A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Hai uns días foi o concerto de Semana Santa a cargo da Orquestra Gaos da Coruña. Tocaban varias pezas, pero destacaba no programa o Requiem de Mozart (polo que me chegou, parece que non era a primeira vez que a tocaban, creo).
A primeira parte foi un "Concerto para clarinete e orquestra en La Maior +", a cargo do clarinetista Emilio Alonso Espasandín. Cando o vin de solista, soábame algo a cara. E despois tamén me pareceu ver na parte traseira da orquestra, nunha posición algo estraña, a varios músicos, e algúns deles tamén me soaba. Uns minutos máis tarde, xa o comprendín. Tanto o solista como os outros eran algúns dos integrantes do Quinteto Invento, ao que vin tocar varias veces nos últimos tempos, unha vez no Pazo da Ópera, e outra na Sala Mardi Gras (isto último foi o máis transgresor, claro).
A segunda parte foi o famoso Requiem de Mozart. Famoso supoño que dende a película "Amadeus", onde quedou claro que foi a súa obra póstuma e inacabada, encargada por un personaxe misterioso que todos os indicios apuntaban que era Salieri, a quen pintaban como algo malvado. Porque a min non me soaba de nada ningunha das pezas que compoñen o Requiem.
Por certo, rematado por Franz Xaver Süssmayr, un dos discípulos prediletos de Mozart, quen non compuxo ningunha obra salientable, agás este proxecto de completar a obra póstuma do seu mestre.
Un dos meus directores de cine favoritos é Stanley Kubrick. Non é que me apaixoe todo o que fixo, nin moito menos, pero ten 5-6 películas absolutamente fantásticas, sobre todo algunhas, e rodou en total unhas 12, así que a proporción de obras maestras supera a case todos, supoño.
Unha das súas primeiras películas, que xa vira algunha vez, e que botaban estes días no CGAI, era "Atraco perfecto", titulada orixinalmente "The Killing". Xa o título chama algo a atención, porque si, trata dun atraco bastante ben planeado (pero tanto como perfecto, non), pero non trata de ningunha matanza. Ao final hai unha, pero é bastante imprevisible.
O atraco consiste en levarse a recadación dun hipódromo un día de moitas apostas nas carreiras. Estiman que poderán gañar uns 2 millóns de dólares. Hai unha persoa que idea o golpe, protagonizado por Sterling Hayden, que planea o atraco con parte do equipo. Pero non con todos ao mesmo tempo, hai varias persoas máis que teñen un papel importante, pero que son contratadas por separado, para que cumpran o requerido.
Pero a min paréceme que o plan facía augas por moitos sitios. De feito, ao final sae bastante mal, e tampouco sorprende demasiado.
Por exemplo, un dos contratados é un francotirador que mata un cabalo que está no medio dunha carreira. Creo que non o explican ben, porque eu nunca entendín que podía axudar iso no plan. No hipódromo ármase algo de barullo con iso, pero nada máis. Ademais mátao dende un coche descapotable e un aparcamento que estaba pechado. Tivo que sobornar ao garda para que lle deixara pasar, así que xa se veía que a cousa ía acabar mal.
Por outra banda, un dos cómplices era un miñaxoia, cunha muller que era moi lagarta e que tiña un amante. E o miñaxoia, para presumir, déixalle caer que vai ser moi rico, e a muller consegue enterarse do plan completo. Por esa banda tamén se ve que era toda unha chapuza.
Xa sei que é algo de spoiler, pero morren case todos e o xefe da banda, que é o único que se salva, escapa cos cartos, pero a súa maleta voa polos aires no aeroporto debido a un desafortunado incidente cun can.
Eu xa a vira no seu momento, pero hai uns días botaron "Gladiator" na televisión, sen cortes, e pareceume interesante repetir a experiencia.
Deume certa sensación de que o ritmo da película era bastante fluído e pasaba rápido, porque dura case 2 horas e media, e fíxoseme incluso algo curta.
Sempre me chamou algo a atención é que o protagonista da película fora un xeneral das lexións romanas que ía substituír ao emperador Marco Aurelio, e que era orixinario da Bética, cerca de Emérita Augusta.
Na película cóntase que o seu fillo Cómodo matou a Marco Aurelio ao enterarse que tiña previsto volver ao réxime da República e deixar a Máximus, ese xeneral, ao mando do Imperio, debido a que non confiaba demasiado na pericia do seu fillo. Parece que na realidade morreu na actual Viena, e que durante os últimos anos compartiu o cargo de Emperador co seu fillo Cómodo. Pero que en canto Marco morreu, viuse claramente a personalidade paranoica do fillo.
