A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O outro día presentaron Antón Seoane e Segundo Grandío un interesantísimo documental sobre a música tradicional galega entre 1973 e 1978.
Conta como se foi apagando o non moi forte movemento de Voces Ceibes en Galicia, e como foron formándose e coñecendo os grupos que, por exemplo, darían lugar a Milladoiro no ano 1978.
Contan cousas curiosas como que, naquel tempo, os universitarios galeguistas non querían saber nada das gaitas nin do folklore, que asociaban co franquismo. Ou que Rodrigo Romaní, Antón Seoane e Pepe Ferreirós foron nun "2 cabalos" no ano 77 a Bretaña, para coñecer en persoa a Alan Stivell, que xa era unha superestrela.
O outro día remataba o ciclo de cine de terror de serie B que estiveron botando no Museo de Arte Contemporáneo de Gas Natural - Unión Fenosa nos últimos meses. Eu vira a primeira obra do ciclo e puiden ver tamén a última.
Esta era "The house of the devil", dirixida por un tal Ti West no ano 2009.
É bastante curiosa. Está como ambientada nos 80 (o walkman usa cintas), e trata dunha estudiante precisada de cartos, que acepta unha estraña oferta de traballo para facer de canguro por unha noite. Despois resulta que non é facer de canguro, senón cuidar dunha señora, e páganlle moi ben por facelo.
Transcorre case toda a película, aparentemente non pasa nada, aínda que hai algún momentiño breve que anuncia moi mal rollo, e nun determinado intre, como un aluvión, a rapaza vese atada no medio dun círculo satánico e os da familia de trallaos que a contrataron está facendo unha macabra ceremonia para endemoniala, con todo éxito, por certo, aínda que por momentos non o pareza.
Levaba celebrándose dende hai algún tempo no Museo de Belas Artes da Coruña un ciclo de música clásica contemporánea ao que tiña certas ganas de ir, sabendo previamente que é un estilo de música bastante difícil de dixerir.
E hai uns días presentouse a oportunidade de asistir a un dos concertos do Ensemble IXOR, formado polos alumnos do Taller de Interpretación de Música Clásica Contemporánea do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
A metade das obras que se tocaron (fixérono diferentes alumnos) foron de Karlheinz Stockhausen, concretamente da súa obra "Tierkreis", que significa "círculo do zodíaco", hai 12 pezas sobre os doce signos, e alí tocáronse uns sete. Déixovos un video onde creo que está toda a obra.
A min gustoume unha peza que non era dese autor, foi concretamente a "Electric counterpoint", de Steve Reich, tocada á percusión, concretamente a algo que debía ser como un xilófono, ou algo así.
A semana pasada, o grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda, estreou a súa nova obra: "A Ópera de a patacón".
É unha versión de Roberto Vidal Bolaño da mítica "A Ópera dos tres reás" de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que tamén foi interpretada polo CDG non hai moito tempo.
Non estivo mal, pero está claro que aínda teñen moito que pulir na representación, porque nas poucas partes musicais apenas se lles entende, e noutras partes vin máis defectos de vocalización dos que son habituais neles.
O outro día puiden ver, por fin, unha película á que lle tiña moitas ganas dende hai tempo: a mítica "O sétimo carimbo" de Ingmar Bergman.
Está feita en branco e negro nos anos 50, e protagonizada por Max von Sydow, trata dun cabaleiro e o seu escudeiro, que voltan á súa terra despois de 10 anos de loita nas Cruzadas. Chegan cansos e, sobre todo, xa non cren en nada do que crían antes de marchar, principalmente en Deus.
Saben que o seu fin está cerca e confírmase cando aparece a morte diante do cabaleiro. Este rétaa a unha partida de xadrez, para gañar algo de tempo e, sobre todo, poder despedirse da vida cunha acción nobre que xustifique a mesma.
A película consiste entón nunha marcha na que se lles van unindo diferentes persoas que van fuxindo tamén da peste, que arrasa o lugar, e dá lugar a fanatismos relixiosos máis que coñecidos.
Teño que recoñecer que esperaba algo máis dela, ou se cadra é que aínda non lle dei todas as voltas que debería, que neste caso poderían ser moitas, porque é de mensaxe moi profunda.
E rematamos a magnífica semana das Letras Galegas cun marabilloso concerto da Banda Municipal da Coruña no Teatro Rosalía, en homenaxe á poetisa que lle dá nome, co 150 aniversario da publicación de "Cantares gallegos".
Tocáronse moitas pezas galegas, por exemplo de Pascual Veiga (a súa mítica "Alborada", "Airiños aires" e o "Himno galego", co que se pechou o programa, con todo o mundo en pé nun teatro cheo ata arriba), de Andres Gaos, a "Negra sombra" de Xoán Montes (cantada de novo por Estíbaliz Espinosa), o tamén mítico "A Rosalía", poesía de Curros musicada por Luís Emilio Batallán, cantada neste día por Lydia Botana (eu sabía que tocaba a percusión e o acordeón, pero non que cantaba) e varias pezas tradicionais, algunhas delas interpretadas por Cántigas da Terra, que tocou xunto á Banda Municipal as tres últimas pezas.
