Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Contacontos na Coruña
O outro día fomos ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver a un dúo de contacontos. Xa vira actuar aos dous anteriormente e levaba un certo prexuízo sobre o seu traballo. E cumpriuse ao pé da letra.

O primeiro foi José Antonio Garrido "Gari". Xa o vira unha vez en Oleiros, hai uns cantos anos. E non me defraudou. Estivo só media hora pero foi caralludo. Non paramos de rir nin un segundo. Sobre todo cando dixo "eres más feo que un coche visto por debajo". Ou cando rematou contando un chiste de dous de Monte Alto que están discutindo para que se usa o Loctite. Gari é o da foto.

O segundo foi David Perdomo. Xa o vira hai uns anos nun espectáculo de cabaret, e non me gustara demasiado. E a mesma impresión me deixou o outro día, aínda que o tema cambiaba bastante (ben pensado, se cadra non cambiou tanto).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Estigma, do Centro Dramático Galego
Fomos ver "Estigma", a última montaxe do Centro Dramático Galego. Tivemos a sorte de conseguir entradas de balde.

Non me gustou nada, e cónstame que a case todos os que estaban comigo ou que eu coñecía lles pasou o mesmo.

Todo (ou case todo) é opinable, pero a min pareceume moi frouxa. Por sorte, eu levo 20 anos indo a ver teatro e será raro que deixe de facelo algún día, pero como haxa moitas así........

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
Siro López, Castelao e Cervantes
A comezos de xullo, na tertulia mensual da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Siro López falou do humorismo en Cervantes e Castelao.

Veu falando dos tipos de humor, comicidade, etc. e dixo que os primeiros humoristas foran Cervantes en castelán e Castelao en galego.

Como sempre, pasámolo bárbaro con Siro, ao que é unha delicia ouvilo falar.

Deixamos unha das súas perlas. O exemplo que puxo para definir a retranca galega. Unha señora á que lle van pedir cartos para as festas e di algo así como: "Xa outros viñeron antes e tampouco levaron nada que non se lles pode dar a todos".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
Rafael Moneo e César Portela
O outro día asistín en Portas Ártabras, a sede da Asociación de Amigos dos Museos da Coruña, á proxección de dous documentais.

Parecían da serie "Elogio de la luz", que debeu botar nalgún momento La 2 sobre arquitectos españois. Os que vin eu eran sobre Rafael Moneo e César Portela.

Intervían eles mesmos, eran entrevistados polo escritor valenciano Manuel Vicent e analizaban algunha das súas obras e visións da vida.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 00:05
# Ligazón permanente a este artigo
Visita guiada ao Castro de Elviña
Hai uns días fixemos unha visita guiada ao Castro de Elviña, co mellor guía que se pode ter, Xosé María Bello, o director das excavacións.

Hai uns meses xa deu unha conferencia na A. C. Alexandre Bóveda sobre ese tema. Tanto daquela como na visita guiada do outro día, o de sempre, a tremenda amenidade da súa exposición. Cóntao todo cunha sinxeleza incrible, e pasa o tempo sen sentir.

O outro día estivemos dúas horas e media baixo un sol abrasador e case hai que sacarnos á forza.

Dentro de pouco traerémolo para que nos fale da Torre de Hércules.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
Sexo en New York
Por unha desas casualidades ou confluencias planetarias que non son doadas de explicar, pois resulta que hai uns días fun (perdón, leváronme) ao cine a ver "Sexo en New York".

Nunca vira a serie. E algo ouvira da película. Que se era como un capítulo longo. Que se era moito peor, que se era moito mellor, que se estaba todo moi esaxerado....

Dá igual. O importante é que me pareceu UNHA MERDA PINCHADA NUN PAU. Non lembro que nunca saíra dun cine cabreado co mundo. E aquel día foi así. A culpa foi miña por aceptar a invitación, esta ben ser amable, ceder de cando en vez ou moitas veces, pero hai veces que ter os ollos e as orellas abertas é tremendamente útil.

