Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo microteatro na Tuerka 27 (o derradeiro?)
Fomos o outro día ver un par de obras de micro-teatro na Tuerka 27. Como o 27 de xuño pechan (polo menos os xestores actuais), o máis probable é que foran as derradeiras obras desta sala, que mágoa!!!

Comentaban por alí que había un empresario con cartos, interesado en facerse co local, dedicarse ao mesmo tema e engadirlle algunhas cousas como cociña para dar ceas, etc. A ver se temos sorte e non perdemos unha sala como esta e sobre todo cousas novidosas como o micro-teatro.

As dúas obras coas que pechamos esta xeira foron:

- Azul: en castelán, por Rubén Lamas. Unha estraña historia dun capitán de barco que está facendo manualidades no seu tempo de lecer no camarote, e que vai comprobando a mala gobernanza do barco debido ao pouco esforzo dos mariñeiros. Nun determinado intre, prodúcese un feito que el identificar como unha moi mala práctica marítima e entra nunha crise case de convulsións que acaba resolvéndose con tranquilidade e reflexión. Ao final resulta que o capitán tiña o síndrome de Asperger, xa que o autor quixo homenaxear ao seu fillo, que tamén o sufre.

- Queda comigo: en castelán, por Alejandro e Brais Abad. Dous homes amanecen "esposados" nunha cama. Parece que se coñeceron nun local a noite anterior, un deles é un home xa algo maior e o rapaz é "chapeiro". Todo é confusión e o home semella enganar ao rapaz e facerlle crer que é un antigo profesor, a única persoa que se preocupou por el na súa vida.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2015 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
Nómades do verso
O outro día viñeron á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda algúns dos moitos integrantes de Nómades do verso, tamén chamado Grupo Poético Antón Borrazás, para recitar e tocar algunhas pezas musicais.

Antón Borrazás era un poeta arteixá que morreu inesperadamente no verán de 2014, e que dinamizaba e artellaba moitas iniciativas culturais, entre elas un grupo poético, que adoptou o seu nome despois da súa morte.

Algúns deles forman un grupo musical chamado Versus que segue musicando os seus poemas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2015 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
O gabinete do Doutor Caligari
Hai unhas semanas inaugurábase a edición deste ano do Festival S8 na Coruña dunha forma bastante espectacular, coa proxección dunha copia restaurada de "O gabinete do Doutor Caligari", coa música da pianista Eunice Martins.

Esta película do ano 1920 é un mito do cine de terror e do expresionismo alemán. Oíra falar moito dela e tiña moitas ganas de vela.

Sei dalgunha persoa que non foi vela, entre outras cousas, porque dixo que non lle agrada o cine de terror. Pero é que este terror agora mesmo é case humor, neste intre un capítulo dos Teletubbies é máis tenebroso.

Non vou destripala demasiado, pero ten unha trama ben curiosa. A unha cidade chega a feira, e entre as súas atracións, está a do Doutor Caligari, que esperta a un sonámbulo que adiviña o futuro, e causa moito terror na xente. Cando chegan, comezan a producirse mortes e estraños feitos. Un dos habitantes da cidade decide investigar, xa que a súa moza semella tremendamente alterada neses días.

Póñovos aí o vídeo no que está a película completa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2015 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Ultranoite no País dos Ananos
Pois como xa dicíamos nun artigo recente, o anterior goberno municipal coruñés vetara que este espectáculo fora representado na Coruña antes das eleccións municipais. Fíxose na semana seguinte, pero semella que fixo o efecto igual.

Xa se sabe que o grupo Chévere é sempre moi ácido e punzante nas súas obras, pero cando fan as Ultranoites, xa non respectan nada nin ninguén.

E esta vez tamén foi así, pero a verdade é que a actualidade do país dá moito de sí, non hai que inventar moito, só contar o que pasa.

