Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Once
Onte fun de novo ao interesante ciclo "Cinenterraza" que se celebra no Fórum Metropolitano da Coruña, no que proxectan en formato bastante grande no vestíbulo durante o verán películas habitualmente de temática musical.

Despois da decepción de "I'm not there" comentada hai pouco, onte tocaba ver unha película titulada "Once" de hai tres anos, para min totalmente descoñecida.

É unha sinxela produción irlandesa, o director é John Carney e os dous actores principais son Glen Hansard (polo visto, cantante e guitarrista dun grupo chamada The Frames, dos que non sabía da súa existencia) e unha cantante e multiinstrumentista checa chamada Markéta Irglová (que, obviamente, tampouco coñecía).

A película é moi simple e, como lin nalgunha crítica, incluso algo ñoña, pero déixase ver (ui, debo estar coas defensas moi baixas polas vacacións).

Trata simplemente da pequena historia de "amor" (que non chega a nada ou case nada, por certo) entre un home que se gana a vida tocando a guitarra nas rúas de Dublín (vive co seu pai que ten unha pequena tenda de venta e reparación de aspiradoras) e unha inmigrante checa que se gana a vida vendendo flores polas rúas e limpando nalgunha casa.

Aos dous gústalles moito a música, e conseguen gravar un disco coas súas cancións, e a película consiste practicamente na interpretación desas cancións. Hai algúns diálogos e escenas, pero están case sempre cantando.

Un momento "emotivo" para min é cando deciden gravar o disco nuns estudios durante unha fin de semana, que teñen que poñerse a buscar músicos de sesión que os acompañen. E atopan a tres músicos tocando a carón da estatua que homenaxea ao fantástico Phil Lynnot, o baixista e líder do mítico grupo irlandés Thin Lizzy, incriblemente demasiado descoñecido do gran público.

Obviamente convéncenos, a pesar de que eles tres dicían que só tocaban versións de Thin Lizzy. Tamén resulta algo inxenuo cando comezan a gravar nos estudios, que o técnico que lles asignan, ao principio pasaba deles, e despois acaba sendo un fanático do grupo e namorado da súa música.

En definitiva, unha película moi amable, que se deixa ver, pero cunha visión bastante inxenua e simplona da vida, pero tampouco sei eu se iso pode considerarse un defecto.

Déixovos un "video" da canción principal, que se levou o Oscar no 2008 á mellor canción.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2011 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
A morada do home
Neste frenesí de exposicións, fun ver tamén unha exposición fotográfica (tamén hai varios videos) organizada pola Fundación Barrié na Coruña. Titúlase "A morada do home" e está composta por fotografías da colección de Martin Z. Margulies.

Despois de vela, non teño moi claro de que vai. Ten tres partes (ocupa tres plantas diferentes do edificio) e supostamente nos paneis explican de forma bastante filosófica as diferencias temáticas entre as fotografías das tres plantas, pero a min non me quedaron excesivamente claras.

O caso é que as fotografías están bastante ben, pero sigo sen ver claro nin o criterio da colección nin da selección que se trouxo aquí. Pero tampouco creo que iso sexa o máis importante.

Seleccionei para ilustrar este artigo unha foto que non é das mellores, nin moito menos (de feito non pega moito coas outras, pero........). Pero a escollín porque hai uns anos no CGAC en Compostela vin unha exposición completa do seu autor, e pareceume unha marabilla. Así que na súa lembranza, aí vai. O autor chámase James Casebere. Todas as fotos que lle vin (se cadra ten outros temas, non o sei) consisten en maquetas (creo que son maquetas) de hospitais aparentemente abandonados, cunhas condicións de luminosidade flipantes. Dan lugar a unhas imaxes e espazos máxicos.

E xa que podemos dicir dos dous videos que proxectan na exposición, non hai palabras.

O primeiro deles, trata de varias cousas diferentes, como as tensas relacións entre India e Pakistán, a represión dos monxes tibetanos polas autoridades chinas, en inglés e sen subtítulos (algo se vai pillando).