Sospeito que tardarei moito en volver ao cine. En definitiva, o que vin foi unha oda á maior estupidez humana. Esta vez nin poño a ficha da película na IMDB. Que lles dean polo cu!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2008 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
A actividade científica na Coruña na segunda metade do s. XIX
Despois de moitos meses de traballo, finalmente puidemos presentar os resultados do proxecto sobre "A actividade científica na cidade da Coruña na segunda metade do século XIX".

Plasmouse físicamente nunha exposición que esperamos mover por aí adiante (xa está habendo bastantes peticións) e un DVD que contén unha conferencia de Tino Fraga sobre ese tema e unha entrevista a dous enxeñeiros agrónomos xubilados que traballaron na Granxa Experimental de Monelos. Eses dous xenios chámanse Gregorio Santaolalla Azpilicueta e Valeriano Yepes Hernández de Madrid.

Do anterior supoño que se deduce que o comisario da exposición e mente pensante de todo este tema foi Xosé Antonio (Tino) Fraga, flamante novo Director dos Museos Científicos Coruñeses (despois dunha certa polémica que espero se esqueza axiña), a quen nunca lle agradeceremos bastante o que se volcou neste proxecto.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección das fotos de París
Hai unhas semanas proxectei na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda as fotos que sacamos en París hai dous anos, naquel verán no que estivemos alí.

Como xa é habitual, non houbo moita xente, pero creo que a xente que estivo saíu contenta, que é o que importa.

Por certo, esa foto que vedes non é miña, baixeina de Internet. Hoxe estou vago, só debín pendurar uns 20 artigos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
Tres lecturas breves de Biblos
Un día que me vin con forzas intentei paliar o meu gran déficit lector zampándome tres obras breves da colección Mandaio de Biblos. Para os que non o saiban, Biblos é un club de lectores como o Círculo, pero para literatura galega e portuguesa.

O primeiro foi "Game over" de Santiago Lopo. Foi finalista un ano destes nos relatos de verán da Voz de Galicia, que publican un capítulo cada día durante todo o mes de agosto. Por iso ten que ter 31 capítulos. Iso fai que a lectura sexa áxil. Neste caso trata dun profesor de universidade que se engancha a un videoxogo moi realista que lle regalan os seus fillos. Eu, que son informático, totalmente metido no papel.

O segundo foi "Caeira dos días", o último poemario en galego de Arcadio López Casanova, que leva décadas vivindo e traballando en Valencia. Nada, o meu coa poesía xa é de xulgado de guardia.

E o terceiro foi "O humor non engorda" de Kiko da Silva, caricaturista que traballa na Voz de Galicia e que tamén edita a súa propia revista "Retranca", que ten unha pinta bárbara. Como suporedes, un libro de moi doada e agradable lectura.

Claro, tres libros así, poden lerse nunha tarde. Se non, nin de coña.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2008 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Paso ao Noroeste
Un domingo de xuño debía estar eu xa tan canso que decidín ver unha película máis, das moitas que se programan nos canais de televisión.

Non foi unha marabilla pero permitiume pasar un rato ameno e aprender algo máis. Foi concretamente "Paso ao Noroeste", de King Vidor, do ano 1940, protagonizada por Spencer Tracy, Robert Young e Walter Brennan.

Nestes casos, a miña idea é bastante simple, pero nunca falla. Naqueles tempos, e moito despois tamén, non había efectos especiais nin pirotecnia similar. As películas tiñan que apoiarse nunha boa historia, non podía haber trampa niso.

Xa que estamos, falo da historia. Pois viña sendo que unha especie de grupo especial do exército comandado por Spencer Tracy inicia unha expedición polo medio dos territorios de varias tribos indias para recuperar a uns reféns e para atopar un paso que lle permita chegar a outros territorios interesantes.

As penalidades son moitas, e non todas provocadas polos indios, algunhas son por eles mesmos e as súas propias relacións. O final acaba sendo feliz, cando xa non se podía crer.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2008 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0