Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels |
|
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Viaxes O Lóstregho no concello de A Veiga |
|
E Viaxes O Lóstregho (coa súa alineación máis habitual e clásica, pero que levaba varios anos sen darse) decidiu darlle o toque final a este verán facendo algo de sendeirismo nun dos concello máis montañosos da Galiza: A Veiga.
Para os que non saiban onde está, A Veiga fai fronteira co noroeste da provincia de Zamora. Está no nordeste da de Ourense, máis ou menos entre A Rúa e Viana do Bolo. E nesa fronteira entre Galiza e Zamora está a serra onde se atopa Pena Trevinca (2.127 metros, o punto máis alto de Galiza).
A Pena Trevinca non subimos, porque eu levaba tempo sen facer sendeirismo, non me veía en forma suficiente para facer esa ascensión, de case 1000 metros de desnivel, e a ese pico xa subimos hai uns anos, por outra ruta. Así que fixemos outras rutas tamén moi chulas, que por alí hai bastantes para escoller.
O 1º día foi de achegamento, xa que chegamos ao mediodía, collemos algo de información na oficina de turismo. Despois de xantar fixemos a ruta da "Cántara da Moura". Está a pouco máis de 1 quilómetro da capital do concello, e consiste nun conxunto de penedos xigantescos e unhas pozas que se forman en torno a eles. Impresionante. Despois démoslle unha volta en coche ao concello para coñecer mellor os sitios de onde sairían ou por onde pasarían as rutas dos seguintes días.
O 2º día fixemos a Ruta das Lagoas de Ocelo. Esta ruta está totalmente dentro do Coto de Caza que xestiona o Hotel El Ciervo, de Xares. Levounos unhas 4 horas e media, contando tamén o xantar, que foi na última das lagoas. Esta interesante ruta, na que se sube ata case os 1.600 metros de altitude, visita as lagoas glaciares de Ocelo, Carrizais e Laceira (onde xantamos).
O 3º día subimos á Lagoa Glaciar da Serpe (a que vedes na foto). Obviamente, xantamos alí, porque é unha delicia de lugar e porque o esforzo necesario para chegar require repoñer forzas. Chégase a cotas duns 1.850 metros de altitude, pero non son na lagoa, que está máis baixa e escondida. En total son unhas 5 horas de ida, xantar e volta.
E o 4º día, para rematar, fixemos unha ruta moito menos dura, pero moito máis longa. É a Senda Verde do Xares, o río máis importante do concello, que forma o Encoro de Prada, duns 8 quilómetros de lonxitude. Pero facer a sinxela ruta que arrodea todo o encoro e pasa por todas as aldeas da contorna anda polos 35 quilómetros, que fixemos nunhas 8 horas.
Saúdos. |
|
|
|
Breve visita ao Baixo Miño e o Valmiñor |
|
O outro día puidemos achegarnos, aínda que fora brevemente, ao sur da Galiza para ver varias fermosas vilas daquela zona que alguén quería visitar por primeira vez. Foron Tui, A Guarda e Baiona.
Comezamos a visita pola episcopal Tui, o seu fermoso casco vello, as súas vistas sobre o Miño e a súa impresionante catedral.
Despois achegámonos a Santa Tegra. Conseguimos ver o fantástico castro, pero xa non subimos ata o cumio, porque a brétema xa chegara alí e non permitía desfrutar das marabillosas vistas sobre a desembocadura do río Miño. Baixamos á Guarda, e demos un breve paseo polo porto, pero comezou a chover un pouco e decidimos probar sorte noutro lugar. Está claro que foi a parte menos aproveitable do día.
E chegamos a Baiona. Demos un paseíño por parte do casco vello, subimos ata a Colexiata, e despois, como o tempo mellorou algo, demos unha volta por todo o paseo que arrodea o Parador. E incluso fixemos unha visita con audioguías á réplica da carabela Pinta, que está atracada no porto.
