A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O outro día a Agrupación Cultural O Facho, da Coruña, organizou unha amena charla a cargo do eminente teólogo galego Victorino Pérez Prieto, que falou sobre un dos temas que máis coñece: Prisciliano.
Como sempre, foi tremendamente ameno e didáctico e soubo ternos alí embobados máis dunha hora contando historias e anécdotas sobre o interesante e descoñecido personaxe.
Atopei en Youtube un breve documento con entrevistas a relatores dun congreso sobre Prisciliano que se organizou en Santiago en 2006. Déixovos con el, Victorino é un dos últimos que sae.
Onte fun a unha sensacional Gala de Maxia que se celebrou no Teatro Rosalía da Coruña coincidindo co Congreso Máxico Nacional que foi esta semana.
Houbo varias actuacións, e entre elas, mentres cambiaban o escenario, un gran mago francés chamado Gaetan Bloom que oficiaba de presentador ía facendo trucos na parte dianteira, ao borde do patio de butacas. Xa ao comezo dixo que os seus números pretendían "ensinarlle" á xente algo sobre os trucos dos magos. Un dos máis aplaudidos foi este que vedes a continuación.
Hai un par de xoves magos escoceses que están revolucionando o mundiño con trucos moi creativos e divertidos. Chámanse Barry & Stuart, e actuaron dúas veces, para facer os dous trucos diferentes. Polo visto non se poden insertar os videos dende Youtube, pero si podedes velos alí. Un titúlase "Suicide in C sharp" (consiste nun pequeno e peculiar concerto de violín) e o outro "Woman gives birth to a rabbit" (unha muller dá a luz un coello).
A primeira actuación foi a de Sylvester the Jester, que se anuncia como un mago de debuxos animados. Podedes velo aquí.
Outra actuación, aínda que non foi das que máis me gustou, foi a cargo de Adrián Soler, que coido que é sudamericano.
Tamén actuou o mago español Juan Mayoral, que facía cousas bastante interesantes pero era bastante inexpresivo.
O espectáculo rematou con Philippart e Anja, que fixeron algunhas cousas moi espectaculares, como as que se ven neste video.
E outra actuación polo medio que foi bastante aplaudida foi a do veterano Finn Jon, que vedes aquí.
Pois en definitiva, que pasamos dúas horas ben divertidas e amenas, e ademais variadas. Se algunha cousa che gustaba menos, axiña viña outra máis do teu gusto, non había tempo a aburrirse.
Onte fomos ver outro monólogo do ciclo que se estivo celebrando no Fórum Metropolitano esta semana. Despois de Cándido Pazó, Víctor Grande, Carlos Blanco, tocaba rematar con Oswaldo Digón.
Eu coñecíao algo, tíñao visto actuar con algunha outra xente pero nunca o vira a el só co seu espectáculo. E mira ti por onde que o que fixo onte era a primeira vez dun espectáculo novo, deixou xa o que levaba facendo ata agora, aínda que parece que reaproveitou parte do material.
Pasámolo bastante ben, e contou algunhas anécdotas moi graciosas. Centrouno na nostalxia, no paso do tempo, nos recordos da infancia e a diferenza entre os nenos daquela e os de agora, está claro que iso dá moito xogo.
Fun ver a un colega da emisora CUAC FM que tamén actúa como monologuista, fai curtametraxes, e moitas outras cousas. Chámase Víctor Grande.
En Youtube pódense ver algunhas actuacións del. Aparte de contar historias, tamén canta, e unha das súas cancións máis célebres é esta que tedes neste video, onde se fala do idioma universal chamado "coruño". É a banda sonora dun documental sobre esta lingua que se vai presentar en outubro no Teatro Rosalía.
Contou unhas historias ben xeitosas e sacoulle punta a moitos temas.
