Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Estraños nun tren
Nos cines do Fórum Metropolitano botaban hai unhas semanas "Estraños nun tren", o clásico dirixido por Alfred Hitchcock rodado en 1951.

Sabía que xa a vira no pasado, pero os clásicos desa época, e non digamos xa se están dirixidos por Hitchcock, sempre resultan moi atractivos. Non lembraba apenas nada, só o resumo típico: dous homes coñécense casualmente nun tren, e a un deles se lle ocorre que os problemas dos dous poderían resolverse facilmente se cada un deles asasina á persoa que molesta ao outro. Ninguén conseguiría relacionar os feitos de ningún xeito.

O caso é que sucede así, e o instigador principal asasina á muller do outro, tenista algo famoso, que quere divorciarse dela (a relación entre eles é moi mala) para poder casarse coa muller da que realmente está namorado (agora). E ela agora négase en redondo a concederlle iso, sospeita que pode sacar moito máis desa situación.

Pero o instigador a identifica, a segue un día que vai con dous amigos a un parque de atraccións, e a mata nunha illa á que se chega cruzando uns estanque nunhas lanchas. Ela quedou soa por un descoido dos seus colegas, pero ela tamén colaborou bastante, porque ben se fixou que ese home a estaba perseguindo, e non fixo nada por escapar del, senón todo o contrario (obviamente, non preveía o final da historia).

A partir dese momento, o instigador persegue ao tenista para pedirlle que cumpra a súa parte do "trato", trato que en realidade non existía, porque pensaba que era un lunático que ía de broma. Pero cando mata á súa muller, xa comproba que a cousa ía en serio.

En calquera caso, el négase a colaborar, e por esa razón, o outro intenta presionalo e amenázao con divulgar probas de que foi o marido tenista quen a matou alí. Tiña algún obxecto do seu encontro fugaz no tren que o podería incriminar.

Tanto presiona, que o tenista fai un intento por matar ao pai do outro, pero realmente era unha trampa, e atopa xusto ao fillo extorsionador na cama na que supostamente durmía o seu pai.

A película avanza coa amenaza de deixar ese obxecto no lugar do asasinato, pero ao final todo se torce para o verdadeiro asasino, e o seu final é tráxico (síntoo polo "spoiler", pero a película xa é moi antiga e célebre).

A anécdota máis curiosa que nos pasou vendo esta película é que, durando 100 minutos, vímola en tres anacos. Por que? Porque cando ía media hora, e cando ía unha hora aproximadamente, a película rompeu, e vimos esa fermosa imaxe da cegadora luz branca, e ver como o celuloide está ardendo e descompoñéndose. Algunhas destas películas proxéctanas no formato orixinal de 35mm, e xa se sabe o que pode pasar con estas cintas tan antigas. O proxecionista conseguiu reparar o desperfecto e seguir adiante. Rompeu por terceira vez cando veíamos o rótulo de "The End", pero aí xa nos importou menos, obviamente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Adam Curtis
No CGAI seguiron botando máis series e documentais asinados por Adam Curtis, un británico nado en 1955, que para min, foi o descubrimento audiovisual do ano.

Xa perdín un pouco a conta dos que vin, dos que quero ver, dos que quero descubrir porque non sei nin sequera que existen. Pero en xeral, gustoume moito o seu estilo. Non teño claro se todo o que conta é certo ou só medio-certo, pero gústame ver a profundidade da súa análise e canto me fai dubidar de cousas que pasan diante dos nosos narices e que cheiran a algo bastante turbio.

Unha das series que vin foi "Pandora's Box", que trata sobre o peso que se lle está intentando dar á ciencia na toma de decisións políticas e nos avances sociais. De novo, perturbadora a súa visión.

A recomendación está clara. En Internet hai moitos documentais deste tipo que podedes ver completos. Animádevos cun deles (normalmente duran 1 hora ou algo así) e xa veredes, non sairedes igual da experiencia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
Han Solo
Hai unhas semanas, como é máis ou menos habitual, pasamos por caixa ao estrearse unha nova película da saga de Star Wars, aínda que neste caso non é unha serie convencional, senón un destes "spin-off" que se está inventando Disney para estirar o chicle, que é o que máis saben facer. O máis raro de todo é que iso sucedera en xuño, e non no Nadal, que é a época habitual de estreas desta saga de películas (oín algo de que o resultado económico non foi nada bo, así que seguramente volverán aos hábitos que lles dan máis cartos).

