Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Banda da Loba
A finais do ano pasado oín falar por primeira vez dun novo grupo de música galego chamado "A Banda da Loba", e formado por cinco mulleres. E a comezos deste ano presentaron o seu primeiro disco, titulado "Bailando as rúas" no Club Garufa da Coruña.

A verdade é que me están gustando moito, e no directo demostraron ter moita forza. Tocan cancións de todos os estilos, sen decantarse por ningún en concreto. A formación é unha voz, unha guitarra acústica, un baixo, un violín e unha batería.

Déixovos un vídeo no que musican un poema do noso admirado Celso Emilio Ferreiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
Ubú Rei
A compañía galega Talía Teatro, que tanto me gusta, pasou hai uns días polo Teatro Colón da Coruña para representar "Ubú Rei", un clásico do teatro universal, creado polo excéntrico dramaturgo francés Alfred Jarry, a finais do século XIX.

Hai xa moitos anos, nunha enciclopedia que tiña na casa, nun dos tomos de literatura universal, lin algo desta excéntrica obra e autor, e sempre tiven ganas de vela, porque tiña boa pinta. Fora un auténtico escándalo na súa época.

Dende aquela, xa vin 2 ou 3 representacións, que sempre estiveron moi ben, pero dende logo nunca deixan indiferentes, basicamente porque a obra é moi bruta e bestia, con moi pouco decoro.

A versión que fixo Talía Teatro reconverte a Ubú Rei en Ubu O'Reilly, un mariñeiro que traballa no porto de Belfast, comerciando coas maragotas, e que quere destronar ao rei do porto, Dugan O'Sullivan, e para iso axúdase doutra "peza" que traballa alí, Liam O'Connor.

Así que a brutalidade habitual da obra trasládase ao duro mundo dos mariñeiros nun porto como o de Belfast, que non debe ser dos máis civilizados, seguramente.

A obra estivo ben, pero non me gustou tanto como outras veces me gusta esta compañía. Xa leva varias obras, na miña opinión, que non raia a tan grande altura como o fixo hai uns anos. Pero seguro que conectarei mellor coas seguintes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Quintas Canella
Xosé Quintas Canella (que polo visto o seu nome real non é ese, é parecido pero non é ese) é un histórico da música medieval galega. A finais dos anos 70 xa editaba discos dese estilo cos colegas (como o vídeo que poñerei por aquí) e outros grupos afíns como Doa usaban cancións compostas por el para os seus primeiros discos.

E 40 anos despois segue con esta paixón. Acabo de ver actuar a unha banda que leva o seu nome e que debe ser do máis completo que se viu nese estilo: a súa voz, percusión, gaitas, frautas, e varias cordas (guitarras, laúdes e cousas similares). Chamoume a atención ver nese grupo a Xaquín Branco (outro histórico da música medieval galega ao que eu cría xa retirado) e a Bento Veloso (un rapaz coruñés que ten unha moi interesante banda de rock ou algo parecido, e que non sei se non terá vencello familiar con Quintas, creo).

O caso é que alí estiveron tocando durante hora e media facilmente, e presentando o recente disco publicado, titulado "Alfa e Omega". A min esta música gústame moito, pero recoñezo que é algo monótona para pegarse un atracón tan longo e repentino. Ademais, Quintas alongábase bastante nas pausas e, o que menos me gustou, é que a metade das veces que falaba non tiña a boca ben colocada respecto ao micro (agora que fago radio, sei do que falo), así que soltaba longos parrafeos dos que escoitábamos ben a metade. Seguro que contaba cousas ben interesantes, pero non puidemos escoitalas ben.

Déixovos o vídeo máis cercano que atopei, que son pezas do disco que sacaron hai 40 anos. O bo disto é que a música medieval non cambiou neste tempo, así que segue soando "actual".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
A candidata
Como xa teño dito noutra ocasión hai pouco, dende que pechou a Tuerka 27 despois de inxectarnos na vena o veleno do micro-teatro, pouco se representa na cidade. Quen está collendo o relevo con máis ímpetu (e tampouco é que sexa moito, comparándoo coa densa programación da Tuerka), é o espazo de intervención cultural No Importa, na rúa San Andrés.

