Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Moncho Valcarce
Están cumpríndose os 25 anos da morte do histórico crego galego Moncho Valcarce. E por esa razón, a Irmandade Moncho Valcarce está realizando actos que ensalcen a súa bastante descoñecida figura, como a proxeción dun documental e unha exposición no Fórum Metropolitano da Coruña.

O outro día estiven por alí e paréceme que este tipo merece un achegamento máis profundo, porque daba moito de sí. Dixeron que era o galego máis cercano á teoloxía da liberación, que non é pouco dicir.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2018 16:24
# Ligazón permanente a este artigo
Doa apoiando a Amnistía Internacional
Sempre é boa ocasión para escoitar música medieval, para min. Polo tanto, cando escoitei que Doa ía participar na gala que celebraba os 30 anos do grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, decidín ir.

Actuaron coa súa nova formación, na que están os históricos Xoán Piñón á guitarra, Bernardo Martínez á percusión, a cantante Susana de Lorenzo dende hai varios anos e a novísima incorporación da violinista Gertrad Brilmayer (non sei de onde é, ao mellor alemá).

Dende o 2011, co premiado "A fronda dos cervos", non sacaron ningún disco novo, pero xa teñen uns cantos na súa discografía, e teñen repertorio de sobra para tocar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2018 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
Exit como banda tributo de AC/DC
Xa había algún tempo que non ía á Mardi Gras para ver á súa banda residente Exit, fantástica banda que toca éxitos do rock.

Pero nesta ocasión facían un especial de AC/DC, que debe ser unha das bandas que máis lles gusta, porque acabo de atopar en Youtube que hai 2 anos e medio fixeron outro, e en total, non fan tantos, así que algo de admiración debe haber...

Pois nada, estiveron moi ben como habitualmente, aínda que tocaron unhas cantas que eu non coñecía (tampouco é a miña banda favorita, é normal).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2018 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
Unha habitación propia
Hai uns días veu á Coruña a actriz Clara Sanchís para protagonizar a obra "Unha habitación propia", baseada na obra de Virgina Woolf do mesmo título.

Hai xa uns cantos anos (non sei, ao mellor 10) lin aquela obra literaria, da que tiña moi boas referencias e me interesaba bastante. Teño que recoñecer que, despois de tanto tempo, apenas lembro nada da obra máis alá da mensaxe principal. Tiña expectativas moi altas e semella que as decepcionou algo.

Tamén é certo que cada vez me pasa máis ese mesmo fenómeno con todo tipo de obras: literarias, artísticas, teatro, películas, etc. Debe ser que me vou facendo maior e que a miña vida vai moi rápido. Todo pasa fugazmente e poucas cousas quedan na mente. Non é desprecio nin menosprecio, senón que a cabeciña non dá para máis.

Pero sen fiarme diso, e aproveitando que viña esta obra que me permitiría achegarme a esa reflexión cunha arte distinta, volvín a intentalo. E o resultado foi parecido, non me chamou demasiado a atención.

Teoricamente, o libro (e polo tanto a obra de teatro tamén) está baseado nunha serie de conferencias que Virginia Woolf deu a finais dos anos 20 (ou sexa, xa hai 90 anos) para defender a súa idea de que se unha muller quería dedicarse a unha actividade intelectual, por exemplo a literatura, debía ter unha renda económica que lle permitira dedicarse a iso e un cuarto propio para traballar e reflexionar.

E, dende logo, esa idea é incontestable, agora e antes, e se me apuras, case non homes tamén. Sobre todo agora, que a sociedade non aprecia a reflexión e a intelectualidade.

Pero todo o que xira arredor dese argumento na obra non me convence demasiado, abúrreme, e cóstame bastante atopar o fío que une todas esas ideas. Ao mellor o raro son eu, que non fun quen de velo, que lle imos facer.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2018 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
A cidade

E a terceira novela que lin neste Entroido (comeceina en Compostela e remateina xa na Coruña) foi "A cidade" de Luis Zueco, un autor aragonés ao que lle gusta moito o mundo medieval.

Xa escribiu, e eu xa a lin, "O Castelo", baseada na construción do impresionante Castelo de Loarre (Huesca), e agora acaba de escribir "A Cidade", que está ambientada na marabillosa cidade de Albarracín. Nalgún sitio lin que pretende acabar esta triloxía coa terceira pata da vida medieval, a Igrexa, e que ambientará esa nova novela nun grande edificio relixioso. Como ata agora fixo todo en Aragón, non sei se seguirá aí ou buscará outras fronteiras.

O caso é que a novela está ambientada en Albarracín a finais do século XIII. Época terrible, ademais de polo férreo dominio da Igrexa, porque a península ibérica naquela época estaba loitando contra os musulmáns, e ademais con outras loitas terribles entre reinos, como Francia, Navarra, Aragón, Castela, etc. Obviamente, con iso non quero dicir que a unidade estea ben porque remata con todas as desavenencias, faltaría máis. Pero está claro que naquela época guerreban por todo e por nada, e non había forma de sacar a vida adiante con algo de sosego, porque os mandatarios (de todo tipo) eran insoportables e incomprensibles.