O caso é que fomos ver "Han Solo", que conta a historia de como se converteu en intrépido piloto da galaxia antes de comezar a loitar contra o Imperio.

Obviamente, non estaba protagonizada por Harrison Ford, que xa non está para estes trotes nin para parecer un chaval. No seu sitio estaba Alden Ehrenreich, que a pesar do seu apelido que parece alemán, é un xoven actor americano. Eu penso que fixo un papel máis ca digno.

E nada, máis do mesmo, produtos moi resultóns, pero está claro que Disney quere estirar a saga todo canto poida, pero un día vaille romper nas mans. Se non me saen mal as contas, creo que xa só queda unha película da triloxía de triloxías, ou sexa, a novena, e supostamente última parte (pero con Disney no tema dubido moito que non se inventen algo raro).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Divinas Palabras Revolution
Dende hai ano e pico xa se poden representar as obras de Valle-Inclán en galego, a súa familia non pode impedilo. E como era un gran autor que tiña obras macanudas, as compañías galegas de teatro están aproveitando que se abriu a veda.

Eu non estou seguro se xa vin algunha vez "Divinas Palabras". Hai unha versión en cine, que seguramente vin, pero apenas lembro nada, e non me estrañaría que vira algunha versión en teatro, pero tampouco o lembro. E co famosa que é a obra e o autor, non teño claro se non o lembro porque non me chamou a atención ou porque non asistín a ningunha desas representacións. Pero xa me estraña que nunca antes me cruzara con esta obra.

O que si parece claro é que a obra é bastante "forte", é dicir, a historia que conta non resulta demasiado amable nin agradable, porque o autor non se andaba con tonterías. E se o Centro Dramático Galego decide animarse con esta obra, e lle dá o volante de mando á xente de Chévere, que tampouco se andan con tonterías, a combinación é letal.

O caso é que Chévere, con Xesús Ron á cabeza, decidiron innovar unha vez máis, e enfocaron a obra como se fora unha edición de Gran Hermano. Pecharon a 7 persoas nunha casa (fantástico escenario, con dúas plantas, nas que se veía simultáneamente un salón, unha habitación con varias camas e un cuarto de baño, ademais de múltiples cámaras que proxectaban nos laterais moitas imaxes, incluso de pasillos e habitacións que o público non podía ver) e meteron a algunha persoa máis despois.

Algunhas escenas eran bastante explícitas, e unhas cantas persoas do público non puideron soportalo e marcharon durante as mesmas. Non podo asegurar a cifra, pero creo que deberon marchar unhas 5-6 persoas, en diferentes momentos e zonas do patio de butacas. Xa digo, a obra orixinal creo que non é moi amable e resulta dura nalgunha escena (sobre todo, cando emborrachan e matan ao fillo discapacitado), e Chévere non as ía suavizar (non é o seu estilo precisamente).

As sete persoas que están inicialmente son Pedro Gailo, a súa muller Marigaila, a súa filla Simoniña e Marica do Reino, que é a irmá de Pedro Gailo. Tamén están dous "randas" de coidado, como Migueliño e Candás, principais causantes de case todos os conflitos e da morte do rapaz, e Tatoola, unha rapaza cunha actitude máis ambigua, que nunca tes moi claro se é boa xente ou non.

E quen entra despois e por que? Pois Laureano, sobriño de Pedro e de Marica, é introducido na casa, porque morreu a súa nai. E comeza un conflito de intereses porque a ningún dos dous lle interesa demasiado a carga, se non fora pola herencia que pode vir con el e por todo o que recadaba a súa nai por redes sociais (clara actualización da historia.

E tamén entra varias veces, por razóns algo incomprensibles, un personaxe chamado Sétimo Miau, que é moi coñecido, e que eles sospeitan que tamén é a voz que lles fala no concurso. A súa voz grave resulta moi sedutora, especialmente para as mulleres, e nalgúns momentos nos que entra, flirtea claramente con elas, sobre todo con Marigaila.

A min gustoume moito a montaxe e o xiro tremendo que lle deron. Xa digo, sen saber exactamente como era a obra orixinal, pero pareceume moi moderna e atractiva. E a xente frouxiña que non soporta determinadas cousas, terá que limitarse só a ver versións clásicas e edulcoradas, que non atenten á súa sensibilidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2018 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0