Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Misión de audaces
A TVG2 segue coa súa teima de poñer "westerns" a primeira hora da tarde durante estes tempos de confinamento, e esta vez tiveron máis tino ca outras veces, proxectando "Misión de audaces", dirixida por John Ford en 1959. Está considerada como unha das mellores películas do xénero, e como curiosidade, diremos que o título orixinal é "The horse soldiers". Efectivamente, en varias escenas ao comezo, vese unha longa ringleira de soldados que avanzan cantando sobre os seus cabalos.

Porén, esta película non ten unha trama como outras do xénero, relacionada coa conquista do deserto ou a loita contra os indíxenas, senón que está enmarcada na Guerra Civil estadounidense. Dende o meu punto de vista, a trama é razonablemente simple, e o máis interesante é o caracter e avatares dos personaxes principais. E ao dicir isto, non insinúo que a película sexa peor necesariamente, se cadra o contrario.

Acabo de ler nalgures que nas películas de John Ford deste estilo, é bastante habitual que un dos eixos argumentais principais sexa a diferenza de caracter entre os dous protagonistas masculinos principais. E nesta película ese perfil encaixa á perfección, como veredes.

A trama é simple, como dicía. Un destacamento do Norte dirixido polo personaxe protagonizado por John Wayne, quere facer unha incursión en territorio do Sur para destruir todo o que poidan da liña de ferrocarril, para cortarlle os suministros aos contrarios. Son conscientes de que vai ser moi difícil saír con vida desa misión, pero que beneficio para a súa causa será moito. O heroísmo estúpido deste tipo de situacións, e se falamos de estadounidenses, máis.

Ao comezo, por protocolo do exército, incorpórase ao batallón un médico militar, protagonizado por William Holden. Dende o comezo, vese como non lle fai ningunha graza ao xefe do grupo, que lle reprocha todo tipo de cousas, como a súa indumentaria, ou que bote unha man nun parto dunha familia negra pobre que se atopan nunha parada. Aí vese o que dicíamos antes do esquema de valores que lle gusta plantexar a John Ford neste tipo de películas. Só un par de cousas máis sobre isto. O personaxe de William Holden paréceme do máis interesante da película, con diferenza. Unha persoa que é militar e está nunha guerra, pero cun respecto pola vida humana e as persoas fóra do común, mentres que o de John Wayne amosa o perfil habitual no tipo de papeis que sempre lle tocaban. E despois, tamén me chamou a atención que son os dous únicos actores coñecidos que actuaban nesta película.

Como sempre, aparece o contrapunto feminino, e neste caso, tamén é bastante peculiar. Cando están comezando a súa andaina cara ao sur, pasan por unha facenda onde está unha rica e moi fermosa facendada e a súa criada negra, e deciden acampar alí aquela noite.

Todos quedan prendados pola beleza e educación da dama, que lles invita a cear (aos oficiais nada máis, claro) aquela noite. Despois da cea, na que todos quedan encantados, noutro salón ten lugar unha reunión. E as dúas mulleres, polas tuberías da calefacción, dende o piso superior, escoitan os plans do batallón. Circunstancialmente, o médico descubre a espionaxe e delata as dúas mulleres. Como consecuencia diso, levan as dúas mulleres como reféns, para que non desvelen os seus plans. Por certo, a actriz que protagonizou ese papel é unha fermosísima Constance Towers que, polo visto, só fixo un par de películas e dedicouse principalmente ao teatro. Digo o de "fermosísima" porque seguramente se podería ter aproveitado desa cualidade para triunfar e ter máis protagonismo no cine, se cadra. Pero esas xa son conxeturas imprevisibles.

E o tema xa está plantexado. A partir de aí hai combates, chegan á vila onde querían destruir máis quilómetros de vía de tren, e a película remata intentando escapar nunha dirección imprevisible para os contrarios, que aínda así, lles tenden unha emboscada. Pero dende o meu punto de vista, o principal da película consiste no duelo entre os tres protagonistas principais, que non está nada mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-04-2020 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
A Misión
Nestes días de confinamento aínda están botando algunhas películas xeitosas na televisión, hai que aproveitar. E un día destes botaban "A Misión", película dirixida por Roland Joffé en 1986. Gustárame no seu día, e volvín recuncar.

Unha das cousas máis simpáticas é que botaban a película na peculiar cadea TreceTV. Non sei moi ben como vai a cousa, pero esta cadea debe pertencer á Conferencia Episcopal, ou algo así, pero o caso é que non botan malas películas, e ademais bótanas sen cortes, que é algo moi de agradecer. Aínda que habería que concretar máis. Esta película comezou ás 22.30 dunha noite e duraba unhas 2 horas. Pois houbo só un corte. Exactamente ás 00.00 horas, pararon un par de minutos, para poñer un vídeo do Noso Pai e o Ave María. Dicían que era para comezar o día cunha oración. Flipante!!!