Hai pouco fun ver alí unha obra cuxa sinopse inicial non me chamaba demasiado a atención (o bo é que este micro-teatro é breve e barato, se non che gusta, non hai moita perda), e saín dalí máis ou menos coa mesma idea.

A ver se consigo explicar a trama: Unha rapaza aparece de xefa de recursos humanos nunha compañía e polo visto, nin sequera ten claro como conseguiu o posto e non ten nin idea do que ten que facer (comezar deste xeito xa é bastante desconcertante).

Aparece na súa oficina un rapaz ao que parece que ten que entrevistar para ver se o contratan ou non. Pero claro, visto o anterior, non sabe para que posto ten que contratalo e non sabe dicirlle nin que salario vai cobrar. Así que o entrevistado decátase no medio da entrevista que a outra é unha incapaz e toma o control total da entrevista e as decisións importantes da mesma.

E diso vai a obra, porque termina aí. De feito, ata interviñen eu un segundo na obra porque a "xefa" me presentou ao seu entrevistado como o encargado do tóner da impresora, e parte do seu equipo. Como vedes, todo bastante disparatado e sen sentido, cousa que no micro-teatro é habitual e ata queda ben. Pero neste caso pareceume que a obra tiña pouca chispa, cando a situación daba moito máis de si, creo.

A obra é de Carlota Dans, unha rapaza que andaba por alí, e que creo que é filla do autor e actor Raúl Dans (que tamén estaba por alí). Actúan Ademar Silvoso e Iris Prinses.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Fulano e Mengano
Hai unhas semanas botaron na 2, no seu habitual ciclo de cine das noites unha película española que, polo visto, tivo moi pouca difusión no seu momento. Xa non lembro os datos, pero estreouse en Madrid ou Barcelona a mediados dos anos 50, con moi pouco éxito, proxectouse na outra grande cidade 2-3 anos máis tarde, tamén con moi pouco éxito, e practicamente desapareceu dos circuitos.

Titúlase "Fulano y Mengano", foi dirixida por Joaquín Luis Romero Marchent, e estivo protagonizada por Pepe Isbert e Juanjo Menéndez.

A verdade é que, despois de vela, e sobre todo na primeira metade, transmite unha tremenda amargura, e non me estraña que non fixera demasiada graza nun país que, mal que ben, supoño que estaría intentando saír adiante despois dunha guerra civil e unha posguerra moi dura.

O personaxe de Pepe Isbert é un pobre que intenta sobrevivir como pode e que acaba no cárcere por ser algo tonto e imprudente. O pouco tempo que pasa alí é moi amargo, porque as "pezas" que están alí dentro búrlanse del pola súa inxenuidade e bondade, e o único "amigo" que fai é un rapaz novo que está totalmente desencantado da vida (protagonizado por Juanjo Menéndez). O resto da película son as súas andanzas ao saír do cárcere, xa que non teñen familia nin cargas de ningún tipo, só pobreza.

Así que se poñen a dar voltas por Madrid, unha cidade autenticamente devastada, con casas en ruínas, que está crecendo e facéndose cos montes agrestes que a rodean. A verdade é que dá bastante medo ver Madrid nas imaxes, pero antes da película o director dicía nunha entrevista da época que non tiveron que recrear nada: Madrid naquela época era así, e punto.

Acaban nunha casa medio en ruínas na que vive un bo tipo que os acolle sen preguntar, e que está algo enfermo. Eles pasean pola cidade intenta conseguir algún traballo, pero non sae nada. Nesta fase, o personaxe de Pepe Isbert aínda é algo optimista e o de Juanjo Menéndez segue moi pesimista con respecto ao futuro.

A persoa que os acolleu ponse moi enferma, e vén a súa filla do pobo para coidalo. Ela dalle unha nova vida e ilusión á casa, pero o caso é que, o seu pai, pouco despois, morre.

