Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ardalén
Tamén debeu ser por Semana Santa cando busquei un oco para ler "Ardalén", unha das últimas obras do magnífico debuxante coruñés de banda deseñada Miguelanxo Prado.

Como sabedes, se de banda deseñada falamos, o oco tampouco ten por que ser moi amplo, xa que se len esas obras máis áxilmente que as novelas, pero resultan tremendamente absorbentes e atraentes dende o punto de vista estético.

Pois nada, seguindo coa liña de "De profundis", unha das súas obras anteriores que tamén se converteu en película (muda, o cal permitiu a súa difusión internacional), e cuns tons e ambientes mariños que lembraban moito a aquela, a obra é unha gozada.

Trata dunha muller que vai ao Courel buscando lembranzas dun antepasado seu. Alí chega a unha pequena aldea onde din non saber nada, e a única referencia que lle dan é a dun vello solitario (e aparentemente tolo).

Vanse coñecendo e creando un estraño vínculo e amizade, pero todo rodeado dun mundo moi onírico e imaxinativo. Pero os debuxos son auténticamente flipantes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe por Galicia

E tamén debeu ser en Semana Santa cando gardei unhas horas (porque pouco máis leva) para ler a "Viaxe por Galicia" de George Borrow, o vendedor inglés de biblias que pasou por aquí no século XIX.

É unha pequena obra de peto, traducida ao galego por Salvador García Bodaño, e de toda a viaxe pola península, só contén a parte que pasa en Galicia, dende que entra por Vilafranca do Bierzo, ata que sae por Ribadeo.

É todo un documento antropolóxico, pero coido que non só dos galegos da época, senón tamén do propio autor e os seus iguais, que se ganaban a vida vendendo biblias e evanxelizando a xente, que segundo eles, precisaban esa "axuda espiritual".

Probablemente algunhas das súas disparatadas ideas proveñan dunha suposta superioridade intelectual que lle confería o continuo contacto coas sagradas escrituras, pero que resulta bastante máis que discutible.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
O soño da cidade
Xa hai algún tempo (debeu ser en Semana Santa, como pasa o tempo) lin unha novela que levaba varios anos por casa.

Titúlase "O soño da cidade" e é de Andrés Vidal, autor do cal xa lera hai tempo "A herencia da terra".

Está ambientada na Barcelona de finais de comezos do XX. Fala do típico traballador chegado do interior, que está crecendo ao ritmo do famoso ensanche da cidade, e que traballa para unha familia rica na que a súa filla, entre outras cousas, colabora na construción da Sagrada Familia, mentres Gaudí aínda está vivo.

Déixase ler a novela, este autor é moi resultón, ten certo toque a best-seller.

O que me chama a atención é por que Catalunya e sobre todo Barcelona, e sobre todo nesa época na que foi varias veces local de exposicións universais debido ao impresionante crecemento da cidade, é escenario de tantas novelas e películas que falan sobre persoas con iniciativa que emprenden grandes proxectos persoais. E dan lugar a grandes sagas familiares que creceron á sombra deses grandes negocios, nalgunhas ocasións bastante turbios.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2016 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0