular maneira de ver o mundo. Todas as linguas pasan por etapas infantís e xuvenís nas que non son aínda unha lingua plenamente autónoma, pero cando chega á maioría de idade, convértese na peculiar forma de percibir o universo que os seus falantes van incorporando como un gran legado a gardar con agarimo. Porque ese conxunto de palabras conforman a identidade, o carácter a forma de pensar, un patrimonio que nos fai humanos. Do contrario serían seres incapaces de entender o seu entorno, sen as voces que esa lingua lles foi dando como ferramenta de expresión e comunicación cos demais, de comprensión e interpretación do mundo, sen a súa fala, non serían ninguén.

O galego é pois un exercicio de liberdade porque nos permite saber quen somos. Sempre somos no presente porque fomos un antes, porque houbo un pasado que nos deu sentido e tamén deunos paso á vida na terra que pisamos e recoñecemos como nosa. Un exercicio de liberdade, un dereito que se renova cada xeración, pero tamén un compromiso de lealdade e responsabilidade, un deber con aqueles que nos ofreceron este xeito de seren orixinais, auténticos e diversos no universo enriquecendo coa nosa lingua a variedade de idiomas que define ao ser humano.


Cuestións:
Como nace unha lingua?

Por que o galego é como un ser vivo? Cal sería a etapa da súa adolescencia?

É certo que cada lingua é quen de amosar e/ou entender o mundo dun xeito diferente?. Razóa a resposta lembrándote do que dicía Castelao: Todos os cans do mundo ouvean do mesmo xeito.

Sabemos que é de xustiza garantir a pervivencia da variedade de linguas no mundo, sustentadoras das culturas da humanidade. Falar galego é logo, un exercicio de liberdade e de responsabilidade á vez? Razoa a resposta.

Por que motivos pensas ti que non falas máis galego, se es galego/a?
Comentarios (6) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 29-09-2020 07:00
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA O CURSO 2020-2021: ASUME A TÚA RESPONSABILIDADE

ASUME A TÚA RESPONSABILIDADE!

O lema deste ano co que imos traballar e que ademais nos vai servir de motor ao longo do curso é: ASUME A TÚA RESPONSABILIDADE!

Trátase realmente de CONSTRUÍR A NOSA RESPONSABILIDADE. A responsabilidade de todos como un labor individual á vez de colectivo. Implica ter clara a igualdade de dereitos, a importancia dos deberes nun mundo complexo rico en diversidade. Somos diferentes en cultura, pero abordamos unha tarefa esencial en común a de compartir un planeta e manter viva a nosa identidade.

Apelar á sensatez nestes tempos de pandemia non pode facer invisible outras cousas das que tamén somos responsables. Bótalle unha ollada ao vídeo:



Cantas linguas hai no mundo?

Por que son tan fráxiles as linguas?

Por que é imprescindible "espertar"?


E xa postos dado que estamos pendentes da COVIB-19 falemos de CONTAXIO:



Hai contaxios saudables?

Logo, quererás probar e contaxiarte?


COMEZAMOS.

Escribir, ler e falar ben a nosa lingua, a responsabilidade esencial que temos que asumir.
Comentarios (9) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 23-09-2020 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
O galego: Un sentimento de liberdade.
" O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

...Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?
"


Antón Vilar Ponte, Pensamento e sementeira.

CUESTIÓNS:
1-Que relación ten a liberdade coa nosa lingua?
Para o autor falar galego representa un compromiso, por que?

2- Explica as metáforas contrapostas no texto a da liberdade e a da escravitude.

3- Como podes traducir coas túas palabras ?redimirse da servidume do mimetismo?.

4- Por que parece tan importante ser orixinais no universo?

5- Ponlle ti un título a este texto.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 23-09-2019 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
A alba da liberdade
Comezamos o curso traballando nesta Unidade CERO sobre a Liberdade... xa o dicía a nosa Rosalía nun momento no que era difícil erguer a voz para falar da liberdade. Imos analizar a relación da liberdade coa lingua galega tomando como punto de partida este texto:

"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.

Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza.

Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu ríome coma eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande cá súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne.

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino?.


Preguntamos sobre este texto:

1- Rosalía quere explicar o sentir da súa poesía, fala de cantos de independencia e liberdade...Indica e explica a contraposición (tamén chamada antítese)que introduce no primeiro parágrafo do texto.

2-A seguir usa unha serie de comparacións. Enuméraas e explica a súa relación coa liberdade. Non esquezas de comentar tamén: soberbio como Luzbel e doce coma a esperanza.

3- Procura o significado das seguintes palabras : oprobio e iniquidade para redactar coas túas palabras o contido do terceiro parágrafo.

4- Despois de ler o texto e, en especial o último parágrafo, por que cres que é tan importante para Rosalía sentirse libre?


Para seguir coa reflexión sobre o ser humano e a lingua deixamos OUTROS TEXTOS A TER EN CONTA ANTES DE CONTINUAR:

Sobre as linguas e os seres humanos.

Sobre como poder ser verdadeiramente universais.

Sobre o dereito a ser diferentes.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 22-09-2019 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
Sementadores de esperanza

A landra que non se ve en maio,
non se ve en todo o ano
.

Dúas palabras sementar e esperanza, que unidas á lingua que falamos, provocan de inmediato unha mensaxe tremendamente evocadora e positiva, que parte do presente mirando cara ao futuro, capaz de superar un pasado xa esgotado, entendido como un proceso colectivo de progreso e aberto á ilusión dunha nova primavera.



Unha vella canción moi popular en Galicia dicía:

Sementar sementarei,
loguiño de crarear,
en tanto no pobo medre
un meniño, un vello e un cantar.

Un meniño rebuldeiro
que fale na lingua nai
que suba nos pexegueiros
a fruta verde a roubar.
Un vello que dea consellos
un rostro de fume e pan
que conte contos ós nenos
do cuco e do paspallás.
Un cantar de redención
que troque a desolación
nun limpo e craro alborear.
Logo, deixáime morrer,
entre dous regos, queimado,
cando veñan os solpores
dos homes esfamiados.


Resume nun parágrafo e coas túas palabras o que cres que esta canción nos transmite.
Trátase dunha reflexión sobre a lingua e a sociedade.

Así o dixo: Irene Area (2º ESO A)

A lingua é o mecanismo que temos os seres humanos para sementar a esperanza nunha persoa. As palabras permíntennos transmitir a esperanza, que nós podemos ter, a outras persoas. Deste xeito como a landra que nós plantamos mediante os nosos consellos pode chegar converténdose nunha forte árbore que despois inculcará esperanza nas persoas que a perderon.
Comentarios (7) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 10-09-2018 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0