Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Máis Coruña Maiúscula
Ao día seguinte voltamos ao Agora para ver máis actos de Coruña Maiúscula.

Ese día había unha charla entre María Canosa, que facía de presentadora, e Manuel Rivas, que ía debullando a súa carreira literaria.

Eu xa vin a Manuel en máis charlas coma esa, así que estivo ben, na súa línea, pero recoñezo que como xa o vin moitas veces, resúltame algo monótono, pero sempre sorprende con algunha nova perla. Seguro que para a xente que non o viu nunca, ou poucas veces, foi toda unha revelación.

E despois había un recital poético de varios poetas españois (algúns estaban chegando en avión cando comezou esa parte). Só nos deu tempo a ver aos tres primeiros, pero entre eles estaba un que nos chamou moito a atención, porque se saía completamente do convencional. Chámase Gonzalo Escarpa, e déixovos un vídeo para que poidades disfrutalo.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2013 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Invasor
O outro día comezou na Coruña, concretamente no Ágora, unha nova edición de Coruña Maiúscula, de novo coordinada polo bo amigo Pedro Ramos.

Ese día fun ver a película "Invasor", e ao final da película tivemos a sorte de asistir a un interesantímo debate entre Fernando Marías (autor da novela orixinal), Javier Gullón (un dos guionistas) e Borja Pena (un dos produtores, da coruñesa Vaca Films).

Recoñezo que oíra falar da película porque o ano pasado se cortaran varias rúas da Coruña para rodar as esceas de acción, con persecucións de coches, choques, etc.

A película gustoume bastante por varias cousas. Aínda que recoñezo que case non piso o cine comercial, e polo tanto xa non teño unha visión actualizada do mesmo, deume a impresión de que tiña un nivel de produción similar a moitas películas americanas desta temática "thriller". Ou sexa, que parece que aquí non estamos incapacitados para segundo que cousas.

E por outra banda a mensaxe que transmite de impunidade dos exércitos, de defensa da mesma polos gobernos occidentais, e de toda a corrupción e indefensión que xeran na cidadanía do planeta é moi interesante. Seguro que ao goberno e exército español (e incluso ao americano, que aparece pouco, pero de forma intensa) non lles fixo demasiada graza esta película. Pero a nós son eles os que non nos fan ningunha graza.

A película trata dun médico militar español que está en Irak en "misión humanitaria" (ja, ja, ja), sofre un atentado no que case perde a vida, e aparece en España con lagoas de memoria das que se irá recuperando co paso do tempo. E cando o fai, lembra que entre el e o seu compañeiro, feridos polo atentado, que se refuxiaron nunha casa dunha aldea, mataron en "defensa propia" a tres homes dunha familia que non tiña nada que ver cos terroristas.

Pero o que el non sabía é que pasaron máis cousas das que non se enterou por estar inconsciente e que o seu compañeiro gravou cun móbil (de feito non o sabía ninguén máis que o propio autor da gravación), e que poden comprometer ao exército español e ao goberno que o mandou alí.

Para máis casualidade, estes días cumpríanse 10 anos desa invasión (porque non se lle pode chamar doutro xeito) e hai pouco descubrironse imaxes gravadas por algún militar español en Irak que non os deixaba en moi boa posición.

E o debate posterior estivo moi ben. O autor da novela dixo que a súa obra era moito máis intimista, non había esceas de acción, e que transformaran a novela nunha película que tiña algo que ver, pero non demasiado, pero que aínda así estaba entusiasmado con ela, porque o espírito principal da mesma estaba nas imaxes.

O guionista, polo visto era o segundo. Porque o primeiro guionista estaba facendo algo moi parecido á novela orixinal, pero no medio da produción decatáronse de que lle viña mellor o tono de "thriller". E contrataron a Javier Gullón para ese traballo. E o produtor comentou aspectos sobre eses cambios. E que lles apetecía máis rodar a parte en España na Coruña (onde está a súa produtora) que por exemplo en Madrid. E que aquí ía ser moito máis fácil cortar as rúas do centro tres días.

Por certo, o director é Daniel Calparsoro e o actor estrela é Alberto Ammán. Tamén está Karra Elejalde, que fai un papel fantástico nun dos personaxes esenciais da trama.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2013 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Munich

O outro día, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o noso amigo e compañeiro Manolo Graña proxectou fotografías que fixo hai uns anos en viaxe familiar pola zona de Munich.

Concretamente víronse os principais monumentos de Múnich, os Alpes Bávaros e Salzburgo, en Austria.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2013 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres
Onte fomos á Tuerka 27 para ver a obra "A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres", da compañía Bandullo Azul.

Recoñezo que non coñecía a compañía, nin me soaban os nomes dos dous actores, creo que o autor é Evaristo Calvo, un dos compoñentes de Mofa e Befa. Entre isto e o tema, non eran malas referencias para comezar.

Finalmente pasámolo ben, pero dame a impresión de que se lle podería ter sacado algo máis de punta ao tema. Para min, os mellores momentos eran cando cada un dos personaxes comezaba a falar no seu idioma (inglés e ...... sabe Dios que era o outro) e o outro personaxe, que se facía o durmido ou similar, ía facendo unha tradución ao galego para o público.

Cando falaba Robinson en inglés, simplemente dicía títulos de cancións dos Beatles, Rolling Stones, etc. E cando falaba Venres, semella unha fala aborixen, pero realmente era galego dicindo frases cacofónicas a gran velocidade, como "cachucha", "non-pos-pincho", "quen-atende-a-tenda", etc. Na miña humilde opinión, estes foron os mellores momentos da obra, porque resultaban tremendamente absurdos e surrealistas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2013 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Ché, un home novo
Nesta densa semana cultural, fun tamén ver un documental arxentino-cubano-español titulado "Ché, un home novo" ao Fórum Metropolitano da Coruña.