E por avatares do destino, alguén que está ben posicionado, sen necesidade de facelo pero con bondade, axúdalles a pagar e organizar o modesto enterro, que eles non sabían nin o que había que facer.

E grazas a esa persoa tamén, conseguen un traballo digno no que van saíndo adiante con certa solvencia. Nese momento, incluso o personaxe de Juanjo Menéndez comeza a mirar ao futuro con optimismo. E a película remata con ese bo rollo, que dende logo na primeira metade non había por ningures.

En definitiva, unha película bastante amarga e cruel que cara ao final vai collendo algo de cor positiva, pero non me estraña que a terrible parte inicial non fixera demasiada ilusión naquela España deprimida dos 50. Boa película, en calquera caso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Xa vai o griffon no vento
Hai varias semanas, atopeime con que nunha fin de semana non tiña apenas traballo urxente que facer, e decidín regalarme cunha sobredose de lectura, que sempre apetece.

E collín unha novela galega que quedou aparcada no seu día (por razóns que agora non veñen ao caso), e que ten un certo prestixio. De feito, deste autor, que ten unha certa traxectoria e premios na literatura galega e española, case todo o mundo di que esta novela que eu lín é a súa obra cume. Refírome a "Xa vai o griffon no vento".

A novela divídese en dúas historias, case sen ningunha relación entre elas, que van fluíndo paralelas, con capítulos intercalados, técnica que xa se ten visto moitas veces, aínda que hai que ter en conta que esta novela foi publicada orixinalmente en galego en 1984.

Se non lembro mal, o autor levou o Premio Nacional de Literatura por esta obra (non sei se é por esta obra ou pola traxectoria, pero foi xusto despois de publicar esta, e aínda publicou moitas máis despois).

A primeira das historias (por ser de época máis antiga) está ambientada a finais do século XVI, e trata dun inquisidor galego que vive en Castela ao que mandan a Compostela, non se sabe moi ben por que razón. Obviamente, na cidade galega, todo o mundo recela e ninguén quere colaborar con el. El fai unhas "inspeccións" en Compostela, Ourense e outros lugares, intentando resolver problemas como facía a Inquisición e, como sempre, facendo amigos.

Pero ademais diso tamén ten algunha aventura amorosa (non eran de pedra estes inquisidores). E na parte final da novela, achégase a Coruña e resulta que se enrola na Armada Invencible. Sobrevive ao desastre e volta de novo a Galiza.

A segunda historia trata dun profesor de literatura galega, que está facendo unha visita nunha universidade do sur de Francia (agora mesmo non lembro a cidade), e fala das relacións coa profesora que o invita e algunhas das súas alumnas, coas que mantén relacións. Durante unha charla nos primeiros días, propóñenlle o reto de que escriba unha novela protagonizada por un griffon, animal mítico que é unha mestura de aguia e león.

Penso que o único nexo é que, o inquisidor medieval, na parte final da súa vida, pasa un tempo na vila francesa na que o profesor de séculos despois fai a visita, pero non lembro que houbera moito máis ca iso.

Como saberedes, eu, que son moi romántico, ou sexa, que me gustan máis as historias ambientadas en lugares e épocas que non vivín, chamoume máis a atención a historia medieval. A outra pareceume demasiado aburrida. Do cal deduzo que o factor temporal inflúe máis que o territorial, porque a historia medieval transcorre en Galiza (e gustoume máis) e a historial actual transcorre en Francia (e gustoume menos).

Pero vaia, en xeral, a novela non me chamou demasiado a atención. Ah, si, na parte final da historia medieval, o inquisidor acaba dedicándose, de tapadillo, á introdución de libros estranxeiros na península, e acaban pillándoo, e aplicándolle a súa propia medicina. Era a época da Reforma e Contrareforma, e non se andaban con bromas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2018 22:38
# Ligazón permanente a este artigo
Battle in Seattle
Hai unhas semanas botaban nos cines do Fórum Metropolitano da Coruña unha película que tiña moi boa pinta. Titúlase "Battle in Seattle", e foi dirixida polo actor irlandés Stuart Townsend, que creo que debutaba como director con esta película.