E o segundo é aínda máis surrealista: en Tirana, capital de Albania, están rehabilitando as fachadas dalgúns barrios dunha forma moi colorista. A xente discute acaloradamente sobre as cores coas que van pintar a súa casa, e despois vense fachadas con catro ou cinco cores diferentes, con divisións que non son todas horizontais ou verticais, senón oblicuas, dando lugar a formas como triángulos irregulares. E todo isto vén, aparentemente (o vídeo é en albanés con subtítulos en inglés), porque o alcalde se dá unhas licencias artísticas que derivan niso. Alucinante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2011 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Gabú e as Áfricas
Tamén fun ver no Kiosko Alfonso da Coruña unha exposición do gran fotógrafo coruñés Luís López "Gabú" sobre Haití e as Áfricas.

Hai fotos de Haití (que o autor, e máis xente, considera un pedazo de África que está no Caribe, e seguramente non lle falta razón), e de varios lugares de África, entre os que destaca Etiopía.

Trátase o vudú, o cristianismo en Etiopía, o islam na África negra, todas as fotos cunha maxia moi especial.

Seleccionei unha que me chamou a atención por varias cousas. Primeiro, polas brancas vestimentas nun país de persoas de raza negra e nun paraxe dunha beleza excepcional. É a igrexa de Lalibela en Etiopía.

Non sei se sabedes que en Etiopía hai dende o século IV unha grande cantidade de cristiáns coptos, que as súas igrexas principais son de pedra maciza excavada na terra, que din que alí está a Arca da Alianza, etc. Un país moi suxerente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2011 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Lee Miller
Hoxe fun ver unha exposición da célebre fotógrafa americana Lee Miller á Fundación Caixa Galicia da Coruña.

Sacou fotos principalmente en Europa, nos anos 30 e 40 sobre todo. Foi amante de Man Ray, de quen aprendeu moitas técnicas, aínda que antes de coñecelo, en Estados Unidos, e grazas á súa familia, xa se introducira na disciplina. Tamén viviu algún tempo en África, ao estar casada cun exipcio. Picasso tamén a admiraba moito. Ela sacoulle varias fotos e el dedicoulle varios cadros.

Foi unha das musas e principais autoras do surrealismo, moi de moda en París naquela época.

Ten moitas fotos moi interesantes, pero póñovos unha ben curiosa. Sae ela mesma cunha diadema dun "novo" material chamado "plástico", a comezos dos anos 30.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2011 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
Pataca minuta
O outro día fomos ver unha obra de teatro titulada "Pataca minuta", da compañía Produccións Teatrais Excéntricas, detrás da cal creo que se atopan Mofa e Befa e Quico Cadaval.

Quico Cadaval non sei se tiña que ver coa obra, de feito estaba sentado dúas ringleiras máis adiante ca min. De Mofa e Befa só estaba Evaristo Calvo, pero Víctor Mosqueira non.

O elenco completábase cos actores Federico Pérez e Marcos Correa, que saen en diferentes programas e series da TVG, e cos músicos Anxo Graña e Piti Sanz (este si que actúa frecuentemente con Mofa e Befa).

Pero o resultado final non lembra, en absoluto, aos grupos e actores dos que falei ao principio. Pareceume unha obra tremendamente mediocre e frouxo, xuntando retais con moi pouca graza e que incluso eran copias ou imitacións doutros máis coñecidos. A verdade é que foi moi decepcionante, pero estas cousas pasan.

A obra (por chamarlle dalgún xeito, porque son varias pezas soltas e sen conexión) dura como hora e media, pero está formada por moi poucos "sketches", algún deles moi longo. Se non lembro mal, eran os seguintes:

- Comeza cun breve número musical, con pouca graza, na miña opinión, no que case non se entende a letra.

- Despois vén unha peza que é unha versión adaptada dunha parte da famosa obra "Arte" de Yasmina Reza, onde se cambia o cadro totalmente branco por unha pataca enriba dunha peana.

- Nun intermedio hai unha imitación bastante boa do conferenciante Emilio Duró a cargo de Evaristo Calvo. Se non sabedes quen é Emilio Duró, buscade en Youtube e os videos que aparecen alí volo aclararán. Esto me pareceu o máis digno da representación.

