Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O home elefante, de David Lynch
E ademais do novo espazo cultural Ágora, tamén estamos de estrea na Coruña xa que recentemente se abriu un novo espazo cultural da Universidade, chamado a Normal, no edificio onde antes estaba Maxisterio e onde aínda se atopa a Escola de Infantil e Primaria de Prácticas.

Leva algún tempo habendo unha exposición sobre David Lynch e parece que están proxectando algunhas das súas películas.

E o outro día fun ver unha das primeiras, que xa vira hai anos, pero que tiña ganas de revisitar, "O home elefante".

Impresionante. Gustárame no seu momento, e o outro día pareceume moito mellor do que agardaba. É inconcebible como despois da rarísima "Eraserhead", David Lynch fixo "O home elefante" e "Dune", e a partir de aí os seus guións se converteron en tan escuros e incomprensibles.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2011 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
Máis actos sobre Lois Pereiro na Coruña
Nos últimos días arredor das Letras Galegas, e para inaugurar o novo espazo Cultural Ágora, no barrio da Agra, representáronse varios actos en torno á figura do homenaxeado Lois Pereiro.

O primeiro foi a peza "Operatorio" de Carlos Neira e Antía Otero. Unha mestura de danza e teatro contemporáneo, bastante interesante.

E a outra proposta, tamén vangardista, foi "MundoLois" de Lino Braxe e Antela Cid, con Alexandre González interpretando a música, e autoría e produción de Antón Reixa.

Déixovos uns vídeos onde os autores presentan as súas respectivas obras.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2011 23:00
# Ligazón permanente a este artigo
Baixo as estrelas 2011
Un ano máis, na Coruña celebrouse o Día Internacional dos Museos cun conxunto de actos baixo o nome de "Baixo as estrelas" na que os museos da cidade abriron as súas portas con actividades moi atraentes dende as 18 ata as 24 horas.

Eu tiven tempo para asistir a catro delas:

- A recepción que nos fixo Emilia Pardo Bazán no museo que fala da súa vida e obra.

- A visita guiada por Xurxo Taxes á exposición sobre a efervescencia cultural da Coruña nos anos 80.

- O encontro entre Casares Quiroga, María Pita, Emilia Pardo Bazán e María Picasso (a nai do pintor) na Casa Museo Casares Quiroga.

- A visita guiada ao entorno do Museo de Belas Artes, na que nos contaron a historia do edificio, dos colindantes e das diferentes sedes que tivo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2011 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
Libro de Mercedes Queixas sobre Lois Pereiro
Para rematar a nosa semana densa en torno a Lois Pereiro, Mercedes Queixas presentou o seu libro "Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo". Tanto este como o de Miguel Mato do que falei hai moi pouco tempo foron editados por Laiovento.

Tamén houbo unha boa afluencia de público tendo en conta o tipo de produto cultural que se ofrecía (ensaio sobre tema literario, non é o máis comercial que se diga). Mercedes é unha garantía de éxito neste tipo de obras.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-05-2011 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto homenaxe a Lois Pereiro no antigo cárcere da Coruña
Proseguindo coa densa semana de Lois Pereiro, celebrouse no antigo cárcere da Coruña, que moitos queremos que se converta nun centro socio-cultural, e non nun Parador, un emotivo concerto en homenaxe a el.

Presentou Xurxo Souto e interviron Manuel Rivas, Antía Otero, Cesáreo Sánchez e Xulio López Valcárcel.

Primeiro actuaron os Ultraqäns, dos que vos poño un video en directo. Varios dos seus membros forman parte dun grupo homenaxe a Lois Pereiro que está circulando nestes días polo país, chamado Ondas Martenot.

Despois actuou Loretta Martin, que xa presentaron moitas cancións do que vai ser o seu segundo disco, que sairá (creo) a finais deste ano. Deixo o video da súa canción máis coñecida.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2011 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético e concerto en homenaxe a Lois Pereiro
Esa semana dedicada a Lois Pereiro proseguiu cun interesantísimo recital poético a cargo de varios dos compoñentes do grupo poético de Amor e desamor, do cal Lois Pereiro formaba parte. Estiveron aquela noite Lino Braxe, Xabier Seoane, Miguel Mato, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel.

E completouse o acto cun concerto de Manu Clavijo, cantautor arxentino-coruñés, que acaba de sacar un fermosísimo disco con cancións baseadas en poemas de Lois Pereiro, do que vos deixo unha mostra con este video.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-05-2011 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Libro de Miguel Mato sobre Lois Pereiro
O outro día o escritor Miguel Mato presentou na A.C. Alexandre Bóveda un libro sobre Lois Pereiro, o homenaxeado nas Letras Galegas, titulado "Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro".

No acto houbo moita xente, a pesar de que ese día a esa hora o Deportivo xogaba un trascendental partido para a súa permanencia na primeira división do fútbol español.

Foi o comezo dunha densa semana en homenaxe a Lois Pereiro.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 15-05-2011 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
World Press Photo 2011
Aproveitando o Día da Ciencia na rúa, fun ao Acuario a ver a World Press Photo 2011, que todos os anos se instala alí.

É unha das mostras mundiais de fotografía máis importantes, e temos a sorte de ser uns dos primeiros en vela.

A fotografía representativa deste ano é a que vedes, a da xoves afgá Aisha, a quen lle amputaron o nariz por unha suposta infidelidade.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2011 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Ciencia na rúa 2011 na Coruña
Un ano máis, celebrouse no primeiro sábado de maio o Día da Ciencia na rúa no Parque de Santa Margarita, a carón da Casa das Ciencias.

Aínda que parecía que non, ao final o tempo acompañou, e houbo moita xente nas diferentes actividades.

Ademais das moitas carpas dos colexios e colectivos que participan (vedes unha mostra xeral na fotografía) os tres museos científicos da cidade estiveron abertos e de balde todo o día.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2011 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura e charla de Neira Vilas
Hai uns días tivemos na A.C. Alexandre Bóveda unha intensa tarde en torno a Neira Vilas e a súa obra "Memorias dun neno labrego".

De 5 a 8 da tarde tivemos o maratón de lectura de "Memorias dun neno labrego" que foi editado en Bos Aires hai 50 anos. Participaron uns 75 alumnos de catro colexios coruñeses (3 concertados relixiosos e 1 público).

Neira Vilas chegou sobre as 7 da tarde, cando aínda quedaba un bo pedazo para rematar. Deu tempo a ler a obra completa unha vez e ler de novo os catro primeiros capítulos por segunda vez.

Ás 8 e pico comezou unha charla, na que xa case non había ningún adolescente (algún si), pero bastantes adultos, no que Neira nos contou como foi a creación desa obra, que resultou moi amena.

Despois ata fomos cear algo con el, pero marcharon "cedo", xa que el estaba moi canso, despois dun día tan intenso. A verdade é que dá envexa ver a lucidez e axilidade mental coa que se atopa cando xa ten máis de 80 anos, como podedes ver neste vídeo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-05-2011 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0