Teoricamente, Albarracín estaba no medio dos reinos de Castela, Navarra e Aragón, era independente pero era codiciado por todos, e había moitas intrigas con respecto aos diferentes reinos circundantes e as súas intencións con respecto á independencia desta cidade.

Pois comezan a suceder terribles asasinatos nos que morren os xefes dos principais gremios da cidade. Iso coincide coa chegada a Albarracín dun emisario de Roma, que vén a investigar algo relacionado coa fe relixiosa da poboación, e isto non senta nada ben, xa que non saben que intencións trae nin quen o mandou vir.

En xeral, a trama pareceume algo confusa e sanguenta, morre moita xente de moitas formas diferentes (unhas moito máis terribles que outras), pero non resulta demasiado sinxelo seguir a trama e por que morren uns, os outros, porque uns dun xeito e outros doutro, etc. Pásase o rato, pero non moito máis. Por comparala coa outra obra súa que lin, "O castelo" pareceume algo máis clara e amena.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2018 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Crónica Córnica

A segunda novela que lin durante o entroido compostelán foi "Crónica Córnica", de Francisco Coimbra, que é profesor de Linguas Estranxeiras Modernas na brasileira cidade de Curitiba.

A idea de partida é fantástica: unha mañá, toda a poboación de Cornualles (Cornwall ou como se lle chame, depende do idioma) aparece de forma natural expresándose en córnico, a lingua celta que se falaba naquela zona ata o século XVIII, en que morreu o último dos seus falantes.

Obviamente, a metrópoli inglesa, que aínda conserva moito do imperialismo do pasado, non pode permitir esta falta de disciplina e, sobre todo, que deixaran de falar inglés. Porque como xa se debería saber, a lingua é unha das formas de colonización cultural máis utilizadas. Por esta zona sabemos bastante dese tema.

No primeiro momento, ante o desconcerto que produce a situación, envían como axente infiltrado a un dos seus máis eficientes, un home de orixe hindú chamado Viswanathan Rozairo. Pasa por alí algunhas semanas pero non produce ningunha información aproveitable, e de feito, parecen detectar que non é capaz de realizar o seu traballo e ata podería ser que collera certa simpatía polos habitantes autóctonos.

A situación ténsase e toman medidas máis contundentes, pero ao final a novela dá un xiro total e bastante imprevisible, que non vou desvelar (aínda que tampouco pasaría nada, non é un thriller).

A pesar do que acabo de dicir, aburriume algo ou bastante. Está ben escrita (se cadra demasiado ben) pero seguramente me afectou o feito de que acababa de ler nos días anteriores outra que me gustou moito, e cuxa lectura era moito máis lixeira. Nesta novela non hai apenas diálogos (e os poucos que hai, aparecen ocultos no medio da prosa), e en xeral, o tema é bastante máis denso, e require máis concentración. Seguramente merece unha valoración mellor da que lle estou dando e me colleu en momento malo ou regular.

Por iso a recomendo sobre todo polo temática, e porque ao ser eu unha persoa concienciada no tema da lingua, acendeume moitas bombillas moi interesantes, e desvelou o imperialismo e colonización cultural que fan as grandes (e non tan grandes) potencias coa lingua.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2018 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
A luz da noite

A primeira das novelas que lin durante o Entroido en Compostela titúlase "A luz da noite", foi escrita por Graham Moore e trata sobre a "Guerra das correntes" entre Edison e Westinghouse, coa figura do misterioso Tesla polo medio.

En primeiro lugar, dicir que foi unha lectura moi amena, entretida e fugaz. Levoume pouco máis dun día, e na tarde dese día pasei máis de 3 horas visitando o Museo do Pobo Galego. Polo tipo de edición e maquetación, e polo moito diálogo e pouca narración, as 500 páxinas pasan a un ritmo vertixinoso. O feito de que o tema me interesa moito tamén afectaría, supoño.

Debido a iso, dubido bastante que ao autor, Graham Moore, lle dean o Premio Nobel por esta obra, e seguramente por ningunha outra. Pero semella que ten outras prioridades, polo que me alegro. Por exemplo, foi guionista de "Descifrando Enigma", unha notable película dos últimos anos na que se conta como o equipo de matemáticos dirixido por Alan Turing conseguiu descifrar os códigos da (ata aquel momento) invencible máquina Enigma dos nazis.

A novela trata sobre a terrible polémica e controversia, principalmente legal a causa das patentes, entre Thomas Alva Edison, que defendía a corrente continua, e George Westinghouse, que defendía a corrente alterna. E polo medio estaba a figura do excéntrico e misterioso Nikola Tesla, que descubriu a corrente alterna, pero con quen non era doado contar, porque a súa xenialidade se convertía en indisciplina e caos con moita facilidade.