Acabo mesmo de chegar do concerto que deron estes tres grandes músicos: Xabier Díaz (voz, percusión e gaitas), Pedro Lamas (saxo e gaitas) e Suso Iglesias (acordeón) no Fórum Metropolitano da Coruña baseado no seu disco "Coplas para Icía", xa editado hai un par de anos.
Resultou marabilloso e as ovacións do público foron numerosas, sobre todo ao final. Bravo polos grandes músicos galegos.
Déixovos coa canción deste disco que máis me gusta, titulada "Sara de Laíño".
Acabo de chegar da fantástica obra de teatro galega que fala dos últimos tempos de María Callas. Titúlase "Master class" e o papel da diva faino a gran actriz galega Mabel Rivera.
O director é Xosé Manuel Rabón (garantía de calidade) e os outros actores, que fan un bo papel, pero obviamente acaban eclipsados pola diva, son Lino Braxe, María Torres, Julia Cea e Enrique Martínez.
Máis ou menos trata, como di o título, dunha master class onde María Callas pretende ensinarlle algo a varios alumnos (saen 3 pero supostamente o teatro está cheo de máis alumnos que tamén asisten a esa clase). As súas formas son bastante despóticas e engreídas (aínda que ás veces parece querer ser humilde), e sempre está sacando a relucir a dureza da vida e o que tivo que traballar para saír adiante, e semella utilizar iso como escusa para case humillar aos seus alumnos.
Lino Braxe fai de pianista e os outros tres actores de alumnos que veñen a aprender coa diva, e que saen en maior ou menor medida "trasquilados".
Unha cousa que me chamou a atención é que ao rematar as arias que cantaron, algunha xente se puxo a aplaudir, cousa que me sorprendeu. Sospeito que eran seguidores da ópera, pero tampouco teño claro que na ópera se faga iso, moito non fun a ese tipo de espectáculos pero non lembro telo visto. Tamén aplaudiron cando un dos personaxes lle bota en cara que critica tanto aos novos cantantes porque daquela ela xa non podía facelo. A verdade, pareceume algo infantil por parte desa xente, como se fora unha película de bos contra malos, e o bo desafoga con esa confesión, e todo o mundo se pon da súa parte. Pero son cousas que pasan.
En calquera caso, moi recomendable e pásanse as dúas horas case sen sentir.
Hai uns días fun ao concerto que o grupo británico (pero con moitos membros americanos) Supertramp deu no Coliseo da Coruña. Comentaremos bastantes cousas sobre el, pero podemos resumilo en que foi excepcional, marabilloso.
En primeiro lugar, volvín ver na prensa que tamén actuaron aquí no ano 2002. Sempre foi un grupo que me gustou bastante, e nin sequera lembraba que tocara na miña cidade, así que non consigo lembrar por que non fun naquela ocasión. Que estraño!!!
Podemos comezar dicindo que non intentar enganar a ninguén. Non sacaron disco novo, e non sei se sacarán algún máis, é unha xira unica e exclusivamente para facer caixa e tocar os éxitos que todo o mundo coñece e do mesmo xeito que os tocaron sempre.
Digo isto porque a calidade do son foi excepcional e as cancións soaron exactamente igual que nos discos de estudio e que no mítico directo de París no ano 1980, cando estaban no seu apoxeo e faltáballes non moito tempo para separárense.
Supoño que unha das cousas que máis nos chocaban a todos era como substituirían a Roger Hodgson, aínda que xa levan case 30 anos facéndoo, así que práctica non lles debe faltar.
E fixérono con moitísima solvencia con dúas persoas, ou case poderíamos dicir unha e media.
En catro cancións, que se non lembro mal eran "The logical song", "Breakfast in America", "School" e "Give a little bit" fixo o seu papel Jesse Siebenberg, o fillo do batería Bob Siebenberg (un dos tres membros que queda da formación clásica). Boa voz e bo músico, aínda que hai que recoñecer que cando "imitan" a Roger fano ao pé da letra, é dicir, cada xemido ou salaio do mesmo xeito que o facía o fundador do grupo agora non presente no mesmo.