No trailer que vos poño xa vedes fragmentos de bastantes dos números que ten o espectáculo, e como podedes ver, non se cortan o máis mínimo. Como outras veces nas Ultranoites, co acompañamento musical do trío que nalgúns foros se fai chamar Martelo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2015 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Waltz, de Voadora
O outro día fun ver unha obra máis da compañía compostelá Voadora, titulada "Waltz".

E pasou o de sempre. Transmiten un bo rollo impresionante, é moi difícil saber de que tratan as súas obras, pero eles divírtense moito, e o público tamén.

Esta obra teoricamente trata sobre o amor. Hai dous actores e unha actriz, que van representando parellas en diferentes combinacións, pero o fío da narración é simplemente imposible de atopar. Pero xa vos digo, iso non significa aburrimento nin amargura, pásase de marabilla vendo a obra.

Póñovos un trailer pero pareceume ver que está a obra completa en Youtube.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2015 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
Exposicións varias

A finais do mes pasado saquei tempo (non sei moi ben de onde) para ver varias exposicións na cidade da Coruña:

- A exposición máis grande sobre Picasso.

- A exposición do video-artista Eugenio Ampudia.

- A exposición do infografista Jaime Serra.

De Picasso non hai moito que contar. Pasou 4 ou 5 anos de súa infancia na Coruña, e trouxeron nesta ocasión algúns dos cadros máis salientables que pintou aquí. Eu xa vira algúns ou moitos deses no Museo Picasso de Barcelona, así que non me impactou demasiado, pero hai que recoñecer que a exposición estaba ben. Pero semella que o alcalde saínte intentou sacarlle un certo rédito político, porque se clausuraba exactamente o día das eleccións municipais.

Eugenio Ampudia é un artista que, polo que se ve no MACUF, dedícase sobre todo ao vídeo-arte. Ten unhas obras curiosas, como as da serie "Donde dormir". Son vídeos de poucos minutos nos que se ve o proceso polo cal métese nun saco de durmir e pasa a noite en edificios senlleiros, como a Alhambra, o Museo do Prado e o Palau da Música de Barcelona. Tamén ten algún outro moi interesante, como un no que se ve unha tormenta dende arriba, coas súas nubes xirando, e cando entras na sala, uns sensores detectan a túa presenza e activan uns ventiladores xigantes que che fan sentir no medio da treboada.

Jaime Serra dedícase á infografía, "arte" moi interesante. Algúns dos seus traballos están considerados entre os máis destacados do mundo nos últimos anos (ver foto da balea). Por se non chegara con iso, plantéxase a vida como un reto no que buscar posibles estatísticas que converter en gráficos de infografía. Os experimentos recollidos na exposición (tamén no MACUF) son curiosísimos, como o que fixo a partir dos obxectos que o seu fillo pequeno traía do parque metidos nos seus petos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2015 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
A viaxe dos Chévere
Fun hai unhas semanas ao CGAI para ver un documental que falaba sobre a historia do fantástico grupo de teatro galego "Chévere".

A cinta chámase "A viaxe dos Chévere" e foi dirixida por Alfonso Zarauza, aí tedes o cartel da mesma.

A verdade é que a peza en sí, non me chamou demasiado a atención. Aparecían algunhas cousas interesantes, sobre todo do arquivo da propia compañía, que xa ten 25 anos, pero tendo en conta o que xa sabía deles, pouco máis aprendín. E coido que a máis xente lle pasou o mesmo. Se se mira con outros ollos, non digo eu que non guste, pero cos que mirei eu, non me achegou case nada novo.

Esta proxección fíxose na xornada de reflexión das eleccións municipais de 2015. Unha semana máis tarde (como veredes neste blog), actuou na Coruña este grupo, que non se leva nada ben co Partido Popular, especialmente de Santiago. E polo visto, o Partido Popular da Coruña, no goberno municipal ata aqueles días, obrigou a que esa obra se representase DESPOIS das eleccións. Non lles valeu de moito.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-06-2015 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Novo microteatro na Tuerka 27
A finais deste mes de xuño de 2015 pecha La Tuerka 27 (reabrirá con novos propietarios?), despois de 3 anos e medio facéndonos disfrutar.