Eu sei de alguén a quen lle gustou moito esta viaxe, pero especialmente Baiona, porque cando estabamos alí non paraba de dicir "moi bien, moi bien, moi bien".
Saúdos. |
|
|
|
Cortina rasgada |
|
O outro día volvín ver unha película de Hitchcock (unha das súas últimas) que vira nun ciclo de TVE hai moitos anos. É "Cortina rasgada", do ano 1966.
Aínda que se pasa un bo rato, como con todas as de Hitchcock, non é difícil chegar á conclusión de que a película é algo máis frouxa que as outras.
Paul Newman, para non variar, está razonablemente convincente no seu papel de científico americano que, aparentemente despechado pola falta de interese do goberno americano nos seus proxectos, decide "venderse" á República Democrática Alemana para colaborar con eles no desarme nuclear. Realmente quere traballar co mellor dos seus científicos para arrebatarlle o que sabe, e que lle permitirá aos americanos coller dianteira neste tema.
Julie Andrews xa non a vexo tanto no papel da súa axudante ou secretaria. No da súa moza pode que si, pero a súa apariencia e a imposibilidade de esquecer o gran papel que facía en "Mary Poppins", a min polo menos, dificúltanmo.
Hai varias esceas, diálogos e insinuacións ao longo da película que "chirrían" un pouco sobre o tufillo ideolóxico da mesma.
En definitiva, pasouse ben pero Hitchcock fixo cousas bastante mellores.
Saúdos.
|
|
|
|
Cristina Pato |
|
Achegámonos hai uns días ao barrio do Castrillón na Coruña para ver á gaiteira Cristina Pato.
Certo é que había tempo que lle tiña a pista perdida, e que recoñecendo a súa grande valía e preparación, a música que fai e facía non me chama especialmente a atención.
E o que vimos o outro día, digamos que máis ou menos me deixou como estaba. É unha artistaza que sabe comunicar moi ben dende o escenario, movéndose, animando ao público (na última canción levantou a todo o público dos asentos, porque algúns asentos había na praza onde se celebraba o concerto) e tamén nas alocucións entre as cancións, onde me sorprendeu moi favorablemente. E do seu virtuosismo con todos os instrumentos que toca (gaitas, piano e pandeireta) non hai discusión ningunha.
Traía unha moi boa banda, con Laura Amado ás voces (só en 4 ou 5 cancións, por desgraza), Roberto Comesaña no acordeón, Paco Charlín no contrabaixo e o mítico Carlos Castro na percusión.
Pero a proposta musical que ofrece, polo menos a min, segue sen engancharme. Aínda que é bastante inclasificable, está claro que ten unha clara tendencia cara ao jazz, e os asiduos lectores deste blog xa deberíades saber que ese estilo non é santo da miña devoción.
Saúdos.
|
|
|
|
Viaxes O Lóstregho en Ferrol |
|
Algúns membros de Viaxes O Lóstregho levabamos tempo dicindo algo así como "co cerca da Coruña que está Ferrol, e apenas a coñecemos, e case nunca imos por alí". E onte intentamos paliar esa histórica inxustiza.
Como a conexión ferroviaria é claramente mellorable, fomos en bus, no directo que vai por autoestrada, o outro dá moita volta e tarda bastante.
Nada máis baixar do bus, subimos á Praza de Canido para ver o dignísimo Museo de Historia Natural que a Sociedade Galega de Historia Natural está montando nunha antiga instalación militar que lles cederon. Levan alí 3 anos e aínda están montando parte da exposición, pero anima moito ver os logros que poden conseguir unha entidade cultural sen ánimo de lucro.
Xantamos na afamada Taberna do Cantón, e despois diso subimos ata a Praza de Ferrándiz, onde comezamos o noso periplo, despois de ver os "monos" de traballo pendurados na verxa de Navantia, en artística reclamación laboral.