É do ano 2008 pero conta o que sucedeu en Seattle cando se reuniu alí a Organización Mundial do Comercio en 1999. Como dixo alguén, esa sinistra organización comezou a ser coñecida no mundo a raíz dos disturbios que alí se produciron. Poderíase considerar o comezo do movemento anti-globalización, que despois segueu en Xénova e tantos outros sitios.

A película ten moi bo ritmo, e resulta bastante crible. Os actores e actrices están moi ben e resultan convincentes. Hai algúns coñecidos, como Charlize Theron, Woody Harrelson ou Ray Liotta, pero hai outros que non o son tanto.

Como curiosidade, direi que o director e Charlize Theron eran parella durante a rodaxe (fórono durante nove anos), pero a actriz ten un papel secundario (moi dramático, pero secundario), así que non houbo favoritismo nesta situación.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2018 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
O Manuscrito Vindel
No CGAI da Coruña, aproveitando que o Pergamiño Vindel está nunha exposición temporal no Museo do Mar de Vigo, están botando un pequeno ciclo con películas que están ambientadas na Idade Media, ou que poderían ter algo que ver con ese pergamiño.

E cal non sería a nosa sorpresa ao ver que unha das proxeccións do ciclo se titulaba "O Manuscrito Vindel". Así que eu, e algunha persoa que coñezo que tamén se achegou por alí, sen ter quedado antes, nos atopamos con esta película.

Eu inicialmente fun alí pensando que ía ver un documental sobre o tema, por exemplo sobre a aparición do pergamiño, que foi bastante peculiar. E estou seguro que non fun o único que pensou iso.

Pero resulta que levamos unha boa sorpresa. Pois esta cinta realmente é unha das últimas mostras do "cine manchego" (supoñendo que exista esa denominación de orixe cultural, que non creo).

Pedro Vindel era un libreiro que naceu nunha aldea da provincia de Cuenca. Traballou principalmente en Madrid e, por casualidade, descubriu o manuscrito que estaba como encadernación dunha obra de Cicerón que el tiña. Polo que acabo de ler, consultou con Victor Said Armesto para corroborar que o pergamiño contiña o que parecía.

Pois está simpática (deixémolo aí) película conta a vida de Pedro Vindel, bastante insustancial e común en moitos aspectos, aínda que na parte final xa se pon máis interesante cando traballa de libreiro e descubre o pergamiño.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2018 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
O poeta é un cazador alucinado
Hai unhas semanas, no Teatro Colón, celebrouse unha gala co suxestivo título de "O poeta é un cazador alucinado", que consistía nun recital poético musical.

Eu son moi bruto, e non dou conectado apenas coa poesía, pero recoñezo que a xente que se dedica a iso ten unha grandísima sensibilidade e capacidade para transmitir ideas fermosas e complexas dunha forma bastante sorprendente. Pero tamén debo recoñecer que cando non conecto co espectáculo saio bastante aburrido. Poderíamos dicir que non teño medias tintas con este tipo de eventos, pero por esa razón o sigo intentando, por se me tocan a fibra sensible.

Polo visto, cumpríanse 25 anos da morte do eminente poeta noiés Antón Avilés de Taramancos, e o grupo Ouriol ofrecía un recital por esa razón.

O grupo Ouriol está formado por Eva Veiga recitando, Bernardo Martínez tocando todo tipo de percusións, e Fito Ares tocando instrumentos de vento como frautas, saxo, clarinete, etc.

O problema é que xa os teño visto máis veces e me aburren bastante. Tocan un tipo de música que non sabería describir, pero entre experimental e jazz, en xeral bastante lenta, que non me di nada, e o único que me chama a atención é o maxestoso recitado de Eva Veiga, sen consultar ningún papel, porque ten todo na súa cabeza (ten moitas dificultades de visión e supoño que por iso desenvolveu excepcionalmente a súa memoria).

E na homenaxe non había ninguén máis ca eles, así que a miña sensación final foi a mesma que cada vez que vexo a este grupo, pero polo menos participei na homenaxe a ese gran e interesante poeta.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2018 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0