Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Unha quenda máis, fun ver catro novas obras de micro-teatro á Tuerka 27. As desta vez foron:

- Pallas: En castelán, por Jandro Darriba e Marita Martínez. Un tranquilo cidadán que está masturbándose no sofá da súa casa, recibe a sorpresiva visita dunha funcionaria do Ministerio de Sanidade, que vén facer unha enquisa sobre o seu hábito, para que as administracións tomen as medidas oportunas para o "benestar" dos seus súbditos.

- Ollos que non ven, corazón que o sente: Un rapaz con parálise cerebral quere ser artista e famoso, pero as súas limitacións non llo permiten, agás nos seus soños. Toma unha decisión que lle permitirá conseguilo dalgún xeito. Impresionante. En castelán, monólogo de Robert Ramos.

- Cinco billetes, ningún destino: Unha muller da alta sociedade entra nunha axencia de viaxes bastante cutre coa urxencia de conseguir dous billetes de avión para Zurich á maior brevidade posible. O director da axencia recoñécea e aproveita para vingarse. En galego, con César Cambeiro e Paku Granxa.

- A cita: Un home e unha muller que se coñeceron en Internet teñen unha cita na cafetería dun hotel. Alí deciden que facer para seguir coa súa relación e fuxir das miradas indiscretas. En castelán, con Alejandro Albaiceta e unha actriz que non podo concretar (non a vira nunca), creo que é Carmen Blanco, pero non podo aseguralo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2014 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Livraria Ciranda
Hai uns días fomos convocados todos os asistentes nos tres últimos anos aos fantásticos cursos aPorto (curso de lingua e cultura portuguesa para galegos) a un xantar e xornada de convivencia en Compostela.

Destes cursos xa vos falei anteriormente porque asistín nos dous últimos veráns a eles, e quedei gratamente sorprendido. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda está organizando uns similares sobre lingua e cultura galega, a ver se neste verán de 2014 os damos posto en marcha.

Consistiu nun xantar no restaurante Grândola (facendo esquina na praza de Mazarelos, onde estaba o antigo Hotel Suízo), que durou de 2 a 6 (longa e agradable sobremesa). Despois había unha festa de aniversario na Livraria Ciranda, que comparte espazo dende hai un ano (teoricamente estabamos celebrando o seu aniversario) coa librería feminista Lila de Lilith.

Isto seguramente require unha explicación. En Compostela hai moitos pequenos espazos de grande riqueza cultural que deberían ter todas as cidades. Dende hai varios anos, na zona vella, concretamente na rúa Travesa, está a librería feminista Lila de Lilith. Pois dende hai un ano, no mesmo local, asentouse a librería lusófona Ciranda, que ademais é a empresa que agora organiza os cursos aPorto.

Pola noite tamén había un concerto no pub Ultramarinos, pero a iso xa non puidemos asistir.

Deixo unha foto dos catro traballadores da empresa e librería Ciranda, para que despois digan que os filólogos teñen poucas saídas laborais.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2014 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Verbum Fahrenheit
Onte acudimos no Fórum Metropolitano da Coruña á representación dunha curiosa obra. A compañía Limiar Teatro representou "Verbum Fahrenheit", unha produción de, entre outros, o museo Verbum de Vigo, que fixo unha versión da obra "Fahrenheit 451" de Ray Bradbury.

A obra resulta unha estraña mestura. A liña argumental básica é esa, pero aínda que lin a novela hai bastantes anos, non consigo lembrar se a historia ía por aí. Si, está claro que o punto fundamental da trama era o dun corpo de "bombeiros" que se dedicaban, nun futuro imaxinario (ou non tanto), a queimar libros. De feito, o título da obra vén de que os 451 graos Fahrenheit é a temperatura á que arde o papel.

Pero iso vai mesturado co recitado de fragmentos de obras importantes da literatura e da música galego-portuguesa, para transmitir a mensaxe de que, se queren queimar os libros, haberá que conservalos aprendéndoos de memoria, e cada persoa deberá memorizar o seu libro preferido.

Ademais de teatro, literatura e música, tamén hai títeres, porque ademais dos tres actores humanos, hai un cuarto que é un monicreque que representa a Balbino, o neno de "Memorias dun neno labrego".

Todas estas ideas son fantásticas, pero a mestura de todas elas decepcionoume un pouco. Había momentos moi brillantes con outros que me cansaron e aburriron un pouco. En calquera caso, polos aplausos que houbo ao final, semella que a obra gustou bastante, de feito eu fun cunha persoa á que lle gustou moita a obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2014 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0