Comezamos polo universitario barrio de Esteiro e a impresionante Casa do Patín, baixamos de novo á Praza das Angustias e a Alameda de Suances, e dende alí fomos vendo os diferentes puntos de interese do ilustrado barrio da Magdalena. Despois chegamos a Ferrol Vello (que está nun estado de abandono lamentable e bastante xeralizado), fomos ao peirao de Curuxeiras, seguimos cara ao Paseo Marítimo da Malata e subimos de novo a Canido. Rematamos tomando algo na Praza de España (que xa hai anos que non ten o burro e o cabalo) e collemos o tren de volta para Coruña, que pasa por lugares moi interesante da costa intermedia.
Aínda que a cidade non é moi grande e está moi cerca da miña, recoñezo que a coñezo pouco e houbo varias cousas que me sorprenderon e agradaron moito, como a Praza de Amboaxe e a súa Capela da Mercé (case oculta e pouco publicitada) e os Xardíns de Herrera, aparte das casas modernistas.
Mágoa que haxa tanta presenza militar que, aparte de ocupar o Arsenal e o Estaleiro tanto espazo como o resto da cidade, deixan detalles tan "feos" como carteis que lembran que o terreo onde están os Xardíns de Herrera (un dos recunchos máis fermosos da cidade) son propiedade da Armada.
Saúdos. |
|
|
|
Milladoiro e Tiruleque |
|
Onte na Praza de María Pita había o único concerto das agosteñas festas da Coruña que me interesaba algo. Tocaron Milladoiro primeiro e despois Tiruleque.
Milladoiro, como sempre, son unha aposta segura, aínda que xa soa a algo moi coñecido, pero o seu nivel raia e raiou sempre tan alto, que nunca decepcionan. Xa son máis de 35 anos de carreira.
Pero teño que recoñecer que me sorprendeu algo a súa formación. Polo que acabo de ver no seu facebook, a que vin onte debe ser a actual, non había ningunha baixa ocasional.
Dos membros fundacionais, xa só quedan tres, Nando Casal, Pepe Ferreirós e Moncho García. Ao ver a súa ausencia, lembrei que Antón Seoane tamén deixou o grupo por cuestións de saúde (creo que lin algo dunha certa sordeira). E polo visto, tamén se foi o frautista Xosé Antón Méndez. Segue Harry. C no violín, coas tonterías xa leva máis de 15 anos, é o violinista máis lonxevo do grupo con diferenza. E Manu Conde nas guitarras xa debe levar case ese tempo. E acaba de incorporarse Manuel Riveiro ao piano e acordeón, claramente cubrindo a baixa de Antón Seoane.
Despois de tocar Milladoiro, e por razóns que non veñen ao caso, faltamos algún tempo da praza, e cando voltamos, o concerto de Tiruleque xa ía algo avanzado.
Como habitualmente, este grupo coruñés sempre anima moito ao auditorio dende o escenario, coa súa música moi movida e divertida, e onte non foi diferente. Xuraría que lle notei algunha incorporación, que antes eran seis e agora son sete. Creo que foi o novo cantante, Serxio Núñez, o último que se incorporou.
Saúdos.
|
|
|
|
Centauros do deserto |
|
Onte vin de novo, despois de moitos anos, o mítico western de John Ford "Centauros do deserto". Creo que a vin hai moito tempo, polo menos ver a Natalie Wood de india sóame bastante.
Non discuto que sexa unha película fantástica, que John Ford sexa un dos mellores directores da historia, e todo iso, e non sei se onte, cando vin a película, tiña o sentido crítico moi aguzado, pero vin unhas cantas cousas que me chamaron a atención (e antes non deberon facelo, polo visto):
- A actitude prepotente e xenófoba contra os comanches de Ethan Edwards (John Wayne). O tipo que o resolve todo, de escuro pasado pero que se nega a darlle explicacións a ninguén, cunha estraña moral de anti-heroe solitario e aparentemente infalible. Serán cousas do xénero do western.
- Chamoume a atención que apenas se ve violencia, senón que se intúe, pero ao mellor é propio da época na que se rodou. Por exemplo, os indios matan a toda unha familia e non se ve absolutamente nada, só a casa ardendo, o demais déixase á imaxinación dos espectadores. Pola contra, unha estúpida pelea entre dous pretendentes dunha moza si se ve en detalle, querendo parecer algo como unha comedia.