Resulta que Edison e Westinghouse xa eran multimillonarios cando se enzarzaron nesta ela. Edison dirixía a súa propia empresa, na que traballaban moitos científicos e enxeñeiros producindo centos de patentes (que eran o novidoso tesouro da ciencia e dereito americano a finais do século XIX). Por razóns que non veñen ao caso, aquela empresa, por varias fusións que agora non comentaremos, acabou converténdose no actual xigante General Electric.

George Westinghouse tamén xa era rico cando se meteu neste lío. Inventara uns anos antes un freno neumático para trens que foi un grandísimo avance neste medio de transporte. Pero a riqueza o chamaba e cando viu falar a Nikola Tesla da corrente alterna, viu que funcionaba e, sobre todo, que aí podía haber moito negocio. E acertou.

E que dicir de Nikola Tesla, de etnia serbia, pero nado nun lugar que agora pertence a Croacia. Unha mente xenial, incomprendida e privilexiada, que era incapaz de estar parada. Un grande personaxe a investigar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2018 17:01
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido en Compostela

Un ano máis (e xa van catro ou cinco, creo), para pasar esta horripilante festa do Entroido, escapei da miña cidade e fun a Santiago de Compostela, que está cerca, coñezo ben, é moi fermosa, e alí podo quedar con moitos amigos aos que non vexo demasiado. Iso si, é inverno e Compostela, así que a choiva en cantidades industriais está asegurada, éche o que hai.

E o outro gran ingrediente deses días de descanso é a lectura. Sempre levo varias novelas para devorar neses días, normalmente das grosas, que non podo abordar con continuidade noutros momentos do ano. Os seguintes artigos do blog (ou sexa, xusto os que aparecen antes deste, pola súa cronoloxía inversa) tratan sobre esas novelas.

Esta ano tocoulle a:
- "A luz da noite", de Graham Moore, trata sobre a Guerra das Correntes, entre Edison, Westinghouse e Tesla.
- "Crónica Córnica", de Francisco Coimbra, ficción na que se supón que un determinado día, e sen saber por que razón, o máis de medio millón de habitantes dese currunchiño da Gran Bretaña chamado Cornualles érguese falando córnico, a súa lingua celta extinta no século XVIII. A metrópoli non pode permitilo.
- "A cidade", de Luis Zueco, especialista en literatura medieval que narra o asedio da vila de Albarracín a finais do século XIII (esta comeceina en Compostela e remateina xa na casa).

Polo demais, non hai demasiado que contar. Lin, paseei, quedei con algúns colegas e o máis salientable foi a miña visita, despois de moitos anos, ao Museo do Pobo Galego, que hai pouco cumpriu 40 anos, e quería apoiar o magnífico proxecto. Estiven toda unha tarde e quedoume algo curta, porque o magnífico e xigantesco edificio vai enchendo ocos pouco a pouco con exposicións temporais e outras non tan temporais, ao final hai moito máis do que parece.

O máis salientable do edificio é a impresionante triple escaleira helicoidal (na foto), alucinante solución construtiva de Domingo de Andrade para comunicar varias partes do edificio que teñen diferentes alturas. Se non subes no ascensor, hai que pasar por ela en moitos momentos.

E tampouco debemos esquecer o Panteón de Galegos Ilustres, ao que hai que entrar a través do Museo, porque a entrada libre á igrexa de Bonaval dende o exterior semella que case nunca está dispoñible. Alí descansan Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Asorey, Domingo Fontán e Alfredo Brañas.

Ah, claro, e como sempre fixémoslle unha visita ás exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea, que case sempre dan algunha sorpresa positiva. Pero esta vez non foi así, resultaban bastante insulsas, non creo que estivera alí máis de media hora. Que lle imos facer!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2018 16:40
# Ligazón permanente a este artigo
Anfitrión, de Plauto, a cargo de Noite Bohemia
Pois nada, no título deste artigo xa vai contado case todo. O grupo de teatro escolar Noite Bohemia, do IES Zalaeta, representou hai uns días a obra "Anfitrión" de Plauto, no Ágora da Coruña.

Non é, nin moito menos, a primeira vez que o fan. Xa sabedes que teñen unhas cantas obras no repertorio, que van representando cíclicamente para ir dando saída á tremenda canteira de actrices e actores que saen desa compañía.

A que vimos o outro día, de novo, resultou bastante fresca e divertida, nun Ágora que tiña unha moi boa entrada. Aínda que claro, no caso desta compañía está case sempre asegurado, porque entre familiares, profesores, compañeiros de clase, etc., a afluencia de xente é segura.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2018 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
Episodios dunha vella historia

Hai uns días a Deputación organizou no Teatro Colón un recital poético musical arredor da poesía de Luís Seoane, que seguramente é unha das partes máis descoñecidas da obra deste polifacético artista.

O recital estivo a cargo do Estudio de Teatro Casahamlet e personalizado na voz de Santiago Fernández e a música (piano e órgano) de Sergio López.

Por alí andivemos, e non estivo nada mal, non.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2018 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0