E como xa sabedes, unha das cousas coas que máis gozamos, a máis novidosa dende logo, foi o microteatro. En maio fomos ver a penúltima quenda de obras, que foron:

- Un cubículo pouco cuco: en castelán, da autoría de Carlos Barros, con Eva Fórneas e Paco Alvarellos. Unha axente inmobiliaria está intentado convencer a un señor para que alugue un zulo sen vistas, case sen espazo e que resulta moi difícil de vender. Pero realmente a axente está pasando unha proba para conseguir un traballo similar, e o señor é o xefe que está facéndolle a proba para ver se ten aptitudes profesionais, e con non moi boas intencións.

- Noite especial: Unha parella pasa a última noite no seu piso, xa que se van mudar, ela a casa da súa nai, e el para Alemaña a traballar. Pero finalmente danse mutuamente cadansúa sorpresa. Xa fóra da obra, unha amiga que nos convencera para ir vela ese día anuncionos que casaba proximamente. En galego, o autor é Xoán Carlos Mejuto, e foi interpretada por Marita Martínez e José Losada.

- Nos(otros): en castelán, protagonizada por Alberto da Sinda e Patricia Rodríguez. Un desencontro de parella, entre un home que traballa moito e que raramente ten tempo para ela, e ela que é máis nova e que non se sente atendida por el.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
Cancún
O outro día tivemos a sorte de poder ver no Teatro Colón da Coruña unha das últimas obras de Jordi Galcerán, titulada "Cancún".

Nos últimos anos puiden ver varias obras deste autor, e debo recoñecer que me estou aficionando bastante. Primeiro foi a flipante "O método Gronholm", hai pouco "O crédito", e agora esta.

"Cancún" trata de dúas parellas de amigos, que se coñecen dende hai uns 25 anos, que se van a ese lugar de vacacións. Cando están alí, algo eufóricos polo alcolol, unha das mulleres di que as parellas puideron formarse doutro xeito debido a un pequeno detalle que ela provocou.

Prodúcese unha certa "confusión" (non quero destripar a obra máis do necesario) e nos días seguintes semella que as cousas non pasaron como parecía, e que os matrimonios son outros diferentes aos iniciais. Non vou contar máis, por se tedes a oportunidade de vela aínda.

Podería facer unha serie de comentarios curiosos sobre a obra:

- En primeiro lugar, non me pareceu a súa mellor obra, pero penso que está bastante ben.

- En segundo lugar, e non me estrañou demasiado, eu debía ser das persoas máis novas no teatro (e xa non son un iogurín). Había moitas parellas de certa idade (supoño que todos ou case todos matrimonios).

- E sobre todo, había frases e diálogos que tiñan unha profundidade bestial, e que podían desatar terribles reflexións sobre a vida que levamos e vivimos, e que provocaban hilaridade e gargalladas en boa parte do público.

Do cal deduzo que moita xente foi ver a obra como se fora unha comedia, e eu non teño nada claro que esa fora a intención do autor. Aínda que iso é o de menos, teóricamente. O autor fai a obra que quere e os espectadores ven a obra que queren ver.

Eu, que seguramente me diferencio de moita xente e son pouco convencional, probablemente vin con claridade que non teño nada que ver con case todo o mundo que foi ver a obra aquel día, porque a interpretamos de forma moi diferente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Devir, da Fundación Igualarte
Hai unhas semanas fun á sede de Afundación na Coruña para ver un concerto, que soaba algo extraño, e do que me enterei poucos días antes.

A fundación Igualarte, que traballa con discapacitados psíquicos, organizaba un concerto no que tocaban algúns dos seus socios e usuarios, acompañados por algúns moi prestixiosos músicos galegos, como Xabier Díaz, Anxo Pintos ou Carlos Castro.

E así foi, eses tres magníficos músicos, acompañados por algúns dos monitores da fundación, e uns cantos dos rapaces e rapazas integrados nas súas actividades, deron un concerto moi chulo, no que se salientaron os valores da igualdade e a inclusividade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2015 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0