Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A delgada liña boba
Como podedes ver no video, que xa colguei hai algún tempo, da súa obra anterior, "Kungfundidos", intento ir a ver as obras de Bucanero Teatro. E esta semana tocaba outra, titulada "A delgada liña boba", cunha sátira do cine bélico.

Protagonizada por Pedro Picos e Xosé Bonome, como sempre, e escrita polo amigo Lino Braxe, tamén este ía facer un pequeno papel do Xeneral Patton, pero cando estaban preparando a estrea na Casa de Cultura de Narón, por unha mala (ou nula) sinalización do foso da orquestra, caeu dende unha altura de catro metros e partiu unha perna. Agora a súa alocución está gravada. Nesta representación hai un casco militar na fronte do escenario, que o homenaxea.

Pero a pesar de ver con frecuencia a este divertido grupo, e de estar a obra escrita por un bo amigo, teño que recoñecer que non me gustou. Practicamente nada me fixo graza, salvo uns breves sorrisos ante algunha frase ou ocurrencia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2013 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Unha quenda máis, fomos ver as catro obras de micro-teatro que nos ofrecían na Tuerka 27. Por orde de visionado, foron as seguintes:

- Teoría de Cordas: Un anxo da garda que leva tempo protexendo a unha muller, namorado dela pero que ela non repara nel, recibe un ultimatum do ceo para que a namore dunha vez. Por casualidade, ela por fin recoñéceo, decátase da situación, e concertan unha cita para darse unha oportunidade. En castelán, interpretada por Adelaida Pittaluga e Miguel Manzano.

- Yes!: Unha rapaza intenta abrirse paso no mundo do espectáculo e a fama presentándose a castings. Pero nun deles atópase cunha estranxeira que privilexia o seu físico e sempre consegue ser seleccionada. En castelán, interpretada por Lucía Sánchez e Fabiana Gastaldello.

- A consulta: Un home vai á consulta dun psicólogo para intentar aclarar algúns aspectos da súa vida, xa que nin sequera ten claro quen é nin quen quere ser. En galego, representada por Xoán Carlos Mejuto e Xaquín Domínguez, o primeiro é o autor e xa a dirixiu para o grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda hai varios anos.

- Terminal: Un guía dun museo de arte contemporáneo presenta a un grupo de visitantes a obra que fai furor ultimamente, un mendigo borracho durmindo entre uns cartóns. O mendigo esperta e opina sobre a súa situación e a arte contemporánea.

Nesta ocasión, chamoume a atención a elección dos títulos das obras. Agás "A consulta" (demasiado previsible) os outros eran moi pouco convencionais, tendo en conta a temática. Da "Teoría de Cordas" fálase nunha frase desa obra, e punto. "Yes!" é a última frase que pronuncia a actriz na súa obra, pero nada máis. E o de "Terminal" aínda estou intentando entendelo, a non ser que pensen que o mendigo estaba nunha fase terminal da súa vida, que pode ser.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2013 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Enrique VIII
Onte fomos ao Teatro Colón a ver "Enrique VIII", a obra de William Shakespeare interpretada polo grupo de teatro da da Fundación Siglo de Oro, e de xira coa UNIR, a Universidade Internacional de La Rioja.

Non coñecía esta obra de Shakespeare, pero así, pensando en frío, resúltame estraño que un autor tan agudo como el non quixera sacarlle punta a un rei tan controvertido como este.

A interpretación está moi ben, a ambientación tamén está bastante ben, con poucos medios pero ben resolta.

Trata do divorcio de Enrique VIII e Catalina de Aragón, provocado por aquel, entre outras cousas porque non conseguía a descendencia que desexaba, pero parece que moi baseado no frechazo de amor que sufriu por Ana Bolena ao coñecela.

Pero claro, se a todo isto unimos a un ambicioso e orgulloso cardeal Wolsey (do que xa empezan a "rajar" na primeira escena algúns personaxes, que acaban perdendo a cabeza....), que é a persoa que máis manda e manexa a cabeza do rei, e que anda todo o día malmetendo, o lio está servido.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2013 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Detour
O outro día comezou no Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa un ciclo de cine que trata sobre películas de terror de serie B. Está organizado pola xente de Freakmacine, así que a rareza está asegurada. Pero comezaron o ciclo cunha película que non é de terror, pero está considerada unha película de culto no thriller serie B.

Titúlase "Detour", é de 1945, e xuro que eu non oíra falar dela ata agora. O director foi Edgar Ulmer, e os actores principais son Tom Neal e Ann Savage. Ningún destes nomes me soa absolutamente de nada.

Foi realizada con 40.000 dólares, pero supoño que esa cantidade en 1945 tampouco debía ser pequena. En calquera caso, semella unha película barata, curta (pouco máis de 1 hora), con poucos personaxes, case toda en interiores.

Como o mundo do cine dá para moitas rarezas, algúns directores e críticos teñen dito que foi "a mellor película da historia" ou que "está á altura de Cidadán Kane". Sen comentarios.

Sen desvelar moito, por se alguén se anima a vela, trata basicamente de un home que vai facendo auto-stop (por falta de cartos) de New York a Los Ángeles, e no último tramo, coñece a un home que morre en estrañas circunstancias. De xeito casual coñece despois a unha muller (mala pécora) que coñecía ao outro e que intenta extorsionalo acusándoo da morte e presionándoo así para conseguir cartos. E a segunda morte que hai na película é das máis surrealistas que vin nunca. As gargalladas de boa parte do público debían escoitarse fóra.

Déixovos o vídeo da película enteira, en versión orixinal e sen subtítulos, porque sei que grazas a Feijoo todos controlades inglés suficientemente.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2013 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Elling
O outro día asistimos na Coruña á representación da obra "Elling", cos actores Carmelo Gómez, Jordi Aguilar, Chema Adeva e Rebeca Montero, con varias compañías teatrais detrás.

A verdade é que foi unha delicia. Dúas horas nas que o tempo se pasou axiña, divertidos, dramáticos, houbo tempo para todo, pero en xeral a historia estaba moi ben.

Os actores e actriz tamén destacan. Por dicir algo, lembramos ao fantástico Carmelo Gómez que hai 10-15 anos estaba como figura do audiovisual hispano, pero que agora está moi pouco visible, creo. E a galega Rebeca Montero tamén o fai moi ben, está ben que triunfe "en provincias" (ou sexa, fóra de Galicia). Os outros dous tamén o fan de fábula.

Basicamente trata de dous tolos, Elling e Kjell, que saen do manicomio a un piso tutelado polos Servizos Sociais, para ver se son capaces de vivir autónomamente. Elling dependía moito da súa nai, que morreu algún tempo, e Kjell é un obseso sexual que non pensa máis que en ter relacións sexuais con mulleres.

Ao comezo é difícil esa integración na sociedade, sobre todo por culpa de Elling, que non quere saír da casa, pero aos poucos van facendo amigos e trabando relación cos veciños (coa veciña de arriba concretamente), e acaban por ser persoas "normais".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2013 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura sobre Rosalía de Castro
Un ano máis, os alumnos dos Escolapios da Coruña fixeron un maratón de lectura sobre a obra de Rosalía de Castro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Foi a finais de febreiro, data de nacemento da poetisa, pero este ano conmemóranse os 150 anos da publicación de "Cantares gallegos", así que os poemas lidos eran todos desa obra.

Como sempre houbo moita participación, cerca de 70 alumnos nun venres pola tarde, fóra do horario lectivo. A tarde rematou cunha charla do poeta e profesor Miguel Mato sobre a autora.

Déixovos cun video doutro recitado que atopei na rede.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 02-03-2013 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0