- E remata cunha longa peza na que se ve aos tres actores facendo diferentes tonterías na praia, un facendo de pseudo-culturista que se cuida, outro imitando claramente a Mr. Bean e o outro facendo de chulo de praia. Pero todo con bastante pouca graza, de novo na miña opinión.

Conclusión de novo: frouxísima, cousa que non era de esperar vendo aos participantes. Resultaba estraño ver algúns ataques de risa no público ante xestos do máis común dos actores. Debinme perder algún capítulo de algo na televisión.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2011 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
I´m not there (a película que conta a vida de Bob Dylan)
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano para disfrutar do habitual ciclo de verán de "Cineenterraza", no que proxectan películas, case sempre con temática musical, no vestíbulo, nas típicas mesas de terraza e nas que podes tomar consumicións.

O ciclo comezou este ano con "I'm not there", unha película do ano 2010 que conta (máis ou menos) a vida de Bob Dylan, e está dirixida por Todd Haynes.

Ten algunhas curiosidades, como que o papel de Bob Dylan o fan entre sete actores diferentes (entre os cales está a actriz Cate Blanchett, que non é a que menos aparece, máis ben todo o contrario), como Christian Bale, Heath Ledger, Ben Whishaw... Incluso nunha parte é un rapaz negro (que se presenta como Woody Guthrie) e noutra é Richard Gere (que parece estar facendo o papel dun Billy the Kid maduro que non foi asasinado por Pat Garrett e que finalmente sobreviviu e se escondeu). Como vedes, unha paranoia considerable.

E a miña conclusión vai na mesma liña desa última frase (casualmente, todos os que estaban comigo eran da mesma opinión): se che gusta Bob Dylan e coñeces a súa traxectoria profesional e vital, seguramente o pasarás ben vendo a película; se, como era o meu caso, ías con curiosidade para aprender algo, sairás absolutamente decepcionado. É aparentemente unha película para xa convencidos, algo totalmente lexítimo, pero que seguramente alonxará aínda máis a moita xente dese "xenio incomprendido".

Como outra curiosidade, diremos que as cancións escollidas para a banda sonora non son, nin moito menos, as máis célebres (iso confirma a miña sospeita de que non queren atraer a público que non sexa fanático do artista). Nalgún momento ao principio escóitase un breve fragmento de "os tempos están cambiando", e nos créditos do final "Like a rolling stone". Pero mira ti, casualmente no breve trailer tamén poñen esta última, como se non quixeran "asustar" a posibles espectadores. Non son eu un experto na obra de Dylan, pero algo sei, e podo asegurarvos que, agás esas dúas que dixen, escoitáronse moitas cancións e eu non coñecía nin a primeira. Raro, non si??

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2011 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
Formas de ver a Bóveda
Onte inauguramos no local da A.C. Alexandre Bóveda unha emotiva exposición que reúne a obra pictórica (máis unha escultura) dun grupo de 18 artistas que, animados por Sabela Baña e Nolo Suárez, fixeron unha obra inspirada na figura de Alexandre Bóveda.

Vai estar exposta no noso local durante os dous meses de verán, ata o 31 de agosto. E esperamos que xire durante moito tempo polo noso país. Para moitos deles era a primeira vez que oían falar de Bóveda, ou case non sabían nada del.

Os artistas foron os seguintes: Anxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, José Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, María Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.

Moitas grazas a todos eles pola súa inspiración.

O que vedes na foto é a obra de Sabela Baña, titulada "As sementes de Bóveda".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2011 15:35
# Ligazón permanente a este artigo
A historia do Reino de Galiza
O outro día viñeron o historiador Xoán Bernárdez Vilar e Alexandre Banhos, presidente da AGAL e da Fundación Meendinho, a dar unha charla á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda sobre "A historia do Reino da Galiza".

Houbo unha excepcional entrada, xa que o tema e os conferenciates atraían moito interese. Aínda que propiamente o conferenciante ía ser só Xoán Bernárdez, finalmente Alexandre Banhos tamén puido asistir, e entre os dous, dando visións e estilos complementarios na charla, impartiron a conferencia.

Centráronse principalmente nos anos anteriores e posteriores ao Reino Suevo ou Galego, do que se cumpren uns 1600 anos de existencia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-07-2011 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0