Precisamente poño un vídeo de algo que non puido suceder por circunstancias alleas á organización. Estaba previsto que Sito Sedes cantase unha cancíon de Prudencio Romo coa Banda Municipal, pero a morte dun familiar cercano de Sito impediuno, así que poñemos este bolero que cantou tamén con eles hai pouco.
E para rematar a semana das Letras Galegas no Teatro Colón da Coruña houbo un concerto chamado "Concerto nas marxes", bastante peculiar pero moi interesante.
Os músicos eran os mesmos tres que actuaban a obra "As marxes da desgraza": Ignacio Muñoz ao piano, Marcel Chirilov ao clarinete e saxo, e Patxi Valera á percusión. E á voz, a impresionante Estíbaliz Espinosa, que recitou poemas e cantou, en todo canto rexistro se lle puxo diante.
Para os millóns de seguidores deste blog non será ningunha sorpresa lerme que non me gusta o jazz, e está claro que se este grupo estaba cerca dalgún estilo, era dese. Pero a pesar diso, a música soou moi ben e foi tremendamente variadas.
A ver, así que eu lembre, comezou con "Space Oddity", de David Bowie, despois foi unha peza xaponesa tradicional, despois pezas galegas, brasileñas, portuguesas, caboverdianas, estándares de jazz que saen no musical "Sorrisas e bágoas" (que eu vin en Madrid o mes pasado), etc. Ou sexa, tan variado que malo sería que algo non gustase, e a min gustoume todo (ou case).
Seguindo coa semana das Letras Galegas dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, o 17 de maio fomos ao Teatro Rosalía para ver a última montaxe do Centro Dramático Galego: "Días sen gloria".
Fantástica obra de RVB interpretada nos papeis principais por Manuel Manquiña e a nova e deslumbrante actriz Eva Souto, e moi ben secundados por Felisa Segade (de Leilía), Sergio Zearreta (de Lamatumbá) e Borja Fernández, que ademais de facer varias ducias de personaxes secundarios, pasan boa parte da obra facendo música sobre o escenario.
Trata dunha rapaza nova que se pon a facer o Camiño de Santiago para dar alcance a un cabaleiro co que tivo unha aventura sentimental nos últimos tempos, e para facelo con máis seguridade contrata a un home que vive de facer o Camiño en nome de outros, para expiar as súas culpas. Polo camiño van atopando con moitos persoeiros que dan moita vida á historia.
Como sempre no CDG, a iluminación e o escenario son alucinantes.
Polo que parece, no último mes estivo desenvolvéndose un laboratorio teatral auspiciado pola Deputación da Coruña en torno á obra de Roberto Vidal Bolaño, que foi dirixido polo actor Santiago Cortegoso.
Isto deu lugar a unha semana completa de actividades de todo tipo no Teatro Colón da Coruña. Os primeiros días houbo representacións teatrais para escolares polas mañás e para público xeral polas noites, e rematou todo cun recital poético e cun concerto o último día. Eu asistín a varios dos actos e teño que recoñecer que estivo moi ben.
O primeiro deles foi a obra de teatro "As marxes da desgraza", formada por fragmentos de obras de Roberto Vidal Bolaño, sobre todo as que trataban de situacións sórdidas como a prostitución, o cárcere, parellas que ían casarse sen querelo, sogros que ían a burdeles co seu xenro, etc. Había no escenario un grupo de tres músicos, dos que falarei axiña no blog, que facía a transición entre pezas. Estivo moi divertida e amena a obra.
O outro día, por fin, puiden ver ao grupo de teatro Noite Bohemia, formado por alumnos do Instituto de Zalaeta, na Coruña, que fan teatro clásico. Teñen dúas obras agora en repertorio, que son "O sorteo de Cásina" de Plauto, e "Ifixenia en Áulide", de Eurípides.
A min interesábame máis a segunda, pero de momento só puiden ver a primeira. Trata dunhas familias da antiga Roma, que falan de facer un sorteo para ver quen casa coa fermosa criada Cásina. Tanto criados, como amos, como granxeiros, están máis ou menos interesados, pero hai un estraño e perverso xogo de intereses.
A verdade é que non me gustou demasiado. Está claro que hai que valorar o gran traballo que fan alumnos e profesores, pero non me pareceu ver ningún gran actor nin actriz, e había demasiados guiños á modernidade. Dígoo porque lembro ter visto en máis ocasións a grupos escolares coma este, por exemplo ao mítico grupo Sardiña, formado por alumnos dos institutos de Sardiñeira e Elviña, e creo que había naquel moito máis talento. Tanto é así, que 4 ou 5 das persoas que pasaron por aquel grupo agora viven do teatro, e o outro día non me deu a impresión de que poida acabar sendo así, pero calquera sabe.....