Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels |
|
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Análise da revista e programa de radio Galicia Emigrante |
|
Estiven lendo hai uns días un interesante ensaio que vén sendo o estudo máis pormenorizado sobre "Galicia emigrante", a empresa cultural máis importante que Luís Seoane mantivo no seu exilio bonaerense.
Galicia emigrante comezou como revista cultural mensual en 1954 e rematou cinco anos máis tarde. Ao pouco de comezar a súa publicación, bifurcouse nun programa de radio semanal que se emitía (nunha emisora que agora non lembro, pero das importantes de Bos Aires) todos os domingos de 14.05 a 14.30. Este programa de radio durou 17 anos, ata 1971.
Luís Seoane estaba moi preocupado por dar unha mellor visión dos emigrantes galegos en Arxentina (por iso case todo se facía en castelán) e por valorizar a cultura e lingua galega, incluso entre os propios galegos emigrados e os seus descendentes.
Algúns importantes industriais de orixe galega apoiaron estes proxectos, especialmente Javier Vázquez Iglesias, que traballaba no sector do automóbil, que pagou durante os 17 anos o programa de radio.
En calquera caso, Seoane acabou tendo problemas con algúns dirixentes de centros galegos de emigrantes (algo parecido ao que lle pasara a Celso Emilio Ferreiro en Venezuela uns anos antes), rematou con estas aventuras, e voltou para España, onde o franquismo estaba chegando á súa fin.
Saúdos.
|
|
|
|
Donnie Darko |
|
Onte fun ao Fórum Metropolitano a ver unha nova sesión do Cinenterraza, e confírmase que o ciclo deste ano trata de películas enigmáticas, nada doadas de entender.
Se hai unhas semanas fun ver "Lost Highway", do sempre hermético David Lynch, onte foi a ocasión de "Donnie Darko", dun tal Richard Kelly, onde o papel central é para un xoven Jake Gyllenhaal, xa que a película é do 2001.
Pois é unha película revirada, non recomendable para a xente que teña problemas coas tramas non lineais (iso case sería un aspecto menor) e con tramas que se desdobran no tempo, que iso xa é moito peor. A ver como a conto, sen destripala demasiado.
Donnie Darko é un adolescente típico americano, pero debe ter algún tipo de enfermidade mental, porque toma unhas pastillas e vai a unha psicóloga.
Unha noite, sálvase de milagre da morte, porque na súa habitación cae o motor dun avión, pero el non estaba alí porque é sonámbulo. A partir de aí ve visións e comunícase con Frank, un coello xigante que lle di que se achega a fin do mundo.
Van pasando cousas terribles das que el é responsable, inducido por Frank, e van aparecendo na súa vida personaxes curiosos, algún deles que pasa a ser moi importante. E cando se cumpre o prazo que lle marcara Frank, el déitase a durmir na súa cama, con cara de ledicia, e nese momento cae o motor de avión que vimos ao comezo da película.........
Penso que é recomendable vela, a sucesión de feitos que pasan durante a mesma dá lugar a un círculo bastante curioso, e fai pensar bastante.
Saúdos.
|
|
|
|
Festa do programa de radio Disimulen de CUAC FM |
|
Onte, o fantástico xornalista cultural Iago Martínez, que fai o programa "Disimulen", en CUAC FM, organizou a festa de fin de tempada.
Ás 20 horas, na Casa da Fariña, o local que a cooperativa Hábitat Social ten na Praza da Fariña (Azcárraga) da Coruña, presentouse o selo musical Discos da Máquina. Samuel Solleiro, guitarrista de Ataque Escampe, fixo a presentación. Está impulsado (se non lembro mal) polos grupos Ataque Escampe, Das Kapital e A Magnifique Bande dos homes sen medo. Pero aparte dos seus discos tamén editaron o novo disco de Grampoder (algúns dos compoñentes de The Homens), e algunha outra banda máis.
E ás 23 horas, no Mardigras, o concerto final de tempada. Comezaba a sesión con Volontè, un grupo formado (creo) por tres coruñeses, que non tocan xuntos con moita frecuencia, que se dedican ao "noise" e a improvisación. Non é, que se diga, un estilo moi comercial nin asequible o seu. Nós chegamos algo tarde e só escoitamos os últimos instantes do seu concerto, pero polo que comentaba bastante xente, resultaba bastante "agresiva" e non era música de doada dixestión.
Rematou o concerto con Das Kapital, o super-grupo formado por O Leo á voz, Marcos Paino (bases e sintetizadores), varios dos irmáns Ageitos, e todo iso para musicar os poemas de Daniel Salgado (que chegou á parte final do concerto como asistente ao mesmo).