Pois nada, como xa saberedes a película "A Misión" trata sobre o labor dos misioneiros xesuítas nalgunhas zonas de Sudamérica a mediados do século XVIII. Teoricamente fai referencia ás Colonias do Sacramento, que están no suroeste do actual Uruguai. Pero todos lembraremos que as impresionantes paisaxes que vemos na película son no entorno das Cataratas do Iguaçú, que xuraría que non caen por aí, pero se cadra estou equivocado.

O caso é que alí hai varios actores en disputa: España, Portugal, e o Papado, que supostamente está apoiado polos xesuítas, que son os misioneiros que se moven por aquela inhóspita zona. Portugal acepta o escravismo, España di que non, pero realmente si, e os xesuítas son vistos polos dous países anteriores como "toupas" do Papado, a quen consideran un actor político máis. Aparte do laicismo que xa está triunfando nalgún deses países, e a loita anti-escravista, a película ten un toque ideolóxico a favor da liberdade dos indíxenas guaraníes, que pretenden ser escravizados e/ou evanxelizados por persoas europeas, que seguramente consideran que as súas ideas son moito máis avanzadas.

O misioneiro xesuíta máis concienciado é o protagonizado por Jeremy Irons, e secundado por outros, como Liam Neeson. O papel de Robert de Niro é máis complexo. Inicialmente é un cazador de escravos, pero descubre que o seu irmán lle engana coa súa amante, e mata ao seu irmán. Quere deixarse morrer, pero o monxe xesuíta consegue convencelo para que se faga da súa Orde relixiosa e vaia á selva a axudar aos indios, cousa que a eles non lle fai moita graza, ao principio. Despois si, porque xa o ven totalmente cambiado.

Cando chegan o representante español (que xa estaba por alí e era aliado deste ex-escravista), o portugués e o do Papado, para deliberar no tema, comezan a visitar misións en granxas, pero a decisión xa está tomada. Os guaraníes deben abandonar as fermosas misións que construíron cos xesuítas. Iso provoca o rexeitamento deles, pero con actitudes diferentes, co personaxe de Robert de Niro volvendo á violencia de cando era escravista, seguido por moitos dos indios, e o personaxe de Jeremy Irons e os nenos celebrando unha eucaristía.

Pero deu igual, a masacre foi total. Así se resolven os problemas no mundo.

E obviamente, unha das razóns principais para vela foi escoitar de novo a magnífica banda sonora de Ennio Morricone.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2020 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
O home de Kentucky
Nestes tempos de confinamento, parece que as cadeas de televisión están intentando agudizar o inxenio para atrapar audiencias. E a TVG2 decidiu hai pouco botar películas do oeste americano a primeira hora da tarde, pode que non sexa mala estratexia.

E o outro día botaban unha película cuxo título me soaba lixeiramente. Era "O home de Kentucky", do ano 1955, protagonizada por Burt Lancaster e dirixida por el mesmo. De feito, foi a primeira que dirixiu, e só o fixo dúas veces. Se cadra me resultaba familiar o título por iso.

Eu comecei a vela, coa mente aberta, pero non lle collía o punto á trama. Parecíame moi ñoña e incluso algo absurda. Dicíanse cousas que me resultaban algo estrañas, e a historia en si mesma semellaba algo insulsa. Vaia, que para ser un western de certa fama, eu non veía a calidade por ningures. Mirei en Internet algunha crítica, e parece que non fun o único que cheguei á mesma conclusión. A ver se o dou explicado.

Comecemos coa trama. Un home viudo e o seu fillo viven en Kentucky, pero teñen a intención de marchar para Texas. A película está ambientada en 1820, se cadra tiña sentido naquela época. O máis chocante para min é que o principal argumento do pai para marchar de Kentucky é que estaba "superpoboado" ¿¿?? e que en Texas había moito sitio para todo o mundo, e podías estar só se querías. Ademais, tamén deixaban caer que a sociedade de Kentucky era moi clasista e culta, e tamén esclavista, e que en Texas era todo o mundo menos arrogante e permisivo. Iso si pode ser, se cadra. Pero moitos dos planos iniciais da película eran camiñando por bosques chulísimos nos que, obviamente, non había case ninguén.

A obsesión do pai, que lle tiña totalmente inoculada ao fillo (que era bastante repelente, polo demais) era a de marchar para Texas, collendo un barco no río Mississipi, que lles levaría axiña. Entendo que ese río pasa por Kentucky, é navegable, e permite chegar a Texas en breve prazo.