- Non sei se fallou a montaxe pero nalgunhas esceas pasan cousas "raras". Por exemplo, asaltan de noite o poboado indio para collelos desprevidos, e na seguinte escea vese a varios guerreiros indios disparando as súas escopetas, perfectamente despertos e de día. ¿¿¿???.
- Por outra banda, o ferísimo xefe comanche Cicatriz, que é o malísimo da película, morre ao final nunha escena bastante previsible, tiroteado por un dos brancos que, EL SÓ, conseguiu colarse de noite no poboado indio. Vaia xefe e vaia vixianza a deses feros indios comanches. Cando o personaxe de John Wayne o descubre xa morto, córtalle a cabeleira, que gran exemplo....
- Cando están buscando á sobriña de John Wayne (Natalie Wood), que foi raptada polos indios varios anos antes (porque a trama da película é esa), atopan a varias mulleres brancas que foran raptadas por diferentes tribus indias. E todas están absolutamente tolas, idas, case como se foran deficientes. De onde sae ese estraño prexuízo? Casualmente, Debbie (Natalie Wood) é a única que parece conservarse razonablemente corda e que lembra o idioma e os costumes, e que ao final accede a voltar á súa cultura e á súa xente, pero perfectamente de saúde mental e sen rancor cara os indios. Que casualidade!!!
Xa digo, non discuto a calidade da película, pero onte, ao rematar a película, fíxome pensar en moitas cousas que, cando a vin de rapaz, deberon parecerme moi normais.
Saúdos.
|
|
|
|
Viaxes O Lóstregho en Praga |
|
 Viaxes O Lóstregho foi a Praga, e xa volveu. Foron seis días completos de paseos pola vella, histórica e fermosísima capital da República Checa. Inicialmente tiñamos a idea de facer algunha saída fóra da cidade, como ao campo de concentración de Teredzin, pero ao final descartámolo, na cidade había demasiadas cousas que ver. Agora imos facer unha pequena crónica do que fixemos neses seis días:
- 1º día: Dedicámolo principalmente ao Barrio do Castelo (Hradcany). Primeiro visitamos a Catedral, moi interesante. Despois entramos no Palacio Real, onde está, entre outras cousas, o impresionante Salón Ladislao, no que se facían xustas medievais a cabalo. Despois fomos á Basílica de San Xurxo, e despois á singularísima Calella do Ouro, coas súas diminutas casas. Despois visitamos un par de torres máis, a Daliborka e a da pólvora, e marchamos a xantar. Despois de xantar, subimos a escaleira de caracol con 287 escalóns da Torre da Catedral, para ter as mellores vistas da cidade á que acababamos de chegar. Despois visitamos os Xardíns Reais e estivemos paseando polo barrio, vendo (por fóra) algúns dos alucinantes palacios desta zona, a Basílica de Loreto (onde supostamente hai unha réplica da casa da Virxe María), o Mosteiro de Strahov, etc. E nun momento que caeron varios chaparróns seguidos, ?caímos? nunha cervexería tradicional praguense (non para turistas) na que aprendemos moito sobre Praga e os checos.....
- 2º día: Comezamos o día fotografiando con moito rigor a Ponte Carlos, que ás 9 da mañá aínda non ten moita xente. E iso xa leva o seu tempo. Despois pasamos a mañá en Josefov, o Barrio Xudeu, vendo as catro sinagogas que están abertas e o impresionante Cementerio Xudeu. E despois vimos algunhas cousiñas máis que hai nese interesante barrio. Despois de xantar subimos á Torre do Concello da Cidade Vella, para ter as mellores vistas desa zona da cidade. E a media tarde, púxose a chover e xa non se puido facer moito máis, así que aparte de tomar algunhas cervexas, fixemos algo de compras e fomos ver o marabilloso Teatro Negro.