Saúdos.
|
|
|
|
Andámonos con historias |
|
O outro día fomos á Sala Garufa, na Cidade Vella da Coruña, un local que non frecuentamos moito aínda que ten unha programación bastante ampla, para ver un espectáculo titulado "Andámonos con historias", do que non sabíamos demasiado.
Pois a verdade que si, é un estraño espectáculo, que polo que dixeron, remataba a súa xira alí aquel día, e o facía ofrecendo máis duración, máis números e algunhas sorpresas que outros non tiveron a posibilidade de ver. Pero a verdade é que lles recomendaría aos participantes que o pensaran mellor para próximos espectáculos (se os hai, non sei se van seguir xuntos), porque este, na miña humilde opinión, non lles saíu demasiado redondo. Resulta que o peso do "show" descansa sobre Lois Blanco e Pol Oñate.
Lois Blanco é o fillo de Carlos Blanco e semella facer algo parecido ao do seu pai, pero cun estilo diferente. Vai contando historias, curiosas, ambiguas.... Pero, para min (e cónstame que para máis) é con diferenza a parte máis frouxa do espectáculo. Independentemente de que pretenda facer o que o seu pai fai con tanta mestría ou pretenda facer algo totalmente diferente, a min paréceme que o éxito é moi escaso. Así que haberá que traballar máis ese tema, se pretende dedicarse a iso do "show business".
Pol Oñate é un músico cego de Terrassa que musica as historias de Lois, tocando un órgano electrónico principalmente en forma de piano. Fai algo parecido a jazz e música instrumental, e non o fai nada mal. E nalgúns momentos que toca el só, ten tendencia á bossanova brasileira, polo que vimos. Pero claro, se as historias que se contan non teñen moita chicha, el tampouco pode salvar a actuación.
E a sorpresa positivísima, para min o mellor do concerto do outro día, foron as dúas intervencións da magnífica poeta Lucía Aldao, que converte en ouro todo o que toca. Primeiro saíu para recitar un poema seu a dúo con Lois (segundo dixo, hai 10 anos o facía co seu pai, e Lois aprendeu o texto de memoria xa daquela), e ao final cantou con Pol unha canción (penso que brasileira) que debe ser famosa pero que eu non coñecía.
Pois iso, que antes de lanzarse de novo á estrada haberá que preparar cousas máis atractivas para a audiencia.
Saúdos.
|
|
|
|
The Monuments Men |
|
 Acabo de rematar a lectura do interesante libro do investigador americano Robert M. Edsel, que profundou no traballo dun conxunto de militares aliados (a maioría americanos, pero había algún inglés, francés e canadiano) que dedicaron o ano 44 e o ano 45 en Europa a salvar obras de arte que foron saqueadas polos nazis.
Non formaban unha brigada determinada, ían divididos entre diferentes reximientos, a maioría dos exércitos non sabían nin que existían, e non eran moitos (polo menos durante a guerra), ao rematar xa lles destinaron máis recursos, pero estiveron facendo unha industriosa labor para recuperar as obras saqueadas polos alemáns.
Primeiro con obras roubadas en Francia (principalmente en París), Bélxica e Holanda, e despois segundo o exército aliado entrou en Alemania, tamén con obras dese propio país que se ían achegando a Berlín por se os nazis remontaban a guerra ao final, que tampouco tiña pinta....
Parece que Hitler pretendía ser un grande coleccionista (polo visto, intentou entrar nunha academia de Belas Artes cando era novo, e ao rexeitalo xa comezou a cabrearse), e tamén o seu segundo Hermann Göring o pretendía.
Ademais de moitas minas en Alemania, semella que os dous depósitos máis grandes que se atoparon foron no famoso castelo de Neuschwanstein (que semella o castelo de Disney) e a mina de Altaussee, nos Alpes austríacos, onde ía a colección de Hitler.
Saúdos. |
|
|
|
Novo micro-teatro en La Tuerka 27 |
|
Unha quenda máis, fomos ver as obras de micro-teatro na Tuerka 27, aínda que esta vez só fomos a 3, porque a outra xa a programaran hai uns meses. De novo, para nós, o interese das pezas foi de máis a menos, cousas que pasan:
- Alta pensión: Dúas simpáticas e lerchas anciás que xa coincidiran hai uns meses noutra obra na sala de espera do seu médico, esta vez coincidían no banco, para ver se ingresaran ben a pensión e todo iso. En galego, coas cáusticas Isa Risco e Marita Martínez.
- O partido: Unha parella discute para ver se visionan de novo o España-Malta de hai xa moitos anos. Usan apostas e chantaxes domésticas para conseguilo pero, incriblemente, é a muller a que quere velo (unha vez máis, parece que non foi a primeira) e o home o que non quere. En castelán, Paco Alvarellos e Daniel Currás (facendo de moza, xa que a titular Noemí Miranda non estaba).