E noutras tres cancións, que deberon ser "Dreamer", "It´s raining again" e "Take the long way home" foi suplido por un membro do coro chamado Gabe Dixon, que tamén cantou moi ben, pero que ademais tamén tocaba algo de teclados e percusión.
Eu non podo ocultar que me gustan moito máis as cancións e o estilo de Roger Hodgson, e sospeito que a boa parte do público lle pasa o mesmo. Rick Davies interésame bastante menos, aínda que nalgunha peza demostrou o seu gran virtuosismo ao piano, na única concesión que fixeron á galería e onde se saíron do son clásico coñecido.
En definitiva, un grande espectáculo e xa fixen os deberes cun máis dos moitos grupos clásicos que tiña ganas de ver actuar algunha vez na miña vida.
Tamén hai que ter en conta que a formación clásica de Supertramp era de cinco membros e agora son nove.
Comezaron no ano 70 Davies e Hodgson cuns acompañantes que pouco lles duraron e sacaron dous discos a comezos desa década con moi pouco éxito.
Despois formouse o mítico conxunto de Roger Hodgson, Rick Davies, Bob Sieberberg (batería), John Helliwell (saxofón) e Dougie Thompson (baixo). O primeiro e o último xa non forman parte do grupo.
Sacaron unha serie de discos míticos en estudio "Crime of the century", "Crisis, what crisis?", "Even in the quietest moments" e "Breakfast in America", todos moi bos, sobre todo o primeiro e o último. Despois fixeron o seu mítico concerto de París en 1980 e despois fixeron un último disco en estudio onde estaban todos xuntos, titulado "Famous last words". Foise Roger Hodgson e dende aquela sacaron varios discos máis pero na miña humilde opinión o baixón que pegou o grupo foi sobresaínte.
Agora a formación é moi diferente: Davies, Helliwell e Bob Siebenberg seguen como antes. Jesse Siebenberg canta, toca guitarras, teclados, dálle un pouco a todo. Cliff Hugo toca o baixo. Carl Verheyen toca a guitarra eléctrica. Lee Thornburg toca a trompeta e sección de vento en xeral, acompañando a Helliwell no centro do escenario en bastantes ocasións. Gabe Dixon fai o que xa dixemos antes. E Cassie Miller fai coros, acompañada frecuentemente polos dous anteriores.
Déixovos cun video que atopei dun dos éxitos que non tocaron, probablemente o único que "esqueceron", a marabillosa "Fool's overture".
Hai xa seis anos que nos deixou Manuel María, e a Fundación que leva o seu nome xunto coa Concellaría de Cultura da Coruña fixeron o seu homenaxe anual a comezos de setembro.
Este ano consistiu no recitado de poemas a cargo de Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luz Pozo Garza e Cesáreo Sánchez Iglesias.
E tamén houbo unha actuación musical a cargo da sen par Uxía Senlle acompañado polo excepcional músico brasileiro Sergio Tannus, auténtico virtuoso que nesta ocasión só amosou a súa mestría coa guitarra acústica, pero que xa nos ten deleitado con máis instrumentos hai pouco na nosa cidade en diferentes concertos.
Tocaron pezas baseadas en poemas de Manuel María e tamén algunha na honra de Uxío Novoneyra. Como das primeiras non atopei ningunha en Youtube, pero das segundas si, déixovos cunha destas.
Nos últimos días estiven escoitando moita música dos Beatles, foi un proceso bastante casual.
Hai uns días fun a un local coruñés a escoitar ao grupo Los Mecánicos, que facian un concerto homenaxe aos Beatles. E iso lembroume que tiña a discografía enteira por algures, e púxenme a escoitala, que xa había tempo que tiña gañas de prestarlle algo de atención detallada.