Un ano máis (xa é o sétimo consecutivo e o oitavo total, porque tamén fora a algo similar no ano 2004), tocoume ir de excursión a Madrid co meu alumnado.
Cando se vai a unha excursión destas, sempre poden pasar cousas, que os grupos de adolescentes teñen as súas cousiñas. Pero esta transcorre nun entorno bastante controlado, e sempre se desenvolve sen maiores problemas. Podemos presumir de ter un alumnado fantástico que o demostra ano tras ano.
Nesta ocasión houbo varios cambios con respecto a anos anteriores. O máis salientable é que tivemos que cambiar o Museo do Prado polo Museo Arqueolóxico (semella que o Prado estaba pechado ou cheo, aínda non o teño nada claro). Segue gustándome máis, para a xuventude, o Prado. Tendo en conta o difícil que é motivalos para entrar nun museo, no Prado sabes que van ver cousas que coñecen e lles chaman a atención. No Museo Arqueolóxico apenas hai nada que lles atraia. Sospeitábamolo, e así foi.
E o outro cambio é que pasamos do Parque de Atraccións ao Parque Warner, que parece que agora tamén abre os venres na primavera, e iso permítenos visitalo. Non me interesa nada ningún destes parques, pero para os adolescentes, semella que os dous están bastante ben, e a min pareceume que o Parque Warner estaba algo mellor. Ten algo máis de variedade, xa non só nas atraccións, senón que tamén hai espectáculos, máis restaurantes e tendas, etc.
Polo demais, o resto foi coma sempre:
- Musical do "Rei León", xa é a sexta vez que o vexo gratis (subvencionado polos alumnos aos que teño que aturar)
- Hard Rock Café, tan chapuzas coma sempre
- Museo de Cera, non é gran cousa pero sácanse fotos cos seus ídolos e coñecidos
- Esquí en Xanadú, este ano foi moi ben e non houbo nin o máis mínimo incidente
Tres meses despois da anterior visita, voltou a Film Symphony Orchestra á Coruña, para levar a cabo a II parte da súa homenaxe a John Williams. Dende logo, se se dedican a tocar música de cine, moito lle deben a este compositor, o máis destacado nesta disciplina.
Como sempre, esta orquestra española, dirixida por Constantino Martínez-Orts, un showman pero moi didáctico director que ilustra e presenta moi ben todas as pezas, deixa un gran sabor de boca.
Nesta ocasión tocaron a fanfarria olímpica de 1984, e pezas das películas "Cabalo de batalla", "Indiana Jones e o reino da calavera de cristal", "Memorias dunha geisha", "Encontros na terceira fase", "Munich", "O patriota", "ET", "Parque Xurásico", "A batalla de Midway", "As cinzas de Ánxela", "O violinista no tellado", "JFK", "As aventuras de Tintín: o secreto do unicornio", "A terminal", "As bruxas de Eastwick", "Indiana Jones: en busca da arca perdida" e, obviamente, remataron coa "Guerra das Galaxias" e a súa Marcha Imperial.
A verdade é que non estaba previsto, e tampouco era unha cousa que me quitara o soño, pero o caso é que hai unhas semanas vimos na casa a película "Un americano en París".
Eu pensaba que a vira hai moitos anos, pero a verdade é que as imaxes non me soaban demasiado. Seguramente a estaba confundindo con "Bailando baixo a chuvia". Esa si debín vela, polo menos algunha parte.
Pois non me chamou demasiado a atención. Transmitiume a mesma idea que todo este tipo de películas. As tramas son moi febles e simples, e están pensadas simplemente para que os bailaríns se luzan nos seus números, que están ben, pero que en moitos casos están metidos na historia con calzador (ao mellor a historia é a que está metida con calzador entre os números de baile, máis ben debe ser iso).
Como curiosidade, unha canción coa que me crucei máis veces. É a canción "I got rhythm", de George Gershwin, que compuxo toda a banda sonora. Esta canción coñecina hai uns cantos anos na versión de Mike Olfield, e eu tan ignorante, tardei anos en saber que tiña xa 40 ou máis anos de antigüidade cando a utilizou o músico inglés.
Hai unhas semanas pasou Nao pola Sala Mardi Gras da Coruña para despedirse dos seus seareiros nesta cidade.
O grupo de rock duro máis sobranceiro do país deixa a escena, e xa avisaron con varios anos de antelación. Sacaron varios discos para "celebralo". E o último deles é o que tocaron o outro día nesta sala, titulado "Ata que o lume se apague".
Estes últimos discos están ben, pero non me pareceron tan brillantes como algúns dos anteriores. Pero o indudable é que deixan unha carreira ben valiosa que nunca esqueceremos. Seguiremos escoitando e pinchando a súa música.