- 3º día: Este día foi moi completo. Comezamos pola mañá visitando a coñecida Cidade Vella. Comezamos pola Torre da Pólvora, rúa Celetná, praza do concello, e dando innumerables voltas polo barrio ata chegar á Ponte Carlos. E unha vez alí, e como aínda era cedo, decidimos comezar a ver a Cidade Nova, baixando polo río. E aí comezamos a flipar máis, porque resulta que tiña moitas máis cousas das que pensabamos. Pasamos pola Praza Carlos (que foi onde xantamos) e despois pola Praza Wenceslao, a estación central de trens (que nos sorprendeu bastante) e despois de seguir dando voltas, rematamos a tarde no ?beer garden? U Pinkasu, unha das cervexerías máis famosas da cidade, que ten esta terraza na antiga nave dunha igrexa ou mosteiro.
- 4º día: Este día pasámolo completo na parte occidental da cidade. Comezamos visitando a Illa de Kampa, moi cercana ao noso hotel. Despois pasamos a Malá Strana. Resumindo moito, fomos ao Parque Vojan, flipamos cos Xardíns de Wallestein, fomos á praza de Mala Strana, subimos a rúa Nerudova, admirando as súas moitas ornamentadas casas, baixamos pola rúa Vlasská, e rematamos vendo varias cousas na rúa Ujezd, como a igrexa na que está o Neno Xesús de Praga. Despois subimos a Colina de Petrín, comezando no palacio de verán dos Kinsky, pasando polos lagos, o Muro da Fame, o funicular, a igrexa de San Lorenzo e o mirador. Chegamos de novo ao Mosteiro de Strahov, onde xantamos, visitamos as súas impresionantes bibliotecas, despois visitamos a Casa da Virxe na Basílica de Loreto, e para rematar o día visitamos os Xardíns Sur do Castelo (os que quedan entre o castelo e Mala Strana). Se o mirades no mapa, veredes que foi un día ben completo.
- 5º día: O obxectivo neste día era visitar algunhas zonas históricas importantes, pero que non son tan frecuentadas polos turistas. Por esa razón, comezamos o día baixando polo río en dirección ao sur, pero pola beira de Malá Strana, e aí xa levamos unhas cantas sorpresas. A idea era chegar á fortaleza de Vysehrad, un dos primeiros asentamentos históricos da cidade, que ten moitas cousas que ver. De aí fomos á praza principal do barrio de Vynohrady, que ten unha grande igrexa, un teatro e algúns edificios máis ben interesantes. De aí fomos ao Museo Nacional, do que visitamos o que está agora aberto (tristemente, o edificio principal e as súas coleccións están en reformas) e despois fomos ao Museo Mucha, dedicado ao destacado pintor do movemento ?art.nouveau?. E rematamos o día indo a un concerto nunha sala do mosteiro de San Miguel, a cargo dun cuarteto de corda e unha soprano, que tocaran unha variada selección de pezas de ópera e música clásica.
- 6º día: E o obxectivo do último día era descubrir algúns dos parques da parte norte da cidade, sobre todo o Parque de Letná, que ten magníficas vistas sobre a cidade. Ao seu lado está o Museo Técnico Nacional, no que pasamos 3 ou 4 horas moi amenas. Despois, un xantar cunhas magníficas cervexas checas nun merendeiro sobre o río, con magníficas vistas, e rematamos este último día con outro concerto de música clásica, ópera e música popular (arxentina e hebrea) na impresionante Sinagoga Española, que recibe ese nome porque a decoración do seu interior está inspirada na Alhambra, así que facédevos unha idea.
Máis ou menos esta foi a viaxe. O hotel no que nos aloxamos, Hotel Roma, moi ben, na zona de Mala Strana pero case na Illa de Kampa. En canto a fotos, batín un novo record, unhas 950, o que non é mal indicio da beleza do lugar. Haberá que ir pensando na seguinte, que será a.........
Saúdos.
|
|
|
|
|
|