Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Torreiros
O outro día fomos ao Fórum Metropolitano para ver a estrea dun documental moi interesante sobre a vida dos fareiros, titulado "Torreiros", e dirixido por Pablo Ces.

A verdade é que é unha profesión ben peculiar, que tivo uunha traxectoria laboral ben curiosa nestes 150 anos de existencia. No documental saen con máis frecuencia algúns casos como o do faro de Sálvora, Cabo Silleiro, Cabo Vilán, a Torre de Hércules, etc.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2012 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
Sabrina
E estamos que non paramos co cine emitido pola televisión. O outro día foi a quenda de "Sabrina", o clásico dos anos 50 protagonizado por Audrey Hepburn (o día que a vin, na mesma canle, botaban tamén "Almorzo con diamantes" e "Vacacións en Roma", todas seguidas, con ela de estrela). Foi dirixida en 1954 por William Wyler.

Non é que me chamara moitísimo a atención, pero é un clásico que non vira, e tiña ganas de facelo. Pero non me gustou demasiado, unha película moi romántica, que non é nin moito menos o xénero que máis me gusta nin me interesa.

Resumindo, Sabrina (Audrey Hepburn) é a filla do chófer da familia Larrabee, que está forrada de pasta, e leva toda a vida namorada do fillo pequeno da familia, David (William Holden), que é un vividor cunha vida sentimental moi axitada, mentres que non fai o máis mínimo caso ao fillo maior, Linus (Humphrey Bogart), que é quen dirixe as potentísimas familias. Vaise un par de anos a París a un curso de gastronomía, e cando volve, todo cambia.

Como aspectos destacables para min, un dos que máis me gustou no seu papel foi Humphrey Bogart. Non vin moitas películas del, pero teño clara a súa imaxe de dureza, e o papel que ten nesta película é ben curioso, sobre todo ao final.

E "descubrín" a un magnífico actor secundario, no que non me tiña fixado antes. Chamábase John Williams, e nesta película facía de pai de Sabrina. Hai uns días vino tamén en "Crimen perfecto" de Hitchcock, facendo o papel do magnífico inspector que acaba descubrindo a trama do asasinato. A ver se o vexo máis veces, que seguro que o fixo moi ben.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2012 16:11
# Ligazón permanente a este artigo
O home que matou a Liberty Valance
Seguindo co magnífico idilio co cine clásico que estou mantendo grazas a Paramount Channel, hai uns días tocoulle o turno ao mítico film "O home que matou a Liberty Valance", película de John Ford do ano 1962.

Eu supoño que xa a vin hai anos, pero como me pasa con tantos outros westerns, non lembraba de que ía, aínda que nese xénero os temas son bastante previsibles e planos, case todo se basea na épica e na ética da fronteira, a conquista do Oeste, a ausencia de regras e case de sociedade. E os americanos ademais aínda presumen diso, cousa bastante preocupante....

O caso é que a película decepcionoume un pouco. Xa estou algo cheo do maniqueísmo dese tipo de cine, o Liberty Valance tan malvado, o James Stewart tan boíño, culto e estudiado, o John Wayne tan chulo e machote. Os únicos detalles algo decentes da trama parecéronme o empeño do personaxe de James Stewart de resolver os problemas mediante as leis (agora o país está moi xudicializado, ao final parece que triunfou), e a certa ambigüidade da protagonista feminina, que non parece decidirse entre os personaxes de James Stewart e John Wayne, creando certa tensión entre os tres.

Por se alguén non sabe ben de que vai, nunha determinada cidade "da fronteira", Liberty Valance é un foraxido que fai o que lle peta no seu contorno. O personaxe de John Wayne (Tom Doniphon) é un vaqueiro moi respetado, o único ao que Liberty Valance lle ten medo, pero non chocan demasiado entre sí, evítanse e atúranse. Chega á vila, previo atraco e paliza de Liberty Valance, o personaxe de James Stewart (Ramson Stoddard), un novo avogado que pretende instalarse na vila para levar as leis ao Oeste. Está a piques de morrer a mans de Liberty Valance no intento, pero acaba sendo senador representando en Washington a ese territorio.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2012 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
Medre o mar: Homenaxe a Bernardino Graña
Onte celebrouse unha xornada enteira, excelentemente organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, de homenaxe na Coruña a Bernardino Graña, que dentro de pouco cumprirá 80 anos.

Houbo moitos actos durante o día, pola mañá na zona do Campo da Rata (cerca da Torre de Hércules), pola tarde houbo un paseo en barco pola ría, e todo rematou cun recital poético-musical no Paraninfo da Universidade da Coruña.

Houbo discursos, moitos poetas galegos lendo poemas dedicados a el, ou poemas do propio autor, audiovisuais, e actuacións musicais a cargo de A Quenlla e de músicos tradicionais. Tamén falou o propio homenaxeado contando curiosas anécdotas da súa vida.

Déixovos cun vídeo que presenta o que ía ser esa xornada de homenaxe, e unha canción de Suso Vaamonde, baseada nun poema de Bernardino, e que ese día foi interpretada por A Quenlla.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-09-2012 23:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0