Déixovos un vídeo onde parece que está todo o documental, máis de dúas horas. Foi realizado en 2010 por Tristan Bauer e está moi ben, con moitos fragmentos de audio e video nos que se pode coñecer ben ao personaxe.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2013 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo Milanés
O outro día un nutrido grupo fomos ao Teatro Colón a ver ao fantástico Pablo Milanés. Como leva xa anos con problemas de saúde un nunca sabe se terá moitas posibilidades de velo máis. Pero como vedes no video, que creo que foi gravado en Madrid no ano 2012, non ten moita mobilidade pero a voz consérvaa coma sempre.

Pois nada, un concerto moi bo, aínda que as primeiras cancións eran pouco coñecidas, dos últimos discos e dun que van editar en maio. Pero cando convidou a saír a Luis Emilio Batallán, a cousa subiu a un nivel superlativo. Batallán cantou el só no escenario cunha guitarra o seu grande éxito "Quen puidera namorala". Pero por desgraza, el xa non conserva a voz doutros tempos. A continuación entrou todo o grupo, e Luis e Pablo cantaron xuntos "Aí vén o maio" e chegou a primeira grande ovación. E a partir de aí xa non paramos ata o final e o magnífico bis.

E despois fomos tomar algo por alí cerca, e ao saír resulta que vimos a tres dos músicos do grupo no mesmo local onde nós estabamos, e estivemos un pedazo parolando con eles.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2013 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
Un canto e unha luz na noite
Fun, cando xa remataba a súa estancia, á Fundación Luís Seoane da Coruña a ver unha magnífica exposición sobre un tema que me interesa moito: o asociacionismo cultural galego.

A exposición titúlase "Un canto e unha luz na noite", e trata sobre o asociacionismo cultural en Galicia entre 1961 e 1975.

Está formado por 21 paneis con textos e interesantes fotos, e despois hai carteis e varias vitrinas con documentos que fan referencia a esta temática.

Dende logo, para min resultou moi reveladora, aínda que entendo que non debimos ser moitas as persoas interesadas en visitala.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2013 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
Unha noite italiana
O outro día fomos ao Teatro Colón da Coruña para ver á Orquestra de Cámara Galega (non é que fora a primeira vez que a veía, é que non sabía nin que existía) dirixida por Rogelio Groba Otero (supoño que fillo do mítico Rogelio Groba).

Chamáronlle á velada "Unha noite italiana" (dentro de pouco haberá unha española e outra vienesa) porque tocaron o Concerto Grosso op.6 n.8 de Arcangelo Corelli, e a continuación (a razón principal do meu interese) as Catro Estacións de Antonio Vivaldi, coa magnífica violinista Elena Urioste como solista. No bis tocaron unha peza de Astor Piazzolla.

Nunca escoitara en directo esta última obra e tiña moitas ganas de pasar por esa experiencia, e xa podedes supoñer que foi unha gozada. Estaba o teatro cheo, con moitos nenos de escolas de música e do conservatorio.

Déixovos cun video desta violinista americana.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2013 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Quadratura, de Daniel Canogar
Onte pasei parte da tarde vendo varias exposicións no Museo de Arte Contemporánea de Gas Natural - Fenosa na Coruña. Foron varias:

- Proxecto Moscow: Catro artistas estiveron algún tempo en Moscú e fixeron principalmente videocreacións desa experiencia.

- De Loop a Screen: Polo visto eses dous son os nomes de dous festivais de videocreación que levan tempo celebrándose, e aquí están unha selección das mellores obras.

- Fondos da Fundación do Museo: Algunhas obras máis interesantes e outras menos, a maioría pintura, algún video e algunhas esculturas.

- Quadratura, de Daniel Canogar: Xa era a segunda vez que a veía, porque xa a primeira me chamara moito a atención. Hai pezas mellores e outras peores (creo que son 8), pero a idea está moi ben. Consiste en proxectar pezas de video que basicamente teñen cores, liñas e movementos sobre soportes tecnolóxicos xa obsoltetos (cedés, cables telefónicos, bombillas fundidas, etc.). Para min, a máis alucinante é "Pneuma", onde uns cables telefónicos de diferentes cores creando caprichosas formas no aire, reciben unha proxección dende abaixo e dan lugar a unhas imaxes totalmente surrealistas.

Poño un video desta última exposición que colgaron na rede os colegas de CreArte, véselles o bo gusto.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2013 17:01
# Ligazón permanente a este artigo
Moon
Hai uns días, por casualidade, xurdiu a posibilidade de ver na televisión a película "Moon", dirixida en 2009 por Duncan Jones (fillo de David Bowie, ten un aire a el).

É unha estraña e filosófica película de ciencia-ficción, na liña de "2001: Unha odisea espacial", "Solaris" ou "Naves misteriosas" (creo que o título desta última película é ese). Así que os amantes da pirotecnia é mellor que non perdan un segundo con esta película.

Nunha base lunar mantida por un humano e robots, o humano está a piques de rematar o seu contrato de tres anos e voltar para a Terra, coa súa muller e a súa filla. Pero hai un accidente e comezan a suceder cousas estrañas.

Obviamente, non vou desvelar máis, pero só direi que nunha escea das últimas, o mesmo actor aparece tres veces........... simultáneamente ..........misterio!!! Moi interesante a película.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2013 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0