Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Contos na lareira
Onte fomos de novo ao Teatro Colón da Coruña unha nova edición de Contos na lareira. Nesta ocasión actuaron Celso Fernández Sanmartín, Manuel Lourenzo e Quico Cadaval.

Da outra sesión que vimos en setembro na Coruña repetía Celso (é tan bo que non me importa velo as veces que fagan falta), Manuel Lourenzo debutaba (diso xa falarei despois) e Quico Cadaval é sempre un valor máis que seguro. Pero chamoume a atención a duración do evento. Mentres que en setembro durou pouco máis de hora e media (media hora para cada conteiro), esta vez chegou ás dúas horas e media.

De primeiro foi Celso Fernández Sanmartín, un dos novos valores, aínda non moi coñecido por moita xente. En setembro non sei se chegaría a actuar media hora, e a min pareceume moi mal (tamén porque a estrela daquela sesión era Carlos Blanco, que xa está bastante oxidado e repítese moito), e onte debeu estar cerca dunha hora, e gustou moito.

Outra cousa foi Manuel Lourenzo. É un histórico do teatro galego, como actor, autor e director. Pero comezou recoñecendo que o liaran para actuar alí, e ademais xa vai bastante vello (para todo, para teatro e para contacontos). Conclusión, que perdía moito o fío, que contaba historias con bastante pouco interese, ou polo menos non o soubo transmitir (e me consta que antes si sabía). Con todo o cariño, diríalle que se dedicara a outra cousa, porque ou ten moitísimo que mellorar ou isto de contar quédalle moi lonxe.

E o final apoteósico, como sempre, foi con Quico Cadaval, que é simplemente insuperable.

Vouvos poñer un par de vídeos, un de Celso e outro de Quico, e comprobaredes que este último é absolutamente versátil e pode tocar absolutamente calquera temática.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-12-2014 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
A Orquesta Gaos toca bandas sonoras
Onte mesmo fomos ao Pazo da Ópera para ver á Orquesta Gaos tocar bandas sonoras para recadar cartos para o Refuxio Padre Rubinos da Coruña.

Polo que parece, debe ser un repertorio que esta Orquesta debe ter preparado, porque atopei un vídeo (que tedes aí) dun concerto similar que fixeron hai xa catro anos.

Onte tocaron fragmentos das seguintes bandas sonoras: Star Wars, O Corpo (composta polo coruñés Sergio Moure, que estaba entre o público), Gladiator, A Lista de Schindler, Parque Xurásico, Regreso ao futuro, E.T., O Señor dos Aneis, Foise co vento, Far and Away (aquí titulada "Un horizonte moi lonxano", non sabía nin da súa existencia) e Piratas do Caribe. Rematou cunha pequena suite de pezas navideñas no cine, composta por Hugo Paradela, que tamén estaba entre o público.

E nos bises tocaron Memorias de África e repetiron (porque xa a tocaran antes) a Marcha Imperial da Guerra das Galaxias, que enerva sempre a todo o público.

Pois nada, un concerto amable e agradable para comezar as vacacións do Nadal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2014 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
Ada Colau con Manolo Rivas e a Marea Atlántica
O outro día, no Paraninfo da Universidade da Coruña, a Marea Atlántica (candidatura cidadá que, aparentemente, vaise presentar ás eleccións municipais na Coruña), celebrouse unha conversa entre Manolo Rivas e Ada Colau.

Ben, máis ben foi algo así como unha entrevista, xa que Manolo apenas interveu, e ademais xa que vive aquí xa o temos máis visto e oído, e todo o protagonismo recaeu, como era lóxico, en Ada Colau, que se fixo célebre nos últimos tempos como voceira da PAH (Plataforma de Afectados pola Hipoteca) e que agora lidera Guanyem Barcelona, que se vai presentar ás eleccións municipais nesa cidade.

Semella un referente ético bastante elevado en España actualmente (a verdade, cada día é máis doado porque a corrupción o goberna case todo) e atrae a moita xente que xa está cansa da vella política.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2014 15:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ataque Escampe
Despois de bastante tempo, volvín á Casa Tomada da Coruña para ver un grupo que me gusta moitísimo, pero que aínda non tivera a oportunidade de ver en directo.

Antes deles, tocou outro grupo do que oíra falar, co que estiven a piques de cruzarme nunha ocasión. Chámanse Guillerme e Bastardo, e polo que alí explicaron, o seu nome ten algo que ven con Guillermo o Bastardo, ou Guillermo o Conquistador, como o coñecen en Gran Bretaña. Son nada máis dous músicos, un deles canta e toca principalmente guitarra, aínda que tamén algo de percusión, e o outro principalmente canta e toca algo de percusión. A resposta resulta simpática, sobre todo pola parte na que fan versións de cancións moi coñecidas cambiándolle a letra de forma considerable, pero coido que aínda lles queda moito que evolucionar, se pretenden chegar lonxe (que ao mellor non é así, se cadra non pretenden iso).

E despois, por fin, o concerto de Ataque Escampe. Un grupo ao que levo anos seguindo, e que case todo o que fai me parece dun nivel moi elevado, pero especialmente as letras, que son coidadísimas. Ademais, para min era un concerto especial. Era a primeira vez que os vía actuar en directo, pero a derradeira na que ía actuar con eles un dos seus integrantes, ao que me une unha moi boa amizade.

O son non estivo moi alá (mellor non falaremos diso, seguramente era bastante fácil saber a razón diso), pero a emoción si. Coincidín alí cuns cantos colegas de entornos diferentes, e pasamos un concerto moi interesante e animado. Mágoa que a Casa Tomada, por estar en terreo da estación de trens, teñen que pechar a unha determinada hora, e nada pode prolongarse demasiado.

Déixovos cun vídeo dunha das primeiras cancións coas que se fixeron algo famosos. O título é algo controvertido, pero en canto escoitedes a letra seguramente captaredes a tremenda retranca que leva. Se non a captades, mellor ídevos mirar, porque tedes algún problema grave.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2014 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2014

Nesta última fin de semana houbo un novo Culturgal no Pazo de Congresos e Feiras de Pontevedra.

Como sempre, moita xente e animación, moitos eventos, novidades, proxectos novos que non sabías que existían, etc.

Eu estiven o sábado e algunhas das actuacións estelares que houbo aquel día foron: a presentación do novo disco de Guadi Galego, con concerto na carpa que estaba ateigado de xente, unha breve actuación no espazo infantil de Paco Nogueiras con "Brinca, vai", que está petando moi forte, pola noite no Pazo actuaba Caxade e a Banda de Música de Bandeira, nun concerto que estaba cheo.

Ou sexa que, como habitualmente, os que nos gusta a cultura galega, gozámola moito asistindo a este evento.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2014 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0