Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os fillos do mar
Como é verán, estou de vacacións, e teño a posibilidade de ler de novo, estou intentando aproveitar todas as horas que podo.

Esta vez tocoulle a unha novela galega titulada "Os fillos do mar", escrita por Pedro Feijoo, filólogo pero que se dedica maiormente á música, coido que é un dos músicos do grupo Lamatumbá.

Pois eu tampouco son filólogo, pero non hai que selo para decatarse que a altura literaria non é moita pero o atractivo da historia debe selo bastante máis, xa que está tendo bastante éxito, leva non sei cantas reedicións e este tipo de libros, poderíamos chamar do estilo "bestseller" tamén fan falla na literatura galega (se cadra son os que máis falta fan).

Trata dun mediocre arquitecto que é contratado por unha potentada familia de Vigo basicamente para facer unha reforma aparentemente sinxela nunha fonte do xardín da mansión familiar. El non entende moi ben por que o precisan a el para ese traballo de tan pouca entidade, pero como non lle sobran os cartos nin o traballo, acepta o encargo.

Pero nada é o que parecía, e o que se esconde ten que ver co seu pasado, o da potentada familia, e tamén o de parte da cidade de Vigo. E como fondo de todo isto, o tesouro dos galeóns de Rande, afundidos a comezos do século XVIII.

Hai que recoñecerlle bo ritmiño e boa dosificación dos misterios e da trama.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2013 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Lost highway
O outro día fun ao habitual ciclo de verán Cinenterraza, que se celebra no vestíbulo do Fórum Metropolitano da Coruña durante o verán.

Nesta ocasión a cita era coa película "Losh highway" do incomprensible pero intrigante David Lynch. Intentarei expicar de que vai a película (sen desvelar máis do neceario), pero como sempre pasa coas películas deste director, non é moi doado.

A historia comeza cunha parella formada polo saxofonista Fred e súa muller Renee, que comezan a recibir polas mañás de xeito anónimo cintas de video nas que se ve, primeiro, o exterior da súa casa, e despois o seu interior cando eles están durmindo. Nese momento chaman á policía e informan do que acaba de pasar porque se asustan bastante. Na seguinte ocasión que chega unha cinta, Fred ve como aparece a súa muller morta na habitación, aparentemente a mans del, pero el non lembra telo feito. O seguinte que vemos é aos policías interrogándoo na comisaría cos métodos civilizados que os caracterizan, é condeado a morte e vai á celda onde agardará a súa execución. Pero unha noite sofre unhas convulsións e aí remata a parte da película que podía relativamente "comprensible".

Porque na celda, no seu lugar, aparece un rapaz que levaba uns días desaparecido da súa casa, e que traballa de mecánico de coches nun taller. Obviamente, teñen que deixalo libre, pero baixo vixianza, para intentar resolver o estraño enigma.

Este mecánico, de vinte poucos anos, Pete, coñece a un mafioso (que xa aparecera na primeira parte da película, ou mellor dito, foi mencionado) e á súa moza, que é sorprendentemente parecida a Renee (isto sabémolo os expectadores, el non), e pasa por unha serie de aventuras bastante peculiares.

E non vos conto máis, pero como intuiredes, as reviravoltas da historia son moi orixinais. Fixádevos por exemplo no curioso diálogo que se ve no trailer, ese personaxe de pinta moi estraña aparece pouco, pero cando o fai non deixa indiferente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2013 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus á Universidade
Eu xa deixei a Universidade hai case dúas décadas, así que este artigo non é para nada autobiográfico. Trata sobre o último libro que acabo de ler, titulado "Adeus á Universidade: O eclipse das Humanidades", escrito por Jordi Llovet, que comentarei a continuación.

Resulta que este señor foi durante bastantes anos, e ata o 2008, profesor e catedrático da Universitat de Barcelona, nas disciplinas de Filosofía e Letras, Literatura Comparada, etc. No ano 2008, debido a un plan de prexubilacións, e a que non veía nada claro o panorama e o futuro do ensino universitario das Humanidades, decidiu deixalo, e das razóns para facelo trata o libro.

Os argumentos principais veñen sendo que na universidade e na sociedade en xeral véñense dando uns cambios (aparentemente imparables) nas últimas décadas que están provocando o declive do ensino das Humanidades e do seu prestixio social.

Segundo o autor (e non lle falta razón), actualmente todo está gobernado polo mundo audiovisual, as novas tecnoloxías, a velocidade e a superficialidade, e é lóxico que as Humanidades perderan prestixio porque baséanse noutros saberes e habilidades, que son aparentemente antagónicos destes, e polo visto case incompatibles.

Para o autor, xa o feito de que a antiga carreira de Filosofía e Letras (que abranguía todas as ramas das Humanidades) se desglosara en moitas carreiras especializadas, foi o comezo do seu desplome, xa que a interdisciplinariedade que antes se fomentaba era parte da súa fortaleza e utilidade social. Agora hai moitas carreiras diferentes, con cada vez menos alumnos e menos saída laboral. E en canto ás filoloxías, di que se están convertendo máis ou menos en Escolas de Idiomas.

Tamén di que todas estas carreiras están baseadas na PALABRA (non nos powerpoints) e que iso está totalmente fóra da moda actual, de aí gran parte do seu desprestixio.

Tamén carga contra o Plan Bolonia e o seu mercantilismo, dicindo (o que dicimos moitos), que son as empresas e os "mercados" os que están deseñando os novos plans de ensino, e que iso non pronostica un bo final para a Universidade. O feito de que o Plan Bolonia defenda tanto que as titulacións universitarias sexan tan homologables é a outra cara da moeda da mobilidade dos cidadáns (mellor dito, traballadores) e capitais, pero que iso non ten por que ser necesariamente bo intelectual e socialmente.

De novo redundo na mesma idea: se algo tan importante como a educación, a organizan os banqueiros e os empresarios, estamos ben jodidos.

no seguinte vídeo tedes unha longa e interesante entrevista na que fala deste tema.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2013 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
A Rosalía de Federico, por Amancio Prada
A semana pasada achegouse de novo á Coruña Amancio Prada, e aínda que tocou parte das pezas que fixo hai décadas sobre Rosalía, a escusa nesta ocasión era presentar a música que compuxo para os "Seis poemas galegos" que fixo Federico García Lorca, e tamén algúns poemas que fixo en homenaxe Federico a Rosalía, a quen se sentía moi unida.

Pois nada, un espectáculo fantástico, tanto polas pezas novas, polas antigas, pola decoración do escenario, pouca pero moi escollida, e pola teatralidade que lle imprime Amancio aos seus espectáculos.

Chamoume a atención que estaba plantexada como unha obra de teatro, non como un concerto con cancións. As pezas ían moi seguidas e non daban lugar para as pausas e os aplausos, pero algunha xente (que debe estar moi influenciada por bodrios como Tele5) insistía en aplaudir a cada pouco, aínda que Amancio estaba declamando ou recitando unha nova peza. Ai, canta incultura!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2013 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0