Moi ben, como era previsible, aínda que me quedou a impresión de que ningún disco lles saíra "redondo". Se cadra o que máis o famoso Sgt. Peppers, pero tampouco podería aseguralo. Claro, como compoñían tan rápido e sacaban tantos discos, ían no medio moitas cancións dun nivel bastante máis mediocre. Pero hai que recoñecer que teñen unha cantidade de éxitos e de cancións flipantes.
Déixovos cun video dunha das cancións que a min máis me gusta, "Here comes the sun".
Pois si, xa estamos de volta, sans e salvos, despois da dura primeira expedición de Pirineísmo. Foron sete días bastante duros físicamente pero valeron a pena porque as paisaxes e os lugares son inesquecibles.
Aínda que a planificación son foi tan acaída como outras veces (era a primeira vez que faciamos unha viaxes destas características, tan intensivamente sendeirista) e o noso físico quedou algo resentido e necesitamos algún descanso intermedio.
Basicamente poderíamos dicir que os catro primeiros días foron moi duros, case sen descanso, iso provocou que paráramos o quinto día, e o sexto e sétimo día voltamos á actividade pero só a un ritmo medio.
O esquema da excursión foi o seguinte:
- Día 1: Desprazamento de Galicia a Echo, no noroeste de Huesca. Chegamos para xantar, xa que esa travesía pode facerse case íntegramente por autovías ou autopistas, todo agás os últimos 50 quilómetros. Pola tarde visitamos as vilas da zona, con Echo, Siresa e a súa igrexa medieval (o único que resta do mosteiro), Ansó e Aragües del Puerto.
- Día 2: Primeira ruta, xa bastante forte. Saímos do camping de Zuriza, e cruzamos a fermosísima serra de Alano pola brecha coñecida como o Achar d'Alano. Despois subimos á Peña de Alano e voltamos baixar. Foi duro, pero menos do que nos esperaba nos días seguintes, e fixo moito calor.
- Día 3: Ruta moi forte, a mítica subida ao marabilloso Castelo de Acher dende a frondosa Selba de Oza, que aparece na foto anterior deste blog, cando anunciamos que íamos para alí. Aparte da beleza deste "pico", coa súa mestura de verde (herba), vermello (arxila) e gris (roca caliza) o máis alucinante é que esto non é propiamente un pico, senón un val sinclinal colgado. É dicir, chegas arriba de todo e estás na "coroa" dun val, indescritible.
- Día 4: Ruta algo máis suave, aínda que bastante longa. Fomos ao fermosísimo Ibón de Estanés, que vedes na foto. Para iso tivemos que subir pola val de Guarrinza, cruzar o alucinante val de Aguas Tuertas (onde nace o río Aragón Subordán), ir á par da serra de Secús e chegar ao lago, que case fai fronteira con Francia. Se mirades na foto, aquel pico que sobresae á esquerda é o omnipresente pico Midi d'Ossau, nos Pirineos Franceses.
- Día 5: Ruta de novo moi dura, a subida ao Bisaurín (2.669 metros de altura, que se di axiña) dende o refuxio de Lizara. A dificultade radica en que a subida non dá case rodeos, sube case directa pola empinada aba do monte, con pequenos zigzags que se fan bastante duros. Único día que vimos algo de nubes e brétema, de feito o cumio estaba envolto nelas.
- Día 6: Despois da caña dos días anteriores, baixamos o ritmo, fomos de visita a San Xoán da Peña e pasamos o resto do día en Jaca.
- Día 7: Comezamos a andar de novo, pero con xeito, demos un paseo polo rincón de Belagua (nordeste de Navarra) e despois fixemos parte da calzada romana que vai ao Puerto del Palo á altura do impresionante Burato do Inferno, estreitísimo paso do río Aragón Subordán no val de Echo.
- Día 8: Subimos ao Ibón de Acherito e despois visitamos o refuxio de Gabardito.
- Día 9: volta para Galicia.