Pasan por algunha aldea onde teñen un estraño altercado co sheriff, porque se enfrontan os seus cans, e o pai acaba na cadea. Ademais preséntanse alí dous tipos con moi malas pulgas, que son dunha familia da zona, porque o pai ten un apelido igual que a familia rival da dos dous tipos, aínda que non ten nada que ver con eles. Unha rapaza moi guapa que está na aldea, que se encariñara con eles, e que estaba medio "escravizada" alí, traballando para un señor bastante déspota, axúdalle a fuxir do cárcere e marcha tamén con eles, cara á prometida liberdade que significa Texas.

A seguinte aldea na que paran é por onde pasa o barco que leva a Texas, e tamén vive o irmán do pai, que traballa nunha fábrica de tabaco. Chegan alí e vese claramente que el semella moi pueblerino e que a familia do seu irmán é moito máis culta. Ademais non lles gusta nada que veñan acompañados por unha muller que era escraba ata hai pouco (por certo, esta muller era branca, non negra, como podíades estar pensando). Pero a cultura tamén ten graos, e vese que a vida naquela aldea tamén é moi tosca, por exemplo cando se ve unha competición a apagar velas cun látego, na que gana o propietario da taberna, protagonizado por Walter Matthau. Iso debe ser o que en Estados Unidos entendían por cultura naquela época.

Alí coñecen tamén á mestra de escola, unha muller tamén moi guapa que comeza aos poucos unha relación co pai do rapaz. E vaise vendo como, aos poucos, o home vaise integrando naquela aldea, vai traballando na empresa do irmán, e ao ter a relación coa mestra, xa se lle vai marchando da cabeza a idea de Texas, e xa pensa que establecerse alí non é tan mala idea. E aí aparece de novo o repunante do fillo para lembrarlle que teñen que ir a Texas.

E rematamos cun par de cousas máis, para que vos fagades unha idea do absurda. Un día, sube no famoso barco, pero simplemente por encargo do seu irmán, para ir buscar uns cartos a outro pobo que está máis abaixo no río, e volver. O barco que baixa o río é un casino flotante. E alí está o señor, coa tremenda bolsa de cartos na man, no medio do casino. Convénceno para que xogue, pensando que lle van sacar todo, e resulta o contrario (claro, porque agora xa era moito máis listo que uns meses antes). Para que se vexa o mafiosos que eran, os do casino danlle a orde ao capitán de que, á volta, o barco non pare na súa aldea, el peléase e fuxe dos outros, e tíranse do barco á auga á altura da aldea, onde estaba todo o mundo congregado na beira do río ¿¿??.

E xa case ao final, a escena máis icónica do filme é unha pelexa entre os personaxes de Burt Lancaster e Walter Matthau, con este utilizando con mestría o famoso látego. O máis incrible é que estaban celebrando unha festa, os rapaces comezaron a pelearse, diso pasou aos adultos, e ninguén facía nada por parar a loita, todos se divertían co espectáculo. Eu sempre dixen que ese é un país de salvaxes. Nun determinado momento, o látego queda cerca da roda dun carro. E nese carro está precisamente a muller que fuxiu da escravitude, que tamén está namorada do pai, move lixeiramente a roda, e facilita que o pai poida zurrarlle ao outro, que xa non pode usar o látego.

A película remata coa chegada daqueles matóns dunha familia que aparecera na primeira aldea, coa idea de vengarse do pai, e contratado polo dono do látego e da taberna. Pero a idea sáelles mal, como era previsible.

En definitiva, unha trama bastante absurda (polo menos vista dende aquí e agora), que se cadra emociona en Estados Unidos por algunha razón, pero a min me pareceu bastante estúpida. Tomamos nota.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
O universo nunha taza de café
Sigo aproveitando o parón laboral provocado pola pandemia do Coronavirus para saciar as miñas ansias de lectura. Cando estaba pensando cal ía ser o seguinte libro en ler, atopei que tiña uns cantos de divulgación científica pendentes, e lanceime a por un deles.

Por criterios que agora non lembro, o libro elixido foi "O universo nunha taza de café", escrito por Jordi Pereyra, que polo que se ve neste video, é un divulgador científico bastante novo (chamoume atención que no libro non se fai a máis mínima mención á súa biografía nin traxectoria, cousa que é ben rara).

Pero en calquera caso o libro resultou ben ameno. Por momentos semellaba que o tono pretendía ir dirixido algo á xente nova, pero vaia, algúns ou moitos dos conceptos explicados, sobre todo cando o libro xa vai avanzado, non son ningunha coña, e supoño que algunha xente quedaría polo camiño, a pesar do tono amigable e que intentaba ser asequible. A astronomía non é cousa sinxela.

Porque aínda non o dixera explícitamente, o libro trata de astronomía (podía deducirse facilmente ao ver a palabra "universo" no título, supoño). Concretamente da historia da astronomía, e non o fai nada mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-04-2020 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0