- A vida é soño: En castelán, Mateo Franco ofrece fragmentos en forma de monólogo da famosa obra de Calderón.
Saúdos.
|
|
|
|
Orquestra Gaos |
|
Onte fomos ao Teatro Colón da Coruña para ver actuar á interesantísima Orquestra Gaos, para min polo menos era a primeira vez que a veía, aínda que oíra falar moitas veces e moi ben dela.
Estivo dirixida, coma sempre, polo que creo que foi o seu fundador, Fernando Briones, e actuou como solista no contrabaixo na primeira das pezas do programa Antonio Romero Cienfuegos.
A primeira das pezas foi a Carmen Fantasy, para contrabaixo e orquestra, de F. Proto, que Antonio Romero liderou con grande mestría e virtuosismo. Ademais houbo outro detalle que me pareceu chulísimo. Como supoño que saberedes, nunha peza que ten varios movementos (esta tiña cinco) non está moi ben visto que se aplauda entre cada un deles, senón ao final cando xa remataron todos. Pero claro, hai moita xente ávida de aplaudir que o fai aínda que non toque, e ademais berra "Bravo" para que o público teña claro que "agora toca aplaudir". E aínda o fixeron ao rematar algún dos primeiros movementos, que acababa de forma moi potente. Pero ao rematar o cuarto, comezaron a escoitarse uns tímidos aplausos que Antonio parou inmediatamente cun xesto da man dando a entender que "non tocaba aplaudir". Encantoume esa forma tan contundente de dominar ao público.
Despois do descanso, xa sen Antonio Romero e cunha amplia sección de ventos (trombóns, tubas, trompas, trompetas...) que non estivera na primeira parte, tocaron pezas de Sinfonía nº8 de Antonín Dvorak. E que gran ledicia cando soaron os primeiros acordes e me decatei de que a coñecía de sobra porque a teño en CD e a escoitei moitas veces.
Pois recomendamos vivamente asistir aos concertos desta gran orquestra, formada por músicos de conservatorios galegos, se non me equivoco. Dixo o director que o seguinte concerto sería na Festa do Rosario (que é festivo na Coruña, esperemos que por última vez e se poña festivo oficialmente San Xoán).
Saúdos.
|
|
|
|
Xosé e Pilar |
|
Acabo de ver no Ágora da Coruña o interesantísimo documental portugués "José e Pilar", dirixido en 2011 por Miguel Gonçalves Mendes, e que nese ano representou a Portugal na carreira polo Óscar á mellor película estranxeira. A continuación Pedro Ramos e o director protagonizar un ameno coloquio.
Trata sobre un par de anos na vida persoal e sobre todo profesional de José Saramago e Pilar del Río.
Polo que contou, o traballo levoulle catro anos facelo, cerca de dous de gravación e ano e medio de edición. Está rodado en Lanzarote (casa do matrimonio), Portugal e Brasil principalmente.
Déixovos o vídeo completo en portugués que está pendurado en Youtube.
Saúdos.
|
|
|
|
Vinte en escena |
|
Onte fun ao local "Baba Bar" da Coruña para ver o recital poético-musical ofrecido por Rosalía Fernández Rial e o pianista Serxio Moreira.
Creo que xa é o terceiro poemario publicado por Rosalía, e titúlase "Vinte en escena".
Poño un vídeo dunha actuación da que me falou ela mesma onte. Agora é a presidenta da histórica Asociación Cultural Lumieira, de Carballo, e díxome que lle fixeran no Pazo da Cultura unha homenaxe a Rosalía de Castro no Día da Muller.
Saúdos.
|
|
|
|
Marx no Soho |
|
Onte fomos á Tuerka 27 ver un monólogo teatral que se está facendo agora en moitas linguas diferentes, sospeito que por todo o planeta. En galego estase encargando Pepe Sendón, quen o traduciu e o adaptou.
Titúlase "Marx no Soho", e fai un repaso da vida deste importante persoeiro tomando como base a época de penalidades que pasou en Londres.
Naceu en Renania, de onde foi expulsado polas súas ideas políticas, estivo en París, despois en Bruxelas e rematou en Londres.
Alí viviu coa súa muller Jenny, a súa criada Elena, e as tres fillas que lles viviron (naceron unha en París, outra en Bruxelas, e a última en Londres), tendo en conta que tiveron tres máis que lles morreron ao pouco de nacer.
Fala algo das súas teorías, da súa relación con Engels e Bakunin, das relacións cos seus familiares e o dura que lle resultou a vida alí.
E Pepe Sendón faino apoiándose nun "powerpoint" onde amosa estampas londinenses de época que ilustran a historia que está contando.
Hai que dicir que o público só eramos dúas persoas (debe ser complicado para o actor traballar nesas circunstancias).
Saúdos. |
|
|
|
|
|
|
|
|